Entradas

O Consello de Europa recomenda o modelo lingüístico catalán e vasco que rexeita a Xunta

As comparacións son sempre odiosas. O Comité de Ministros do Consello de Europa aprobou as recomendacións a España no terceiro informe sobre o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, nas que analiza a situación dos idiomas cooficiais no Estado. Non todos reciben a mesma nota. Mentres as políticas lingüísticas levadas a cabo en Catalunya e Euskadi son louvadas, especialmente no que se refire á educación, a Xunta volve recibir duras críticas polo tratamento que fai do galego, nomeadamente no ensino. O documento censura os modelos lingüísticos das autonomías gobernadas polo PP, mentres destaca o bo facer da Generalitat e do Goberno vasco.

O informe elaborado polo comité de expertos é claro e expresa a súa preocupación “pola redución progresiva do ensino en galego en todos os niveis e da súa estrutura de apoio”. O documento, elaborado a partir de consultas e contacto directo con administracións e colectivos sociais en Galicia, censura que a aplicación do polémico decreto do plurlingüismo está a reducir a presenza do idioma propio no ensino, ademais de solicitar ao Goberno que faga o posible para “que haxa un número suficiente de escolas que ofreza educación completamente ou esencialmente en galego”, xa que ese é un dereito “dos pais que así o desexen” e porque se ten que “garantir” que se cumpran as escollas das familias.

O Consello de Europa reclama, xa que logo, a posibilidade da inmersión lingüística en galego, unha opción criticada e rexeitada constantemente pola Xunta do PP, malia que é recomendado por expertos e, agora de novo, por este organismo que serve de asesor á UE. De feito, mentres a inmersión e os modelos lingüísticos escolares vasco e catalán son duramente censurados polo Goberno de Feijóo, as recomendacións a España non dubidan en louvalos e poñelos como exemplo do que se debe facer coas linguas cooficiais no Estado.

“A lingua catalá en Catalunya segue a gozar dun excelente apoio por parte das autoridades rexionais e locais e cumpre así coa maioría de puntos da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias”, destaca o comité de expertos, que aclara que malia que o Estatuto de Autonomía estivo desafiado polo Tribunal Constitucional, a súa decisión “non semella presentar un contratempo para o cumprimento da Carta, especialmente no que se refire á educación”, que segue sendo destacada como un modelo exemplar. O modelo catalán sitúa a lingua propia como a vehicular no ensino, sendo a empregada en todas as materias agás Lingua Castelá ou as de idiomas estranxeiros.Os expertos destacan os modelos de inmersión en vasco e catalán e piden que se oferte tamén en Galicia

En canto ao País Vasco, o Consello de Europa destaca que o éuscaro na Comunidade Autónoma Vasca “segue a ser cuberto con medidas positivas en moitos campos”, de tal xeito que “a maioría de garantías que esixe a Carta Europea están cumpridas dunha maneira exemplar”. No ámbito educativo, os expertos volven felicitar o Goberno “polos progresos conseguidos co modelo D (aquel no que o vasco é lingua vehicular, agás na materia de Lingua Castelá e Literatura)”, pero insta a Administración a que garanta “unha oferta suficiente” de éuscaro no novo modelo trilingüe, instaurado polo Executivo socialista de Patxi López e semellante ao que agora rexe en Galicia tras a chegada do PP ao poder.

O Consello de Europa felicita tamén os avances co éuscaro en Navarra, destacando o feito de que as autoridades “asegurasen a instauración do modelo D tamén na zona mixta (onde se mesturan castelán e vasco)”, aínda que pide tamén que a intención do Goberno navarro de introducir o inglés no currículo escolar “non afecte á oferta de educación media en lingua vasca”.

No caso balear, no entanto, onde o PP modificou a lexislación lingüística escolar, o comité de expertos destaca que “a oferta media de educación en catalán non se corresponde coas garantías esixidas“. Na Comunitat Valenciana, o informe sinala que “a oferta de educación en valenciano non é suficiente” e advirte da “necesidade de mellora” do modelo, especialmente á hora do paso de educación primaria á secundaria.

Curiosamente, o Consello de Europa censura os modelos lingüísticos educativos daquelas comunidades autónomas onde goberna o PP, pero sinala os aspectos positivos de Catalunya, Euskadi e incluso Navarra.

Fonte: Praza

Foto: Xunta de Galicia