Entradas

Antía Yáñez e Sabela Losada gañan o I Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade

Antía Yáñez e Sabela Losada gañan o I Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade convocado por Baía Edicións:

Reunido o Xurado do I Premio Fina Casalderey de Literatura Infantil pola Igualdade resolveu, despois de moitas deliberacións, conceder por unanimidade e ex aequo o premio ás obras presentadas baixo os lemas “Gerbillo” e “Vermello”.

Abertas as plicas, as mesmas resultaron ser da autoría das escritoras Antía Yáñez Rodríguez e Sabela Losada Cortizas, baixo os títulos A reconquista e Vermella!.

O Xurado considera as dúas obras merecedoras do Premio en igualdade de condicións, manifestando que atenden a ámbitos moi distintos e complementarios e defendendo o especial interese de cada unha delas polos seguintes motivos:

«A reconquista, por un acaído tratamento da ocupación do espazo central, o liderado feminino e a solidariedade.
Ademais, a combinación de dúas voces narrativas diferentes, que aluden ao humano e animal, e ao ámbito da ficción e do libro divulgativo, fan da obra unha proposta literaria moi atractiva e interesante para as nenas e para os nenos, ao resaltar tamén por ser un exemplo de resolución positiva dos conflitos que xorden no propio contorno».

«Vermella! por ser quen de sacar á luz un tema tabú e pouco tratado na literatura infantil, como é o da menstruación desde unha perspectiva de indagación case que policial e de divertimento por parte da rapazada protagonista.
Igualmente, a historia consegue manter a súa intriga, mesmo coa axuda de trazos do humor natural característico do mundo infantil, na procura da descuberta, que lle dá sentido á trama e que ten que ver coa propia e progresiva descuberta do corpo da nena».

O Xurado estivo formado por Ana Luísa Bouza Santiago, socióloga, Montse Pena Presas, profesora da USC e crítica literaria, Patricia Porto Paderne, xerente da libraría compostelá especializada en temática feminista Libraría de Mulleres Lila de Lilth, Pilar Sampedro Martínez, mestra e vicepresidenta de Gálix, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, que actuou ademais como secretaria do mesmo.

As obras serán publicadas por Baía Edicións en álbums ilustrados a toda cor na colección Contoxconto antes de finalizar o ano e o Premio de 5.000 € repartirase a partes iguais entre as dúas escritoras merecedoras do galardón.

 

Belén López, directora de Baía Edicións, participa hoxe nas II Xornadas – ‘Desfacendo a raia’ de GÁLIX

Hoxe, 13 de decembro, celebra Gálix un novo acto propio. Nesta segunda edición das Xornadas Desfacendo a raia, queremos desfacer máis fronteiras aínda e engadimos esta xornada centrada na memoria das mulleres na LIX.

As xornadas, organizadas por GÁLIX coa colaboración da OEPLI, o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e a Universidade de Vigo, terán lugar no salón de actos da facultade de Formación do Profesorado de Lugo ás 09:45.

As II Xornadas Desfacendo a raia de GÁLIX propóñense unha nova meta: axudar a facer visible a literatura feita por mulleres. Debido a iso, convidaron á nosa directora, Belén López Vázquez, que explicará os motivos que nos levaron a crear a colección CONTOS DA IGUALDADE O ano pasado, nas primeiras xornadas, o obxectivo era dar a coñecer entre os galegos a LIX (Literatura Infantil e Xuvenil) portuguesa e a galega en Portugal. A elección de María Victoria Moreno como a escritora do Día das Letras 2018 vai ser unha dobre oportunidade para poñer en valor a literatura escrita por mulleres e romper cos prexuízos sobre a LIX como unha literatura menor.

Fonte. GÁLIX

Belén López, directora de Baía Edicións, fala da colección de CONTOS DA IGUALDADE no programa A Revista

Belén López Vázquez, directora de Baía Edicións, analiza a Educación en Valores a través dos títulos da colección CONTOS DA IGUALDADE. Con esta colección Baía pretende romper coa tendencia nos contos infantís de asignar roles estereotipados a nenos e nenas, que condicionan a capacidade de soñar sen límites no propio futuro, de imaxinar un mundo de igualdade entre homes e mulleres. Os títulos da colección son os seguintes:

UN DÍA DE TREBOADA. Autora: María de Mata. Ilustradora: Mariana Riestra.

XELA VOLVEUSE VAMPIRA!!. Autora: Fina Casalderrey. Ilustradora: Noemí López.

ALFOMBRIÑA. Autora e ilustradora: Cristina Ferreirós.

O MENIÑO NITO. Entón, os homes choran ou non?. Autora: Sonia Rosa. Ilustradora: Macus Romero.

NERA, A FERREIRA. Autora: Imelda Barrio Santamaría. Ilustrador: Andrés Meixide.

A editora Belén López fala da colección CONTOS DA IGUALDADE no programa A REVISTA da televisión galega. O día 23 de marzo de 2015 a partir do minuto 15:30. Para visualizalo clica AQUÍ.

 

Contacontos sobre ‘O meniño Nito. Entón, os homes choran ou non?’

Contacontos sobre O meniño Nito. Entón, os homes choran ou non? Ese é o dilema no que se encontra Nito, e que lle trae non poucos problemas até que por fin, coa axuda do Doutor Aymoré, consegue resolver as súas dúbidas.

Coa colección Contos da igualdade, Baía Edicións pretende romper coa tendencia nos contos infantís de asignar roles estereotipados a nenos e nenas, que condicionan a capacidade de soñar sen límites no propio futuro, de imaxinar un mundo de igualdade entre homes e mulleres.