A crise editorial deixa o premio Losada en mínimos históricos
A convocatoria 2013 dos premios Antón Losada Diéguez pasará á historia como a edición dos galardóns que contará coa participación máis baixa das que se levan rexistrado ata o de agora. O pasado 31 de xaneiro pechaba oficialmente o prazo para presentar as obras a concurso e coa listaxe definitiva, unha vez rematado o prazo para ver se chegaban orixinais por correo, a relación quedouse nas 27 obras rexistradas: 13 no apartado de Investigación e Ensaio e 14 para optar ao premio de Creación Literaria.
Menos variedade editorial
Os premios Losada Diéguez levan case que trinta anos, a finais do 2014 convocarase a edición número trinta, recoñecendo as mellores obras publicadas en galego ao longo do exercicio editorial ?o prazo abarca o ano natural? e nas súas convocatorias máis numerosas chegou a contar con case que noventa libros a concurso.
Nos últimos anos, en plena crise editorial, foise rebaixando o número de editoriais que remiten obras para ser premiadas. En Investigación e Ensaio hai 8 orixinais de Xerais, 2 de Galicia 2 de Alvarellos Editora e 1 de Hércules Edicións e en Creación Literaria figuran 7 obras de Xerais, 4 de Galaxia e Alvarellos, Biblos e Os Libros do Loureiro presentan 1 exemplar cada unha. Hai anos figuraban na relación publicacións remitidas polas deputacións, universidades, Fundación Barrié e outras entidades “Instituto Ramón Piñeiro, Consello da Cultura Galega e outras”.
De Ameixeiras a Riveiro Coello
Entre as 14 obras que optan ao premio Losada Diéguez de literatura figuran A máscara de Ulises (Xosé Carlos Caneiro), Bícame, Frank (Miguel Anxo Fernández), Acordes náufragos (Riveiro Coello), Matarte lentamente (Diego Ameixeiras), Caderno do Nilo (Cesáreo Sánchez Iglesias) ou Carne de Leviatán (Chus Pato), ente outras. En Investigación e Ensaio aparecen, entre outras, Historia de Galicia (Anselmo López), Cantares gallegos, hoxe (Pilar García Negro) o Outra política para outros tempos (Franco Grande).
Fonte: La Voz de Galicia