Entradas

Cristina Pavón preséntanos ‘A fin das especies’

Dos descubrimentos feitos pola humanidade dende que a ciencia naceu, poucos –para min ningún- se poden comparar ao descubrimento da evolución biolóxica, pola súa potencia explicativa do que nos rodea e, por riba de todo, de nós mesmos.

Mesmo sen coñecer os mecanismos básicos da herdanza, Darwin enxergou as liñas xerais do proceso evolutivo grazas a súa observación apaixonada do mundo natural. Instinto de cazador o seu –confésase nas súas memorias moi amante da caza- sublimado e aplicado ao estudo dos seres vivos de calquera condición. Iso, amais da súa intelixencia xenerosa, a súa laboriosa disciplina e o seu talante humilde –condición máis rechamante quizais nunha época na que o home europeo fachendeaba orgulloso de ser o cumio da creación- foron calidades que lle permitiron un achado de tal magnitude que aínda moita xente non o da asimilado, logo de máis de século e medio da publicación d’A orixe das Especies. Pero incontestablemente colocou á especie humana no seu chanzo animal correspondente.

É moi de agradecer logo saber onde estamos, que lugar ocupamos no universo, como foi que chegamos ata aquí, malia que ese coñecemento nos arrebate calquera pretensión de ser necesarios que poidamos ter. Somos un produto do azar e a nosa presencia sobre este planeta é dunha continxencia tan esmagante … que hai que buscar o xeito de levantar cabeza. Haille que buscar un sentido á vida. E ese sentido estará inextricablemente mesturado coas relacións cos outros. E nas relacións cos outros hai ese tipo de relación privilexiada, ofuscadora e iluminadora por veces, que demos en chamar amor. Esa combinación de paixón intelectual, comprensión hormonal, acoplamento afectivo, sentimento oceánico e intereses partillados.

De aí, e dos moitísimos anos que levo co meu amor, con quen pasei por tantas épocas que as veces seméllanme eras xeolóxicas, nas que os continentes achéganse e afástanse levando con eles enriba a bichería toda como nunha táboa de surf, buscando o que buscan todas as especies, cada unha ao seu xeito, ser feliz, de aí naceu este relato.

Se queres ler o texto clica aquí  A fin das especies

 Texto: Cristina Pavón