Entradas

Nel Vidal pide que “se visualice un cambio de políticas e actitudes con respecto á lingua”

Nel Vidal é presidente da Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL), que vén de enviarlle a Núñez Feijóo unha carta na que se pide que “se visualice un cambio de políticas e actitudes con respecto á lingua” no novo Goberno e que se busque “retomar o consenso e o camiño da normalización lingüística progresiva, tanto no ensino como no conxunto de ámbitos sociais”, sobre todo despois da sentenza do TSXG que anula dous artigos fundamentais do polémico decreto do plurilingüismo. Ademais, tamén reclama que a Secretaría Xeral de Política Lingüística pase a ser “unha área transversal no organigrama do novo Executivo e non estea encadrada na Consellería de Educación nin de Cultura”.

Por que decidiron enviarlle a carta a Núñez Feijóo?

Xa o temos feito noutras ocasións. En 2009, ao conformarse o anterior Goberno da Xunta, xa expresaramos que considerabamos un erro acantoar a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) na Consellería de Educación. Co anterior Executivo, desde 2005, dependía da Consellería de Presidencia porque era a maneira de que o idioma fose unha área transversal no organigrama do Goberno. A nosa petición é que a SXPL interveña transversalmente en todas as áreas e que se encamiñe a dirixir accións a todos os ámbitos e en todas as consellerías, xa que todas elas deberían incluír obxectivos lingüísticos. Iso só se consegue se a SXPL está na cúspide da organización para que poida ter man e intervir en varias áreas e non cinguirse só á educación, senón tamén ao sector empresarial, ao ámbito da Xustiza ou a  moitos outros.

Por que agora?

Quixemos adiantarnos á conformación do Goberno para que a Xunta reflexione sobre o que lle pedimos e aposte pola transversalidade da SXPL, pero ademais, ao coincidir coa sentenza do TSXG, cremos tamén que é o momento de que se volva ao consenso arredor do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL) de 2004. Sería un bo momento e máis agora que se ten que elixir un novo Executivo.

Teñen algunha esperanza en que a Xunta cambie o seu rumbo lingüístico?

Non sabemos o que fará. O que si cremos é que sería un xesto interesante, de cara á conformación do novo Goberno, é que as persoas que foron responsables dese decreto, agora declarado ilegal, e os responsables de executar esa política lingüística coa que se saíu do consenso non formen parte do noso Executivo. Referímonos ao conselleiro de Educación e ao secretario xeral de Política Lingüística no momento da aprobación do decreto do plurilingüismo.

Tendo en conta as declaracións do Goberno tras a sentenza, non semella que vaia cambiar nada…

As súas declaracións non dan lugar a moita esperanza, sobre todo cando se valora a sentenza polo peso que supón en canto á porcentaxe de artigos. Iso é como dicir que se se suspenden os tres primeiros artigos da Constitución non pasaría nada porque supoñen unha minoría, ou que se tiramos abaixo o Pórtico da Gloria non é importante porque só supón o 5% da Catedral de Santiago. É irracional pero é a mensaxe que se intenta trasladar. Agardemos que o Goberno cambie, pero teñamos en conta que as futuras sentenzas aínda pendentes tamén o poden facer cambiar. Anuláronse dous artigos, pero pódense anular aínda máis se prosperan os recursos da Real Academia Galega ou do Consello da Cultura Galega.

A política lingüística do Goberno de Feijóo supuxo unha forte polémica no ámbito do ensino, pero afectou a moitos outros ámbitos e tamén ao sector dos técnicos de normalización, malia que non se falase tanto…

Por exemplo, no ámbito da administración local, o balance que hai que facer desta política lingüística é moi negativo. Se cadra non se visualizou tanto como no ámbito educativo porque as administracións locais son entes autónomos nos que a Xunta ten unha intervención limitada, pero o primeiro que fixo o Goberno en 2009, nada máis tomar posesión, foi modificar a lei da Función Pública por vía de urxencia para eliminar a obriga de facer unha proba en galego que asegurase a competencia real do idioma por parte dos traballadores públicos. É só un exemplo.

Pero hai moito máis, non si?

Á marxe de outras moitas cousas concretas, o gran problema foron os prexuízos que se conseguiron trasladar á sociedade co argumentario que se empregou desde o Goberno e con esa dicotomía entre imposición e liberdade, unha teoría que quedou totalmente desmontada coa sentenza do TSXG. O peor balance da Xunta en materia lingüística foi que conseguise trasladar á sociedade eses prexuízos.

Aquilo atribuíuse a unha estratexia electoral, pero agora a crise económica semella axudar a que se esquezan as consecuencias no idioma e na súa promoción.

Se aquilo foi unha estratexia electoral, púidolle saír ben, pero foi letal para o idioma. Se xa coa crise económica a lingua queda para a maioría da sociedade nun plano secundario, con máis razón é o momento para que a Xunta volva ao consenso. Non se pode seguir utilizando a lingua.

Fonte: Praza