Entradas

Mercedes Queixas Zas, nova académica correspondente da RAG

Mercedes Queixas Zas (A Coruña, 1968) foi nomeada membro correspondente da Real Academia Galega no pleno ordinario da institución celebrado onte pola tarde na Coruña. Na xuntanza votouse a favor da incorporación da profesora e escritora, tendo en conta o seu labor a prol da difusión da cultura galega e compromiso coa defensa do idioma. Mercedes Queixas Zas é autora de ensaios divulgativos, estudos sobre a historia da lingua e a literatura galegas e biografías de persoeiros das nosas letras, e participa activamente en distintas iniciativas a prol da identidade galega. Desde 2005 é secretaria xeral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

A nova académica correspondente é licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade da Coruña e iniciou a súa andaina profesional como coordinadora da editorial Laiovento, responsabilidade que exerceu desde 1995 até o ano 2000. Desde o curso 1996-1997, compatibilizou este labor coa docencia de lingua e literatura galegas no ensino secundario, profesión que desenvolve nestes momentos no CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco (A Coruña). Entre 2007 e 2010 foi coordinadora territorial de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística da provincia da Coruña, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Como escritora publicou en solitario dez títulos, obras de carácter divulgativo como Os trobadores do Reino de Galiza (1997), Breve historia da literatura galega (1999) e De pergamiños, follas voandeiras e libros ao .gal. Breve historia da literatura galega (2016), e estudos como Frei Martín Sarmiento. O inicio da recuperación da conciencia galega (2002) e Ramón Piñeiro. A expresión cultural dunha estratexia política (2009). Tamén cultivou o xénero biográfico en Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de María do Carme Kruckenberg (2011), Premio de Ensaio da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega do ano 2012; Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María (2016), Premio de Ensaio da II Gala do Libro Galego (2017); ou Lois Pereiro. A urxencia poética dun futuro alleo (2011).

Como creadora cultivou a literatura infantil en Xandra, a landra que quería voar (2017) e como tradutora verteu ao galego Nacionalismos no mundo (1997) e España uniforme (2001). Participou ademais nunha vintena de obras colectivas, entre elas Historia da literatura galega (1996) e Historia xeral da literatura galega (2001) e impartiu relatorios en distintos foros galegos, estatais e internacionais.

Fonte: Academia.gal

Premios da Cultura Galega 2018

Xosé María Álvarez Cáccamo, Luz Darriba, o Festival Internacional de Outono de Teatro-FIOT, o grupo A Roda, o Festival de Cans, Antón Santamarina, a Asociación O Sorriso de Daniel e Ramón Villares son os galardoados dos Premios da Cultura Galega 2018. Os premiados foron distinguidos nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior, respectivamente, por un xurado que estivo presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez.

A Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, acolleu hoxe a reunión do xurado, do que tamén formaron parte o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé Manuel Núñez Seixas, por delegación da súa presidenta; a tesoureira da Real Academia Galega, Marilar Aleixandre, por delegación do presidente da institución; a académica numeraria da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Asunta Rodríguez, por delegación do presidente da entidade; o reitor da Universidade da Coruña, Julio E. Abalde Alonso, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella. Participaron tamén no xurado os profesionais da cultura Xosé Manuel Aldea Moscoso, editor e xestor cultural; a directora de cine, guionista e produtora Zaza Ceballos, a escritora María Solar Núñez e a directora do Museo de Belas Artes da Coruña, Ángeles Penas Truque. Actuou como secretaria a xefa do servizo de Xestión Administrativa da Secretaría Xeral de Cultura, Marta Bardal Sanmiguel.

Fonte: Cultura de Galicia

O Pergamino Vindel chega a Galicia

O Pergamino Vindel poderá verse por primeira vez e de forma gratuita en Galicia despois de catro décadas na Morgan Library. “É unha xoia da orixe da nosa cultura que permite visualizala no mundo como rica, importante, secular e de gran valor”, resaltou o rector da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, ao que sumou que “detrás dela está o sentimento de todo un pobo”. Por iso, invitou a todos os galegos a acudir a coñecela e a sentirse “orgullosos” da importancia da súa cultura.

Será a partir do vindeiro martes 10 de outubro cando poderemos observalo no Museo do Mar, aínda que a través do cristal da vitrina. Ese será o día no que se inaugurará a exposición, coa presenza do Rei emérito, Juan Carlos I.

Cando o trovador Martín Códax compuxo estas sete cantigas, a finais do século XIII, o galaicoportugués era o idioma das élites, “co que se cantaba e facíase poesía e literatura”, tal e como resaltou onte o rector. Subliñou que foi “o pobo galego” o que conseguiu conservalo no tempo, polo que chamou aos galegos a sentir orgullo por iso.

Na presentación do códice, acompañoulle o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que incidió en que o obxectivo deste proxecto é que as cantigas, vinculadas “ás élites e os reis” na súa orixe, achéguense “á maior parte posible dos galegos” para que poidan “coñecer unha parte fundamental da nosa historia e a nosa cultura”. Conta que se persegue “trasladar a importancia deste documento” e “que sexa coñecido como unha das claves de bóveda do sentir galego”.

Entre outras cuestións, a relevancia do documento radica en que 6 das composicións están acompañadas de pentagramas. Xunto ás de Don Dinís, rei de Portugal, son as únicas mostras atopadas da canción profana galaico-portuguesa do século XIII. “Está considerada como a clave das orixes da poesía vernácula e a música non relixiosa na península”, destaca a Morgan Library.

Para albergar o manuscrito segundo as esixencias de conservación e seguridade que impón a Morgan Library, a súa propietaria, o Museo do Mar adaptou as súas instalacións nun proxecto de entre 180.000 e 200.000 euros, segundo especificou onte o seu director, Vicente Caramés. O conservador da institución neoyorquina que viaxou co códice, Frank Trujillo, deulle o seu visto bo. Tras confirmar que todo está correcto, regresa hoxe a Estados Unidos. Non volverán ata que se desmonte a exposición, que se clausurará o 4 de marzo.

Fonte: Faro de Vigo

As Aventuras de Gale, espectáculo de monicreques de A xanela de Maxín, unha chamada en defensa da nosa lingua

En Baía Edicións alegrámonos moito de que A Xanela do Maxín participe no Titirideza 2017,  de seguro nos fará tan felices como a estrea de As Aventuras de Gale desta primavera, un alegato a favor da nosa lingua, que defenden coa dozura que dá o amor. Sentímonos fachendosas e agradecidas  de que compañías de monicreques con tanta calidade recorran a textos das nosas publicacións para melloralos e complementalos coa súa arte, como o foi neste caso a #Historia da Lingua Galega, de Pepe Carreiro.

Deixamos aquí o enlace á súa web, onde podedes ver anaquiños da obra

 

Arranca a edición anual do Titirideza, con espectáculos de compañías producidas e dirixidas por mulleres

Esta fin de semana, do 24 ao 27, Lalín celebra outro ano máis o  Titirideza, Festival Galego da Marioneta,  con espectáculos de compañías de monicreques coa característica común de seren producidos e dirixidos por compañías de mulleres: La mar de marionetas; Periferia teatro de títeres; Títeres Babaluva, A Xanela do maxín,  Catro pés e Rojo telón.

Aproveitando o evento, o  Museo Galego da Marioneta presenta unha pequena retrospectiva do traballo de Fernanda Cabrera Varela, fundadora de Marionetas Trécola e persoa fundamental na historia do teatro de marionetas do noso país. Deixamos un enlace ao Museo da Marioneta para aprender un pouco máis de Fernanda e do propio museo

Na casiña de Fernanda Cabrera

Parabéns á organización!!!

 

María Xosé Queizán e Sarabela Teatro, entre outras, reciben o Premio da Cultura Galega

A escritora viguesa María Xosé Queizán recibiu o Premio da Cultura Galega 2016 na categoría de Letras pola súa traxectoria como narradora, poeta e ensaista na que defendeu os valores do feminismo. Obras como “Amantia”, “Metáfora da Metáfora” e “Recuperemos as mans” son exemplo diso. Queizán, que dirixe agora a revista Festa da Palabra Silenciada, é membro da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Indicamos os premios das oito modalidades para distinguir a excelencia no traballo nos diferentes ámbitos culturais.

  • Premio Cultura Galega de Letras: María Xosé Queizán .
  • Premio Cultura Galega de Artes Plásticas: Miguel Fernández-Cid.
  • Premio Cultura Galega de Artes Escénicas: Sarabela Teatro.
  • Premio Cultura Galega de Música: Maximino Zumalave .
  • Premio Cultura Galega de Audiovisual: cooperativa Numax .
  • Premio Cultura Galega de Lingua: Irmandade Xurídica Galega .
  • Premio Cultura Galega de Patrimonio Cultural: Museo de Pontevedra .
  • Premio Cultura Galega de Proxección Exterior: Elena Zernova .

Parabéns as todas e todos!!!

Preparadas para reclamar o desenvolvemento da Lei do Libro

Unha delegación formada por 65 persoas pertencentes ao sector cultural galego chegan este martes a Bruxelas para visibilizar a situación da cultura galega e denunciar que, “por ignorancia ou desinterese” das diferentes institucións, a nosa cultura está sendo “agredida” ao igual que “está sendo agredida a idea dunha Europa dos pobos, xusta e solidaria”. Así llelo explicou ás representantes da Comisión Europea, que recibirán o mércores á delegación galega dentro do Parlamento Europeo, no marco dunhas xornadas de exposición e debate organizadas pola eurodeputada Lídia Senra, representante de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe).

Antes da programación no Parlamento Europeo, as actividades dentro desta misión a Bruxelas comezaron xa este martes pola tarde, cunha gala de benvida no Centro Galego de Bruxelas La Tentation, con diferentes presentacións e actuacións artísticas galegas. No acto proxéctase o documental Porta para o exterior, coa presenza dos seus directores, José Ramom Pichel e Sabela Fernández. Tamén haberá un recital literario con Chus Pato, Oriana Méndez, Teresa Moure, Xabier Xil, Xavier Queipo e Xabier Cordal, acompañados por Abe Rábade ao piano. Tamén actuará Uxía, xunto a Sergio Tannus, Sani Cribeiro ou Isaac Palacín, e pechará o espectáculo Ruth Balbís.

Para o mércores serán as xornadas de debate e reivindicación sobre a cultura galega no Parlamento Europeo, que se prolongarán durante todo ese día e até o xoves ao mediodía. En diferentes mesas nas que se abordará a situación que atravesa a creación e distribución cultural galega, os dereitos da cidadanía a acceder á cultura e o dereito das e dos traballadores a vivir disto, a produción en lingua galega, a cultura de base, o patrimonio cultural, e tamén haberá tempo para intercambiar impresións con persoas de experiencias culturais doutras nacións sen Estado como son o País Vasco ou Irlanda.

…….

Fonte: Praza Pública

Causas estruturais e inmediatas dos incendios, relación entre elas

Ante unha vaga de incendios como a actual, asitimos a aparición de noticias sobre a intencionalidade dos lumes que ás veces desvían a atención das causas estructurais.  A continuación intentaremos dar unha notas, non exhaustivas, que permitan a reflexión pausada sobre as verdadeiras causas dos incendios ou, cando menos, eviten que nos deixemos levar por noticias sensacionalistas e interesadas que o único que pretenden é desviar a atención da política medioambiental nefasta historicamente no noso país.

Tomarei como referencia as reflexións e estudos de Xesús Pereiras López de hai unha década, tristemente vixentes hoxe en día.

Os técnicos distinguen entre causas estruturais (aquelas que facilitan a extensión do lume no monte e a súa aparición) e as inmediatas ou próximas (motivos directos de cada incendio). Ambas están directamente relacionadas, así unha causa estrutural repetidamente sinalada é o abandono dos montes que favorece o crecemento de matos altamente combustibles. Pois ben, son estes matos os desencadeantes de moitas causalidades próximas, isto é, o que leva en certos casos a prender lume no monte (apertura de camiños de acceso limitado pola vexetación, para limpeza de leiras que, según un estudo da Xunta do ano 91  supoñía un 42% da causalidade etc). Polo tanto, o coñecemento das causas estruturais é fundamental e previo a calquera intento de solucionar a problemática incendiarias, que vou enumerar brevemente aquí por condicionantes do medio, pero cuxo estudo recomendo.

Dentro das características estruturais encontramos algunhas que entran no grupo de variables socioeconómicas:

  • Abandono dos usos tradicionais do monte sen xerar alternativas.
  • O modelo de monte ou política forestal levada a cabo (fomento do uso forestal madereiro para a indutria que levou consigo a diminución de madeiras de cualidade, especialmente as caducifolias).
  • Conflitividade asociada a montes comunais.
  • O despoboamento do medio rural e o avellentamento da súa poboación.
  • Aparición de novos usos: excursionismo, acampada… urbanización de zonas de monte nas periferias das cidades.
  • Hábito do uso do lume.

Outras son variables ecolóxicas:

  • O clima e factores meteorolóxicos.
  • A topografía.
  • A combustibilidade das especies (o índice de combustibilidade intrínseca dun castiñeiro é dun 1,58 e  o do carballo albar un 1,1%, fronte a un 13, 50 e 13, 80 do eucalipto e piñeiro do país, respectivamente).
  • Grado de madurez dos sistemas forestais.
  • Os acúmulos da biomasa forestal, controlable con práticas de prevención.

Estas variables interrelaciónanse, así o abandono dos usos tradicionais (var. socioeconómica) condiciona a cantidade de masa vexetal do monte (var. ecolóxica), que tamén pode ser controlada por unha silvicutltura de prevención (var. socioeconómica); o modelo de monte ou política forestal (var. socioeconómica) vai condicionar a combustibilidade das especies arbóreas e a madurez dos ecosistemas (var. ecolóxicas), etc. Mesmo dentro de cada grupo de variables establécense relacións. Por exemplo, nas ecolóxicas, o clima vai condicionar os acúmulos de biomasa, e nas socioeconómicas, a política forestal condiciona o abandono dos usos tradicionais do monte.

Estas variables e as súas interrelacións configuran o marco onde os incendios se desenvolven. Existen zonas onde estas variables se superpoñen na mesma dirección, nelas os incendios están claramente favorecidos. Noutras, pode que algunha variables contrarresten as outras, nelas os incendios van ter menos incidencia.

Nas causas próximas ou inmediatas temos as neglixencias, outras que agrupamos en varias (raios ferrocarril, bombas de paleque,manobras militares…) ou claramente intencionados. Desgraciadamente, a intencionalidade nos incendios galegos é elevadísima (89,6%) e a causalidade da actividade incendiaria variada: limpeza de leiras, queima restrollos, obtención de pastos para o gando, vinganzas entre veciños, rebaixa de prezos da madeira, motivacións políticas, espantar e eliminar animais que danan as colleitas, facilitar a caza e incrementar certas especies cinexéticas, recualificación de terreos forestais a urbanizables, negocios na reforestación etc).

As causas próximas están ligadas á rendibilidade inmediata do incendio, distinguindo 2 grupos a groso modo:

  1. Os incendios dirixidos a queimar mato, ainda que a rendabilidade deriva de que o lume é unha ferranta barata de limpeza previa á realización doutros traballos.
  2. Incendios dirixidos a masas arboaradas, cuxa rendibilidade pode vir do abaratamento da madeira, intereses urbanísticos e tampouco se pode esquecer a rendabilidade asociada ao negocio xerado en torno á extinción de incendios.

Habería que investigar e analizar en profundidade: cal é a importancia relativa da cada unha destas causalidades? Mesmo, cal delas pode ser excluída?

Fonte: Os incendios forestais en Galicia , Baía Edicións, 1991.

Manuel María e Irmandades da Fala protagonistas deste ano

A figura de Manuel María e as Irmandades da Fala centran a programación do Concello da Cultura Galega para este 2016. En total acollerá preto de cincuenta actividades, cun orzamento que ascende a 2.415.833 euros, 41.386 máis que en 2015. Con respecto ao homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, a institución celebrará o seu tradicional concerto e reeditara a obra de Manuel María Advento. No que ten que ver coas Irmandades, o CCG celebrará o seu centenario cun programa de actividades que fará unha revisión dos presupostos ideolóxicos deste movemento e que se concreta nun álbum web de persoeiros, dúas exposicións e varios seminarios de carácter internacional que atenderán á relación das Irmandades co contexto español, europeo e iberoamericano. Estas actividades desenvolveranse entre 2016 e 2018, coincidindo co centenario da creación e expansión deste movemento. A primeira cita terá lugar en outubro, baixo a coordinación de Xosé Manuel Núñez Seixas, e centrarase nas nacionalidades na Europa de entreguerras.

A programación de actividades destaca por exhibir unha concepción da cultura ampla cunha gran variedade temática. Haberá unha nova edición de propostas xa habituais do calendario como o programa “No bico, un cantar”, que xunta no primeiro venres de xuño poesía e mocidade; este ano terá lugar en Cangas e versará sobre os poetas medievais galegos. Os Encontros pola Normalización Lingüística trasládanse ao mes de abril e a Comisión de Igualdade terá a súa xornada de homenaxe a unha muller destacada para a cultura galega, que este ano será Kathleen Nora March.

Ademais, están previstas actividades sobre a Dieta atlántica e a cultura, a Publicidade en galego, a Dobraxe cinematográfica, o Teatro escolar e a Cultura, creación e dereitos de autor. A comunicación terá un protagonismo especial cun seminario sobre a cabeceira A Nosa Terra e o xornalismo en galego, outro sobre os desafíos para a cultura en rede e outro sobre os retos da comunicación cultural.

Entre as propostas programadas, destaca a exposición Galicia 100, que representa a idea de Galicia a través de cen obxectos. Está en fase de musealización e inaugurarase en Santiago no mes de maio.

Fonte: Culturagalega

Os trasnos e o público falangueiro

Pensaba poñer imaxes da presentacón de onte de A poesía oculta de Filgueira Valverde e Modelos de lingua e compromiso, pero por non sei que trasno da tecnoloxía as imaxes non dan chegado a nós.

En todo caso agradecer a presenza do numeroso público asistente e ao entusiasmo do debate que provocou que excederamos de novo o horario… ao mellor foi obra do mesmo trasno, que é falangueiro.

Pido desculpas de novo a público e autoría da seguinte actividade por pisarlles 7 minutos.