Entradas

Falece aos 98 anos Avelino Pousa Antelo, o derradeiro mohicano do galeguismo histórico

O intelectual galeguista Avelino Pousa Antelo faleceu este luns, 20 de agosto, ós 98 anos de idade. O Concello de Teo (A Coruña) acollerá este martes a capela ardente de Pousa Antelo, ó que se renderá tamén unha homenaxe a partir das 19.00 horas.

Presidente da Fundación Castelao e vicepresidente da Fundación Fernández Florez, Avelino Pousa Antelo foi estivo vinculado ás ‘Mocidades Galeguistas’ e tomou parte na propaganda do Estatuto de Autonomía galego de 1936 do mesmo xeito que os xa desparecidos Francisco Fernández del Riego, Isaac Díaz Pardo e Xaime Illa.

Ademais do seu labor como xornalista, Pousa Antelo desenvolvo un importante traballo como docente e foi un recoñecido agrarista. De feito, a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias outorgoulle en 1998 a Insignia de Ouro e Esmalte dá Unión de Cooperativas polo seu labor neste ámbito.

BNG: “DÍA DE LOITO”

O Bloque Nacionalista Galego expresou este luns o seu “fondo pesar” polo falecemento do intelectual galeguista Avelino Pousa Antelo e asegurou que se trata dun “día de loito para Galicia”.

Tras trasladar as súas condolencias á familia e amigos de Pousa   Antelo, o BNG destacou o “incansable” traballo do intelectual “a   favor do pobo galego, da lingua galega e do medio rural”.

“Para o BNG a figura de Avelino Pousa Antelo representa unha vida   incansable de defenda do autogoberno galego, de defensa da lingua e   da cultura de Galicia e do desenvolvemento do medio rural galego”,   explicou a formación política.

PSdeG: FIGURA INSIGNE

O PSdeG lamentou a morte do intelectual galeguista Avelino Pousa Antelo este luns, 20 de agosto, aos 98 anos de idade, ao mesmo tempo que trasladou o seu pésame á familia e amigos desta “figura insigne” de Galicia.

Así se pronunciou o deputado do PSdeG Juan Carlos Francisco Rivera a preguntas dos medios durante unha rolda de prensa no Parlamento. Ademais, a través dun comunicado, os socialistas galegos subliñan “o traballo incansable” de Avelino Pousa Antelo “na defensa de Galicia, o seu autogoberno e a súa lingua”. Destacan tamén o seu “amor incondicional” polo mundo agrario, ao que dedicou boa parte da súa vida.

“Con este intelectual déixanos hoxe un personaxe que destacou, na súa traxectoria vital, pola fidelidade e coherencia co galeguismo defendido por Castelao, con Galicia e coa súa lingua nos momentos máis difíciles,” remarca o PSdeG.

PPdeG: RECOÑECEMENTO Á FIGURA DO GALEGUISTA

O portavoz do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, trasladou este luns á familia de Avelino Pousa Antelo as súas “condolencias” polo falecemento deste “intelectual galeguista”. En rolda de prensa, o deputado popular ha querido “acompañar” á familia de Pousa Antelo en “estes momentos de dor”. Xunto con iso, sinalou a “lamentable perda” para Galicia que supón o seu falecemento. Deste xeito, fixo público o seu “recoñecemento” á figura do galeguista, que faleceu esta madrugada aos 98 anos de idade.

FONDO PESAR NA UNIVERSIDADE

A Universidade de Santiago mostrou este luns o seu “fondo pesar” polo seu falecemento do intelectual galeguista Avelino Pousa Antelo, ocorrido en Teo (A Coruña) aos 98 anos de idade. Nunha nota de prensa, a USC quixo destacar a figura de Pousa Antelo como “un dos principais dinamizadores do sector agrario galego durante a segunda parte do século pasado, en particular no relativo á “formación dos traballadores do agro”. Ao mesmo tempo, a institución lembrou que o intelectual recibiu no ano 2000 a insignia de ouro da USC, á vez que foi padriño de numerosas promocións de estudantes de diferentes titulacións.

Fonte: GaliciaHoxe

Adeus a Avelino Pousa Antelo, o soñador da Galiza redimida

De Pousa Antelo quedará sempre a lembranza do seu labor incansábel por recuperar a memoria de todos aqueles galeguistas que loitaron pola liberdade e tamén a súa rexa dignidade en manter en todo momento o seu ideario.

Presidente da Fundación Castelao, da Fundación Pedrón de Ouro e membro da Fundación Alexandre Bóveda, Avelino Pousa Antelo foi durante os seus últimos anos a presenza viva da memoria por recuperar. Transmitía emoción e convicción nuns idearios que compartiu con Castelao, a quen lembraba de neno dando un mítin no Teatro Principal de Compostela.

O episodio, repetido unha morea de veces, transmitía como poucos a personalidade que o autor de Sempre en Galiza deixou para sempre en Pousa Antelo. Aquel mítin marcou a súa memoria para toda a vida e, tempo andado, convertiríao no maior valedor da figura de Castelao, a quen dedicou o alento dos seus últimos anos desde a Fundación Castelao que preside.

Avelino Pousa Antelo mostrouse sempre fiel ao ideario de Castelao, reivindicou o papel do galeguista na nosa historia e no recoñecemento popular e institucional mais non mostrou ningunha dúbida cando dediciu rexeitar a Medalla Castelao outorgada pola Xunta de Fraga. Dicía que non podía aceptar unha medalla que deshonraba o seu nome.

Cando estaba a piques de cumprir un século de vida, Avelino Pousa Antelo pecha unha biografía ateigada de compromiso coa nosa lingua, coa nosa cultura e co noso país.

O seu corpo estará exposto desde mañá día 21 ás 12 e media no Concello de Teo até as 19 horas en que será incinerado. A familia prega que non se envíen flores e, no canto diso, se se quixer, que se faga unha doazón a APAMITE (Asociación de Pais de Minusválidos de Teo).

Fonte: SermosGaliza

O anuario da SGAE revela retrocesos en todos os sectores culturais

O 2011 non foi un ano especialmente bo para a cultura que rexistra un descenso de espectáculos, asistentes e recadación en todos os frentes. Así o reflexa o Anuario da SGAE 2012 que cuantifica as cifras da cultura en 2011. Era o ano despois do Xacobeo, co que o descenso en todas as cifras era inevitable, pero confirma o retroceso de volume de actividade, asistencia e recadación dos diferentes sectores culturais.

Non hai un “annus horribilis” en particular, senón que cada ano é peor que o anterior desde que a crise se instaurou no noso modelo económico. Todos os sectores, sen excepción, cuantifican unha baixada con respecto ao seu ano precedente. Revisamos o Anuario SGAE 2012 para ver os principais indicadores.

Artes escénicas

O futuro parece que pasa pola configuración dun sistema mixto público-privado para as artes escénicas. O anuario avoga porque desde o sector público se aposte polo alternativo, polo non convencional, pola “canteira” en resumidas contas e por “facilitar o acceso da produción aos espazos escénicos”, mentres que o privado opte pola produción.

As cifras estatais falan dun descenso de recintos (de 6.413 a 5.153), de representacións (de 67.577 a 60.948) e, polo tanto, menos espectadores (20.570.032) e recadación (26.640.796). Unha caída xeneralizada dun 10%. Galicia non é allea a esa tendencia e atopa descensos nas representacións, pasando de 2.786 a 1.977 , e loxicamente menos espectadores (unha baixada de 80.000 asistentes) e menos recadación que nos sitúa por debaixo de comunidades como Asturias, Canarias ou o País Vasco.

Dentro das artes escénicas hai descensos en todos os xéneros, sendo o da lírica o que nota un descenso máis acusado. En 2006 representábanse en Galicia 80 funcións líricas, mentres que en 2011 só houbo 14. Baixa o teatro, que por primeira vez neste milenio baixa das 2.000 funcións, quedando en 1.857, por debaixo de Castela, Aragón, País Vasco, Cataluña e Madrid. A única nota positiva chega da man de danza, que malia que son menos as función realizadas en 2011, si tiveron máis espectadores que en 2010, aínda que as cifras están moi por debaixo de 2006.

O cinema

O panorama xeral que debuxa a SGAE do 2011 foi que é o da constatación de que o modelo de negocio tradicional do cinema está definitivamente roto. Igual que o da exhibición, o descenso acusado de espectadores, a merma das salas de cine son inequívocas. O anuario apunta cambios no financiamento das producións audiovisuais, que buscan o mecenado, o patrocinio ou o crowdfunding como modelo. Con todo, o informe incide na necesidade de “desenvolver a posibilidade de financiamento a través de investimentos particulares (que buscan o retorno do investimento), ben a título individual ou mediante a fórmula de “agrupación de intereses económicos”, para o que solicita que se contemplen beneficios fiscais.

En canto ás cifras, Galicia conta en 2011 con 39 cines, que supoñen 182 pantallas e que da unha ratio de 0.062 por cada mil habitantes. Segue, outro ano máis, lonxe da media estatal (que está en 0.085, e que tamén baixa). Con todo, o anuario só rexistrou que en Galicia se pedera un unico cine, pero que supuxo un incremento no número de pantallas e, polo tanto, incrementouse a oferta. No que ten que ver cos espectadores, en Galicia vendéronse en 2011 3.698.510 entradas, sendo as provincias da Coruña e Pontevedra as que rexistraron uns mellores números. A cifra media de espectadores por sesión en Galicia é de 18.2, por debaixo da media estatal en 21.7. Segundo as cifras do anuario da SGAE en Galicia cada habitante compra 1.3 entradas de cine (sendo a media estatal de 2.1), o que confirma a tendencia negativa que leva anos apuntando cara unha morte lenta do cinema tradicional.

No que atende á recadación, en Galicia ingresáronse en 2011, pouco máis de vinte e catro millóns de euros euros. Iso significa que cada sesión de cinema supón ingresos de 119.4 euros, por debaixo da media estatal sita en 141,3. No que sí superamos á media e no prezo da entrada, dez céntimos por riba da media estatal (6.5 euros). En total, cada galego gastou en cinema 8.7 euros, o que nos coloca cuartos pola cola no ranking estatal.

Con respecto ás películas máis vistas en Galicia, a SGAE asegura ser a segunda parte da saga Crepúsculo (131.808 espectadores), Piratas do Caribe (101.143), Torrente 4 (99.319), Aventuras de Tintín. Segredo do Unicornio (97.309) ou Os pitufos (96.401).

Un dato positivo nas cifras ofrecidas polo anuario da SGAE está que a produtora coruñesa Vaca Films figura no sétimo posto das produtoras con maior recadación en 2011. A empresa dirixida por Enma Lustres e Borja Pena recadou 4.196.670 euros, con 663.504 espectadores con dous títulos.

A música clásica

A planificación a logo prazo dos espectáculos e eventos relacionados coa música clásica, marca unha diferenza con outro sectores e fan que as súas cifras (en xeral para o conxunto estatal) non sexan demoledoras. En todo caso, o Anuario si alerta da súa dependencia de sectores púbicos que, na época de bonanza ampliaron as estruturas das formacións ata límites pouco realistas. O anuario da SGAE fala de certames como o de música clásica de Ribadeo que, en lugar de pedir orzamento público, pide doazóns á xente a través dunha conta bancaria, como exemplos de novas fórmulas de financiamento.

En canto aos retos que este sector ha de acometer no futuro, o Anuario cita varios: conseguir novos púbicos, buscar novos formatos (hibridación de estilos e de xéneros), abrir os espazos e arriscar por novos nomes, facer unha política de prezos adecuada aos públicos e recuperar o patrimonio musical.

No que atende ás cifras, en Galicia en 2011 acolleron concertos 423 recintos . E é unha cifra positiva porque son 22 máis que en 2010. O que si houbo unha reestruturación importante. Porque A Coruña incrementou bastante o número de recintos, mentres que en Lugo houbo un descenso acusado entre os 124 recintos de 2010 e o s 79 de 211. Ourense case duplicou entre 2010 e 2011 o número de recintos de música clásica mentres que en Pontevedra sufriu unha baixada acusada.

Dos 15.347 concertos de música clásica que se desenvolveron en España en 2011, só 1.285 se fixeron en Galicia. E ademais, esa cifra é a máis baixa rexistrada na última década. As catro provincias galegas rexistran menos de 0.32 concretos por cada mil habitantes, que é a media española. E nesa liña descendente están tamén os espectadores, que pasan dos 433.055 de 2005 aos 264.996 de 2011.

No que afecta aos concertos de música sinfónica, as cifras revelan que dos 111 concertos celebrados en Galicia, 61 foron de pagamento e 50 de balde. E nos concertos de pagamento houbo 47.242 espectadores mentres que nos gratuítos só 13.680. Todo o contrario que nos concertos de música de cámara ou solistas, dos 575 celebrados nese mesmo período. Os 138 de pagamento xeraron 31.742espectadores e os 437 de balde, 80.700.

As cifras máis avultadas son para as bandas, xa que en 2011 se celebraron preto de 500 concertos que contaron con 75.756 asistentes.

A música popular

A reforma da lei de mecenado é unha das propostas centrais do Anuario da SGAE no que atente a música popular. Unha proposta que permitirá gañar terreo despois de que a administarción deixara de monopolizar a organización de concertos (que, por outra banda sempre foron gratuítos) . De feito, o informe achega unha cifra moi destacada, como son os 75 millóns de euros que as diferentes administración públicas adebedan ao sector pola celebración de actividades. De aí se deriva, na opinión dos expertos consultado para elaborar ese informe, da debilidade do sector e a súa atomización. Ademais, o sector tamén propón a elaboración dunha Lei de la Música que canalice o interese da iniciativa privada cara o investimento no sector da música popular.

En Galicia houbo unha baixada moi grande de público entre o 2010 (lembrar que foi ano Xacobeo) que tivo 2.402.984 espectadores, e o millón trescentos mil de 2011.

Entre os macrofestivais e grandes festivais, o Anuario destaca sete citas galegas. Do Festival Celta de Ortigueira, referente folk que tivo 43.000 espectadores, ao Festival do Norte de Vilagarcía que recadou 57.410 euros e contou con 3.201 asistentes. A edición coruñesa do Sónar, o extinto Cultura Quente ou o Fresh Weekend de Cerceda están entre os apuntados pola publicación.

Un último apunte do Anuario, dos concertos desenvolvidos en Galicia, segundo o anuario da SGAE son a práctica totalidade de pop rock.

Fonte: Culturagalega

A Coruña cambia o festival Manicómicos polo proxecto Faranduleando

Ata o vindeiro 26 de agosto diferentes localizacións da cidade da Coruña acollerán espectáculos do programa Faranduleando. Trátase dun novo proxecto organizado en solitario polo concello e que vén a substituír o anterior Festival Manicómico, que organizaba a asociación que daba nome ao encontro. O programa mantén o carácter cómico da cita, aínda que amplía as cifras do encontro (pasando a 76 actuacións, en 26 días e 25 localizacións diferentes). A decisión causou o malestar da Asociación que acusa ao concello de “apropiarse dalgunhas das súas ideas e aprovéitarse do traballo de programación realizado, facendo súas, iniciativas orixinalmente presentadas por Manicómicos”. O concello emitiu un comunicado no que asegura que propuxo á asociación integrase no novo programa municipal.

Fonte: Culturagalega

Agadic concede 145.000 euros a 78 proxectos para exportar e promover a cultura fóra

Son as primeiras resolución dunha convocatoria que destina 450.000 euros a fornecer as industrias culturais. O web de Agadic publicaba onte á tarde os beneficarios relativos ao apartado de distribución. En total beneficiaranse 28 empresas (12 compañías de teatro, 4 de danza, 6 promotoras musicais, 5 galerías de arte e 1 editora) que recibirán 144.826 euros e que se corresponden con 78 propostas de distribución de espectáculos escénicos e musicais en actividades de carácter internacional. Canda esta listaxe, tamén se conceden as cinco empresas que se benefician do programa “Crédito-cultura”, que distribúe 7.672,64 euros.

Segundo a nota de prensa remitida pola Consellaría de Cultura e Educación as compañías beneficiarias no eido teatral son A Xanela do Maxín (funcións en Aragón e Comunidade de Madrid), Caramuxo Teatro (Fetén de Xixón e Madrid), Eme2 (Fetén de Xixón e xira por Aragón, Castela-A Mancha e País Vasco), Ibuprofeno Teatro (Baleares e País Vasco), Malasombra Producións (xira galega), Producións Teatráis Excéntricas (xira galega, ademais de actuacións en Castela-A Mancha, Comunidade de Madrid e País Vasco), Teatro Alla Scala 1:5 (Colombia), Teatro del Andamio (Lituania, Casaquistán, A Rioxa e Cantabria), Teatro do Noroeste (Andalucía, Aragón e Cataluña), Teatro Ensalle (dúas xiras en España) e Títeres Cachirulo (Arxentina, Brasil, Colombia, Portugal, Turquía, Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Comunidade Valenciana e Madrid). No ámbito de danza, reciben achegas as compañías Entremáns, pola súa participación no festivais Visões Urbanas (Brasil) e Cádiz en Danza; La Macana por actuacións en Francia e Italia; Sólodos, tamén pola presenza en Cádiz en Danza, e Pisando Ovos polas funcións ofrecidas no marco da Red de Teatros Alternativos e en Cádiz.

No eido musical, segundo a nota de prensa “esta primeira relación de proxectos subvencionados inclúe os concertos da Bulla Timpánica en Nevada (EE.UU.) e no North Atlantic Fiddle Convention de Irlanda, de Susana Seivane en Francia (Rencotres de Luthiers et Maitres Sonneurs en Saint Chartier e festival Kann Al Loar en Landerneau), de Leilía na localidade francesa de Lagrasse, de Mercedes Peón en Bélxica e Turquía, de Riobó no Reino Unido e de Anxo Lorenzo no Folkherbert Plauen (Alemaña) e no William Kennedy Piping Festival (Irlanda)”.

Nesta convocatoria tamén figuran os apoios para o sector da arte e da edición, no que se benefician dos subsidios, “as galerías Trinta, SQC, Espazos Adhoc, Barcelos e PM8 para sufragar os gastos derivados da súa presenza en destacadas feiras e mercados de arte dentro e fóra de España, como Justmad3, Madridfoto, ARCO, Art Cologne e Pulse Miami, así como a editora Ideaspropias para a participación na Feria Internacional del Libro de Guadalajara (México) e a produtora musical Keltia para a feira APAP de Nova York”.

Crédito-cultura
Tamén se resolven os beneficiarios do programa Crédito-Cultura no que teatro e arte copan son as disciplinas que se acollen a esta modalidade. No eido do teatro as empresas son Bengala Producións, Teatro do Noroeste, Producións Teatrais Talía e Ningures Produción. No caso da arte, só unha entidade, a galería de arte contemporánea PM8.

Acordo informal en Europa sobre as obras orfas

Representantes da Comisión e do Parlamento Europeo chegaron a un acordo, aínda non formalizado, sobre as obras orfas (aquelas obras protexidas polas normas de propiedade intelectual, cuxo titular de dereitos se descoñece ou non pode ser localizado). O acordo recolle unha serie de normas que permitirán levar a cabo certos usos, como a dixitalización e posta en internet de obras impresas e audiovisuais que teñan a consideración de orfas, respectando os dereitos de autor.

Trátase do primeiro paso cara unha directiva europea que estableza un marco común para que as institucións  públicas (museos, bibliotecas, etc.) poidan dixitalizar e facer accesibles este tipo de obras en Internet de xeito legal. Iso permitiría que se solucionase un dos atrancos que existen actualmente para o proceso de dixitalización do patrimonio europeo. O acordo acadado baséase en dous principios: na necesidade de facer unha búsqueda dilixente na que se determine que non é posible identificar ou localizar ao titular de dereitos dunha determinada obra, e que no caso de aparecer o titular, sexa compesado polo perxuízo que esa utilización lle poidera ocasionar. O pacto tamén afecta ás obras visuais, sempre e cando estean integradas en obras impresas ou audiovisuais.

Fonte: AGE

Preescolar na casa cesa a súa actividade

A Fundación Preescolar na Casa ten os días contados. O 30 de xuño bota o peche a fundación cuxa filosofía aséntase “na mellora da educación en bebés de cero a tres anos”, desde que en xaneiro de 1977 se fundara en Lugo baixo o padrinazgo do que se coñecía como cura da bicicleta, o altruísta Antonio Gandoy.

Uns 3.000 nenos e 32 traballadores sufrirán a ausencia do programa que deixa de financiar a Xunta de Galicia e os Concellos que colaboraban. A fundación, en suspensión de pagos, non podía seguir recibindo axudas, segundo explica a súa presidenta, entre bágoas. Marisol Fernández non oculta a súa pena porque en setembro non se fagan cargo do mesmo a administración.

“Eu non creo tanto na igualdade de oportunidades, senón en que hai que darlle a volta a isto e ofrecer á xente oportunidades para a igualdade”, resume Fernández que apela ao sentido que durante estes anos tivo Preescolar na Casa, “atender as necesidades que as administracións públicas non atenden”, coma se dunha ONG se tratase, sintetiza. De nada serviron as campañas na rúa ou a recollida de firmas. Terá que liquidar ao persoal, cun custo de 400.000 euros.

Fonte: El País

Foto: Milagros Candal, orientadora da Fundación Preescolar na Casa

Dezanove editoras participan na Feira do Libro de Madrid

A Feira do Libro de Madrid, que se celebrará entre o 25 de maio e o 10 de xuño no Parque do Retiro, contará nesta súa 71 edición, cunha nutrida presenza galega. Un total de dezaseis firmas da edición compartirán o espazo reservado pola Asociación Galega de Editores neste evento. Trátase de Ir Indo Edicións, Editorial Espiral Maior, Baía Edicións, NigraTrea, Editorial El Patito, Editorial Galaxia, Edicións Xerais, Alvarellos Editora, Andavira Editora, Auga Editora, Edicións Embora, Hércules de Ediciones, MCSport, Sotelo Blanco Edicións, Editorial Toxosoutos e Editorial Linteo.

Canda a elas, as editoriais Kalandraka e Ediciones del Viento, así como a distribuidora Arnoia, terán cadanseu posto no evento, considerado un dos máis importantes a nivel estatal.

Fonte: Culturagalega

A AELG entrega os seus galardóns a mellores obras do 2011

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou este sábado a Cea das Letras, onde fixo entrega dos seus premios anuais a obras e autores. Se a novela arousana de Antón Riveiro Coello Laura no deserto fíxose co premio a mellor narrativa, Agustín Fernández Paz continuou co seu ronsel de premios, recibindo o de mellor obra da literatura infantil e xuvenil por Fantasmas de luz. Os premios honorarios recaeron para os Equipos de Normalización Lingüística, na categoría de Institucións, e na de Escritor Galego Universal, para José Luis Sampedro.

Literatura Infanto-Xuvenil
Fantasmas de luz, Agustín Fernández Paz, Xerais.

Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011
Bieito Iglesias.

Mellor Blog Literario
As crebas, Miro Villar.

Tradución
Sonetos de Shakespeare, Ramón Gutiérrez Izquierdo, Xerais.

Narrativa
Laura no deserto, Antón Riveiro Coello, Galaxia.

Teatro
Chegamos despois a unha terra gris, Raúl Dans, Xerais.

Ensaio
Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, Mercedes Queixas Zas, Galaxia.

Poesía
Leopardo son, Pilar Pallarés, Espiral Maior.

Fonte: Culturagalega

María Antón é a nova xerente do Consorcio de Santiago

María Antón Vilasánchez, antiga Directora Xeral de Turismo durante gobernos de Manuel Fraga, será a nova xerente do Consorcio de Santiago de Compostela, a entidade coparticipada polo goberno español, a Xunta e o goberno municipal que ter por finalidade promover e tutelar actividades de conservación do casco histórico de Compostela. María Antón substitú así a Xosé Manuel Villanueva, que deixara o cargo o pasado 31 de marzo.

Fonte: Culturagalega