Entradas

O Museo do Pobo Galego aborda a problemática demográfica nos Foros Natalidade e Vellez en Galicia

Cómpren persoas para facer un pobo. A cultura ten un soporte material de transmisores e de consumidores que somos nós. O perigo da desaparición física dos galegos como colectivo motivou ao Museo do Pobo Galego a abordar a nosa problemática demografía nos Foros Natalidade e Vellez en Galicia. Continuamos a nosa serie sobre o fenómeno poboacional a repasar co coordinador destes encontros as principais cuestións que se abordaron nos mesmos.

“Se non hai xente non hai pobo. Moita xente identifica a idea de Galicia co territorio ou cos símbolos, pero Galicia é basicamente a súa xente”. Así resume Manuel Blanco, coordinador dos foros, o interese desta entidade por abordar a problemática demográfica do país. A proposta fai parte das actividades que o Museo desenvolve a través do Instituto de Estudos da Identidades, co que pretende desenvolver unha serie de debates sobre cuestións importantes para a sociedade. En total foron sete encontros nas cidades galegas, que transcorreron entre abril de 2012 e o pasado mes de xaneiro. “A nosa perspectiva foi non restrinxir o debate a especialistas, tentamos que houbese pluralidade e acoller a perspectiva da xente como a que vén da medicina ou a xeriatría, que é moi enriquecedora de xorde un traballo de campo moi intenso coa xente”, lembra Blanco. O agro, o mundo da empresa, a medicina, a perspectiva das nais e das familias ou a dos sindicatos compartiron mesas con economistas, antropólogos ou sociólogos.

Múltiples causas

A busca de achegas plurais que se produciu neste ciclo deu tamén unha multiplicidade de posibles causas e, sobre todo, o convencemento de que non se pode atopar unha única explicación á situación galega a nivel poboacional. “A conclusión clara é que non hai unha causa única, senón que é un complexo no que pode haber tantas como grupos sociais hai no país. Non se pode esquecer que a nosa sociedade, como todas, é plural”. Canda a isto, apunta que a grande “coincidencia básica foi non entender como non se contempla este tema como un problema básico pola sociedade, aínda que houbo tamén que negou a gravidade da cuestión ou seu carácter estrutural”, advirte o coordinador.

Economía e historia

Nos encontros repasáronse as múltiplas causas que se adoitan relacionar co devalo demográfico común ao mundo occidental. “Unha maioría de xente enfoca disto desde unha vertente económica, e sitúa as causas na situación socioeconómica e laboral. Aínda que pode ter influencia, debemos pensar que nos mellores momentos da economía galega, antes da crise, tamén había pouca fecundidade”, lembra Blanco. Nesta mesma liña, tampouco hai unha correlación clara entre posición socioeconómica e fecundidade. “Sábese que os profesionais liberais con altos ingresos non teñen moitos fillos, e non están limitados por problemas económicos, aínda que pode ser que se vexan limitados por unha alta dedicación ao traballo e o factor tempo. E logo acontece que a xente cando ten cartos quere gozar deles e ten outras prioridades”. Fonte a isto, a economía si semella actuar como elemento limitador da fecundidade noutros casos. “A estabilidade vese cono un factor importantísimo noutros grupos. E aí está tamén a dificultade de compatibilizar maternidade e traballo. Os horarios do sector comercio, por exemplo, fano moi complicado”. Buscando as causas na historia, apareceu a influencia da emigración e a sangría en termos de poboación que supuxo, para explicar o devalo demográfico do país. “No entanto, lugares que tiveron taxas de emigración maiores, como Irlanda, Italia ou mesmo o Norte de Portugal, non están tan mal coma nós”.

O espazo cultural

“Logo de asistir a todas as mesas aínda lle dou voltas á cuestión de por qué, sendo tan parecidos a outras sociedades obtemos estes resultados”, recoñece Blanco. “Ten que haber un factor cultural, moita xente chegou a esta conclusión e eu mesmo quedei convencido. Se a analizar factores económicos, laborais ou outros parámetros vese semellanza con outros países e en troques hai peor fecundidade, entón pode haber un factor cultural, aínda que algo etéreo e que non se sabe o que é”, explica. “Tivemos propostas de xente vencellada ao mundo da socioloxía e da etnografía, pero non deron identificado unha causa motriz”. Dentro das intervencións do foro nesta liña houbo quen sinalou a influencia do dereito sucesorio tradicional. “Temo unha especie de herdanza cultural que premiaba a concentración dos bens nun só herdeiro. Entón isto provocaba que en moitas zonas de Galicia houbese unha tradición de varóns que ficaban solteiros. Canda a isto, tamén se daba un éxodo de mulleres maior que os homes, que se sentían máis vencellados á terra por seren vinculeiros. Entón isto pode ser unha explicación plausible para certas comarcas do país”.

A mudanza social

De xeito paralelo, ao baleirado demográfico, parte das intervencións nos Foros do Museo do Pobo coincidiron en sinalar o acelerado éxodo rural que se deu no noso país e que si constitúe un elemento diferencial a nivel social e cultural a respecto doutras áreas. “Trátase dun fenómeno que noutras zonas de Europa se deu ao longo de todo un século, pero aquí o transvase concentrouse en practicamente trinta anos. Nos anos 60 o 40% da poboación estaba ligado ao sector primario, e en tres décadas a situación homologouse con Europa nese sentido. No entanto, Blanco advirte que “falamos de dous fenómenos que están correlacionados pero non de xeito exacto. Por unha banda está a caída da natalidade e pola outra o éxodo rural, que aínda que sexa máis agudo, non deixa de ser un fenómeno xeneralizado en toda Europa. Pódense relacionar como as taxas de mortandade e o tabaco. Teñen que ver, pero non toda a xente morre do tabaco”.

O éxito do avellentamento

Noutra liña, nos foros salientouse de xeito especial, sobre todo da man de profesionais da xerontoloxía e da sanidade, que o avellentamento en si non é un problema. “O avellentamento é un medidor de éxito social. Que teñamos unha esperanza de vida maior do que o estándar europeo desenvolvido resulta un éxito socioeconómico no noso país superior do que a renda per cápita. Iso implica que temos un xeito de organización que garante máis esperanza de vida”. No entanto recoñece que “o problema xorde se non podemos darlle a toda esa xente os servizos que merecen”.

Efectos da mingua na cultura

Como efectos directos da mingua demográfica, o coordinador dos foros advirte sobre a dimensión da sustentabilidade da nosa cultura. “Para a industria editorial, por exemplo, a redución acelerada da masa de potenciais clientes resulta un drama. Chegará un momento no que será imposible soster unha industria que se autofinancie, porque o espectro de xente que poida interesada neses produtos será cada vez menos. E o mesmo acontece co audiovisual, cómpre pensar necesariamente nos mercados exteriores, recorrer a unha demanda ficticia sostida en boa medida por fondos públicos non é unha opción de longo percorrido”. De xeito semellante, os riscos dunha desaparición como colectivo está como fondo de todo o debate. “Cómpre ir pensando nos fenómenos da identidade como pode ser a inmigración. A Galicia do futuro, desde logo, non será a de hoxe, tampouco desde o punto de vista demográfico”, explica. “Hai quen sostén que o fenómeno non é tan preocupante porque sinalan que a natureza se autorregulará, como acontece cos seres vivos. Segundo esa lóxica, nós desapareceremos, e virá outro colectivo que se instalará aquí. O pobo precisa xente, iso é algo evidente”.

Peso político

Canda a isto, apunta a perda do peso do noso país no conxunto do Estado. “Estamos a perder deputados en Madrid a un ritmo dun menos cada dúas lexislaturas desde 1977. Isto, canda a integración plena como cidadáns de 4 ou 5 millóns de inmigrantes que acabarán obtendo a nacionalidade suporá unha influencia cada vez menor sobre as políticas públicas. Segundo o país vai avellentando faise cada vez máis feble e dependente, con menos posibilidades de ter unha identidade vizosa no futuro”.

Conclusións

Sobre o futuro do país á luz destes datos, Blanco apunta que “se non fósemos optimistas non fariamos nada disto. Cómpre facer exame de consciencia, pór esta cuestión sobre a mesa para que a sociedade pense, porque este problema non se amaña só con medidas políticas. As institucións non se poden meter na vida privada da xente, e moitas das decisións sobre a reprodución son individuais. Implica unha mudanza de actitudes”. Logo dos diferentes encontros, a coordinación dos foros artellou unha xuntanza en Compostela a xeito de primeiras conclusións ás que se convidou a todos os participantes. “Viñeron os que se puideron achegar, non podemos esquecer que todo este traballo foi de balde”, lembra Blanco. A seguinte fase é pór nun libro, que se prevé editar para o vindeiro outono, as intervencións e conclusións do encontro, “de xeito que fique como peza de debate para o futuro”.

Fonte: Culturagalega

A cultura de base sostén o pulso creativo de Galicia en plena crise

Por segundo ano consecutivo, Galicia alcanzou o sexto posto no barómetro que elabora o Observatorio da Cultura, e que valora tanto a calidade neste ámbito como a innovación, concepto no que a cultura galega tamén se coloca na sexta posición dunha lista que encabezan Madrid, Cataluña e País Vasco, seguidos de Andalucía e a Comunidade Valenciana. O Observatorio é unha iniciativa da Fundación Contemporánea e os seus informes elabóranse a partir dunha consulta semestral a un panel formado por profesionais da cultura, desde directores de museo a galeristas, xestores, editores, escritores, arquitectos, artistas, representantes do mundo da escena e da administración.

O director da fundación, Alberto Fesser, recorda que Galicia escalou postos no barómetro do Observatorio e que o seu sexto lugar débese a dous factores. Por unha banda, a que o que denomina «perda da biodiversidade cultural» foi menor na comunidade que noutras que dependen da actividade de grandes cidades e, por outro, ao traballo de base no campo da cultura. «Dá a sensación de que en Galicia se están facendo moitas cousas pequenas, pero moi interesantes, e cuxa suma é moi valiosa», considera. Fesser extrae unha «lectura moi positiva» deste fenómeno, que contrapone con autonomías veciñas como Asturias ou Castilla e León, cun peso cultural demasiado dependente da Laboral, o Centro Niemeyer ou o Musac leonés. «Se a súa repercusión baixa, tamén o fan as súas comunidades. En cambio Galicia valórase como unha terra onde se fan cousas de forma moi repartida, non con só unha ou dúas institucións de referencia», conclúe.

Fonte: La Voz de Galicia

Foto: Premios de Cultura 2012. Xunta de Galicia.

Cada galego gasta ao ano un promedio de 8,7 euros en ir ao cine

Apáganse as luces nos cines galegos, e non porque a película estea a piques de empezar. Os datos de consumo cinematográfico en Galicia dan conta dunha tendencia, a da caída no número de espectadores, que no caso galego agudizouse nos últimos doce meses. Síntoma desta enfermidade son os 8,7 euros que cada galego se gasta, de media, en ir ao cine ao ano. Unha cifra máis que preocupante que contrasta cos 22 euros que dedican os madrileños, os 18 dos cataláns, os 13 dos valencianos ou os 10 dos andaluces, e que coloca a Galicia no vagón de cola no que a consumo cultural se refire.

«O cine é un enfermo crónico con saúde de ferro», defenden algúns expertos ante a crise que o sector padece desde fai anos. Con todo, a realidade galega fai pensar máis nunha longa agonía que se reflicte na sangría de espectadores dos últimos anos. Segundo datos da SGAE, en 2011 vendéronse en Galicia 3.698.510 entradas de cine. Fai tan só tres anos, as salas da Comunidade franqueaban sen apuros a barreira dos 4 millóns.

Con 1,3 entradas por habitante e non máis de 18 espectadores por sesión, a recadación dos cines de Galicia rolda a día de hoxe os 24 millóns de euros. Por provincias, A Coruña é a que mellor capea o temporal cunha recadación anual de máis de 11 millóns e uns beneficios por sesión de máis de 118 euros. Parámetros similares sitúan a Pontevedra como a segunda provincia galega na que máis se vai ao cine, por diante de Lugo e Ourense. E é que nas provincias máis orientais da Comunidade o gasto medio por habitante e ano non chega aos 6 euros. Entre as dúas, suman só unha decena de cines, fronte aos 14 da Coruña e os 15 de Pontevedra.

Entre «Crepúsculo» e «Torrente»

A pesar de pertencer ao grupo de españois que menos van ao cine, os galegos parecen non discrepar en gustos co resto de rexións. Así, máis dun 66 por cento decántase por filmes con selo norteamericano mentres que só un 17 por cento optan por producións nacionais. A primeira entrega da saga «Crepúsculo amencer» foi a película máis vista en Galicia no 2011, con máis de 131.000 espectadores. Por detrás na lista outra aposta segura para as distribuidoras, «Piratas do Caribe en mareas misteriosas». A excepción a esta regra foi a estrea da cuarta parte de «Torrente», que levou ás salas galegas a case 100.000 espectadores, logrando unha recadación de 766.000 euros.

Fóra do ranking de favoritas quedan algunhas das producións galegas estreadas durante o pasado ano, caso da comedia «Crebinsky», da cinta de terror psicolóxico «Secuestrados» ou da adaptación á gran pantalla do premio Nacional de Cómic «Engurras», que na última edición dos Premios Goya alzouse con dúas figuras, á mellor película de animación e ao mellor guión adaptado. O único respiro que os datos do último anuario sobre a exhibición do cine en España (publicado pola SGAE fai tan só uns días) dan ao cine galego hai que buscalos na súa industria. E é que a produtora galega Vacafilms “que se deu a coñecer coa exitosa «Cela 211»” logrou coarse na lista de produtoras con maior recadación en 2011. En concreto, ocupa o sétimo lugar cuns beneficios de máis de catro millóns de euros e 663.504 espectadores. O pasado ano, a produtora de Enma Lustres estreou dúas cintas.

Con este panorama, á altura da mellor película de terror, as salas de cine soportan o tirón e frean, polo momento, o peche de moitos recintos emblemáticos. Na provincia de Lugo “a galega co consumo máis baixo por habitante” non botou o ferrollo ningunha sala nos últimos cinco anos aínda que o número de pases si decreceu. As astucias para prolongar a vida dos cines, sobre todo ante a presión dos grandes grupos de exhibición, son diversas.

3D no rural ourensán

No municipio ourensán do Carballiño, por exemplo, programaron para os primeiros días de agosto a proxección dunha vintena de películas ao aire libre. Unha volta á década dos anos 50 en Galicia, cando para ir ao cine había que levar a chaqueta e ata a cadeira. A experiencia, nova para uns e emotiva para outros, parece convencer ao público.

Esta paixón pola sétima arte que agora parece pender dun fío levou a un ourensán de 56 anos a hipotecarse, fai uns meses, para que os seus veciños teñan acceso a un cine con 3D. Así foi como Ernesto Romeu, propietario da sala Novocine da localidade de Leiro, converteu ao seu pequeno negocio no único recinto de todo Ourense con esta tecnoloxía.

O que custa unha entrada

En Leiro, unha entrada custa 3 euros; 5 se a proxección é en tres dimensións. Pero noutros puntos da xeografía galega, ir ao cine non é unha alternativa tan económica. Todo depende das características da sala elixida e da cidade na que se sitúe, aínda que a maioría rolda os 6 euros. No caso dos cines da Coruña, por exemplo, a entrada á sala custa 7,50 euros de media.

Na capital galega, o prezo reláxase e poden adquirirse tickets por uns 6 euros; en Ferrol, a entrada está a 4,25 euros. En Vigo, con tres salas de cine para preto de 300.000 persoas, o custo da entrada dispárase de novo ata os 7,50 euros. Uns quilómetros máis ao norte, en Pontevedra, o diferencial é de tan só 50 céntimos. En Lugo e Orense os prezos mantéñense na mesma liña. En municipios máis pequenos, como Narón, a entrada de fin de semana chega aos 7,50 euros.

Alternativas anticrisis
Para paliar o descenso de espectadores e plantar cara a fenómenos como a piratería, as grandes salas galegas ofrecen desde fai meses descontos dirixidos, sobre todo, ás familias. Trátase de packs e bonos que adelgazan o importe total das entradas e que superan ao xa desactualizado «día do espectador». Tamén hai tarifas para desempregados, como a promovida por sala Fórum Metropolitano da cidade herculina, que baixa as tarifas ata o euro e medio.

Toda unha sorte de ardides para tratar de esquivar unha época marcada pola crise económica, o auxe das novas tecnoloxías, as descargas ilegais ou o boom das series de televisión. Unha encrucillada digna do mellor thriller de suspense que aínda non escribiu o seu final.

Fonte: ABC