Artigos

Prolingua pídelles aos partidos “repoñer o consenso e o marco legal” do galego tras o 21-O

“Recuperar os consensos sociais e políticos básicos” e “repoñer os marcos legais que se foron destruíndo nestes anos”. Son dúas das peticións que Prolingua lles lanza ás formacións políticas que se presentan ás eleccións do 21 de outubro. Os “azares do calendario” fixeron que a asemblea xeral deste colectivo en defensa do galego cadrase coa “elaboración dos programas electorais” das diferentes formacións. “Sabemos que neles van ter que reflexionar sobre as políticas públicas orientadas á defensa e promoción da lingua e da cultura de noso”. Por iso Prolingua decidiu remitirlles unha carta pública ás organizacións que se presentan a uns comicios que chegan tras unha lexislatura na que “vimos como se estragaban e deturpaban moitos dos avances que se foran acadando en anos anteriores”.

Para Prolingua o primeiro é tentar restituír “consensos básicos forxados arredor da lingua propia” que “o Goberno do presidente Núñez Feijóo esfarelou con teimosía”, din. “Asistimos ao baleirado de contido” da Lei de Normalización Lingüística” é á “utilización espuria de termos como liberdade ou imposición”, todo para “opoñerse e desprestixiar as políticas de igualdade que sinala o Estatuto” e a propia lei. As “mentiras” e “agresións continuadas contradín os datos da realidade” e nestes anos, lamentan, dende a Xunta creouse “unha situación social que favoreceu o retroceso e desprestixio da lingua”.

Así e todo non todo foi negativo nestes anos, na súa opinión. “Asistimos neste tempo ás máis grandes mobilizacións populares en defensa da lingua propia” e, tamén neste contexto electoral, coidan que “ignoralas indicaría unha actitude de desprezo cara ao pobo galego, que mostrou con claridade a súa vontade de rexeitar con contundencia as agresións que a lingua galega estaba a recibir”. Así as cousas Prolingua considera “imprescindible un cambio de políticas políticas a respecto da lingua”, cuns “contidos mínimos” que a asemblea xeral do colectivo sintetiza nun decálogo.

O deber dos cargos públicos de utilizar o galego “no exercicio do seu cargo” e facelo cun mínimo de corrección, substituír o denominado decreto do plurilingüismo por “outra normativa que dea reaposta ao mandato básico” da Lei de Normalización, que as axudas aos medios de comunicación estean “condicionadas a un incremento significativo no emprego da lingua propia” ou potenciar o uso do galego na industria e obrigue a que respecte a toponimia oficial son algúns dos puntos das reclamacións aprobadas.

Nova Cerna e constitución en asociación

Ademais da carta pública cara ao 21-O a asemblea de Prolingua, celebrada en Teo, serviu tamén para aprobar por unanimidade o informe económico e a candidatura da nova Cerna -directiva-, á que lle corresponderá, ademais de desenvolver as actividades ata a vindeira cita asemblear, en 2015, desenvolver os traballos para que o colectivo se constitúa en asociación. Manter o carácter apartidario de Prolingua e a unidade de acción con outros colectivos en defensa da lingua son algúns dos propósitos que saíron dunha asemblea na que tamén se apostou por adoptar unha estrutura comarcal ou lanzar unha liña de acción de promoción da lingua entre a xente moza.

Fonte: Praza