Artigos

‘Denébola a Roxa’ e ‘A nosa Terra é nosa!’ nos mellores do 2016 de Fervenzas literarias

Tras pechar o día 15 de xaneiro o prazo de votacións, Fervenzas Literarias acaba de publicar os resultados onde as lectoras e os lectores decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2016. En total, este ano recibiron 420 enquisas válidas.

Dous dos nosos títulos foron seleccionados… Parabéns ás premiadas e premiados!!!

7º posto no Mellor libro de ensaio/investigación para A NOSA TERRA É NOSA! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931), de Emilio Xosé Ínsua.

6º posto no Mellor libro literatura xuvenil para DENÉBOLA A ROXA, de Héctor Cajaraville.

Fonte: Fervenzas literarias

Héctor Cajaraville Araujo gaña o VII Premio Meiga Moira 2016 de Literatura Infantil-Xuvenil por “Denébola, a Roxa”

O Xurado, formado polas escritoras Andrea Maceiras (gañadora dos 4.º Premio (2010) e 6.º Premio (2014) coa obras Violeta tamurana e Miña querida Sherezade, respectivamente) e Conchi Regueiro, María Dores Fernández López,  profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galega na Coruña, a tamén escritora Marica Campo, que actuou de Presidenta, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria, reunido o martes  día 11 de outubro de 2016 resolveu conceder por unanimidade o 7.º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil á obra presentada baixo o lema “Briolanxa”.

Abertas as plicas, a mesma resultou corresponder a presentada polo escritor compostelán Héctor Cajaraville Araujo, que leva como título Denébola a Roxa e proposta para lectoras e lectores a partir de 12 anos.

O Xurado manifestou, entre outros aspectos, o seguinte:

«Denébola a Roxa é unha novela de aventuras de estrutura áxil e dinámica, ambientada no século XVII que relata o desafío dunha muller afouta nun mundo de homes.

A protagonista, Denébola, que comparte nome coa estrela máis brillante da constelación de Leo, loitará pola procura dun destino máis luminoso que o que seu pai elixiu para ela.

Marcada desde o nacemento pola superstición asociada á súa cabeleira roxa, tentará rexerse polos seus propios principios e tomar as rédeas da súa propia vida».

A obra será publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira antes de finalizar o ano e a autora recibirá 2.500 euros, cantidade coa que está dotado o Premio.

Noutra orde de cousas, o Xurado valorou a alta calidade das obras presentadas, das que catorce alcanzaron a selección final, o que evidencia máis unha vez o extraordinario momento que vive a literatura en galego dirixida ao público infantil e o importante xermolo de escritoras e escritores que está dando o país para seguir facendo avanzar o galego como idioma literario e de uso vehicular entre as nosas nenas e nenos.

Foto

Medios que falan da noticia: