Entradas

Celebramos hoxe o Día Universal da Nena e do Neno

O Día Universal da Nena e do Neno, celebrado todos os anos o 20 de novembro, é un día dedicado a todas as nenas e nenos do mundo.

É un día de celebración polos avances conseguidos, pero sobre todo é un día para chamar a atención sobre a situación dos máis desfavorecidos, chamar a atención sobre os dereitos das nosas crianzas e concienciar á xente da importancia do traballo día a día para o seu benestar e desenvolvemento.

UNICEF traballa durante todo o ano para conseguir cambios reais na vida dos nenos e nenas, e o Día Universal da Nena e do Neno é un momento clave para unirse a esta chamada global a favor da infancia e das nenas e nenos máis vulnerables.

Baía Edicións celebra este día con varios dos seus títulos da colección: OS DEREITOS DO NENO E DA NENA

Fonte: UNICEF

Proxecto didáctico ‘Os dereitos do neno e da nena’

O programa Bocaberta de Política Lingüística fará gozar aos máis pequenos cos contacontos, obradoiros e teatriños de Os dereitos do neno e da nena.  O proxecto didáctico OS DEREITOS DO NENO E DA NENA, organizado por Baía Edicións en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística realizaranse durante un prazo de tres meses, de outubro a decembro, un mes en cada cidade e centro comercial; nun horario de seis a oito horas, nos centros comerciais O Porto Centro de Ocio de A Coruña, Ponte Vella de Ourense e As Termas de Lugo.

Esta campaña pretende achegar e promover o emprego do galego entre os máis pequenos a través dun programa de contacontos e obradoiros baseados na colección de libros infantil Os dereitos do neno e da nena, de Baía Edicións escrita por Teresa Sabaté e ilustrada por Carme Solá, colección de carácter didáctico dirixida a rapaces de máis de catro anos que relata diversas aventuras que lle suceden aos personaxes coas que se pretende que os máis pequenos se vexan identificados, conseguindo a través das ilustracións espertar o seu interese pola lectura en lingua galega, ademáis de promover nos nenos e nenas actitudes que faciliten a creación de situacións xustas no seu contorno e trasladarlles outros valores de vital importancia para o seu futuro como o compañeirismo, a xustiza, a igualdade entre mulleres e homes…, sendo único material similar existente en lingua galega. Ao final das sesións de Os dereitos do neno e da nena, os monitores farán entrega do libro que corresponda a ese día, repartindo un exemplar a todos os rapaces participantes nas sesións.