Artigos

Feliz Día das Bibliotecas

Desde 1997 celébrase o Día da Biblioteca o 24 de outubro, una conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas. Esta asociación, membro da OEPLI, facilita na súa páxina o cartel e o pregón para esta conmemoración nas diferentes linguas do Estado, obra desta vez do ilustrador Miguel Calatayud e a escritora Gemma Pasqual.

Pola súa parte, o Ministerio de Cultura e Deporte propón este ano 2019 a incorporación do lema “aptas para todos os públicos”, co obxectivo de salientar o papel das bibliotecas na promoción da igualdade de xénero.

As bibliotecas escolares galegas teñen o seu propio lema para este curso 2018/2019, BIBLIOTECA ESCOLAR, VIVEIRO DE CIDADANÍA, que conta cunha imaxe propia creada por Óscar Villán. Os carteis editados con este lema están xa en todos os centros educativos. As bibliotecas escolares están xa en plena celebración do seu día, unha oportunidade para inaugurar novos espazos, abrir as portas á comunidade educativa e presentar ás familias os recursos e as actividades da biblioteca, programar actos específicos nos que lembrar as oportunidades que ofrece a biblioteca para estimular a formación lectora do alumnado e reforzar a adquisición de todas as competencias e contidos incluídos no currículo.

A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar as outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas (e todas boas), que son as bibliotecas públicas, eses lugares para a igualdade e a diversidade que son as BIBLIOTECAS.

Baía Edicións celebra este día feliz de contar con moitos dos seus títulos en todas as bibliotecas de Galicia.

Hoxe celebramos o DÍA DA BIBLIOTECA

O Día 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca. Van xa máis de dúas décadas desde que a Asociación Amigos del Libro Infantil y Juvenil propuxera esta data para facer fincapé nos beneficios destas institucións ao servizo da lectura, da cultura e da cidadanía. Posteriormente, o Ministerio de Cultura apoiou esta celebración e todos os anos edítase un cartel cun texto conmemorativo e realízase un acto de celebración oficial. O cartel e”pregón” deste ano 2017 pódese consultar AQUÍ.

O departamento de Educación da Consellería de Cultura, Educación e O.U, pola súa parte, vén publicando desde 2008 uns carteis que pretenden facer visibles as distintas oportunidades e posibilidades da biblioteca escolar, porque o Día 24 de outubro é tamén o DÍA DA BIBLIOTECA ESCOLAR, por ser esta unha biblioteca esencial xa que por ela pasa toda a poboación escolar dun país. Cada ano proponse un lema e encárgase a súa interpretación a un creador ou a unha creadora do fértil mundo da ilustración en Galicia. Xosé Tomás é o ilustrador que este ano achega a súa creación a todas as bibliotecas escolares do territorio galego. Aprender a pensar coa biblioteca escolar, o lema elixido nesta ocasión, convida ao aproveitamento dos recursos, dos espazos, dos tempos e das actividades que a biblioteca facilita a toda a comunidade educativa.

Nesta data, e diante dos momentos de cambios que sofren as bibliotecas, pode ser útil volver aos principios e lembrar ao matemático e bibliotecario hindú, Shiyali Ramamrita Ranganathan, quen en 1931 enunciou “as 5 leis da biblioteconomía”:

  1. Os libros están para usarse.
  2. A cada lector o seu libro.
  3. A cada libro o seu lector.
  4. Hai que aforrar tempo ao lector.
  5. A biblioteca é un organismo en crecemento.

Que non lle falten libros ao noso alumnado, que teñan tempos e oportunidades para usalos, que cada rapaz, cada rapaza, atope o libro (ou á persoa) que o vincule á lectura “de por vida”, e que as nosas bibliotecas escolares sigan vivas e sigan a desenvolverse en todos e cada un dos centros educativos de Galicia.

Baía deséxavos que pasedes un BO DÍA DA BIBLIOTECA

O 24 de outubro é unha data sinalada no calendario de todas as bibliotecas pois desde os anos 90 celébrase o DÍA DA BIBLIOTECA, a instancias da Asociación Española de Amigos del Libro Infantil, e en recoñecemento ao labor que exercen todos os bibliotecarios, todas as bibliotecarias, a prol da lectura, da educación e da cultura.

Na imaxe, rapazas (previamente preparadas) do CPI Manuel Suárez Marquier, de O Rosal, imparten unha sesión de “formación de usuarios” aos seus compañeiros e compañeiras. Un exemplo da vida que ferve nas bibliotecas escolares ao longo do curso, grazas ao esforzo das comunidades educativas que as fan posibles, e como resultado dun programa da administración educativa que pon o enfoque nas necesidades do alumnado en materia de lectura, de información e de aprendizaxe.

Nesta data, e diante dos momentos de cambios que sofren as bibliotecas, pode ser útil volver aos principios e lembrar ao matemático e bibliotecario hindú, Shiyali Ramamrita Ranganathan, quen en 1931 enunciou “as 5 leis da biblioteconomía”:

  1. Os libros están para usarse.
  2. A cada lector o seu libro.
  3. A cada libro o seu lector.
  4. Hai que aforrar tempo ao lector.
  5. A biblioteca é un organismo en crecemento.

Que non lle falten libros ao noso alumnado, que teñan tempos e oportunidades para usalos, que cada rapaz, cada rapaza, atope o libro (ou á persoa) que o vincule á lectura “de por vida”, e que as nosas bibliotecas escolares sigan vivas e sigan a desenvolverse en todos e cada un dos centros educativos de Galicia.

Fonte: Xunta

Unha semana de actividades para conmemorar o Día das Bibliotecas

Aínda que o Día Internacional das Bibliotecas propiamente dito se celebra o vindeiro 24 de outubro, os centros deste tipo que dependen da Consellaría de Cultura preparan unha programación especial que se estende toda esta semana. O departamento da Xunta anunciaba esta mañá actos que se celebrarán nas bibliotecas nodais da Coruña, Ourense, Lugo, Vigo, Pontevedra e Santiago de Compostela, así como na Biblioteca de Galicia. Así ciclo Da tábula á tablet: o libro e as bibliotecas a través do tempo para os máis novos, levará ao Gaiás a evolución da lectura na historia. Canda a isto, haberá monicreques, contacontos, conferencias ou proxeccións audiovisuais. Na Coruña e en Pontevedra realizaranse sesións de bookcrossing mentres os diferentes centros ofertarán xornadas de portas abertas e visitas guiadas.

Fonte: Culturagalega

Celebración do Día da Biblioteca con actividades para todo tipo de lectores

Visitas guiadas, xornadas de portas abertas, sorteos, intercambio de libros na rúa entre usuarios e actividades para fomentar a lectura entre os máis pequenos son algunhas das propostas das bibliotecas da cidade para conmemorar o seu Día Internacional. As novas tecnoloxías a través do libro electrónico, as iniciativas relacionadas co mundo audiovisual e as presentacións de obras completarán a programación de mañá nunha xornada na que as bibliotecas pretenden darse a coñecer e achegarse aos cidadáns.

O fomento da lectura e do uso das bibliotecas públicas centrarán as actividades programadas para conmemorar mañá o Día da Biblioteca. Os coruñeses poderán participar nas propostas que ofrecen tanto o centro municipal como o provincial e o estatal. Desde o servizo de bibliotecas do Concello explican que este ano “non deu tempo” a organizar actos específicos para esta data, pero nalgúns dos seus edificios tamén haberá eventos para todos os públicos.

  • Bibliotecas municipais. O programa Merenda con contos que se celebra cada dúas semanas nas bibliotecas municipais para introducir aos máis pequenos no mundo dos libros chegará mañá ao centro de Monte Alto. E na do Fórum Metropolitano aproveitarase esta data para inaugurar o ciclo Lle, escoita, mira. Visual Session. Trátase de sesións audiovisuais que percorrerán diferentes xéneros musicais, filmográficos e literarios con obras coas que conta o Fórum. Os usuarios poderán visitar unha mostra sobre o tema e levar en préstamo un paquete que inclúe un disco, un libro e unha película dos exemplos expostos.
  • Biblioteca Provincial. Os usuarios do centro provincial poderán ser bibliotecarios por un día nunha xornada de portas abertas que comezará mañá ás 11.00 horas grazas á que poderán coñecer as seccións e servizos que ofrece a institución que depende da Deputación. Tamén se poderá visitar a exposición fotográfica Por que somos unha biblioteca, unha serie dedicada ao matemático Ranganathann que fixo as cinco leis da biblioteconomía. Na súa aposta polas novas tecnoloxías inclúese unha actividade formativa sobre como manexar un libro electrónico. Os máis pequenos terán oco nesta cita e poderán participar nun taller de manualidades sobre o outono. Un ano máis o centro organiza a iniciativa A biblioteca búscache para achegarse a cidadanía sacando os libros á rúa e regalando un marcapáginas aos que se acheguen. Esa mesma tarde ás 18.00 horas haberá unha visita guiada polas obras de arte da biblioteca.
  • Biblioteca González Garcés. O centro estatal realizará mañá visitas guiadas entre as 12.00 e as 18.00 horas, sorteará unha cesta de libros entre os seus usuarios, regalará lotes de obras aos “superlectores” deste ano, realizará unha sesión de bookcrossing cos libros que rexistren os interesados para despois liberalos pola cidade e acollerá a presentación dos libros infantís As aventuras de Toreto e O Purrusco dous bosques ás 19.00 horas. Mañá ademais finalizará a campaña Eu amo as bibliotecas públicas contra os recortes nestas organizacións e de apoio aos seus servizos.

Fonte: La Opinión