Entradas

DÍA DA ILUSTRACIÓN 2021

O Día da Ilustración celébrase cada ano o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Ademais de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado un ilustrador histórico galego. A protagonista deste ano é Lolita Díaz Baliño.

Lolita Díaz Baliño (A Coruña, 1905-1963) foi unha pioneira artista multidisciplinar que desafiou as convencións sociais da época. Colaborou como ilustradora en diversas publicacións gráficas, como Mariñana, Galicia Gráfica ou Céltiga, amosando un estilo art déco sobrio e elegante, acorde coa moda propia do momento e tamén influencias do pensamento rexionalista.

Exerceu tamén unha importante labor como docente e, o 13 febreiro 1938, convértese na primeira muller, xunto a Carme Corredoyra, en ingresar como académica na Real Academia Galega de Belas Artes; é a primeira muller en facelo.

Lolita Díaz permaneceu incomprensiblemente esquecida durante moito tempo, a pesar de ser unha figura adiantada, que abriu camiño para moitas artistas que viñeron despois. Finalmente comeza a recibir o recoñecemento que merece.

Como todos os anos, a AGPI (e co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo), produciu un vídeo viral sobre a autora, xa dispoñible na web do evento www.diadailustracion.gal, onde se pode consultar tamén máis información sobre Lolita Díaz así como as actividades programadas para estes días nas bibliotecas de Galicia.

A Biblioteca de Galicia acolle a exposición «Lolita Díaz Baliño. A discreción imposta dunha grande artista». A mostra recolle documentos, libros, imaxes e obras de Fernández Mazas que forman parte da colección da Biblioteca e Arquivo de Galicia. A mostra inaugurarase o vindeiro 30 de xaneiro e poderase visitar ata o 13 de maio de 2021 no horario de 9:00 a 21:00, e con entrada libre e gratuíta.

Como novidade, a AGPI convidou a catro ilustradoras de diferentes ámbitos da ilustración, Lidia Cao, Nuria Figueiredo, Iria Ribadomar e Laura Romero, para que fixesen unha obra sobre aquel aspecto de Lolita Díaz que máis lles inspirase. Todas as obras poden consultarse tamén na web antes citada.

Ademais, debido á emerxencia sanitaria actual, as charlas deste ano serán retransmitidas online o 29 de xaneiro pola mañá, entre as 10.30 e as 13.30. O acceso ás charlas é totalmente libre, sen inscrición previa, e pódese seguir tanto pola web do Día da Ilustración, como polo facebook e a canle de youtube da AGPI.

As ponentes das dúas charlas serán Carla Berrocal, que nos falará da súa obra e proxectos persoais, e Rosario Sarmiento, que nos trazará un percorrido pola faceta ilustradora de Lolita Díaz. O acceso ás charlas é totalmente libre, sen inscrición previa, e pódese seguir tanto pola web, como polo facebook e a canle de youtube da AGPI. Este é o programa:

· CHARLA CON ILUSTRADORA INVITADA: CARLA BERROCAL  29 de xaneiro ás 10:30

· CHARLA: ‘LOLITA DÍAZ BALIÑO: A ILUSTRADORA DOS SOÑOS’ Con Rosario Sarmiento 29 de xaneiro ás 12:10

(Ambas charlas serán conducidas por Neves Rodríguez)

Agradecemos por suposto toda a difusión que lle dedes ao evento.

Fonte: AGPI

Óscar Villán ofrece unha charla na Biblioteca Miguel González Garcés

Charla de Óscar Villán sobre o debuxo para os libros este sábado

O ilustrador Óscar Villán ofrece a súa perspectiva sobre o traballo de debuxantes con estilos e puntos de vista diverxentes, coa intención de mostrar o amplo abano de posibilidades que ofrece o mundo do ilustración para libros.

Esta actividade forma parte do programa Ler conta moito de dinamización lectora, da Rede Galega de Bibliotecas de Galicia e coincide coa celebración do Día da Ilustración, o 30 de xaneiro.

Este sábado 30 de xaneiro celebramos o día da ilustración

O sábado 30 de xaneiro celébrase O DÍA DA ILUSTRACIÓN en toda Galicia. Esta data, que coincide co nacemento de Castelao, bibliotecas de todo o país desenvolven actividades xa desde este xoves 28. O programa que desenvolve a Consellaría de Cultura nestes centros inclúen obradoiros, exposicións, presentacións de obras e encontros con ilustradores e ilustradoras. Jaime Asensi, Noemí López, a Asociación Chéspir, Aurora López, Óscar Villán ou Ángela Curro entre outros. En Compostela, as actividades terán como protagonista a Eugenio Granell, mentres en Pontevedra xirarán arredor de Luís Seoane. A coincidir coa efeméride, a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración presentará o seu catálogo Novas olladas sobre os clásicos universais, xunto co proxecto Guía Ninja do Ilustrador.

Fonte: Culturagalega