Entradas

Celebramos hoxe o Día internacional da Lingua Materna

O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en novembro de 1999 e celébrase anualmente dende o 21 de febreiro de 2000 cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural. A Xunta de Galicia e a Rede de Dinamización Lingüística veñen sumándose nos últimos anos a esta celebración, contextualizándoa na nosa comunidade e orientándoa á promoción e transmisión da lingua galega.

Nesta ocasión, a Xunta de Galicia celebrará o Día da Lingua Materna coas comunidades de Euskadi, Navarra, Cataluña, Comunitat Valenciana e Illes Balears. Farao outorgándolle o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado Español a Guadi Galego polo seu disco Immersion, que incorpora músicas cantadas en sete linguas do Estado, para o que conta con colaboracións chegadas de toda a Península, como Ivan Ferreiro, Ana Bacalhau, Lisandro Aristimuño, Clara Peya e Judit Neddermann, Andrés Suarez ou Mikel Urdangarin.

Idiomas sen fronteiras

Cada ano, a UNESCO escolle un tema arredor do que xira a conmemoración do Día Internacional da Lingua Materna. Neste 2020, quere lembrar o valor dos idiomas que son á vez locais e transfronteirizos -como o quechua, que se fala en diferentes países de América Latina- para promover o diálogo pacífico e axudar a promover o patrimonio cultural dos pobos que os falan. Tamén o galego é, dalgunha maneira, unha lingua transfronteiriza, na medida en que serve como ponte con Portugal e, en xeral, coa lusofonía.

Lingua materna

A lingua materna é aquela en que os nenos aprenden a falar e a relacionarse co seu contorno máis próximo. A UNESCO quere impulsar o coñecemento e a práctica das linguas maternas de menos falantes tamén na escola, nos medios de comunicación, na internet… fóra dos ámbitos en que moitas delas quedan recluídas. O Día Internacional da Lingua Materna estableceuse para sensibilizar acerca da importancia dos idiomas e da función vital que desempeñan no desenvolvemento, ao garantir a diversidade e o diálogo intercultural, así como o fortalecemento da cooperación e a consecución da educación de calidade para todos, a construción de sociedades do coñecemento integradoras e a preservación do patrimonio cultural.

A UNESCO lémbranos que «os idiomas, coa súa complexa imbricación coa identidade, a comunicación, a integración social, a educación e o desenvolvemento, son factores de importancia estratéxica para as persoas e para todo o planeta. Con todo, a causa dos procesos de globalización, pesa sobre as linguas unha ameaza cada vez maior de extinguirse (…). Coa extinción dos idiomas mingua tamén a rica urda da diversidade cultural. Pérdense posibilidades, tradicións, lembranzas, modalidades únicas de pensamento e de expresión; recursos valiosos e necesarios para lograr un futuro mellor. (…) Afortunadamente, e grazas a que se asumiu a importancia que teñen estas linguas, alcanzáronse logros en materia de educación plurilingüe baseada na lingua materna, en particular na educación primaria. Así mesmo, hai un compromiso cada vez maior para que se desenvolvan na vida pública. As sociedades multilingües e multiculturais existen a través das súas linguas, que transmiten e preservan os coñecementos e as culturas tradicionais de maneira sostible. Por iso, debemos coidar de todas as linguas”.