Méndez Ferrín dimite como presidente da Real Academia Galega
Xosé Luís Méndez Ferrín presentou onte a súa dimisión como Presidente da Real Academia Galega. Fíxoo por carta, á comisión executiva da institución e aos membros numerarios. Tamén renuncia á súa condición de membro numerario da RAG. Ferrín agradeceu de maneira especial o labor do secretario, Xosé Luís Axeitos, e a boa parte dos académicos. Non obstante, criticou que outros “académicos e académicas, unidos a persoas externas, fixéronme sentir que eu non teño sitio na Academia”.
TEXTO COMPLETO DA CARTA DE RENUNCIA (desde El País)
Á Comisión executiva e membros numerarios e correspondentes da Real Academia Galega
Mediante este escrito renuncio á presidencia da Real Academia Galega e no mesmo acto renunciarei á condición de membro numerario da institución. Doulles as grazas e un abrazo a todos os membros da Executiva porque á súa intelixencia, superior cultura e desinteresada entrega son debidas as obras, éxitos e conquistas que acadou e coñeceu a Academia no período inconcluso que termina coa redacción da presente carta. De modo especial quero destacar a dedicación sacrificada e lúcida do Secretario.
Á maioría dos académicos e académicas quérolles significar os meus sentimentos fraternais e o meu agradecemento polo seu labor ilusionado, a súa lealdade institucional e cooperación eficiente.
Non obstante, outros académicos e académicas, unidos a persoas externas, fixéronme sentir que eu non teño sitio na Academia. Beizón tamén a estes e estas porque os seus esforzos, finalmente coroados por un éxito completo, tiveron a virtude de me facer ver a tempo onde debo estar e onde non debo estar nos poucos días que me resten de vida.
Viva e floreza a Academia Galega!
Viva Galicia ceibe!
Fonte: Culturagalega