Entradas

PuntoGAL abre unha nova fase para a solicitude de dominios .gal

Os dominios .gal pódense solicitar dende este martes dentro dunha nova Fase de Lanzamento deseñada para grupos con dereitos preferentes como, por exemplo, as entidades que promoven o galego, administracións públicas, propietarios de marcas etc.. A Asociación puntoGAL presentou as súas características e prezos base hoxe ao mediodía na sede da Real Academia Galega (RAG) na Coruña.

Cinco categorías de prioridades no Abrente
A Fase de Lanzamento está formada pola posta en marcha dos programas Abrente e Carreira. A directora xeral de puntoGAL, Edita de Lorenzo, explicou que dentro do Abrente, pódense solicitar dominos dentro de cinco categorías:

1.- Marcas validadas na Trademark Clearing House (TMCH), unha base de datos de marcas internacionais establecida por ICANN, o organismo que goberna as direccións da Internet.
2.- Marcas do TMCH que non cumpren cos requisitos para usar un .gal, pero queren asegurarse de que a súa marca non sexa rexistrada, aínda que non activen inicialmente a súa páxina baixo os requirimentos de dominio .gal.
3.- Administracións públicas de calquera ámbito con competencia en Galicia e entidades de promoción da cultura e da lingua galegas. Institucións e entidades (consorcios, axencias, comisións, fundacións, asociacións etc.) poderán solicitar, entre outros, nomes xeográficos con relevancia, os propios nomes das entidades, o dos seus servizos en liña e as súas marcas rexistradas.
4.- Marcas rexistradas a calquera nivel con validez en Galicia. Tamén as denominacións de orixe rexistradas.
5.- Calquera que  tivese ata agora unha web, un portal web etc, e veña promovendo a cultura galega e utilizando a lingua galega nas súas comunicacións en liña baixo outro dominio pode solicitar o seu propio nome ou o nome dos dominios rexistrados e usados.

O prazo de todas as categorías do Abrente remata o 18 de novembro, salvo a categoría 3, que remata o 25 de novembro. No caso de se presentaren varias peticións para o mesmo dominio, terá preferencia o solicitante pertencente a unha categoría superior, tal e como obrigan as normas da ICANN.

Máis barato para os que xa apoian o galego
Os prezos base varían segudo a categoría. A Asociación puntoGAL fixo un esforzo para que poidan gozar dun prezo menor aqueles que promocionan a cultura galega e xa apoian o idioma empregando o galego na Rede e as institucións e entidades que teñen un papel na súa promoción.  Por iso as categorías 3 e 5 partirán dun prezo base aproximado de 50 euros por dominio por ano. Seguindo a mesma lóxica, no Abrente o prezo base máis alto, 170 euros, é para a categoría 2, as marcas que queren defender o seu dominio pero que non van contribuír á promoción do galego na Rede usando o .gal . As categorías 1 e 4 teñen un prezo intermedio, 65 euros.

Con todo, o prezo final para o consumidor non o fixa puntoGAL, senón os rexistradores acreditados por ICANN, as empresas comercializadoras finais. Os prezos citados aquí son polo tanto prezos base e aproximados, cada rexistrador pode realizar libremente ofertas diferentes. A Asociación publicará unha lista de rexistradores acreditados na súa web, para que os interesados poidan escoller o rexistrador que máis lles conveña.

Os interesados deberán indicar na súa solicitude a cal das categorias optan e motivar a súa clasificación, tendo en conta que as de maior rango terán prioridade sobre as de menos rango. Todas as peticións entrarán nun proceso de estudo  previo antes de poder activarse, polo que as solicitudes recibidas e aprobadas non será posible activalas normalmente antes do día 2 de decembro.

Carreira aberta xa tamén para os que non teñen dereitos preferentes
E que pasa con aqueles que queren rexistrar un .gal xa pero o dominio que lles interesa non cae en ningunha das categorías do Abrente? Tamén poden solicitar o dominio dende hoxe. Iso si, farano a través dun programa cun nome diferente, Carreira, e cun prezo base superior, 170 euros.

Os que decidan participar na Carreira teñen as vantaxes de aspirar a facerse con calquera enderezo .gal (non é necesario que proben ter algún dereito preferente sobre esa dirección como os de Abrente) sen ter que agaradar ao 2 de decembro. Daquela será, cando se abrirá o último prazo, a Fase Aberta, un período sen restricións e cando se adxudicarán os dominios por orde de chegada da solicitude.

González anima a aproveitar a oportunidade de rexistrar enderezos .gal
Durante o acto de presentación, o presidente de Puntogal animou a todas as persoas e entidades que teñen algún dereito sobre o seu enderezo de Internet a aproveitar a oportunidade de rexistralo baixo o dominio .gal de xeito preferente. O Presidente, tamén membro da Real Academia Galega, Manuel González dixo que “estamos convencidos de que nestes próximos meses se sumarán todos os dominios da administración   autonómica, da administración periférica do Estado, de todos os sindicatos, de todos os Centros de Ensino, de todas as Academias, de todos os colexios   e asociacións profesionais, dunha parte importante das nosas empresas e comercios, das asociacións culturais de base, de todos os concellos de Galicia”.

González e De Lorenzo tamén agradeceron á Real Academia Galega o apoio prestado no proceso de solicitude do dominio .gal, e a súa axuda na organización desta presentación, na que tamén participou Xesús Alonso Montero, presidente da RAG.

PuntoGAL lanza agora estes novos períodos de solicitude tras completar con éxito o Programa Pioneiros. A maioría dos 93 enderezos pioneiros adxudicados na véspera do 25 de xullo xa está activo. A Asociación manifesta o seu agradecemento aos Pioneiros que activaron xa os seus enderezos, e anima a facelo aos que aínda non os activaron. Tamén indica que existe un número moi reducido de Pioneiros pendentes de activar por causas alleas á Asociación ou ao propios pioneiro, pois ICANN impuxo sobre eles certas salvagardas especiais sobre as que puntoGAL está a traballar para que se poidan levantar o antes posíbel.

Grazas polo masivo e ininterrompido apoio recibido estes sete anos

A Asociación puntoGAL está formada por 114 organizacións de todos os sectores sociais; incluídas as principais institucións culturais do país, as tres universidades, medios de comunicación, empresas de tecnoloxía, centros de galegos no exterior e ducias de asociacións culturais de base. Durante os seus oito anos de traballo continuado gañouse o apoio de máis de 12.000 persoas, apoio que foi fundamental para que ICANN aprobase a candidatura en 2013 e delegase o dominio esta primavera. A todas estas persoas e institucións, puntoGAL quere darlles as grazas unha vez máis. O domino é voso.

Fonte: PuntoGal

ICANN e puntoGAL asinan o contrato de creación do .gal

A ICANN, a corporación que goberna as direccións da Internet, acaba de asinar o contrato de creación do dominio .gal. O documento rubricado entre a ICANN e a Asociación Puntogal significa a culminación de sete anos de traballo nos que toda a sociedade galega se uniu para conseguir un distintivo de máximo nivel na Internet. Dende este venres, puntoGAL xa non é un candidatura, é o operador dun rexistro da Internet.

A Asociación puntoGAL comeza agora unha serie de probas técnicas obrigatorias antes da apertura do rexistro de direccións. Grazas a este contrato, os dominios .gal poderán comezar a rexistrarse  a comezos de 2014. Proximamente puntoGAL detallará cada unha das fases nas que estará dividido este proceso. Poucos meses despois poderase navegar por direcións .gal .

O documento publicado na web da ICANN fixa que o .gal nace para servir a comunidade lingüística e cultural galega. O contrato establece  que este grupo está formado por aqueles que “usen -ou comprométanse a usar- o galego nas súas comunicacións en liña, ou promovan os diferentes aspectos da cultura galega na rede ou dirixan especificamente as súas comunicacións e servizos a esta comunidade”.

Trátase do primeiro dominio de Internet aprobado para un grupo lingüístico e cultural dende a aprobación do .cat en 2005. Un fito histórico que aportará beneficios económicos, culturais e simbólicos ao país.

O feito de que as webs podan identificarse cun .gal contribuirá a aumentar o prestixio da sociedade galega, da súa cultura e do seu idioma, aumentando a autoestima entre os propios falantes e o interese polo noso idioma entre a comunidade internacional. Os portais web mellorarán a súa posición nos buscadores e o seu tráfico aumentará.

No económico, .gal servirá para que o diñeiro que hoxe se marcha do país ao rexistrar outros dominios (.com, .net), etc quede en Galicia xerando coñecemento e riqueza. O contrato asinado por ICANN establece que puntoGAL é unha organización sen ánimo de lucro, que reinvestirá todos os beneficios en fomentar o galego nas novas tecnoloxías.

Superado o desafío proposto en 2006, puntoGAL quere agradecer o alento sostido das principais entidades e instucións galegas en todo este tempo así como o apoio constante da administración autonómica e os premios recibidos nas últimas semanas (Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua, premio San Martiño do Concello da Estrada e nominación ao Premio do Público no culturGAL).

Agora ben, nin estes premios nin o apoio dos poderes públicos tería sido suficiente de non contar co respaldado de toda a sociedade, que se uniu para lograr situar a súa lingua na primeira liña da Internet. O dominio é voso.

Fonte: Puntogal