Entradas

A evolución global da cifra de libros publicados en galego indica unha caída dun 52,4%

O seguinte informe ofrece datos da edición de libros en Galicia, a través dunha análise de diferentes aspectos que inflúen de xeito activo neste eido. O traballo elaborouse para presentarse na xornada “A lei do libro 2006 a debate” celebrada o 19 de abril de 2018 e organizada pola a Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega co gallo do Día Mundial do Libro e a Lectura, para avaliar o desenvolvemento da Lei do Libro e da Lectura de Galicia.

Nun principio, a partir da Estadística de la Edición Española de Libros con ISBN, amósanse datos en comparativa evolutiva dende o ano 2006 ata 2016 de todos os libros inscritos en ISBN na comunidade galega e, de xeito específico, dos que se publicaron en lingua galega nesa mesma década. Esta mesma fonte fornece información relacionada coas empresas editoras e a produción media destas.

O informe profunda nesta produción editorial de libros e folletos mediante o estudo do número de títulos publicados (sempre no ámbito territorial galego) e a observación daqueles que son publicados en galego, segundo a súa categoría temática. Neste caso a fonte utilizada é o INE, a través da Estadística de produción editorial de libros.

O número de empresas editoriais privadas galegas e agremiadas, así como os títulos e exemplares editados por estas constitúen outro dos aspectos analizados no informe, a través da información da Federación de Gremios de Editores de España, que tamén subministra datos evolutivos sobre facturación e dereitos de autor.

A actividade empresarial do sector é outro dos aspectos valorados neste traballo. Para a confección deste apartado e tras a consulta de diversas fontes, debúllanse os datos relativos aos ingresos de explotación, número de empregados e resultado dos exercicios económicos de librerías, empresas de artes gráficas e editoras.

O informe analiza igualmente a evolución da actitude da cidadanía galega na década 2006-2016 no concernente ao gasto en libros, a través das equivalencias xurdidas entre o gasto global en cultura e o gasto específico en libros, con atención ao gasto medio por fogar e por persoa, que facilita a Encuesta de Presupuestos familiares do INE.

O traballo complétase con datos sobre a Rede Pública de Bibliotecas de Galicia. A Xunta de Galicia como responsable desta rede proporciona a través da Consellería de Facenda información estatística sobre o gasto en adquisicións de libros e folletos, e tamén sobre aqueles orzamentos destinados á programas relacionados co sector do libro.

A seguinte gráfica representa a evolución do número de libros inscritos en ISBN publicados en galego. Destes datos pódese concluír que un 50,7% do total de libros inscritos en ISBN en Galicia en 2016 foron publicados en galego. Esta cifra supón unha
diferenza de 10,8 puntos porcentuais con respecto á do ano anterior, no que un 61,5% do total de libros inscritos no ISBN en Galicia foron publicados en galego. A evolución global da cifra de libros publicados en galego indica unha caída dun 52,4% de libros inscritos entre 2010 en 2016. O único aumento apreciase no ano 2014 no que se publicaron 337 libros menos (con reimpresións) e 296 (sen reimpresións). No obstante, a proporción de libros en galego sobre o total non mingua significativamente ao longo da serie.

Fonte: Consello da Cultura

 

 

IV Premio de microrrelatos “Mulleres progresistas”

Poderán participar todas as Mulleres que o desexen, de calquera nacionalidade ou cultura e maiores de 16 anos. Cada participante poderá presentar un máximo de 3 microrrelatos que deberán ir escritos en galego normativo.

O tema será libre, pero con especial valoración de aqueles que traten e reflexionen sobre os distintos aspectos da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes (corresponsabilidade, dereitos, empoderamento, etc.).

Enlazando o carácter reivindicativo coa vertente literaria, o microrrelato será por tanto de natureza narrativa e non de mera proclama. Teranse en conta por isto aspectos como a calidade literaria e a orixinalidade das obras.

Os microrrelatos deberán levar título e ter un máximo de 100 palabras (excluido o devandito título).

As obras serán orixinais e inéditas, non estando difundidas por ningún tipo de medio, nin en papel, nin electrónico. Se calquera dos microrrelatos presentados a este concurso incumprise tal requisito, recibira premio ou estivese pendente de resolución noutro certame, quedaría automaticamente descalificado. Tampouco serán admitidos aqueles microrrelatos que atenten contra os dereitos á intimidade, ao honor e á propia imaxe de terceiros/as ou que podan ter connotacións racistas, sexistas e/ou discriminatorias.

As autoras e as/os representantes legais (no caso de minoría de idade) responden ante a organización da autoría e orixinalidade do microrrelato, asumindo a súa total responsabilidade e deixando á Asociación Mulleres Progresistas a salvo fronte a reclamacións de terceiras persoas neste sentido.

Segundo o número e calidade dos microrrelatos recibidos designaranse até 10 finalistas, entre as que se elixirán os premios do certame:

1º Premio: 300 €, figura e diploma
2º Premio: 200 € e diploma
3º Premio: 100 € e diploma

Presentación pública das bases en outubro de 2015.

Os traballos presentaranse no formulario que consta na web da asociación (www.mulleresprogresistas.org), apuntando tamén o nome, apelidos, DNI, data de nacemento, enderezo postal, enderezo electrónico e teléfono de contacto. No caso das participantes menores de idade, no momento de aceptar as presentes bases, terán que estar asistidas pola persoa que ostente a súa tutela legal, quen deberá encher os apartados correpondentes do formulario de envío dando o seu consentimento.

O prazo de admisión para a recepción de traballos péchase ás 23:59 horas do 25 de novembro de 2015. Non se admitirán traballos fóra dese prazo, nin sequera por un retraso de minutos.

MÁIS INFORMACIÓN

Se queres ler os [Premios de Relatos ‘Mulleres Progresistas’ 2007-2011] podes facelo no título OBRAS BREVES DE IMAXINACIÓN.

Hai un 37,5% de mulleres dentro do sector TIC de Galicia

As mulleres representan o 37,5% do total de traballadores do sector TIC (Tecnoloxías de Información e Comunicación) galego, superando o promedio europeo, que se sitúa por baixo do 36%. A porcentaxe de mulleres empregadas no sector TIC de Galicia mantense estable nos tres últimos anos, aínda que cun boquete de 25 puntos porcentuales entre os homes e as mulleres.

A presenza das mulleres nas empresas tecnolóxicas galegas varía segundo a actividade desenvolvida. O dato máis positivo corresponde ás empresas de telecomunicaciones, nas que as mulleres representan o 46,4% do total de traballadores.

No outro lado da balanza están as comerciais TIC e as autónomas, que en ambos casos están nunha porcentaxe de ao redor do 30% respecto aos homes con este perfil profesional no sector TIC galego.

Foto

Fonte: El Correo Gallego

O Observatorio da Cultura Galega constata o retroceso da edición en galego

O número de títulos editados en galego “tocou fondo” no ano 2012, con 1.322 títulos editados. O galego está moi por baixo do catalán (9.326) e por primeira vez é superado polo éuscaro (1.810) en número de títulos. Aínda que o contexto xeral de caída é global para todas as linguas do Estado, “a lingua máis afectada é a galega”. Segundo os datos do Observatorio feitos públicos na internet, as empresas mantiveron a facturación previa, que en Galicia se incrementa lixeiramente no ano 2012, tanto na facturación total como na facturación en galego, ao contrario do que acontece no conxunto de España onde diminúe un 10,9% en relación ao ano 2011.  O informe do Observatorio tamén constata que o prezo dos libros foise incrementando todos os anos e que as vendas de libros se incrementaron no ano 2012 nun 28,7%, polo que “chama a atención que diminuira un 10,9% a facturación”. Polo que atinxe á destrución de emprego, o informe elaborado polo Observatorio indica que “é semellante e parella á do resto dos sectores económicos de Galicia”.

Ler máis

Fonte: AGE

David Pintor acudirá por cuarta vez á Feira de Boloña

A Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, a máis prestixiosa da Europa no xénero, chega o próximo 25 de marzo a súa 50 edición cun programa no que se inclúe unha mostra de artistas plásticos de todo o mundo para a que foi seleccionado o galego David Pintor.

O ilustrador participará canda 87 artistas entre os que só a ibicenca Violeta Lopiz pertence ao Estado Español. David Pintor comezou no mundo do humor gráfico a comezos dos anos noventa, formando canda o guionista Carlos López o dúo Pinto&Chinto. Ilustrador, humorista gráfico, pintor e caricaturista, no mundo da literatura infantil e xuvenil ten asinado un feixe de libros, dous dos máis recentes Almanaque musical e Compostela, os dous no selo Kalandraka. O primeiro ofrece un poema ilustrado por cada mes do ano e o segundo precorre con imaxes os lugares emblemáticos da capital galega á maneira dun caderno de viaxes.

Fonte: Sermos Galiza