Entradas

Preparadas para reclamar o desenvolvemento da Lei do Libro

Unha delegación formada por 65 persoas pertencentes ao sector cultural galego chegan este martes a Bruxelas para visibilizar a situación da cultura galega e denunciar que, “por ignorancia ou desinterese” das diferentes institucións, a nosa cultura está sendo “agredida” ao igual que “está sendo agredida a idea dunha Europa dos pobos, xusta e solidaria”. Así llelo explicou ás representantes da Comisión Europea, que recibirán o mércores á delegación galega dentro do Parlamento Europeo, no marco dunhas xornadas de exposición e debate organizadas pola eurodeputada Lídia Senra, representante de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe).

Antes da programación no Parlamento Europeo, as actividades dentro desta misión a Bruxelas comezaron xa este martes pola tarde, cunha gala de benvida no Centro Galego de Bruxelas La Tentation, con diferentes presentacións e actuacións artísticas galegas. No acto proxéctase o documental Porta para o exterior, coa presenza dos seus directores, José Ramom Pichel e Sabela Fernández. Tamén haberá un recital literario con Chus Pato, Oriana Méndez, Teresa Moure, Xabier Xil, Xavier Queipo e Xabier Cordal, acompañados por Abe Rábade ao piano. Tamén actuará Uxía, xunto a Sergio Tannus, Sani Cribeiro ou Isaac Palacín, e pechará o espectáculo Ruth Balbís.

Para o mércores serán as xornadas de debate e reivindicación sobre a cultura galega no Parlamento Europeo, que se prolongarán durante todo ese día e até o xoves ao mediodía. En diferentes mesas nas que se abordará a situación que atravesa a creación e distribución cultural galega, os dereitos da cidadanía a acceder á cultura e o dereito das e dos traballadores a vivir disto, a produción en lingua galega, a cultura de base, o patrimonio cultural, e tamén haberá tempo para intercambiar impresións con persoas de experiencias culturais doutras nacións sen Estado como son o País Vasco ou Irlanda.

…….

Fonte: Praza Pública

Os libros de textos estarán listos para o novo curso

ANELE anuncia nunha nota de prensa que os editores de libro educativo, malia o retraso dos novos currículos e a incertidume na que se viron obrigados a traballar, así como os custos de edición e produción que tiveron que asumir, os libros estarán listos para o novo curso.

A compra de libros mantense moi por debaixo da que había no comezo da lexislatura, cunha diminución do gasto medio por alumno de 18,50 euros. Malia non ter retorno económico, a edición de libros dixitais segue a incrementarse.

Os editores lamentan o escaso respeto á propiedade intelectual a aos contidos educativos por parte das diversas administracións.

O Informe de Evolución dos Prezos dos libros de Texto recolle ademais que os prezos, malia as dificultades e os tempos record que se viron obrigados a asumir, o prezo dos libros terá un incremento semellante ó do ano 2014( 1,05%), nun  contexto de repunte dos prezos do papel, que permanecera estable en anos anteriores e  menor gasto en material de esino.

O informe fai fincapé na importancia que ten a evolución do gasto real das familias en material educativo e na práctica desaparición das axudas públicas. O gasto en exemplares por alumnos descendeu dun 7,13%  a un 4, 94%, dende o ano 2008.

Fonte: AGE

Os 7 libros gañadores dos Premios da Edición serán o agasallo de #eusiqueleo

Ata o 20 de abril os lectores e lectoras que o desexen poden participar na campaña posta en marcha pola Asociación Galega de Editores #eusiqueleo, unha iniciativa que pretende visualizar a toda aquela xente que emprega parte do seu tempo de lecer na lectura, os que se esforzan para estar ben documentados e gozan co saber e os que len polo pracer de ler, para soñar, viaxar ou acompañar aos pequechos na súas aprendizaxes.

Os 7 títulos dos Premios da Edición

O lote de 7 libros gañadores dos premios da edición entregados en Pontevedra será a recompensa por enviar a mellor foto do libro que estás a ler, fotografarse con el ou coa mascota que o lector queira. Compartir esa foto nas redes sociais da AGE co hastag #eusiqueleo, ten premio. Se non se conta con perfil nas redes sociais tamén se pode participar enviando a imaxe ao correo eusiqueleo@gmail.com.

Trátase de buscar a complicidade dos lectores para poñerlle imaxinación a este #eusiqueleo que organizaron, deseñaron e dinamizan a Asociación Galega de Editores e Illa Bufarda. Colabora a Consellería de Cultura.

O lote de libros

A viaxe de Gagarin, de Agustín F. Paz; O soño galego de Julio Cortázar, de Francisco F. Naval;  Estrela do Norte, de Luís Rei; Leviatán, de Ramón Trigo; Escarlatina a cociñeira defunta, de Ledicia Costas; As floriñas de S. Francisco, traducido por Darío Xohán Cabana; As mulleres galegas. Das marchas nómadas ás marchas mundiais das mulleres, de Pepe Carreiro.

Propostas da AELG para o Día Rosalía de Castro 2015

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) promove desde 2010 a conmemoración o 24 de febreiro, aniversario do nacemento da autora, do Día de Rosalía de Castro, data na que esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor.

Nos últimos anos foron varias as accións promovidas desde a AELG que contaron con grande aceptación e impulso por parte da sociedade e, moi especialmente, polo sector educativo, tal e como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da  web da AELG.

Neste 2015 a AELG propón celebralo baixo o lema “Eu son Rosalía” e convidamos os centros escolares, institucións, movemento asociativo, persoeiros da cultura galega e a todos os particulares que se quixeren sumar, a realizaren actividades encamiñadas a afondar na diversidade temática da obra rosaliana, de modo que cada persoa descubra con cal das múltiples sensibilidades da autora se sente máis identificada, e así poder comunicárnolo gravando en vídeo unha frase que comezaría por “Eu son Rosalía porque/cando/para…”

A idea é que os lugares nos que se filme esa breve declaración, de contido libre e persoal, sexan escenarios da vida cotiá, de ser posíbel, especialmente os ámbitos laborais, en conexión con boa parte da poesía rosaliana, vinculada ao traballo e á vida diaria.

En calquera caso, serán moi benvidas todas aquelas propostas orixinais que se nos fagan chegar para difundir desde a web da AELG, que poidan experimentar coa combinación dos formatos audiovisual e musical.

A AELG pon a disposición da cidadanía os seus medios dixitais de comunicación e difusión nas redes sociais para recompilar todas aquelas ligazóns que aloxen os contidos das actividades de celebración desta data, para amplificar así a súa visibilidade. O enderezo electrónico ao que enviar as ligazóns é oficina@aelg.org.

Por outra banda, desde 2011 a AELG vén solicitando aos concellos que declaren o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro, e así o fixeron nun número de 33, sumándose tamén as Deputación da Coruña e Lugo. A AELG seguirá a facer chegar aos plenos unha moción neste sentido solicitándolles que recollan esta celebración nas súas programacións culturais.

AELG está elaborando o seu manifesto anual para esta celebración, que se lerá o domingo 22 de febreiro no acto central no Panteón de Galegos Ilustres; e para o 24 de febreiro promoverá, a través da súa base asociativa, outros en diversas cidades e vilas do país, alén de propoñer unha franxa horaria e un cancelo (#) para compartir nas redes sociais as particulares homenaxes á insigne poeta galega Rosalía de Castro, voz para todo o presente porque “Todas somos Rosalía!

Fonte: Axenda Cultural AELG

Reflexións sobre O libro e a lectura nos medios

Algunhas das bibliotecarias asistentes á décimo primeira edición do Simposio O libro e a lectura amosaron públicamente  que sentían que era a edición máis triste das máis de 9 nas que tiñan participado como público, e non pola ausencia de público atento, máis de 60 persoas, que nunca decepciona e, con independencia dos temas a tratar, enche o auditorio do Consello da Cultura Galega, desprazándose dende  Ourense, Lugo ou A Coruña, senón pola derruba que se percebe cando son xornalistas os que teñen que falar da realidade da información cultural e dos medios tradicionais e a súa atención aos sectores da cultura do país.

Elementos para a reflexión 

A xornada deixou interesantes argumentos para a reflexión de todos os axentes culturais implicados nos procesos de comunicación cultural: Que os axentes do  libro e a lectura teñen que adaptar as súas estratexias á segmentación das audiencias, outra realidade na que todos os intervintes coincidiron e que vén de constatarse nos datos ofrecidos por Manuel Gago, director de culturagalega.org. Que público cultural é variado e heteroxéneo e pode compartir ou non a súa afición pola música coa afición coa lectura, outro si acontece co cine e outros produtos adiovisuais. Que o libro debe estar atento ao nichos de mercado, bucear entre o mar das redes sociais para achegarse aos seus lectores e calibrar o protagonismo que foron cobrando os  blogueiros, xornalistas, críticos, etcétera, como mediadores cos lectores. Que o xornalismo cultural ten que contar con profesionais formados e os responsables dos medios, públicos e privados, democratizar os procesos de información prestando atención ás necesidades culturais da audiencia. Que o xornalismo, sexa por precario ou por banalizar a información cultural, non está respondendo ás actuais demandas socioculturais. Que os medios tradicionais están perdendo influencia en favor doutros recursos comunicativos, moito máis participativos e atentos aos cambios sociais.

Os xornalistas participantes amosáronse moi pragmáticos e realistas no que atinxe á valoración da situación pola que atravesan os medios tradicionais  e recoñeceron as dificultades dos contidos culturais para  facerse cun oco nos seus espazos, tendo tamén en conta a actual crise mediática e a relación entre contidos e publicidade. Os medios de comunicación máis pequenos, incluso unipersoais, con criterios pouco economicistas, moito máis centrados no traballo especializado e nesas audiencias segmentadas, desprenderon moito máis optimismo en canto ao futuro e as posibilidades da información cultural.

Fonte: AGE

Aberto o prazo de inscrición do XI Simposio O libro e a lectura nos medios

A edición número once do Simposio O libro e a lectura, unha iniciativa da Asociación Galega de Editores organizada por vez primeira no 2003, terá lugar o 20 de novembro no auditorio do Consello da Cultura Galega. O prazo de inscrición estará aberto até o 17 de novembro. O libro e a lectura nos medios será o tema baixo o cal 14 relatores expoñerán as súas  experiencias e propostas relacionadas coa realidade actual dos medios e a súa aportación e atención á lectura e o libro, cernes do coñecemento e a cultura. A entidade organizadora conta coa colaboración de  CEDRO, a  Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega.

Programa e inscricións              

O Simposio O Libro e a Lectura é unha actividade anual da AGE que sempre contou coa atención e o interese de numerosos profesionais e axentes relacionados co libro de toda Galicia. Por este foro de reflexión e debate pasaron numerosos especialistas e profesionais de todo o abano do libro e a lectura, tamén do eido internacional: Bibliotecarios, editores, libreiros, distribuidores, profesores, expertos en propiedade intelectual, comercio internacional, marketing, redes sociais, novos soportes de edición, feiras profesionais do libro, etcétera. A experiencia das dez edicións anteriores augura un novo éxito de público atento e interactivo, que refresca sempre os debates e prantexa as cuestións máis candentes e sustanciais. Inscrición gratuíta.

Adianto do programa

Descargue a folla en pdf

Descargue a folla en word

FONTE: AGE

Aberto o prazo de inscrición do XI Simposio O libro e a lectura nos medios

A edición número once do Simposio anual  O libro e a lectura, unha iniciativa da Asociación Galega de Editores organizada por vez primeira no 2003, terá lugar o 20 de novembro no auditorio do Consello da Cultura Galega. O prazo de inscrición estará aberto até o 17 de novembro.  O libro e a lectura nos medios será o tema baixo o cal 14 relatores expoñerán as súas propostas e experiencias relacionadas coa realidade actual dos medios e a súa aportación e atención á lectura e o libro, cernes do coñecemento e a cultura. A entidade organizadora conta coa colaboración de  CEDRO, a  Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega.

Programa e inscricións              

Durante nove edicións o Simposio contou cun amplo programa repartido en dúas xornadas, celebradas sempre un xoves e un venres do mes de novembro de cada ano. Motivos de carácter orzamentario obrigaron á redución dos contidos á metade. Por este foro pasaron numerosos e sobranceiros especialistas e profesionais de todo o abano do libro e a lectura: Bibliotecarios, editores, profesores, expertos en propiedade intelectual, comerico internacional, marketing, redes sociais, novos soportes de edición, feiras profesionais do libro, etcétera. A experiencia das dez edicións anteriores augura un novo éxito de público atento e interactivo, que refresca sempre os debates e prantexa as cuestións máis candentes e sustanciais.

O prazo de inscrición para esta xornada do 20 de novembro comeza o día 27 de outubro e remata o 17 de novembro.

Adianto do programa

Fonte: AGE

O libro e a lectura nos medios será o tema do XI Simposio da AGE

A edición número once do Simposio anual  O libro e a lectura, unha iniciativa da Asociación Galega de Editores organizada por vez primeira no 2003, desenvolverase o 20 de novembro no auditorio do Consello da Cultura Galega. O libro e a lectura nos medios será o tema baixo o cal 14 relatores expoñerán as súas propostas e experiencias relacionadas coa realidade actual dos medios e a súa aportación e atención á lectura e o libro, cernes do coñecemento e a cultura. A entidade organizadora conta coa colaboración de  CEDRO, a  Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega.

Programa e inscricións              

Durante 9 edicións o Simposio contou cun amplo programa repartido en dúas xornadas, celebradas sempre un xoves e un venres do mes de novembro de cada ano. Motivos de carácter orzamentario obrigaron á redución dos contidos á metade. Por este foro pasaron numerosos e sobranceiros especialistas e profesionais do abano do libro e a lectura. Bibliotecarios, editores, profesores, expertos en propiedade intelectual, comerico internacional, marketing, redes sociais, novos soportes de edición, feiras profesionais do libro, etcétera. A experiencia das dez edicións anteriores augura un novo éxito de público atento e interactivo, que refresca sempre os debates e prantexa as cuestións máis candentes e sustanciais.

O prazo de inscrición para esta xornada do 20 de novembro comeza o día 27 de outubro e remata o 17 de novembro.

Adianto do programa

Fonte: AGE

O informe de Comerio Interior do Libro reflicte a redución das cifras do sector

Manolo Bragado, editor, directivo da AGE e director de Xerais, resume en Bretémas os datos máis relevantes do sector editorial español e galego a través da información reflectida polo  informe Comercio Interior del libro en España 2013, o estudo de referencia sobre o estado do sector editorial privado encargado pola Federación de Gremios de Editores de España e elaborado cos datos proporcionados polos diversos editores. Un informe que no conxunto do sector español amosa no pasado ano 2013 unha significativa redución das vendas do 11,7 % (2.181,97 millóns de €), o que supón 289,51 millóns de € menos ca o ano anterior; unha perda do 9,6 % dos exemplares vendidos (153.828), 16,4 millóns de exemplares menos vendidos no mercado interior; un decrecemento do 3,5 % no número de títulos editados  (76.434) e dun 12,1 % dos exemplares fabricados (246 millóns), trinta e seis millóns de exemplares menos ca en 2012. Cifras que se tomamos como referencia 2008, o ano de inicio da crise, supoñen unha redución das vendas do 31,70 % (máis de mil millóns de €) e do número de exemplares producidos do 27,1 % (85 millóns menos), sendo o número de títulos editados (76.434) semellante ao do ano 2009. O sector da edición española en cinco anos de crise perdeu un terzo da súa facturación e da súa tirada, un severísimo exercicio de enmagrecemento.

Os títulos dos editores galegos baixan un 10%

No caso da edición galega privada, a realizada polos membros da Asociación Galega de Editores, os principais indicadores tamén presentan no seu conxunto considerables reducións. O número de títulos publicados polos editores privados galegos baixa un  10,9 %, pasando dos 1.888 de 2012 (1.458 en galego, 397 en castelán e 34 noutras linguas) aos 1.682 de 2013 (1346 en galego, 315 en castelán e 21 noutras linguas). Tendencia á baixa que se produce tamén no caso do número de exemplares fabricados que en 2012 foron 2.426.000 e en 2013 2.275.000, o que supón unha redución do 6,22 % (151.000 exemplares). Cifras que paradoxicamente levan á que a tirada media do libro publicado en Galicia por editores privados se incremente nun 5,21 %, pasando dos 1.285 exemplares por título de 2012 aos 1.352 de 2013.

A edición en galego de editores privados acadou en 2013 os 1.747 títulos (1.346 publicados en Galicia, 324 en Madrid e 78 en Cataluña), o que supón unha redución do 5,46 %, xa que en 2012 os títulos foron 1.848 títulos (1.458 publicados en Galicia, 334 en Madrid e 55 en Cataluña). Cifras que expresan que no último ano o 77,0 % do libro en galego é editado en Galicia, o 18,54 % polos membros da Asociación de Editores de Madrid e o 4,46 % polo Gremi d’Editors de Catalunya. Datos que amosan, ademais, que os editores galegos reduciron nun 7,68 % os títulos en galego, que pasan dos 1.458 de 2012 aos 1.346 de 2013. Redución que no caso dos exemplares fabricados é do 6,15 %, pasando dos 1.917.000 de 2013 aos 1.799.000 de 2013 (118.000 exemplares). Cifras que sitúan a tirada media do libro editado en galego por editores privados en 2013 en 1.378, o que supón un incremento do 4,7%, sendo tamén un chisquiño superior á tirada media do libro editado en Galicia, 1.394. O catálogo do conxunto do sector acadou en 2013 os 13.945 títulos, aumentando un 4,91 % con respecto ano anterior (13.292). O catálogo do libro en galego situouse en 2013 nos 11.332 títulos, o que supón un incremento do 4,62 % con respecto a 2012 (10.804).

Como xa antes adiantamos a facturación do comercio interior do libro en España foi no ano 2013 de 2.181,97 millóns de euros, dos que o estudo estima corresponden a Galicia o 6,4 %  (un incremento de catro décimas sobre o ano anterior), 139,646 millóns de €, o que supón unha redución do mercado do libro en Galicia do 5,82 % (8,63 millóns de euros), en todo caso inferior á do conxunto do estado.

Outro -10,42% na facturación

A facturación das editoras privadas galegas foi de 24,66 millóns de €, unha redución do 10,42 % con respecto ao ano anterior (27,53 millóns de €). O estudo estima que a facturación do libro editado en galego en Galicia foi de 20,49 millóns de €, unha redución do 5,05 % con respecto a 2013 (21,58 millóns de €). Tanto no caso do libro editado en Galicia (24,66 millóns de €) como o editado en galego (20,49 millóns de €), as librarías independentes continúan sendo a canle de facturación privilexiada, nun 61,0 % no primeiro caso (15,04 millóns de €) e nun 58,30 % no segundo (11,94 millóns de €). Dos datos pode estimarse que as librarías e as cadeas de librarías galegas durante o ano 2013 venderon 85 millóns de €, o que supoñería que o 17,69 % das súas vendas corresponderon a libros editados en Galicia e  o 14,04 % a libros en galego editados en Galicia. As vendas do libro en Galicia teñen un forte carácter estacional, concentrándose nun 61,8 % no segundo semestre do ano. No que atinxe ao pagamento de dereitos de autor, en 2013 foron 1,39 millón de € (o 5,30 % das vendas), unha diminución do 6,71 % con respecto a 2012, ano no que os editores galegos pagaron aos seus autores 1,49 millón de € (o 5,20 % das vendas).

Se cruzamos estas cifras de facturación, obtemos que a cota de mercado en Galicia dos libros editados polos membros da Asociación Galega de Editores foi en 2013 do 17,65 %, o que supón unha lixeira dimunición con respecto a 2012 (18,56 %). A cota de mercado do libro editado en galego sería o 14,67 %, o que supón un incremento do 0,12 % con respecto ao ano anterior, supoñendo como xa adiantamos para a canle libreira o 14,04 % da súa facturación.

A redución acumulada dende o ano 2008 é do 26,16% 

Se relacionamos estas cifras de facturación coas de 2008, ano no que a facturación do sector acadou os 33,04 millóns de €, a redución foi do 26,16%, o que estimamos que a prezos constantes supoñería unha porcentaxe arredor do 30 %. No caso da edición en galego, sendo a facturación en 2008 de 23,27 millóns de €, a máis elevada até hoxe, a redución é do 8,61 %. No caso do volume de edición, o número de exemplares fabricados, tanto para a edición en Galicia como para a edición en galego, continúa sendo inferior ao de 2008.

O estudo de Comercio Interior de 2013  estima que, despois da forte redución do persoal no ano 2012 (un 19,40 % dos cadros de persoal) en 2013 non se produciu perda de emprego no sector editorial galego, sendo 189 persoas as que traballan nas empresas da Asociación Galega de Editores das 12.241 do conxunto do sector no estado. O informe sinala que en Galicia son 40 as empresas participantes no estudo das que o 52,6 % forman parte dun grupo editorial.

Concluíndo. O sector da edición privada en Galicia, que forma parte da Asociación Galega de Editores, no ano 2013 continuou reducindo o seu número de títulos nun 10,9 %, o de exemplares fabricados nun 6,22 % e a súa facturación nun 10,42 %, valores semellantes ás do conxunto do sector. No caso da edición en galego, está redución tamén se produce, aínda que sexa de forma máis moderada, xa que os títulos decreceron nun 5,46 %, os exemplares nun 6,15 % e a facturación nun 5,05 %.

Fonte: AGE

Inauguración da tempada de outlets do libro

A nova tempada de outlets do libro comeza este mesmo sábado, 4 de outubro, na cidade de Pontevedra. A actividade, organizada pola Asociación Galega de Editores conta coa colaboración do Concello de Pontevedra e desenvolverase na Café Moderno (Centro Social A Fundación). Nesta nova edición conta coa participación de 16 editoriais e poñerá á venda uns 10.000 exemplares a prezos reducidos. Un 85% dos títulos ofertados terán un desconto en función do número de exemplares comprados. O 15% restante corresponde a edicións singulares que se ofertan a 5, 10 e 15 euros.

Un libreiro da cidade xestionará este espazo singular de venda temporal de libros. O Outlet permanecerá aberto ata o domingo 12 de outubro en  horario de 11 a 14h e de 17 a 21h.

Fonte: AGE. Foto