Entradas

Baía presenta este xoves ‘Mar…usía. Relatos salpresados’ en Lugo

Baía Edicións presenta o libro Mar…usía Relatos salpresados na Libraría Aguirre (Salvador de Madariaga, 1 – Lugo), este xoves, 14 de decembro ás 20:00 horas.

A presentación contará coa participación de de Pablo Mosquera, “Bígaro” (Presidente de ‘Os aventados’), Bernardo Penabade
(escritor), Belén López Vázquez (Directora Editorial de Baía Edicións) e co autor da obra, Paco Rivas.

Contido do libro: Colección de 15 relatos con protagonismo do mar e das súas xentes que respiran a mellor tradición do realismo fantástico e mostran unha lingua que procura recoller fielmente a fala da xente da Mariña luguesa, mesturada, no entanto, cunha prosa rica en matices e recursos estilísticos postos ao servizo do dramatismo das distintas historias.

Como manifesta o profesor, escritor e ensaísta Luís Alonso Gigardo, autor do prólogo da obra: «Velaquí un novo libro de Paco Rivas. Agora un libro de prosa narrativa, de historias do mar e dos mariñeiros, das faenas de pesca e das súas artes; do mar e dos seus misterios, dos naufraxios, das conversas nas tabernas; de barcos e barcas, da vida da xente. Todo no reducido ámbito dunha moi concreta xeografía: a Mariña luguesa, as costas e as augas do norte, Nois, Pena Orxal e outras penas. En Nois precisamente ten o seu pequeno reino privado Paco Rivas; a súa casa é unha pequena atalaia a carón do mar que el coñeceu dende neno e que aínda hoxe continúa a contemplar, a revivir e reinventar e, como non, a recrealo coas palabras […]».

‘Mar…usía’ en Compostela

Competindo con sete presentacións na cidade, Paco Rivas presentou onte con éxito na Libraría Couceiro a súa última publicación, Mar…usía. Relatos salpresados, unha clara homenaxe á xente do mar e, en especial, á de Nois, na mariña luguesa. Homenaxe que estende á linguaxe, cun abano de termos de clara influencia mariñá, que abarca a toponimia e as palabras de uso cotián no falar das xentes do lugar, algunhas case descoñecidas para o resto de galegas e galegos.

Arroupado polo prologuista e intúo tamén mentor, Luís Alonso Gilgado, quen dixo, entre outras verdades, que en Mar…usía “narrativa e lírica son a mesma cousa”, “dá a súa particular visión sensorial da realidade que evoca a poesía afrocubana de Nicolás Guillén”, así como indica as claras reminiscencias a Poe, Alberti ou Cunqueiro, e polo profesor, investigador e académico Francisco Fernández Rei, quen actuou como tal ao esmiuzar a terminoloxía empregada na obra, destacando o uso e “abuso” de sinónimos e xogos de palabras ao servizo do ritmo que impregna toda a obra.

Non sabemos se o exhaustivo traballo de recolla e espallamento da terminoloxía mariñá lle outorgará no futuro ao poeta e estudoso dos temas mariños Paco Rivas un lugar na Academia, como semellaba prognosticar a presenza neste acto de catro membros da Real Academia Galega, pero do que non temos dúbidas é que o autor é, a día de hoxe, o maior especialista en terminoloxía do mar da mariña luguesa.

Grazas a todas e todos os compañeiros de mesa, persoas asistentes e, como non, á Libraría Couceiro, anfitrioa indispensable do libro e a lectura en galego.

Nota da editora

Baía presenta este xoves ‘Mar…usía. Relatos salpresados’ en Santiago

Baía Edicións presenta o libro Mar…usía Relatos salpresados na Libraría Couceiro (Praza Cervantes, 6), este xoves, 23 de novembro ás 19:30 horas.
A presentación contará coa participación de Francisco Fernández Rei, da RAG, Luis Alonso Gilgado, prologuista, Belén López Vázquez, Directora Editorial de Baía e co autor da obra, Paco Rivas.

Contido do libro: Colección de 15 relatos con protagonismo do mar e das súas xentes que respiran a mellor tradición do realismo fantástico e mostran unha lingua que procura recoller fielmente a fala da xente da Mariña luguesa, mesturada, no entanto, cunha prosa rica en matices e recursos estilísticos postos ao servizo do dramatismo das distintas historias.

Hoxe celebramos o DÍA DAS LIBRARÍAS

Hoxe, 10 de novembro celebramos o VII edición do Día das Librerías. O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e a Confederación Española de Gremios e Asociacións de Libreros (Cegal) organizan conxuntamente unha campaña con motivo do Día das Librerías.

No día de hoxe as librarías aplicarán un desconto especial do 5%, permanecerán abertas ata as 22h e organizarán multitude de actividades culturais.

Baixo o lema “Deixa que che conten”, a xornada reivindica a capacidade de recomendación persoal do libreiro e as librarías como lugar de dinamización cultural.

Hoxe celebramos o DÍA DA BIBLIOTECA

O Día 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca. Van xa máis de dúas décadas desde que a Asociación Amigos del Libro Infantil y Juvenil propuxera esta data para facer fincapé nos beneficios destas institucións ao servizo da lectura, da cultura e da cidadanía. Posteriormente, o Ministerio de Cultura apoiou esta celebración e todos os anos edítase un cartel cun texto conmemorativo e realízase un acto de celebración oficial. O cartel e”pregón” deste ano 2017 pódese consultar AQUÍ.

O departamento de Educación da Consellería de Cultura, Educación e O.U, pola súa parte, vén publicando desde 2008 uns carteis que pretenden facer visibles as distintas oportunidades e posibilidades da biblioteca escolar, porque o Día 24 de outubro é tamén o DÍA DA BIBLIOTECA ESCOLAR, por ser esta unha biblioteca esencial xa que por ela pasa toda a poboación escolar dun país. Cada ano proponse un lema e encárgase a súa interpretación a un creador ou a unha creadora do fértil mundo da ilustración en Galicia. Xosé Tomás é o ilustrador que este ano achega a súa creación a todas as bibliotecas escolares do territorio galego. Aprender a pensar coa biblioteca escolar, o lema elixido nesta ocasión, convida ao aproveitamento dos recursos, dos espazos, dos tempos e das actividades que a biblioteca facilita a toda a comunidade educativa.

Nesta data, e diante dos momentos de cambios que sofren as bibliotecas, pode ser útil volver aos principios e lembrar ao matemático e bibliotecario hindú, Shiyali Ramamrita Ranganathan, quen en 1931 enunciou “as 5 leis da biblioteconomía”:

  1. Os libros están para usarse.
  2. A cada lector o seu libro.
  3. A cada libro o seu lector.
  4. Hai que aforrar tempo ao lector.
  5. A biblioteca é un organismo en crecemento.

Que non lle falten libros ao noso alumnado, que teñan tempos e oportunidades para usalos, que cada rapaz, cada rapaza, atope o libro (ou á persoa) que o vincule á lectura “de por vida”, e que as nosas bibliotecas escolares sigan vivas e sigan a desenvolverse en todos e cada un dos centros educativos de Galicia.

Chegan os especialistas a Baía!

Baía Edicións acaba de abrir unha nova colección ESPECIALISTAS con tres títulos:

O CORPO HUMANO

O TEMPO E AS ESTACIÓNS

OS CASTELOS

Estes libros presentados ao xeito dos documentais nos que un animal, que actúa como presentador, descobre e mostra ás nenas e aos nenos o universo apaixonante que nos rodea e períodos que foron conformando a historia da humanidade e, en concreto, de Europa.

Todos eles finalizan, como recapitulación do lido e aprendido, cun léxico que recolle os termos e/ou aspectos máis significativos tratados na publicación.

Un material que de seguro non deixará indiferente a nais/pais e educadores/as.

Este sábado volve “Chamando á terra”, programa da Radio Galega dedicado aos libros

A escritora e xornalista María Solar presenta este novo programa semanal “CHAMANDO Á TERRA” que se emitirá os sábados entre as tres e as catro da tarde e que abordará segundo explica o web da emisora “o mundo literario en galego, desde a produción ata a tradución, con recensións das novidades editoriais, con entrevistas a escritores e escritoras, con faladoiros e con atención a todos os xéneros e todos os públicos”. O espazo contará coas colaboracións de Montse Pena Presas, Malores Villanueva e Alba Cid para analizar as novidades nas letras do país.

 

O primeiro programa xa foi todo un éxito! Parabéns e a seguir falando de libros!

 

A NOSA TERRA É NOSA. A xeira das Irmandades da Fala obra finalista da Gala do Libro Galego 2017

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia dan a coñecer as obras finalistas da Gala do Libro Galego 2017, un galardón co que se pretende recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2016 en Galicia. As obras gañadoras, sen dotación económica, serán determinadas por un xurado externo e daranse a coñecer o vindeiro 20 de maio nunha Gala que terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

As obras que resultaron finalistas son:

Ensaio

  •  Os últimos carballos do Banquete de Conxo. De H. Alvarellos, X. Martínez, F. Singul, M. Souto. Alvarellos Editora – Consorcio de Santiago
  • A nosa Terra é Nosa!. A xeira das Irmandades da Fala… De Emilio Xosé Ínsua López. Baía Edicións
  • Lábrego con algo de poeta : biografía de Manuel María. De Mercedes Queixas. Editorial Galaxia
  • Oiko-nomía do xénero. Relato das clausuras. De Rebeca Baceiredo. Axóuxere Editora
  • O TTIP. Un cabalo de Troia contra a nosa soberanía. De VVAA. Edicións Laiovento

 

Narrativa

  • O espello do mundo. De Ramón Nicolás. Edicións Xerais de Galicia
  • Non é París. De María Canosa. Ediciones Bolanda
  • A ferida do vento. De Antón Riveiro Coello. Editorial Galaxia
  • Aqueles días en que eramos malas. De Inma López Silva. Editorial Galaxia
  • Non hai outro camiño. De Isaac Xubín. Edicións Xerais de Galicia
  • Todo canto fomos. De Xosé Monteagudo. Editorial Galaxia
  • O Alfaiate Portugués. De Francisco Javier Senín Fernández. Editorial Galaxia

Literatura Infantil e Xuvenil

  • A casa do medo. De Agustín Fernández Paz. Editorial Rodeira
  • Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta. De Ledicia Costas. Edicións Xerais de Galicia
  • O soño do Merlo Branco. De Agustín Fernández Paz. Ilustracións de Manolo Uhía . Edicións Xerais de Galicia
  • Marta e a píntega. De Eli Ríos. Ilustracións: Patricia Román. Editorial Galaxia
  • A soidade das medusas. De: Iria Collazo López. Editorial Galaxia

Libro Ilustrado

  • Canta connosco. De Óscar Villán. Kalandraka Editora
  • Marcopola 4. Avoa Power. De Jacobo Fernández Serrano. Edicións Xerais de Galicia
  • María Fumaça. VVAA. Ilustracións de P. Pastor. Editorial Galaxia
  • Presas fáciles . De Miguelanxo Prado. El Patito Editorial
  • Os lapis primos. De José A. Ramírez Lozano, Natalie Pudalov. OQO Editora

Iniciativa bibliográfica

  • De catro a catro. Manuscrito inédito. De Manuel Antonio. Edición de Anxo Tarrío Varela. Alvarellos-Consorcio de Santiago
  • Bolxeviques 1917-2017. VV AA. Edicións Xerais de Galicia
  • Será correcto? De Concha Blanco, María Canosa. Hércules de Ediciones
  • Aulas sen paredes. De Rosalía Fernández Rial. Edicións Positivas
  • Traxes na Galiza. Paula Gómez del Valle. Cunca Editora

Tradución

  • A boca pobre. De Flann O’Brienn. Tradución: Isaac Xubín. Rinoceronte Editora
  • Historia do nobre Ponto, que foi rei de Galiza e de Bretaña. Anónimo. Tradución: Henrique Harguindey Banet. Rinoceronte Editora
  • Cando os nenos din basta! De Francesco Tonucci. Tradución: Mónica Baleirón, Rut Vázquez. Kalandraka Editora
  • A contrafío. De Joris-Karl Huysmans. Tradución: Isabel Soto. Editorial Hugin e Munin
  • Laura das Neves e a sociedade literaria dos nove. De Pasi Ilmari Jääskeläinen. Tradución: Tuula Ahola e Tomás González Ahola. Urco Editora
  • O día da langosta. De Nathaniel West. Irmáns Cantoné

Poesía

  • Cinepoemas. De Claudio Rodríguez Fer. Ouvirmos
  • Rosa Tántrica. De Luz Pozo Garza . Alvarellos Editora
  • O cuarto das abellas. De Antía Otero. Edicións Xerais de Galicia
  • Suicidas. De Fran Cortegoso. Chan da Pólvora
  • A relixión do mar. De Xosé Iglesias. Instituto de Estudos Miñoráns

Teatro

  • A filla de Woody Allen. Pequenos actos pseudorrevolucionarios. O Furancho. De Santiago Cortegoso Calvar.Edicións Morgante
  • Nunca paraíso. Teatro breve 1973-2015. De Manuel Lourenzo. Edicións Xerais de Galicia
  • As terapias da doutora Ledicia. De Raquel Castro. Editorial Galaxia
  • Voaxa e Carmín. De Esther F. Carrodeguas. Difusora de Letras, Artes e Ideas
  • Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada. De Carlos Labraña. Editorial Galaxia

 Iniciativa cultural ou de fomento da lectura

  • Salón do Cómic da Coruña
  • Ciclo Vermú entre libros (Libraría Paz)
  • Chan da Pólvora
  • Espazo Lectura (Gondomar)
  • Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra
  • Festigal

Proxecto literario na rede

  • Brabádegos. Portal de Literatura infantil e xuvenil, de Romina Bal
  • Poética, de Fran Alonso
  • Os Bolechas
  • A Sega. Plataforma de Crítica Literaria
  • O país dos libros en galego
  • Caderno da crítica, de Ramón Nicolás

Xornalismo Cultural

  • Susana Pedreira
  • Zig-Zag
  • Ramón Rozas
  • Ana Romaní
  • Xiana Arias

A Gala do Libro Galego 2017 conta co apoio do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e Xunta de Galicia.

Fonte: AGE

A páxina web de Baía quedará inhabilitaba do 16-22 de marzo para presentarvos a NOVA WEB .GAL

Estimadas amigas e amigos,

Debido aos traballos de actualización de contidos e cambios na páxina web durante os días 16-22 de marzo, esta deixará de estar operativa. Baía Edicións con estes cambios únese aos apoios ao dominio galego .gal, no seu convencemento de que o mesmo é un contributo ao esforzo común de lograrmos unha maior visibilidade na rede ao galego e á nosa cultura.

Despois de sermos unha das primeiras editoras galegas en crear unha páxina web interactiva, onde, ademais de proporcionar información sobre os títulos publicados e a visualización das súas novidades mesmo antes da súa distribución e comercialización, Baía moderniza a súa web incorporando a posibilidade de comprar os seus fondos a través dunha nova TENDA WEB, moito máis áxil, de fácil acceso, interactiva e moderna. Terá un deseño web adaptable (responsive), sendo unha filosofía de deseño e desenvolvemento cuxo obxectivo é adaptar a aparencia das páxinas web ao dispositivo que se estea utilizando para visitalas. Hoxe en día as páxinas web vense en multitude de dispositivos como tabletas, teléfonos intelixentes, libros electrónicos, portátiles, PCs, etc.

Nesta tenda pódense visualizar as distintas coleccións e os libros que as compoñen, obter información básica de cada un dos títulos: autoría, ilustración, ISBN, páxinas, PVP, comentario da obra, imaxe da capa do libro etc. No caso específico das obras de creación literaria, tanto de adultos como infantil-xuvenil, inclúese un capítulo do libro en formato dixital, co fin de axudarmos aos usuarios da rede e futuros lectores e lectoras a facérense unha idea clara do conxunto da obra, como se se estivese remexendo nas obras que se atopan nas librarías, bibliotecas, espazos de lectura etc. Incluiremos tamén en cada un dos títulos un enlace á venda do libro en formato dixital dispoñibles en diferentes plataformas.

En breve, WWW.BAIAEDICIONS.GAL! 🙂

Baía Edicións presenta ‘O falar das fadas. Lingua, música e toponimia da Galiza’ na libraría Brañas

Baía Edicións convidan ao lanzamento do libro O falar das fadas Lingua, música e toponimia da Galiza, de Xosé Manuel Sánchez Rei, que terá lugar na Libraría Brañas (Rúa Doctor Fleming, 43 – Carballo) na próxima terceira feira, 7 de marzo ás 20:00 horas.

Intervirán, para alén do autor, Xosé Cotelo, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Belén López Vázquez.