Entradas

Paseo marítimo, aves… e contaminación

A Ría do Burgo (A Coruña) foise convertendo nos últimos anos nun importante enclave para a observación das aves: ao seu abeiro acode un numeroso e variado continxente de invernantes e especies migratorias en paso, entre as que destacan, por cantidade e variedade, as limícolas e mais as gaivotas.

Especialmente na parte interna, ao longo do paseo marítimo de Culleredo, dende Fonteculler ao Burgo é doado observar nos bancos de area, canda a marea baixa, ou na pequena marisma de Acea de Ama: Gabita (Haematopus ostralegus), diversas especies de limícolas (Pilros e Pilriños, Píllaras, Mazaricos e Biluricos), ardeidas como a Garza real (Ardea cinerea), a Garzota (Egretta garcetta), a Garza mediana (Bubulcus ibis), mesmo Cullereiros (Platalea leucorodia) e unha boa variedade de anátidas (parrulos, patos, gansos), mergullóns e gaivotas, que ás veces agasallan con rarezas chegadas da outra banda do Atlántico, como a Gaivota de Delaware (Larus delawarensis), por deitar un exemplo, ou do Norte Europeo.

O Picapeixe (Alcedo athis) e o Corvo mariño real (Phalacrocorax carbo) son outros dos habituais que os observadores de aves, cada vez mais frecuentes entre os paseantes, poden anotar nos seus cadernos de campo.

Porén, non é ouro todo canto reloce e o paseo marítimo e mais a riqueza ornitolóxica, non poden ocultar que, a Ría do Burgo, arrastra de vello moitos e serios problemas: contaminación difusa por deficiencia de saneamento, episodios puntuais de vertidos de índole diversa ou o marisqueo furtivo, fan que o estado ambiental da ría non sexa o desexábel, e iso a pesar da presión social e mais das autoridades da Unión Europea, que xa puxeron data límite ao proceso de saneamento das rías galegas.

A pesares de todo as distintas administracións (Concellos, Xunta, Estado) parecen non poñerse de acordo para acometer de vez a tarefa da rexeneración da ría, que permitiría non só mellorar a calidade ambiental do contorno, cousa importante de seu, senón tamén e de rebote, a explotación racional duns recursos (marisqueo, turismo e de lecer) susceptíbeis de  reactivaren a economía local, tema nada fútil nos tempos que corren. Mais recortes mandan, xa saben.

A Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo leva anos na leria: reclamando a atención das autoridades, o seu entendemento e coordinación para achegaren solucións a tanto abandono.

A última, que non ha ser por desgraza a derradeira, nestes días, que reclaman a inclusión dunha partida presupostaria de 2 millóns de €, cando menos, nos Orzamentos Xerais do Estado. O seu destino: o saneamento e rexeneración integral da zona, pois nada se consigna no Proxecto de Lei correspondente, nin para 2012 nin nos anos sucesivos, e isto a pesares das boas palabras, esperanzadoras e confiadas na axuda do “goberno amigo”, de certos alcaldes e mais Goberno autónomo.

Ao efecto andan a recoller sinaturas das cidadás e cidadáns que teñan a ben apoialos, así que xa saben, anímense, causas hainas, pero se cadra nin tan boas nin tan xustas… ou que lles collan tan de perto.

Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo

Texto: Calros Silvar

Un documental e unha páxina web renden homenaxe aos voluntarios do Prestige

A Asociación Profesional do Sector Turístico da Costa da Morte (APTCM) emprendeu a campaña Galicia en color para favorecer os reencontros do voluntariado que colaborou cos traballos de limpeza da costa galega tras o desastre do Prestige como agradecemento ao que fixeron hai unha década, e que agora vai completarse con Marea Blanca, un documental de Isabel Coixet que o vindeiro día 16 estrearase no Cine Callao de Madrid, podendo verse na Rede a partires do día seguinte.
Este documental de 30 minutos conta as historias e motivacións persoais de quen deixou o seu fogar, traballo ou tempo de vacacións para realizar o duro labor de recoller coas súas propias mans vertidos tóxicos que tinguiron de negro o litoral galego. Para contar esta historia Marea Blanca céntrase na voluntaria Soledad Méndez, que chegou dende Estremadura e decidiu quedar en Galicia para sempre tras iniciar unha relación con outro voluntario (que rematou cunha filla como froito, que leva por nome Alegría Fisterra). Coixet tamén fai un achegamento aos pescadores da Costa da Morte e a outra parella formada limpando a costa de Muxía (o galego Nacho Castro e a catalá Nuria Blanco).
Este proxecto enmarcado en Coronita Save the Beach non se limita a unha peza audiovisual, senón que tamén conta cunha plataforma en liña que está a construírse como un monumento virtual na honra dos colaboradores, e na que tamén pode verse a fotografía panorámica máis grande do mundo que amosa o estado actual dos 274 quilómetros de costa afectados, sobre os que se proxectan os nomes de moitos voluntarios xeoposicionando imaxes que tomaron durante a limpeza do vertido, de xeito que podemos ver o antes e o despois do enorme esforzo que serviu para salvar a costa.

Fonte: Codigocero

A Fundación Barrié de Vigo acollerá o pleno extraordinario da RAG con motivo do Día das Letras Galegas

A sede da Fundación Barrié de Vigo será o espazo que acollerá o tradicional pleno extraordinario que realiza a Real Academia Galega (RAG) con motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas o próximo 17 de maio, que este ano está dedicado á figura de Valentín Paz Andrade.

A cita, que estará aberta ao público, será ás 12.00 horas, e contará coa intervención de Xavier Vence Deza, Manuel Rivas Barrós, Ramón Villares Paz, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Xesús Alonso Montero e o peche do presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín.

Previamente, ás 11.00 horas, o concello de Vigo inaugurará unha placa dedicada a Valentín Paz Andrade no Edificio Sanchón, situada na rúa rúa policarpo Sanz, 22.

Fonte: GaliciaHoxe

A porcentaxe de obras dixitalizadas cae no mes de abril

A Axencia do ISBN rexistrou durante o mes de abril 6.220 títulos, cunha lixeira caída en relación ós meses precedentes. Tamén se produce unha diminución do número de obras dixitais, en relación ós meses anteriores. Nunha nota feita pública pola Federación de Gremios de Editores e pola propia Axencia do ISBN, as dúas organizacións manteñen que as editoriais, no seu conxunto, mateñen a aposta polo libro dixital, incrementándose o número de ebooks nos catálogos. No ano 2010 as obras dixitais representaron o 2,4% da facturación das empresas.

O 18% dos libros catalogados durante os primeiros catro meses do ano foron libros de ficción, un 11% correspondéronse con títulos didácticos e de infantil e xuvenil. Os estudos literarios e de humanidades acadaron o 16%.

A Axencia do ISBN, xestionada polo propio sector, ofrece datos mensuais do seu rexistro.

Máis información

Fonte: AGE

Defensa do Ensino Público inicia un calendario de mobilizacións contra os recortes

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público iniciará este martes, día 8, un calendario de mobilizacións contra os recortes educativos, segundo informaron os seus responsables coincidindo coa presentación da plataforma na bisbarra de A Coruña, na que volveron reclamar á Xunta que recorra o Real Decreto do Goberno por “invadir” competencias autonómicas.

En rolda de prensa, representantes da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), CIG, BNG, Comités e Galiza Nova presentaron os obxectivos da plataforma na bisbarra, coincidindo coa súa constitución oficial este luns.

Ao respecto, o voceiro da Plataforma, Xoán Costa, subliñou “o rexeitamento” da comunidade educativa ao Real Decreto do Goberno e esixiu á Xunta que non se aplique en Galicia. Ademais, instou o Executivo galego a que recorra unha normativa que non considerou “necesaria” e que, na súa opinión, “invade” competencias autonómicas.

Tamén informou do calendario de mobilizacións que levarán a cabo e que comezará este martes, día 8, con concentracións en 14 localidades galegas. No caso de A Coruña, terá lugar ás 19.30 horas na praza de Pontevedra.

Ademais de avalar a folga de estudantes convocada para o día 10, a Plataforma secundará encerros en diferentes centros educativos a partir do día 14 para culminar o 3 de xuño cunha manifestación en Santiago de Compostela, conxuntamente coa Plataforma en Defensa da Sanidade Pública.

Paralelamente, Xoan Costa sinalou que dende os claustros e consellos escolares dos centros educativos se remitirán á Xunta de Galicia e, en particular, á Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria escritos “para que non se apliquen estas medidas”, explicou.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, constituída o pasado 25 de abril en Compostela, conta co respaldo das ANPAS de Ferrol, Lugo e Compostela, ÁS-PG, Comités e Liga Estudantil, Galiza Nova, BNG e CIG. Tamén mostraron a súa adhesión ANPAS do Morrazo, Vigo e Baixo MiÑO.

Fonte: GaliciaHoxe

A nova SGAE arrinca cunha esperada xunta en busca de presidente

A Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) inicia hoxe a súa nova era post-Teddy Bautista (anterior presidente) coa elección do seu sucesor. Os 39 membros da xunta directiva reuniranse en Madrid para decidir se ese novo capitán será o galego Antón Reixa, o compositor José M. Fernández Sastrón ou o cantante Miguel Ríos.

Preguntado sobre un posible acordo con algún dos seus adversarios, Reixa asegurou na tarde de onte que non ía facer declaracións ata hoxe. Ao seu favor, ten que logrou 14 escanos dos 39 da xunta directiva, conseguindo o maior número. Na súa contra, o seu opositor Fernández Sastrón presume de contar con máis apoios no colexio electoral dos intérpretes musicais, que se mostran como os máis influentes do colectivo.

Tampouco se coñece que fará Sastrón hoxe. Nun principio, negouse a apoiar a Reixa. Ao seu favor ten, segundo algúns internautas, o apoio de pesos pesados da música como Alejandro Sanz e un programa que promete unha revisión “completa da política cultural e asistencial”.

Pola súa banda, Reixa ve prioritario restaurar o diálogo cos consumidores, sentar as bases dos dereitos de autor en internet e recortar a débeda. Para o candidato galego, foi fundamental neste proceso de renovación a ruptura co pasado.

Fonte: La Opinión A Coruña

A Biblioteca Nodal de Lugo comeza a emprestar eReaders aos seus usuarios

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, asistiu hoxe á inauguración do servizo de préstamo de eReaders na Biblioteca Nodal, que permite aos usuarios do servizo levar ao seu domicilio un lector de libros electrónicos coma se fose un libro convencional, coa vantaxe de que pode empregarse para descargar outros títulos ou mesmo acceder a documentos persoais durante o tempo do préstamo.
Arias, quen estivo acompañada polo xefe do Servizo de Coordinación da Área Cultural da Delegación, José Carlos Rodríguez Andina, e a directora da biblioteca, Marisol González Regal, destacou a importancia deste novo paso da Biblioteca na introdución das TIC (o centro xa emprestaba ordenadores para a súa utilización nas súas salas) pois “a irrupción do libro electrónico é imparable, e totalmente compatible co goce do libro tradicional”.
A Biblioteca Nodal de Lugo dispón de 39 dispositivos de lectura, dos que 34 poderanse prestar a domicilio e os 5 restantes estarán destinados á consulta en sala. Cada eReader inclúe 957 obras da literatura universal precargadas, e os períodos de préstamo serán de 15 días renovables por outros 15.

Fonte: Codigocero

Xuventude Galicia Net convocou máis de 8.000 participantes

O Encontro Dixital Xuventude Galicia Net que organizou ao longo deste fin de semana en Santiago a Dirección Xeral de Xuventude pechou un ano máis as súas portas cun balance “moi positivo”, co paso polo Pazo de Congresos e Exposicións de máis de 7.000 persoas. A esta cifra súmanse os máis de 1.000 mozos e mozas que se inscribiron para participar durante os tres días na intranet.

Unha das iniciativas máis valoradas nesta edición foi o bloque temático dedicado ao emprendemento como saída fronte á crise. Máis de 500 participantes participaron ao longo de toda a semana para elixir os tres mellores proxectos, defendidos ante un xurado.

Ademais, a mesa redonda sobre o emprendemento e unha sesión de networking non convencional, na que mesturaron as técnicas de citas rápidas, foi todo un éxito, o igual cos relatorios, especialmente os de Enrique Dans e Leopoldo Abadía, con aforos completos.

Así mesmo, é preciso salientar que a oferta formativa foi a máis completa das trece edicións celebradas no Encontro de Xuventude Galicia Net. Abordouse un amplo abano de materias dirixidas para todos os públicos ao longo dos tres días, como, por exemplo, hacking ético, neuromarketing web ou redes sociais.

Con respecto á extranet, onde tiveron lugar as actividades ao aire libre, converteuse nesta edición nun punto de encontro de pais e fillos, mozos e mozas arredor das novas tecnoloxías.

As colas sucedéronse todo o fin de semana para acceder aos simuladores de golf ou tiro. Tamén houbo moita afluencia de público nos obradoiros de maquillaxe, no stand de consolas e no de ciencia divertida dirixida para os máis cativos.

Os amantes da arte tamén tiveron un oco no exterior do Pazo de Congresos no que o Graffiti foi o protagonista e dentro da party realizáronse, ademais, diversas actividades relacionadas co modding, hardware e overclocking. Así mesmo, destacaron os campionatos de xogos con pc´s como o de Counter Strike 1.6, League of Legends, Super Street Fighter 4, ProEvolution Soccer. Para competir sen os ordenadores, houbo lanzamento de CD, air guitar ou dobraxe, entre outras.

Por último, as noites temáticas de cine, a novidade desta edición da land party tamén foron un éxito. Xuventude Galicia Net non pechou as súas portas pola noite, ofrecendo de balde noites de cine temática.

Fonte: El Correo Gallego

A AELG entrega os seus galardóns a mellores obras do 2011

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou este sábado a Cea das Letras, onde fixo entrega dos seus premios anuais a obras e autores. Se a novela arousana de Antón Riveiro Coello Laura no deserto fíxose co premio a mellor narrativa, Agustín Fernández Paz continuou co seu ronsel de premios, recibindo o de mellor obra da literatura infantil e xuvenil por Fantasmas de luz. Os premios honorarios recaeron para os Equipos de Normalización Lingüística, na categoría de Institucións, e na de Escritor Galego Universal, para José Luis Sampedro.

Literatura Infanto-Xuvenil
Fantasmas de luz, Agustín Fernández Paz, Xerais.

Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011
Bieito Iglesias.

Mellor Blog Literario
As crebas, Miro Villar.

Tradución
Sonetos de Shakespeare, Ramón Gutiérrez Izquierdo, Xerais.

Narrativa
Laura no deserto, Antón Riveiro Coello, Galaxia.

Teatro
Chegamos despois a unha terra gris, Raúl Dans, Xerais.

Ensaio
Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, Mercedes Queixas Zas, Galaxia.

Poesía
Leopardo son, Pilar Pallarés, Espiral Maior.

Fonte: Culturagalega

Unha empresa galega, líder en vendas de aplicacións para Apple

Chámase Memorize Idi, foi creada pola empresa galega IDi Creative e colocouse líder de vendas no mercado español para o Iphone dentro das aplicacións de ámbito educativo. Desde o pasado xoves, cando está disponible para o teléfono e para Ipad, a devandita aplicación foi aumentando as descargas até colocarse líder logo de ser adquirida non só no conxunto do Estado, senón tamén en Francia, Italia e incluso Rusia grazas ás versións en distintos idiomas.

Memorize IDi transforma calquera número en sinxelas imaxes, o que permite “unha fácil memorización independentemente da cantidade de díxitos que conteña”, como explica a empresa nun comunicado. Francia, país de orixe do inventor da teoría na que se basea a aplicación, é o segundo país que máis xerou da app.

Para a creación deste enxeño, un equipo de programadores informáticos encabezados polo pedagogo galego José Ramón García Guinarte desenvolveu de forma tecnolóxica o antigo método creado polo matemático e astrónomo francés Pierre Hérigone no século XVII, consistente en converter os números en palabras, “fórmula que aínda a día de hoxe é a máis utilizada polos grandes prodixios da memoria para competir en campionatos mundiais, dado que permite desenvolver unha prodixiosa velocidade na retención mental de datos”.

O Memorize IDi, ou Calculadora Mnemotécncia, “multiplica a eficacia do antigo método ao transformar de forma automática calquera número en sinxelas imaxes, o que permite unha fácil memorización independentemente da cantidade de díxitos que conteña”. Deste xeito, a aplicación permite converter alquera usuario cun coeficiente intelectual normal nun xenio da memorización numérica tras un pequeno adestramento previo.

A empresa galega desenvolveu tres aplicacións diferentes para a tecnoloxía Apple adaptadas ao español, inglés e francés. Pódese descargar en calquera Iphone ou Ipad con tecnoloxía IOS a través de Apple Store e proximamente estará lista tamén para Android.

Fonte: Praza.com