Artigos

A Real Academia presenta a programación do 50 aniversario das Letras Galegas

“É a maior festa cultural de Europa”, dixo Méndez Ferrín na presentación da programación que a Real Academia Galega preparou para celebrar os 50 anos do Día das Letras Galegas. Un libro gratuíto para os estudantes de Bacharelato co información sobre os 50 autores, cincuenta microespazos na Televisión de Galicia no que os académicos “glosarán” a figura dos 50 escritores homenaxeados, un suplemento distribuído pola Voz de Galicia, “mil coleccións-exposicións de cincuenta carteis e a edición dun libro conmemorativo” para librerías, institutos e bibliotecas, e un acto cívico na Praza de María Pita que se celebrará o 16 de xuño, no que os escolares esparexerán sete “materias simbólicas” vinculadas ás casas de sete escritores e os alcaldes dos concellos nativos dos autores homenaxeados turnaranse para recitar textos,segundo informou El País.

Fonte: Culturagalega

Foto: Real Academia Galega

María Antón é a nova xerente do Consorcio de Santiago

María Antón Vilasánchez, antiga Directora Xeral de Turismo durante gobernos de Manuel Fraga, será a nova xerente do Consorcio de Santiago de Compostela, a entidade coparticipada polo goberno español, a Xunta e o goberno municipal que ter por finalidade promover e tutelar actividades de conservación do casco histórico de Compostela. María Antón substitú así a Xosé Manuel Villanueva, que deixara o cargo o pasado 31 de marzo.

Fonte: Culturagalega

Novas manifestacións contra o “brutal recorte” na sanidade e a educación

Máis de 1.500 persoas manifestáronse este domingo na protesta principal en Galicia de la Plataforma Social en Defensa do Estado de Benestar — unhas 8.000 segundo a organización, a Policía Local non achegou cifras — contra o “brutal recorte” na educación e sanidade emprendido polo Goberno do Partido Popular.

A marcha arrancou pasadas as 12.30 horas da Alameda Compostelana –á que se foron sumando xente a medida que pasaron os minutos– cunha pancarta de CC.OO. e UGT-Galicia na que se lía o lema ‘Coa educación e a sanidade non se xoga’, e na que se escoitaron cánticos como: ‘Manda carallo, nin dereitos, nin traballo’ ou ‘Con esta reforma imos de cú’.

En declaracións aos medios previas ao inicio da marcha de Santiago — en total realizáronse nove manifestacións en Galicia–, o secretario xeral de CC.OO. en Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión, cargou contra os “30 anos atrás” que supoñen os recortes en sanidade e educación, xa que “se retrocede en cada medida que adopta este goberno”. “Non imos tolerar que se remate co Estado de Benestar”, advertiu.

Así, Sánchez Aguión criticou que se faga “recaer sobre os máis débiles os custos da crise”, e chamou a atención sobre os “máis de 700.000 pensionistas” en Galicia que “van sufrir o medicamentazo”, unido a que as pensións galegas “son as máis baixas do Estado”.

Pola súa banda, o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, criticou os recortes “impostos polo eixe franco-alemán”, e pediu un “gran pacto” para que “os axustes non recaian sobre os traballadores”. “Se o non fan, a conflitividade social seguirá crecendo”, advertiu.

Neste sentido, Gómez cargou contra a reforma laboral e asegurou que os cidadáns “están perplexos vendo como se amnistían a grandes fortunas”, mentres “din que os impostos non chegan para manter o sistema sanitario público e a educación pública”. “Esta é unha mentira máis do Goberno de Mariano Rajoy”, criticou.

PACHI VÁZQUEZ EN DEFENSA DE MAIORES E ESTUDANTES

Na manifestación –á que acudiron diversos membros do PSdeG e Esquerda Unida–, o secretario xeral dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, recriminou que: “Este Goberno quere cargar a crise a nosos maiores, a nosos enfermos e fillos que están a estudar”.

Deste modo, Vázquez censurou que “a crise ten un responsable, que é o sistema financeiro especulativo”, ao tempo que ha asegurado que o PSdeG traballará en “impedir” que sexan os pensionistas e estudantes galegos “os que teñan que pagar unha crise que non depende deles”.

Por iso, emprazou o Goberno a que “se quere recadar máis diñeiro en Galicia” debe “aplicar impostos á banca, aos grandes patrimonios e ás grandes áreas que ten grandes beneficios”.

PASARÁ “FACTURA” A FEIJÓO

Preguntado sobre se a medidas de axuste pasarán factura ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, Pachi Vázquez remarcou que “iso nunca se sabe”, pero cre que “cando se comete unha inxustiza desta dimensión ten que ter factura”. “Cando lle queres cargar a nosos maiores algo do que non teñen culpa, ten que pasar factura”, agregou.

Todo iso, nunha manifestación que finalizou na Praza de Praterías en Santiago, onde o xornalista Luis Cristobo leu un manifesto en defensa dos servizos públicos, tras o cal se escoitou ‘A internacional’ e o Himno galego.

Fonte: GaliciaHoxe

Os Mestre Mateo reivindican a cultura por riba da crise e aúpan a ‘Arrugas’ e ‘Doentes’

A longametraxe de animación ‘Arrugas’ e a peza de ficción ‘Doentes’ foron os grandes triunfadores dos Premios Mestre Mateo 2012 ao alzarse con cinco galardóns cada unha nunha gala na que os participantes coincidiron ao reivindicar que, a pesar da crise, “a cultura importa”.

Nun comunicado, a Academia Galega do Audiovisual detallou que, ademais destes recoñecementos, a serie ‘Matalobos’ levou catro premios, o documental ‘Tras as luces’ outros tres, cifra galardóns que tamén recaeu na película para televisión ‘Condesa Rebelde’.

Estes recoñecementos, foron concedidos nunha gala repleta de discursos reivindicativos por parte dos organizadores, gañadores e polo propio guión de Ángel de la Cruz, interpretado por María Castro, a actriz encargada de presentar a gala á que asistiron máis de 900 persoas.

Segundo explicou a organización, un dos momentos cumio da celebración foi cando a presentadora se achegou ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, e sentada nas pernas do presidente da Academia, Antonio Mourelos, regalou ao político unhas tesoiras por se quería facer algún recorte máis.

PRINCIPAIS REIVINDICACIÓNS

A maioría dos galardoados coincidiron en solicitar ás institucións públicas que “sigan apoiando a produción propia”, posto que, como indicaron, o “audiovisual é un sector estratéxico que xera moitos postos de traballo e sentido de país”, explicou a institución cultural.

Neste sentido, Antonio Mourelos, sinalou que o audiovisual galego “está canso de ir de despacho en despacho” para dicir que é un sector “importante que dá traballo a moita xente”. “Quen o ten que saber xa sábeo e se non fai nada é porque non quere ou non lle deixan”, criticou.

Pola súa parte, Dolores Ben, premio de honra Fernando Rey deste ano, agradeceu o recoñecemento e destacou que “supón un estímulo” para seguir traballando”.

“O audiovisual é un sector estratéxico, cheo de xente nova e con talento, que son o futuro”, afirmou antes de considerar que se debe facer “unha política audiovisual clara e consensuada co sector para poder superar a situación actual”.

Fonte: GaliciaHoxe

Eiré engade ‘O penalti de Fuco’ á escasa presenza do fútbol na nosa literatura

A presenza do fútbol na literatura é tan escasa como a dos libros nos vestiarios, se é que o tópico é certo. Na nosa narrativa, esa escaseza é cuantificable: arredor de media ducia de títulos, salvo erro. Inaugurou o tema Manuel Rivas na súa primeira novela, Todo ben (Xerais, 1984) e seguiuna Lume de biqueira (Xerais, 1999) de Xosé Vázquez Pintor. Hai unha novela xuvenil, Déixao medrar (2000), de Silvestre Gómez Xurxo e un relato, de Xosé Miranda, Tarxeta vermella (2003). O fútbol está presente tamén no particular mundo narrativo de Xurxo Souto, e en galego están máis da metade das 58 pezas que conforman o recente libro colectivo Relatos sobre el derby Celta-Depor (Galinova, 2012). A esta aliñación de fútbol-sala (cuantitativamente falando) súmase agora O penalti de Fuco¸ de Afonso Eiré, editada por Baía.

Se o penalti máis longo do mundo que contou Osvaldo Soriano no relato dese título duraba unha semana, O penalti de Fuco dura un libro enteiro. Pítano na segunda páxina e tírano na derradeira. No medio está a historia dun porteiro de aldea, Paco Rodríguez, que non puido chegar a moito no mundo do deporte, e a do seu fillo, Fuco, que afronta ese penalti defendendo a portería do Real Madrid nun partido decisivo —cal non o é?— contra o Barça. Tamén están, canda a vida ficcionada dos dous porteiros, as reflexións de Eiré sobre ese planeta propio dos 11 contra 11.

Se hai un escritor futbolístico total, no senso deportivo, ese é Eiré. A maiores de saber de fútbol, como case todo o mundo e como calquera xornalista, pero algo máis, é un estudoso do deporte (publicou o ensaio O fútbol na sociedade galega en 1998), e como el di con ironía, “durante moito tempo fun practicamente o único de esquerdas que recoñecía que lle gustaba o fútbol”. Pero Afonso Eiré foi tamén futbolista profesional. Porteiro, como os dous escritores célebres—tamén os únicos— que foron xogadores, Vladimir Nabokov e Albert Camus (este mesmo profesional). Como se di na obra, un futbolista que non o é, un xogador que trata de impedir a esencia do fútbol, o gol.

De rapaz Eiré era, como o seu Paco Rodríguez, un dianteiro virulillas nos equipos das parroquias chantadinas, ata que lle romperon unha perna, e de meter goles pasou a tentar evitalos. Antes de cumprir os 20 anos, Eiré (ou Pucheiro, como figuraría probablemente na súa camisola de existir daquela a norma de poñer o nome nela) xogara en varios equipos de Terceira en Galicia e tamén en Madrid. Acabou no Rayo Promesas. “Non seguín polos estudos e porque, como me dicían os compañeiros ‘¿como pretendes entrar no Real Madrid sendo nacionalista?”, di Eiré. Tivo compañeiros como José Antonio Camacho. “Cando iamos a algunha manifestación dicíanos que nós non tiñamos problema porque eramos universitarios, pero el se o botaban do equipo tiña que volver ao campo. Ao de sachar”.

O penalti de Fuco é tamén unha descrición daquel mundo futbolístico no que pasaban casos como o de Pahiño (Manuel Fernández, nado en San Paio de Navia en 1923) que foi chamado á selección en 1948, contra Suíza. No descanso, un directivo, o tamén galego xeneral Gómez Zamalloa, arreoulles no vestiario unha arenga que rematou con un “ya sabéis, ¡cojones y españolía!”. Pahiño non puido evitar rirse ou non contestou o saúdo fascista (hai versións) e prohibíronlle participar no Mundial de 1950. “¡Qué se puede esperar de un futbolista que lee a Tolstoi y a Dostoievski!”, sentenciou o diario Arriba ao futbolista vigués (pai, por certo, do músico Nacho F. Goberna, fundador dos grupos pop Agrimensor K e La Dama se Esconde). O mítico gardamallas coruñés, Acuña, non foi á selección polo mesmo motivo. E tamén os non tan remotos casos, xa nos anos oitenta, do porteiro madridista Miguel Ángel, que agachaba galeguismo e lecturas. Ou de Pereira, o porteiro do Valencia ao que acabaron botando por dicir que apoiaba ao BNG.

Non soamente estaba proscrita a política. Santiago Bernabéu obrigou, en 1977, ao redondelán Rubiñán a escoller entre casar ou irse do club (escolleu seguir solteiro). E para compensar, na esquerda estaba moi mal vista ser futboleiro. “No segundo congreso da UPG presentei unha ponencia sobre deporte que non se puido discutir porque ninguén tiña idea do asunto. Bautista [Álvarez, actual presidente do partido e forofo madridista] non se atrevía a dicir nada”, recorda o autor.

Pucheiro, que é un veciño de Vigo que confesa o seu deportivismo e un nacionalista que recoñece o seu madridismo (“cando se fundou A Nosa Terra, todos os xogadores do Madrid puxeron cartos”), di sen embargo que o fútbol actual está a anos luz de aquel. “Hoxe España gobérnase economicamente desde os palcos do Bernabeu. As apostas clandestinas moven, segundo Foreign Policy, 500.000 millóns de euros ao ano, catro veces o que a industria farmacéutica. Xa entraron nelas as mafias asiáticas e as rusas. Iso é o que pode acabar co fútbol, como fixeron en Asia, onde o 70% dos partidos da liga de China están amañados”, reflexiona Paco no libro.

Non todo cambiou a peor. “Hoxe os xogadores son empresas, pero xa non é certo que sexan uns parvos que non lean”, consólanos o autor. O que sigue igual, di, é a actitude dos medios. “Hai unha omertà maior que coa Casa Real. E moito falar sen saber. O exemplo máis claro é o tópico de O medo do porteiro ante o penalti, de Handke. Un título moi bo, pero o protagonista é porteiro como podía ter sido outra cousa. Un porteiro non ten medo o penalti, o único que pode facer é ganar, porque o normal é que llo metan”.

Fonte: El País

82.800 hogares gallegos tienen todos sus miembros en paro

O paro subiu en 25.200 persoas no primeiro trimestre do ano en Galicia, en relación cos tres meses anteriores, un 10,48% máis, co que o total de desempregados sitúase en 265.600 e a taxa alcanza o 20,18%, de acordo cos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) difundidos este venres polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Con estas cifras 82.800 fogares galegos ten todos os seus membros en paro.

En toda España, o paro subiu en 365.900 persoas no primeiro trimestre do ano respecto ao trimestre anterior, un 6,9% máis, situándose o número total de desempregados en 5.639.500 persoas, cifra inédita ata agora para a economía española. En Galicia, que mantén a súa taxa de desemprego máis de catro puntos por baixo da estatal (esta última é do 24,44%), a comparación co mesmo trimestre do ano anterior mostra que o paro subiu en 39.000 persoas, o que representa un 17,23% máis.

Galicia sitúase como a sétima comunidade na que máis creceu o desemprego en termos relativos no primeiro trimestre, en relación ao anterior, aínda que é a quinta en termos absolutos. En canto á taxa de paro, hai nove comunidades cunha porcentaxe máis avultada que o galego e están por baixo Asturias, Cantabria, Castela e León, Madrid, Navarra, País Vasco e A Rioxa. Entre xaneiro e marzo destruíronse na Comunidade galega 22.400 empregos, de modo que os traballadores ocupados descenderon un 2,09% respecto ao último trimestre de 2011 e situáronse nun total de 1.050.500. Se se compara co primeiro trimestre do ano pasado, o número de postos destruídos é de 30.200 e a caída na ocupación do 2,79%. A taxa de actividade galega sitúase, deste xeito, no 55,51%.

Por sexos, hai máis homes desempregados (138.700) que mulleres (126.900), pero elas teñen unha taxa de paro superior, do 20,55%, fronte ao 19,85% no caso deles. Os datos da EPA mostran que no primeiro trimestre estaban ocupadas 490.300 mulleres, cunha taxa de actividade do 49,83%, por 560.100 homes, cunha taxa de actividade do 61,73%.

Ademais, a publicación do instituto estatístico recolle que entre xaneiro e marzo había en Galicia 2.370.700 persoas maiores de 16 anos, o que representa un 2.600 menos que no trimestre anterior, unha caída do 0,11%. Estaban activos 1.316.000, o que representa un incremento de 2.800 persoas no mesmo período, un 0,21% máis.

Fonte: El País

Código Cero celebra o seu I Foro Tecnolóxico e o seu 10º aniversario

O ano 2012 comezou coa publicación do nº 100 da revista Código Cero, que casualmente coincidiu cos 10 anos da nosa revista nas rúas, o que decidimos celebrar nun evento que tivo lugar hoxe no Auditorio da Biblioteca de Galicia sita na Cidade da Cultura, aproveitando a ocasión para celebrar a primeira edición dunha serie de foros tecnolóxicos que temos previsto celebrar nos vindeiros meses.

Para inaugurar os Foros Tecnolóxicos de Código Cero contamos coa presenza da directora da Axencia de Modernización de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, quen foi presentada aos asistentes polo sempre xenial Xavier Alcalá, un auténtico home do Renacemento que fixo un repaso da figura de Mar Pereira, rematando a súa intervención cunha simpática reivindicación: pediu á directora da AMTEGA que presidise o Partido Regresista Tecnolóxico Galego, que tería como principal obxectivo o regreso do talento tecnolóxico galego espallado polo mundo.

Pereira, pola súa banda, analizou o papel e os retos da Administración pública ante a rápida evolución da sociedade dixital e a importancia e potencial do sector tecnolóxico como elemento tractor no actual contexto económico, repasando as medidas que figuran na Axenda Dixital de Galicia para acadar tales obxectivos.

A responsable da área tecnolóxica da Xunta asegurou que a modernización que están a vivir as Administracións Públicas son consecuencia da crecente demanda dos cidadáns, que buscan minimizar a burocracia, o que precisa de importantes investimentos tanto en tecnoloxía como en capital humano, polo que avanzar neste eido é un reto ambicioso que agardan superar grazas á planificación a longo prazo que definiron dende o Executivo autonómico, apostando tamén pola centralización destes recursos na AMTEGA, o que podería supor un importante aforro económico a distintos niveis.

Pereira tamén lembrou que está a pórse en marcha un novo Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta de Galicia, que permitirá un mellor aproveitamento de recursos, así como facilitará ao sector público o desenvolvemento de proxectos innovadores que contribúan a dinamizar o noso sector TIC.

Tras a intervención de Mar Pereira, quen tamén pecharía o encontro, púxose fin ao Foro Tecnolóxico e pasouse a celebrar o 10º aniversario da nova publicación impresa, polo que o director de Código Cero, Xosé María Fernández Pazos, fixo un repaso da historia da publicación, agradecendo a todos os que fixeron posible que esta aventura puidese durar máis de 10 anos. Logo cedeu a palabra a Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios, que non só transmitiu os seus parabéns polo labor e o éxito de Código Cero, senón que aproveitou a ocasión para lembrar que a CRTVG está “saneada e con bos índices de audiencia”, garantindo a súa función de servizo público, como tiveron a ben recoller no Telexornal Serán da TVG.

Fonte: Codigocero

Antón Reixa vence nas eleccións da SGAE

A candidatura encabezada polo galego Antón Reixa impúxose nas eleccións da Sociedade Xeral de Autores e Editores. Autores Unidos pola refundación obtivo unha maioría simple nas votacións que celebrou onte a entidade, sumando 14 asentos para a xunta directiva, mentres outras dúas formacións reparten os 16 postos restantes. Reixa deberá agora negociar coas outras candidaturas para artellar unha directiva unitaria. O galego conseguiu estes resultados cunha campaña na que chamaba á rexeneración da principal entidade de xestión de dereitos do Estado.

Fonte: AGE

Aulas e mulleres: a paradoxa das “primeiras que chegan”

Faltaba aínda un século para que Alemaña, na súa tolemia fascista, proclamase a tríada Kinder, Küche, Kirche como máxima aspiración das “boas” mulleres; pero noutro tempo e noutro lugar xa había quen se resistía a apreixar as reixas da condición feminina decimonónica. En 1843,  nun Madrid contemplado polos ollos dun Galdós recén nado, unha galega rompeu cos moldes do seu xénero ó aventurarse nas aulas da Universidade Central -agora Complutense- para asistir como oínte e disfrazada de home ás clases da Facultade de Dereito. Aquela muller chamábase Concepción Arenal, e pouco imaxinaba cando se rebelou contra a decisión materna de enviala a un colexio “para señoritas” que acabaría convertíndose nunha das primeiras en ter entre as mans un dos visados máis potentes para a independencia: a educación.

Porque educación non era, como ben sabía Concepción, a mestura composta por un pouco de francés gaguexante, un par de pezas debulladas no piano e -iso si- unhas sólidas nocións de economía doméstica. E sabíao por enriba de aseveracións coma as de Rousseau, que proclamaba no seu “Emilio” que unha muller debía saber tocar o clavicordio non polos coñecementos musicais, senón -e soamante- pola beleza das súas mans sobre o instrumento. Non imaxinaba o filósofo, abofé, que poucos anos despois nacería a que sería catalogada como a primeira muller compositora, Maria Agata Wołowsk, mestra tamén doutro músico-home, por suposto -que acadaría a fama e a gloria, Frédéric Chopin.

Afirmaba Stendhal que “os xenios que nacen mulleres acabanse perdéndo para o público, pero cando o azar lles proporciona os medios de manifestarse, acadan os talentos máis difíciles”. Poucas foron no século do filósofo as que conseguiron “non perderse”: precursoras como a citada Concepción Arenal ou María Elena Maseras, primeira muller que se matriculou formalmente nunha universidade en 1875, ou Dolores Aleu, primeira en acadar un doutoramento en 1882. Todas elas entendían a educación como unha ponte para chegar á independencia, como mellora das condicións de vida, como sinónimo de liberdade. Todas elas levaron sobre si, tamén, o letreiro agridoce de seren a “primeira muller que…”.

Agora, en pleno século XXI, as mulleres son  maioría nos corredores da mesma Facultade que Concepción percorría vestida de home e coas puntas dos pés. Mulleres licenciadas e nos cursos de doutoramento; mulleres nas aulas, si, máis non nos despachos, que seguen a ser coto vedado para o xénero feminino. Únicamente un 30% do persoal investigador nas universidades españolas está composto por mulleres, e só pouco máis do 10% chegan a ser catedráticas.  Estamos ante un teito de cristal-invisible, inconmovible, rexo-, froito dun sistema no que as labores docentes e intelectuais consideradas “máis serias”, continúan descansando en estructuras patriarcais. Chegar á cúpula da pirámide universitaria convírtese para as mulleres nunha dura carreira de obstáculos onde a meta, igual que no conto de Caroll, atópase tras dunha porta demasiado pequena para o exército de Alicias armadas con bolígrafo e papel.  E as poucas que consiguen chegar ós “xardíns floridos” dos despachos máis altos da investigación ou a docencia, as poucas que acadan o recoñecemento público dos seus logros,  levarán tamén prendida na roupa, como a levaron as precursoras, a etiqueta de “primeira muller- na súa vila, promoción ou facultade- en chegar á cima”.

Autora: Beatriz Lorenzo

Abre O Garaxe Hermético

O pasado sábado abría as súas portas en Pontevedra O Garaxe Hermético. Co epígrafe de Escola Profesional de Banda Deseñada, o centro, dirixido por Kiko da Silva oferta formación para a aqueles que se queiran dedicar á novena arte. Da man de profesionais do sector como Miguel Porto, Jacobo e Norberto Fernández ou Fernando Iglesias, que se matricule recibirá un ciclo formativo de 3 anos e 700 horas anuais nos que se tratarán cuestións como técnicas de debuxo, entintado e cor, así como nocións sobre narración e guionización e mesmo procesos de impresión, distribución e dereitos de autor.

Canda ao ciclo formativo completo, a escola oferta tamén a opción dun curso de 176 horas anuais que se impartirá unicamente en sábado, e programará ademais clases maxistrais nas que diferentes autores de BD amosarán o seu xeito de traballo aos alumnos. David Rubín iniciará estas xeiras o vindeiro 19 de maio a explicar o seu traballo na obra El héroe.

Os títulos expendidos pola escola carecen de recoñecemento oficial xa que, segundo explicou o director, unha das condicións esixidas pola administración era que os profesores tivesen un título cando menos igual ou superior a aquel que imparten, e non existen títulos sobre BD. Canda a isto, boa parte dos profesionais en activo carecen de licenciaturas. Ademais, as propostas de programa docente realizadas desde Educación non se axeitaban, segundo Da Silva, ás esixencias actuais da industria da banda deseñada. “Para nós o importante é formar profesionais e que acaben publicando os seus traballos, xa que nesta profesión o que realmente conta é o nivel profesional do teu traballo”, explica.

O local da escola acollerá tamén exposicións de orixinais de diferentes autores, ata o vindeiro 31 de maio pode verse o proceso de traballo de Miguelanxo Prado en Trazo de xiz.

Fonte: Culturagalega