Entradas

AGADIC resolve as axudas ao desenvolvemento audiovisual

Dez producións doutras tantas empresas galegas reparten os 150.000 euros das axudas ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega que acaba de fallar a Axencia Galega das Industrias Culturais. En total trátase de seis novas longametraxes de ficción, tres documentais e unha película de televisión. Migas de pan de Xamalú Filmes, Cen anos de perdón de Vaca Films, A estación violenta de Matriuka Producións, Juana de Vega e a alumna da liberdade de Zenit Televisión ou El secreto de Santa Marta de Camariñas de Dos Treinta y Cinco son algunhas das que recibiron maiores axudas.

Fonte: Culturagalega

Coñecemos un pouco máis a Calros Silvar

Nace en Ferrol e reside en Sada (A Coruña). É diplomado en Interiorismo e Licenciado en Belas Artes (Madrid) e, actualmente, exerce de ilustrador. É debuxante, ilustrador e autor especializado en natureza, interpretación do patrimonio e divulgación ambiental. Imparte charlas, cursos e obradoiros de banda deseñada, debuxo, ilustración da natureza e divulgación ambiental. Comeza o seu periplo profesional como ilustrador editorial, humorista gráfico e autor de banda deseñada, aínda que o seu labor centrouse, durante case trinta anos, no deseño de produto, especialmente de pezas decorativas, para unha emblemática fábrica de porcelana galega. Nesta etapa exerce tamén, durante varios anos, como coordinador e co-monitor en cursos de cerámica en alta temperatura, tanto para nenos como adultos. Natureza, debuxo, escrita, lectura, fotografía e medios audiovisuais son as súas paixóns e o eixo do seu labor actual. MÁIS INFORMACIÓN

  • Bos días Calros Silvar, cóntanos… cando empezaches a ilustrar?

Empecei polos anos 78 ou 79, sendo aínda estudante de Belas Artes, con dúas obras case simultaneamente, unha era un folleto sobre as aves de Galicia, para ser usado polos seus autores (Patiño e Pedreira) nas escolas onde impartían clases… e que acabou sendo a primeira Guía das Aves de Galicia, editada por Galaxia no 1980. A outra foi o primeiro libro dunha colección que chegou a dez tomos, baixo o título de “Historia do Pobo de Xesús”, autoría de Xosé Chao Rego, editado por Edicións do Castro, e que deu pé a que entrara en contacto coa empresa coa que cheguei a traballar máis de 29 anos.

  • Tiveches algún referente ou estilo que che gustase en particular?

Pois a verdade é que non, seguín o meu propio xeito de facer, aínda que si gustaba da obra de certos ilustradores, coma Goñi, por nomear algún sobranceiro daqueles tempos.

  • Cales son as túas ilustradoras e/ou ilustradores favoritas/os?

Hai moitos autores dos que gusto, pero por cinguirme ao eido da ilustración da natureza nomearei algúns deles: Richard Lewington, Keith Brockie, Mitchell Beazley, Bruce Pearson, Christine Hutson, Darren Woodhead, Juan Varela, Diego Ortíz, Dranae, Francisco J. Hernández, Sandra Blair, J. A. Sencianes Ortega… fican moitos no tinteiro.

  • Que é o máis che gusta do teu traballo?

Poder facelo.

  • Algo que sempre me interesou foi o tema da inspiración: como fas? No momento de creación de ilustracións para libros infantís, narrativa, novela… acodes a algún dos teus referentes?

Non: leo o libro, escollo as escenas a ilustrar, maxínoas, emborrancho papel e vou depurando a composición e concretando a técnica e estilo máis acaídos (son un tanto camaleónico neste aspecto).

  • A cal das personaxes que creaches lle tes máis cariño?

Polo tipo de ilustración que fago non teño creado persoaxes, excepto na curta etapa na que fixen humor e banda deseñada. O primeiro e único personaxe que creei foi un neno (Xurxo) que dialogaba e interactuaba co seu amigo, un caracol agudo e sabichón (Balbino).

  • Con Baía nace a colección de Guías da natureza de Baía Verde con 25 títulos xa… entre títulos divulgativos sobre espazos naturais e guías de especies de fauna e flora galega.  Con cal das guías te quedarías? Por que?

Sinto un especial orgullo e aprecio por esta colección, pois foi a proposta miña que Baía a iniciou. A máis emblemática é a Guía de Aves, pero quedei máis satisfeito co resultado final (e falo exclusivamente do meu traballo) das Guía de mamíferos e de libélulas.

  • Con estas guías acadaches o 1º Premio Isaac Díaz Pardo ao mellor libro ilustrado pola Guía dos mamíferos no ano 2007, xunto co Premio Irmandade do Libro, na categoría de Mellor Obra Editorial en 2012. Que sentiches cando te informaron dos premios?

Pois loxicamente grande satisfacción, especialmente por ser unha das miñas guías favoritas. Alén diso, gustoume que se premiara un libro dunha colección emblemática para o noso país, e sen parangón no resto do Estado, pois non hai que esquecer que foi colección pioneira que non ten par en ningunha das outras linguas peninsulares.

  • A maioría dos teus títulos son guías de natureza, verdade?  Que guía foi a que máis traballo che dou?

A Guía de aves e máis a de cogomelos foron especialmente traballosas: a grande cantidade de especies e de detalles a ter en conta abondaron niso.

  • Tiveches algún problema con algún dos autores/as dos libros que ilustraches?

Non, con algún traballei máis comodamente ou con máis sintonía, pero non podo dicir que tivera problemas con ninguén.

  • Poderías explicarnos cales son os pasos a seguir cando realizas unha ilustración dunha ave ou unha árbore, por exemplo?

A primeira fase é a de documentación e, neste senso, procuro ter a miña propia documentación: bosquexos feitos pola miña man e directamente dos exemplares; se non queda outra utilizo outro material de referencia, empezando por fotos que eu mesmo poda ter feito ou material que o autor forneza.

Logo ven a fase de bosquexar no papel o exemplar ou a escena e, unha vez concretado, paso á fase de dar cor. Como traballo con acuarela, ás veces fago varias ilustracións ao tempo, aproveitando os tempos de secado dunhas para avanzar nas outras.

Unha terceira fase é, logo de escaneada a ilustración final, limpala e retocala dixitalmente.

  • E, en cuestión, de tempos… canto che leva facer unha ilustración para unha guía?

Pois depende moito do tema que se trate e no número de ilustracións que haxa que facer por cada especie, ou mesmo o nivel de detalle ou estilo que o autor do texto prefira. Algúns queren ilustracións máis soltas, tipo bosquexo, outros prefírenas moi detalladas… por termo medio digamos que entre 8 e 16 horas, pois as editoriais tamén marcan un ritmo e non podes durmir nos loureiros.

  • En 2012 nace a colección Aventura de vivir e, con esta colección, O carballo… Que pretendes con este libro?

Foquei o libro na dificultade que os seres vivos teñen para sobrevivir na natureza… e, a maiores, enfrontados co máis temible dos predadores: os humanos. Alén diso, o libro destaca, e tenta divulgar, a importancia ecolóxica, económica e cultural desta especie na nosa sociedade e no noso contorno natural.

  • A que público vai dirixido? Poderías explicarnos que podemos atopar neste libro?

Vai dirixido a nenos a partires de 10 anos e rapaces e adultos que non teñan especiais coñecementos no ámbito das ciencias naturais. É un libro de divulgación, interdisciplinar, no que tanto se fala de como dexergar as diferentes especies do xénero Quercus que habitan na nosa contorna, do seu hábitat e ecoloxía, como da súa importancia económica ou mitolóxica nas diferentes culturas europeas.

  • Visitaches moitos centros educativos presentando o teu libro, verdade? Que reacción atopaches no alumnado?

Si, xa levo varios Centros visitados e, polo xeral, despértase a curiosidade logo dun inicio tinxido de certa incredulidade… iso de que che vaian “soltar o roio” sobre unha árbore, así de primeiras, non soa moi ben!.

  • E falando nun ámbito máis global, como ves o papel da ilustración galega neste momento?

No mellor momento da súa historia, cun importante número de autores dunha calidade excepcional. Hai moita creatividade e calidade no país, mesmo recoñecida a nivel mundial.

  • E a situación no mercado editorial hoxe en día?

Pois nun dos peores momentos, hoxe a situación é case de parálise, e só nos salva a diversificación ou traballo no exterior. Supoño que os ilustradores de “Infantil-xuvenil” aínda van zafando, pois é o eido que mellor terma, pero o descenso radical das vendas e o estrangulamento da produción propia é letal para o ilustrador.

  • Se queres comentarnos algo máis sobre ti ou sobre a túas obras deixamos este oco…

Sobre min pouco máis podo dicir do que aireo na miña web, que logo todo se sabe!, e da miña obra, pois é o público quen a xulgará como mellor lle preste. A min só me resta centrarme nos meus proxectos e tentar facer o que máis me gusta o mellor que sei.

Grazas Calros polas túas respostas! Foi un pracer!

Os Premios da Cultura Galega 2013 entréganse hoxe no Gaiás

A Xunta entregará hoxe os Premios da Cultura Galega 2013, en recoñecemento a persoas e entidades en favor do desenvolvemento cultural da Comunidade, nun acto que se celebrará no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura.

Así, o Premio da Cultura Galega das Letras entregarase á escritora Luz Pozo Garza; o de Artes Plásticas á Fundación Eugenio Granell e o de Artes Escénicas á Mostra de Teatro de Ribadavia.

Así mesmo, a modalidade de Patrimonio Cultural irá para o Museo do Castro de Viladonga; o premio á Promoción Exterior para o Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol; o de música para o compositor Juan Durán e na categoría Audiovisual recibirá o galardón Bambú Producións. A nova categoría, o Premio da Cultura Galega de Lingua será para a asociación PuntoGal.

A gala contará nesta ocasión con varias actuacións, como a da formación Talabarte, o grupo de teatro Lusco e Fusco, a artista galego-palestina Najla Shami ou os bailaríns Miguel A. Ponte e Ana Serantes.

Fonte: GaliciaHoxe

Agasallo.eu estará operativa a partir do mércores 11 de decembro a media mañá

Promovida pola CTNL, Agasallo.eu preséntase como unha plataforma en liña “que compila, difunde, dá a coñecer e recomenda agasallos en galego de diverso tipo, para todas as idades e para todo tipo de acontecementos e épocas do ano”.

O obxectivo da plataforma é difundir produtos, creacións e servizo que usan o galego entre a cidadanía, promover que os comercios teñan maior oferta de agasallos na nosa lingua, apoiar a produción propia e contribuír a que o consumo teña tamén responsabilidade lingüística.

Nace Agasallo.eu no tempo no que, sen dúbida, a práctica do regalo é máis habitual, mais promete acompañar tamén en aniversarios, nacementos, casamentos, agradecementos, día do libro ou día do pai e a nai.

Para produtos “agasallables e en galego”

Que pode estar na plataforma? Empresas ou entidades que elaboren produtos “agasallables e que estean en galego”. Para difundir as propostas a través da plataforma terán que se dar de alta e pagar unha tarifa anual que vai desde o  50 euros por cinco produtos aos 160 por 25 durante todo o ano. Con eses prezos publicarán directamente os produtos mais se queren que sexan a CTNL quen os suba á plataforma establecese tamén unha reducida tarifa anual. A recadación por este concepto investirase principalmente na difusión e mantemento da plataforma e tamén para gastos de xestión.

A plataforma ofrece tamén unha ferramenta para crear catálogos en pdf para distribuír en entidades, centros de ensino ou empresas, un buscador que indica tipos de agasallo por idade ou prezo ou unha axenda de días especiais para agasallar.

Para partillar da iniciativa e darse de alta na plataforma compre escribir un correo a altas@agasallo.eu ou chamar ao 981757815. A CTNL apunta que cantas máis empresas apoien a iniciativa, máis difusión se lle poderá dar e máis eficaz será a promoción do galego no consumo.

Fonte: SermosGaliza

O sector editorial galego, o gran protagonista na Feira mexicana

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoiou esta pasada semana a proxección exterior do sector editorial galego na Feira do Libro Internacional de Guadalaxara, en México, que pechou onte as portas da que foi a súa vixésimo sétima edición.

No marco dun dos eventos culturais máis importantes do mundo arredor do libro, a Secretaría Xeral de Cultura, a través da sudirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal, acompañou a OQO editora na presentación do programa de fomento da lectura e alfabetización audiovisual Cuentos en movimiento, resultado da externalización do exitoso programa creado en Galicia Nós tamén creamos!, posto en marcha pola editorial, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Compañía de Radio Televisión de Galicia.

A colección FABULANDO, de Mon Daporta este sábado en Betanzos

Este sábado 7 de decembro ás 12:00 na Libraría Biblos de Betanzos, Xosé Leis e Isabel Risco farán unha representación moderna das tradicionais fábulas de La Fontaine e Esopo. Colección Fabulando, Mon Daporta.

Chicho Chicharra

O galo Ernesto

O corvo Gundemaro

O sapoconcho Andrés

Rubén Martínez gaña o Risco de literatura por «As escaleiras do gran hotel»

O xurado do XIV Premio Risco de Creación Literaria acordou, na noite de onte, conceder o galardón deste ano á obra As escaleiras do gran hotel, do historiador Rubén Martínez Alonso. A decisión foi adoptada por maioría, logo de máis de dúas horas de deliberación, en na acta saliéntase «a gran calidade das obras presentadas» nesta edición. O número de orixinais a concurso foi de trece e o xurado estivo composto por Ana Garrido, Xoán Carlos Feixoo Mirón, Serafín Alonso Pintos, Ánxela Gracián e Alberto Ramos, gañador da pasada edición.

As escaleiras do gran hotel compón «unha trama de intrigas políticas e ideolóxicas previa á Segunda República. A protagonista é unha feminista adiantada ao seu tempo que racha co modelo familiar da época e soña cun futuro de independencia económica e intelectual», segundo recolle o fallo. O xurado sinalou, logo da xuntanza, que a historia recrea o ambiente do Balneario de Mondariz.

O Premio Risco de Creación Literaria está convocado polo Concello de Ourense e a Fundación Vicente Risco. Orixinariamente naceu vencellado á literatura fantástica, aínda que no 2006 pasou a ser só de «creación literaria». Está dotado con 6.000 euros e a publicación da obra.

Fonte: La Voz de Galicia

Baía estará presente na Feira do Libro de Guadalajara

A Feira Internacional do Libro de Guadalajara, en México, abriu as súas portas para que adultos e nenos coñezan as novidades editoriais do ano que acaba así como do que se aveciña, 2014. Ata alí, viaxaron representantes de once editoriais galegas co fin de afianzar a súa presenza no continente, xa que como ben sinalan desde Kalandraka “esta é a cita editorial máis importante de Iberoamérica”.

Para facerse unha idea do que supón, basta con apuntar que 700.000 persoas acudiron o pasado ano aos distintos stands. Por certo, a Consellería de Cultura xunto á Asociación Galega de Editores (AGE) contan cun propio no que mostran o seu traballo as empresas OQO, O Patito Editorial, Galaxia, Baía, Positivas, Rodeira, MCSport, Ideas Propias e Edicións Linteo.

A representación galega tamén vén dada porque a organización invitou ás escritoras Final Casalderrey e Elena Galego a falar da súa obra desde onte ante o público na sección Ecos da FIL.

No caso de Nova Galicia Edicións e Kalandraka, ambas editoriais apostaron por ter stand propio. O de Kalandraka “está decorado con ilustracións da obra ganadora do VIN Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, Mamá, de Mariana Ruiz Johnson, que está causando moita expectación entre o público”, apuntan desde a editorial, que tamén presenta a súa novidade CoraSons. Este trátase dun proxecto dirixido por Uxía no que participaron máis de 40 artistas.

Por parte desta editora, explican que acoden a Guadalajara para celebrar encontros con distribuidores de México, Brasil, Perú, Uruguay ou Arxentina. Estas reunións son claves para penetrar en devanditos mercados. De feito, ” a presenza de Kalandraka en Latinoamérica está cada vez máis afianzada”, engaden.

Unha proba é que o Goberno arxentino incluíu no seu plan lector o álbum A viaxe do bisavó, de Marta Farias e Aitana Carrasco. Deste xeito, uns 125.000 exemplares chegaron a escolas púbicas do país, hospitais, bibliotecas e outros centros.

Tamén ata o 8 de decembro, atópase en Guadalajara o director xeral de Ideas Propias, Pedro López. O selo vigués especializado en formación multisoporte participa baixo o abrigo do stand de AGE e Xunta. A pesar do recente inicio da feira, “xa recollemos os primeiros froitos coa firma dun novo acordo con Noriega Editores que se materializará coa coedición de dous destacados títulos do noso catálogo: Elaboración y exposición de comidas en el bar y cafetería (de almudena Villegas) e Gestión del bar y cafetería (de Rosell Salvó). Antes de que finalice a Feira, prevemos pechar outros novos acordos”, indican desde a editorial.

Este selo xa está presente en varios países latinoamericanos (Colombia, México e EEUU) e dentro do seu plan de crecemento desexa incrementar a presenza no mercado internacional, principalmente, buscando alianzas con socios locais.

Fonte: Faro de Vigo

Foto

Hai un 37,5% de mulleres dentro do sector TIC de Galicia

As mulleres representan o 37,5% do total de traballadores do sector TIC (Tecnoloxías de Información e Comunicación) galego, superando o promedio europeo, que se sitúa por baixo do 36%. A porcentaxe de mulleres empregadas no sector TIC de Galicia mantense estable nos tres últimos anos, aínda que cun boquete de 25 puntos porcentuales entre os homes e as mulleres.

A presenza das mulleres nas empresas tecnolóxicas galegas varía segundo a actividade desenvolvida. O dato máis positivo corresponde ás empresas de telecomunicaciones, nas que as mulleres representan o 46,4% do total de traballadores.

No outro lado da balanza están as comerciais TIC e as autónomas, que en ambos casos están nunha porcentaxe de ao redor do 30% respecto aos homes con este perfil profesional no sector TIC galego.

Foto

Fonte: El Correo Gallego

Máis de 14.000 persoas visitaron Culturgal 2013

Culturgal valora que a mensaxe de corresponsabilidade que lanzaba mediante a posibilidade de contribuír á celebración do evento mediante o pagamento dunha entrada voluntaria, foi recibida polo público. Un 20% dos asistentes fixeron entrega deses tres euros a cambio da chapa de micropatrocinador. Máis de 14.000 persoas visitaron a feira durante a fin de semana.

Segundo expresou Xulio Amigo, presidente de Culturgal, este feito produce moitas esperanzas e “un novo escenario optimista para o Culturgal do futuro, un Culturgal no que público xogará un papel más atractivo e no que asumirá unha meirande responsabilidade, destacaba.

Premio do Público Culturgal 

Pasadas as 17:30 horas iniciábase o acto deseñado para a entrega do Premio do Público Culturgal. Nun ambiente festivo, desenfadado e cargado de humor a conta de Os da Ría, a comitiva composta polo presidente da Asociación Culturgal, Xulio Amigo, o coordinador da edición 2013, Xosé Aldea, a Concelleira de Cultura Anxos Riveiro Portela e Orbil, representando ao premiado Salón do Libro, percorreron a Feira de Industrias Culturais no seu último día.

Entre un público numeroso que participaba das diferentes actividades da tarde e tras facer unha parada no espazo do Salón para amosar o cartel da edición 2014 “Cociñando Contos”, deseñado por Pirusca, procedíase á parte máis formal do acto.

Xulio Amigo comentou no seu discurso o motivo de crear este Premio para “darlle voz ao público, que é a razón de ser do Culturgal” e aproveitou para destacar as 3 candidaturas que optaron a el este ano: A Asociación PuntoGal, o Festival de Cans e o finalmente gañador, Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, todas elas “meritorias e queridas”.

Visibilizarse   

 A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, tras recibir o diploma e o ramo de flores co que foi agasallada, destacou a importancia de crear “inicitivas como esta, que serven para facer visibles importantes proxectos culturais de gran calidade  e creatividade que se producen no noso país e que espertan no público que se implica en votalos, un sentimento de orgullo polo noso”. Para o Salón do Libro, o Pazo da Cultura e o Concello de Pontevedra como organizadores, supón un gran recoñecemento, que fixo extensible a todos/as aqueles/as que durante estes 15 anos de vida colaboraron para darlle vida a este proxecto co seu traballo, ilusión e esforzo. Persoas como Luis Bará o Mª Xesús López Escudeiro que se atopaban entre o público.

Fonte: AGE