Entradas

O Observatorio da Cultura Galega constata o retroceso da edición en galego

O número de títulos editados en galego “tocou fondo” no ano 2012, con 1.322 títulos editados. O galego está moi por baixo do catalán (9.326) e por primeira vez é superado polo éuscaro (1.810) en número de títulos. Aínda que o contexto xeral de caída é global para todas as linguas do Estado, “a lingua máis afectada é a galega”. Segundo os datos do Observatorio feitos públicos na internet, as empresas mantiveron a facturación previa, que en Galicia se incrementa lixeiramente no ano 2012, tanto na facturación total como na facturación en galego, ao contrario do que acontece no conxunto de España onde diminúe un 10,9% en relación ao ano 2011.  O informe do Observatorio tamén constata que o prezo dos libros foise incrementando todos os anos e que as vendas de libros se incrementaron no ano 2012 nun 28,7%, polo que “chama a atención que diminuira un 10,9% a facturación”. Polo que atinxe á destrución de emprego, o informe elaborado polo Observatorio indica que “é semellante e parella á do resto dos sectores económicos de Galicia”.

Ler máis

Fonte: AGE

Coñecemos un pouco máis a Chelo Suárez

Chelo Suárez Muíños nace na Coruña o 1 de marzo de 1945. Asinou en diversas ocasión cos pseudónimos Amara Orzania e Puliana Marful. Foi colaboradora habitual de Radio Oleiros. En 2008 obtivo o Premio de literatura erótica Narrativas Quentes pola obra Os milagres de Cristamar e o segundo premio do Premio Modesto R. Figueiredo no 2008, por Colleita de sombras. En 2010 gañou a XVII edición do Premio Lueiro Rey coa obra As horas rotas e o Premio Adiala de relato curto do Centro Galego de Mallorca no 2010, por Monólogo dun cadáver. Gañadora da XIII edición do Certame de narración curta Ánxel Fole, convocado polo Concello de Lugo no 2011, por Recantos.

Ten publicado Flor de xiz. 2003, Primerapersona; Os milagres de Cristamar. 2008. Positivas; A venus de cristal. 2008, Xerais; Corpo de mar. 2008, Espiral Maior;  O arco da luz. 2009, publicado en internet; As horas rotas. 2010, Sotelo Blanco; En defensa do Poleiro. A voz dos escritores galegos en Celanova. 2010, Toxosoutos; Vivir un soño repetido. Homenaxe a Lois Pereiro, 2011, Asociación de Escritores en Lingua Galega, libro  Lois Pereiro, 2011, Asociación de Escritores en Lingua Galega, libro electrónico; A neve e o lume. Meiga Moira. Baía, 2012.

  • Bos días Chelo, cóntanos… cando e por que empezaches a escribir?

Penso que empecei a escribir moi nova,polo encanto que suscitaban en min a lectura e a maxia das palabras. Foi moi importante para min a tradición oral; todos eses contos clásicos que, adquirían unha nova dimensión, un sentido máis próximo nos beizos do meu avó, da miña nai.

  • Tiveches algún referente ou estilo que che gustase en particular?

Aprendín a ler en principio as imaxes, a través das películas, das que era espectadora diaria. Gardo moi bos recordos do meu cine de barrio, o Doré. O meu referente. As de vampiros, as películas de acción e intriga marcáronme e, xa lectora que devoraba libros, os de misterio eran os meus preferidos.

  •  Cal foi a túa primeira obra?

Empecei enviando a Bruguera, cando tiña trece anos, un conto longo,  que tiña que ver coa mitoloxía, onde as musas eran malísimas e, en vez de inspirar, roubaban as ideas. Contestáronme cun catálogo de libros. Do meu conto nin palabra.

  • Tes algún hábito á hora de escribir?

Gústame escribir moi de mañá e moi tarde, polas noites, sempre cun prato de mazás a man. Cando o que escribo me gusta, celébroo comendo unha. E penso o que lle custou a Eva, o atrevemento de chantala.

  • Recibiches moitos premios… se tiveses que escoller un, con cal te quedarías?

Algún premio recibín, e de todos sentinme moi orgullosa e agradecida. Fíxome moita ilusión recibir o Lueiro Rey de novela curta, polo que significaba para min a obra enviada.

  • Escribes narrativa, poesía e literatura infantil-xuvenil? En que estilo te sentes máis cómoda?

Coa narrativa síntome na miña salsa. A poesía venme en refachos,é coma un acto de luz que teño que aproveitar, do que saquei uns cinco libriños, dos que só teño un publicado. A literatura infantil-xuvenil atráeme moito. De feito teño varios proxectos que xiran  con ás de libélula de redor de min.

  • Nas túas obras mesturas sempre as penalidades do mundo coa poesía, que pretendes con esta mestura?

É algo que levo nos adentros. O mundo está cheo de penas, pero tamén de sucesos marabillosos e poesía. Así son eu: tristeza, ledicia, maxia e marabilla mesturadas. Polo tanto sinto a necesidade de expresalo na miña escrita.

  • Polo que podemos comprobar nas túas obras a tradición oral galega sempre está presente, cres que este é un dos xeitos de transmitila duns a outros?

Penso que si. Eu crieime tendo de redor xente que sabía contar. Que a palabra é o dicir eran fundamentais para eles. A tradición oral galega é coma un manancial que mana da alma, do que bebemos todos  os galegos.

  • A neve e o lume é a túa última obra publicada, verdade? Esta obra é unha achega á literatura galega da narrativa gótica. Poderías contarnos cando naceu Negraneve, a protagonista da historia?

Naceu un inverno. Illada nun balneario antigo, que tiña altas e estreitas ventás, un fermoso bosque nevado, un ceo de chumbo, frío, moito frío, silencio e uns cantos corvos, colgando nos abetos centenarios  os seus berros rotos. Así naceu Negraneve. De súpeto vina aparecer, preciosa pantasma da miña mente, tinxida de feluxe, deixando as negras pegadas dos seus pés no branco camiño. Tras dela foron xurdindo todos o demais. Todo o demais. A atmosfera érame propicia.

  • Segues a mesturar as penalidades, coa poesía e a sensualidade e, inclúes tamén, a tradición oral. Por que?

Son catro elementos que, no meu interior se funden nun todo. Téñoos como principio e como fin da miña existencia.

  • Poderías indicarnos cales son as túas autoras e/ou autores favoritas/os?

Os clásicos rusos e europeos. De entre eles, por nomear algúns, Tolstói, Chéjov, Flaubert, Stendhal. Galegos: Cunqueiro, Valleinclán, Emilia Pardo Bazán. En poesía, Rosalía de Castro, García Lorca e Alejandra Pizarnik son para min poetas moi próximos, que sinto vivos.

  • Como ves o papel da muller na literatura galega?

Hoxe moi destacable. Temos moi boas narradoras e poetas, todas elas con brillo propio. Este, como Rusia, é un país de tradicións, e moi literario.

  • Como ves hoxe en día a situación no mercado editorial?

A nivel galego bastante difícil para os editores e tamén para os escritores, polo pouco interese que o goberno amosa polo noso idioma, e os grandes recortes que está a facerlle á cultura.

  • Se queres comentarnos algo máis sobre ti ou sobre a túa obra deixamos este oco…

Más dunha vez preguntáronme: Porqué escribes? A resposta. Fágoo polo amor e interese que en min sempre suscitaron as palabras, que eran música para os meus oídos, letras que brillaban tentadoras coma cereixas, máxica grafía, tatuada na pel dos libros, sempre, por sorte, preto dos meus ollos. O mellor don co que fun bendicida a nacer, foi cunha sede infinita de palabras e de libros.

Grazas Chelo! Foi un pracer!

A Xunta paralisa SOS Monte Pindo coa ameaza de sancións

Nin fan, nin deixan facer. A Xunta púxose en contacto con nós a través da Xefa do Distrito Forestal V, Sara Romero, para ordenarnos que paralisemos inmediatamente as accións de voluntariado de SOS Monte Pindo. O argumento é que o Monte Pindo “non é de todos”, senón da Xunta, porque existe un contrato nese sentido polo que todas as actuacións que se fagan teñen que contar coa súa autorización. Para a xefa de distrito, a situación é a mesma que “se entramos no seu piso a pintar”, e denunciou que utilicemosárbores de viveiro, cousa que é falsa pois recollémos todos os exemplares en bosques naturais da contorna a excepción de doce ameneiros cedidos por convenio co CSIC, certificados xeneticamente e que non plantamos no monte senón no chan de Carnota para que se aclimaten antes de transplantalas ao seu emprazamento definitivo.

As parcelas nas que temos actuado son titularidade do Concello de Carnota e da Comunidade de Montes de Caldebarcos, que non só autorizan senón que están a colaborar co proxecto. O suposto convenio ao que se refire delegaría na Xunta a xestión deste espazo, cuns resultados tan desastrosos que as consecuencias saltan á vista. Despois de anos sen apenas facer ningunha actuación, o deterioro e abandono do Olimpo Celta era tan acuciante que en setembro ardeu na súa totalidade, a pesar de que existía unha asociación que levaba anos solicitando implacablemente actuacións e medidas de protección. Ademais, nin o lume espertou unha Xunta que ignorou todos os avisos das previsíbeis escorrentías de lodos contaminantes que finalmente acabaron producíndose, afectando a bancos marisqueiros, o que obrigou á sociedade civil a tomar a iniciativa cun proveitoso proxecto de voluntariado que agora a Xunta intenta destruír. Ademais, non se pode dicir precisamente que a Asociación non tentara pedir permisos: ao igual que o Concello de Carnota, temos varias reunións solicitadas coa Xunta antes e despois do incendio para falar do que facer neste espazo, o que pasa é que nunca foron respondidas. Malamente pode consensuarse nada con quen se nega a recibirte e falar contigo.

Por todo, a Asociación Monte Pindo vese obrigada a tomar a dolorosísima decisión de paralisar indefinidamente SOS Monte Pindo ante a ameaza de que se presenten axentes na próxima acción de voluntariado (prevista para a vindeira fin de semana) para formalizar denuncias, situación á que non imos expoñer nin ao voluntariado -que abondo esforzo fai con vir a botarnos unha man- nin á propia Asociación que non conta con recursos para facerlle fronte a unha posíbel avalancha de multas.

O Concello de Carnota e a Asociación Monte Pindo Parque Natural estudan que medidas adoptar para poder continuar os traballos, e queremos trasladar unha mensaxe de tranquilidade a quen xa traballou na zona. O propio alcalde Ramón Noceda xa nos expresou a súa solidariedade e disposición a facerse responsábel no caso de que finalmente a Xunta decida emprender accións legais contra o voluntariado.

Asi mesmo, queremos denunciar a crecente persecución política á que nos vemos sometidos por parte do actual goberno da Xunta. Nunca nada malo lles fixemos, só lles pedimos que cumpran co seu cometido, e que se non queren facelo, que cando menos se aparten e non molesten. Non merecemos que despois de tres anos esixindo que declaren dunha vez o Parque Natural, o PP siga inmóbil. Non merecemos que cando pedimos actuacións urxentes para evitar as temidas riadas o PP se ría de nós facendo espectáculos televisivos na zona para simular que fan algoNon merecemos que cando no Parlamento se piden actuacións e compensacións económicas no Parlamento para os veciños afectados, o PP diga que os veciños non as querenNon merecemos que cando empezamos a falar de voluntariado, o PP contraataque cun voluntariado máis simbólico que real. Non merecemos que agora que está a agromar realmente a xenerosidade e solidariedade do noso pobo para recuperar o seu Olimpo Celta, veña agora o PP a poñernos paus nas rodas.

Pola parte positiva queda o bo traballo feito durante as dúas fins de semana consecutivas que leva o proxecto en marcha, e que se saldou coa participación dun total de 55 voluntarias e voluntarios, a plantación de 2500 castiñeiros e 1050 carballos, e o tratamento de 5,73 hectáreas con gramíneas de crecemento rápido para agarrar a terra e evitar as riadas de cinzas. Iso xa non o poderán evitar.

Lamentamos vernos involucrados nesta dantesca situación e agradecemos sinceiramente a xenerosidade das case cen persoas que xa se inscribiron para traballar altruistamente en SOS Monte Pindo, e moi especialmente a profesorado, nenas e nenos do CEIP Santa Eulalia de Dumbría que tiñan previsto participar na seguinte acción de voluntariado, que polo momento non poderá realizarse. A forza do noso amor non será inútil.

Fonte: Asociación Monte Pindo Parque Natural

A Asociación Galega de Editores manifesta a súa preocupación e disconformidade cos orzamentos para o libro do ano 2014

A xunta directiva da AGE, entidade que representa ao 85% da edición profesional galega, reunida en sesión ordinaria o 25 de novembro, amosa a súa preocupación e clara disconformidade coas partidas orzamentarias recollidas no Proxecto de Lei Orzamentaria do ano 2014 da Xunta de Galicia, pois segundo o citado documento haberá 440.000 euros menos para o libro o próximo ano. Esta cantidade vén a sumarse aos 250.000 euros da desaparecida orde de axudas á edición de grandes obras, que xa experimentara unha reducción acumulada do 75% dende o ano 2010, así como aos recortes que se veñen realizando, en cada un dos exercicios económicos, ás axudas tradución, edición de materiais curriculares e adquisición de fondos de libros en galego para as bibliotecas públicas.

Por partidas orzamentarias

A axuda para a tradución de obras do galego e para o galegos, incorporada na partida 32A 770.0 baixo o epígrafe Apoio e promoción do libro en galego, vén de sufrir un recorte de 100.000 euros. O mesmo acontece coa partida destinada a dotar ás bibliotecas públicas de fondos bibliográficos en galego, reducida nun 60% no ano 2010, recúrtase noutros 71.540 euros. Outro tanto ocorre coa axuda para a edición de materiais curriculares en galego, que xa sufrira unha drástica reducción do 50%, e que vén de experimentar un novo e trascendental recurte de 100.000 euros, deixando a publicación de materiais curriculares en lingua galega sen apoio institucional, a pesar da renovación dos materiais didáticos de tres cursos de Educación Primaria, prevista no calendario de implantación da LOMCE.

Mentres se recorta en partidas trascendentais para apoiar á cultura do país, outras intrascendentes para a promoción e o coidado da produción cultural, manteñen o seu orzamento inalterabel dende hai máis de catro anos. Os editores galegos solicitan un cambio nas políticas culturais e un apoio explícito á edición, como sector estratéxico da cultura de Galicia.

Fonte: AGE

O exceso de novas tecnoloxías impide a transmisión de xogos populares, segundo un estudo

O exceso de novas tecnoloxías, tantos aparellos e aplicacións dispoñíbeis, van moi en detrimento da supervivencia da tradición lúdica. Ou sexa, que non axudan nada, máis o contrario, á hora de garantir a herdanza interxeracional -dos maiores aos novos cativos- de todo o que ten que ver cos xogos tradicionais galegos. Así nolo recorda a investigadora galega Marta Álvarez Fernández, no seu proxecto final do Máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza (DAEN), o estudo Os xogos e actividades tradicionais de ocio na natureza como reflexo da sociedade. Porén, cómpre lembrar que na súa investigación sinálanse máis culpábeis: a caída de natalidade ou o progresivo despoboamento das nosas áreas rurais. Resultado: córtanse os fíos de aprendizaxe que até hai ben pouco unían comunicativamente a avós e pais cos seus netos e fillos.

Segundo sinala esta investigadora de Xove no seu traballo (centrado na supervivencia dos xogos populares na Mariña luguesa e que lle mereceu ser distinguida co Premio Extraordinario da segunda promoción do devandito máster impartido na Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo), moitos dos xogos populares cos que se divertían os devanceiros da súa contorna de orixe xa están esquecidos ou, cando menos, non son coñecidos polos máis cativos/as nin incluso polos seus proxenitores. Asemade, o esvaecemento desta tradición tamén propiciou a perda do léxico empregado para referirse a este tipo de xogos na comarca de referencia.

Ao seu xuízo, o emprego a esgalla, sen supervisión e sen límite, de novos aparellos tecnolóxicos e aplicacións diversas está a estender unha salientábel pegada de homoxeneización entre os escolares de máis idade, cuxas formas de lecer están xa estandarizadas en todas partes.

Fonte: Codigocero

Google España recibe a representantes da campaña Android en Galego

A campaña para solicitar a Google a tradución de Android ao galego parece estar a colleitar os seus froitos, e hoxe tivo lugar a primeira xuntanza dos organizadores desta iniciativa con persoal de local da compañía de Mountain View, a quen se lle expuxo que o galego conta cunha comunidade lingüística con máis de 3 millóns de persoas, que os galegos estamos implicados na localización do software e na nosa presenza na Rede (destacando éxitos como a tradución de Twitter ou o dominio .gal), que o galego é unha das linguas máis empregadas na Internet e que moitos dos servizos de Google están dispoñibles na nosa lingua.

Dende Google amosáronse receptivos e comprometéronse á adoptar o galego nos seus servizos, asegurando que a nosa lingua xa figura entre os 60 idiomas prioritarios para eles, o que significa que para novos servizos a localización ao galego e relativamente rápida, pero acumulan certo retraso en produtos con máis anos (como Gmail e Android).

Dende Google España remitiron unha solicitude interna ao equipo de Android para que se introduza o galego en vindeiras versións do sistema operativo móbil, pero non concretan datas sobre cando será unha realidade o poder gozar de Android en galego, polo que seguirán coa recollida de adhesións á iniciativa para reivindicar o Android en galego, para remitirlle as sinaturas en xaneiro ás oficinas centrais de Google, medida que esperan que axude a que tomen en consideración a solicitude de Google España.

Fonte: Codigocero

Educación admite que a competencia dos alumnos é menor en galego que en castelán

Valentín García, secretario de Política Lingüística, sinalou onte que segundo distintos estudos, a competencia lingüística dos alumnos de secundaria é “lixeiramente menor” en galego que en castelán, sen ser “boa tampouco” a da lingua española. Para o Secretario Xeral, estes resultados non teñen que ver co polémico decreto do Plurilinguimo.

Fonte: Culturagalega

As Academias galega, vasca e catalá reclamarán mais apoio a Madrid

O Ministerio de Cultura destinará en 2014 menos fondos á Real Academia Galega, ao Institut d’Estudis Catalans e mais á Academia da Lingua Vasca e Sociedade de Estudos Vascos. Ante esta situación, as tres entidades anunciaron esta fin de semana que desenvolverán unha acción conxunta en Madrid para reclamar que se manteña o apoio estatal ao seu traballo. Segundo sinalou Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, estas entidades queren facer fincapé nos importantes recortes que se están a producir no ámbito da cultura por mor da crise.

Para 2014, o Ministerio prevé achegarlle á institución galega un total de 273.070, un 20% menos do que no anterior exercicio.

Fonte: Culturagalega

38 finalistas nos Premios Galegos da Música

A Adega Martín Códax acolleu o venres a presentación da primeira festa de Nomeados dos Premios Galegos da Música, convocados pola Asociación de Músicos ao Vivo. Xacobe Antelo, voceiro da asociación, sinalou que só nun mes postuláronse 521 candidaturas de grupos e intérpretes galegos. Destes cincocentos vinte un, 38 resultaron finalistas. Os gañadores coñeceranse no transcurso dunha gala o 13 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra.

FINALISTAS

Pop e indie
– Xoel López
– Eladio y Los Seres Queridos
– TERELAND

Rock, blues, funk &soul
– NARF
– Cró!
– Foxy Freire

Jazz e músicas improvisadas
– Abe Rábade Trío
– Marcos Pin Factor E-Reset
– Paco Charlín “Flood”

Hip-Hop e músicas urbanas
– Dios ke te Crew
– Wöyza
– García MC

Música clásica e contemporánea
– Taller Atlántico Contemporáneo
– Orquestra Vigo 430
– Vertixe Sonora Ensemble

Folque
– Berrogüetto
– Cuarteto Caramuxo
– Caxade

Música tradicional galega
– Treixadura
– Davide Salvado Trío
– Cantigas e Agarimos

Músicas do mundo
– Banda Crebinsky
– 2us
– Germán Díaz Método Cardiofónico

Música infantil
– Mamá Cabra
– A Nena e o GrilonunBarquiño
– Pablo Díaz e a Banda Tic Tac

Electrónica
– Das Kapital
– Aquofono
– Sub Rosa

Metal
– Machina
– Nao
– Tálesien

Reggae, ska & mestizaxe
– Transilvanians
– Dakidarría
– Cuchufellos

Orquestras, grupos e música de verbena
– A Magnifique Bande
– Os da Ría
– Orquestra Os Modernos

Fonte: Culturagalega

Morre Doris Lessing, Premio Nobel de literatura en 2007

Intelectual comprometida cos problemas de seu tempo, Doris Lessing foi sempre unha escritora atrevida, que non puxo reparos á hora de expresar as súas opinións políticas e sociais. Nacida en Kermanshah, Irán, en 1919, a escritora pasou a súa nenez e adolescencia en Rodesia, lugar onde a lectura se convertería na súa mellor compañeira.

O amor entre unha muller branca e un home negro será o tema da súa primeira obra, Canta a herba (1950), título que inaugurará unha longa traxectoria na escrita que ten en O caderno dourado unha das súas obras de referencia, a novela coa que se identificou o movemento feminista. Trátase da historia de Anna Wulf, unha autora que, no medio dunha crise persoal comeza a escribir catro cadernos biográficos de cores diferentes, o negro para a vida literaria, o vermello para a política, o amarelo para a sentimental e o azul no que deita os acontecementos cotiás. Con máis de oitocentas páxinas, O caderno dourado, publicado en 1962, pasou a ser considerado un fito literario e unha das grandes obras do século XX, que á autora lle valeu o recoñecemento internacional. No ano 2009, a obra chega ao galego en tradución de Eva Almazán para a colección Biblioteca Compostela da Editorial Galaxia, co apoio do concello da capital galega.

Permeábel ao que acontece ao seu arredor, Lessing comprométese desde nova cos problemas da educación en Rodesia, contra o racismo imperante e contra as inxustizas que veñen das inmensas desigualdades que dividen o mundo. A súa voz maniféstase na defensa dun anticolonialismo que reclama, en especial, para África. A “responsabilidade” é, na autora, clave da escrita e da lectura e, nese sentido, a súa obra convértese en materia creada para contribuír a cambiar o mundo, para denunciar a violencia, o racismo, a discriminación ou a marxinación. Por iso África, por iso as mulleres, teñen un papel relevante na súa narrativa, unha escrita que se pon da parte das “outras” para darlles protagonismo.

A busca da liberdade, que paira en boa parte da súa obra, convértese nun trasunto da súa propia biografía, a historia daquela moza que se independiza con 15 anos e marcha con 31 para Londres co firme obxectivo de se converter en escritora. Busca en Londres unha nova vida e deixa detrás dous divorcios, con dous fillos do primeiro e un do segundo, o único que a acompañará na súa nova vida.

Cando a Lessing lle outorgaron o Nobel en 2007 convertíase na premiada de máis idade na historia do galardón. As crónicas dixeron que non estaba nas quinielas. Ela, cando menos, mostrou a súa sorpresa e mesmo o seu desconcerto. Tentou fuxir, na medida das súas posibilidades, do ouropel do galardón aínda que, por veces, a tafera tornouse imposíbel. Houbo aplausos, tamén atrevidos cuestionamentos que viñeron, en especial, dos dous nomes máis coñecidos da crítica literaria americana e alemá, dos que crean canon.

Na explicación da concesión, o xurado do Nobel de Literatura acuñou unha frase que tería percorrido. Dicían que Lessing era merecedora do premio por ter sabido “capturar o esencial e a épica da experiencia feminina, que con escepticismo, lume e poder visionario someteu a unha civilización dividida ao escrutinio”. Repítese agora, en moreas de obituarios, a súa maneira de apreixar a “épica da experiencia feminina”, esa capacidade que a Lessing a fixo tan querida polo feminismo, esa maneira de levar á escrita a vida das mulleres, desde un eu feminino, que fixo a súa narración especialmente próxima e querida polo feminismo.

Instrucións para un descenso ao inferno, Memorias dunha supervivente, A boa terrorista, As aboas, Dentro de min e O vento levarase as nosas palabras son algúns dos seus títulos máis recoñecidos.

Fonte: SermosGaliza