Entradas

Os Mestre Mateo reivindican a cultura por riba da crise e aúpan a ‘Arrugas’ e ‘Doentes’

A longametraxe de animación ‘Arrugas’ e a peza de ficción ‘Doentes’ foron os grandes triunfadores dos Premios Mestre Mateo 2012 ao alzarse con cinco galardóns cada unha nunha gala na que os participantes coincidiron ao reivindicar que, a pesar da crise, “a cultura importa”.

Nun comunicado, a Academia Galega do Audiovisual detallou que, ademais destes recoñecementos, a serie ‘Matalobos’ levou catro premios, o documental ‘Tras as luces’ outros tres, cifra galardóns que tamén recaeu na película para televisión ‘Condesa Rebelde’.

Estes recoñecementos, foron concedidos nunha gala repleta de discursos reivindicativos por parte dos organizadores, gañadores e polo propio guión de Ángel de la Cruz, interpretado por María Castro, a actriz encargada de presentar a gala á que asistiron máis de 900 persoas.

Segundo explicou a organización, un dos momentos cumio da celebración foi cando a presentadora se achegou ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, e sentada nas pernas do presidente da Academia, Antonio Mourelos, regalou ao político unhas tesoiras por se quería facer algún recorte máis.

PRINCIPAIS REIVINDICACIÓNS

A maioría dos galardoados coincidiron en solicitar ás institucións públicas que “sigan apoiando a produción propia”, posto que, como indicaron, o “audiovisual é un sector estratéxico que xera moitos postos de traballo e sentido de país”, explicou a institución cultural.

Neste sentido, Antonio Mourelos, sinalou que o audiovisual galego “está canso de ir de despacho en despacho” para dicir que é un sector “importante que dá traballo a moita xente”. “Quen o ten que saber xa sábeo e se non fai nada é porque non quere ou non lle deixan”, criticou.

Pola súa parte, Dolores Ben, premio de honra Fernando Rey deste ano, agradeceu o recoñecemento e destacou que “supón un estímulo” para seguir traballando”.

“O audiovisual é un sector estratéxico, cheo de xente nova e con talento, que son o futuro”, afirmou antes de considerar que se debe facer “unha política audiovisual clara e consensuada co sector para poder superar a situación actual”.

Fonte: GaliciaHoxe

82.800 hogares gallegos tienen todos sus miembros en paro

O paro subiu en 25.200 persoas no primeiro trimestre do ano en Galicia, en relación cos tres meses anteriores, un 10,48% máis, co que o total de desempregados sitúase en 265.600 e a taxa alcanza o 20,18%, de acordo cos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) difundidos este venres polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Con estas cifras 82.800 fogares galegos ten todos os seus membros en paro.

En toda España, o paro subiu en 365.900 persoas no primeiro trimestre do ano respecto ao trimestre anterior, un 6,9% máis, situándose o número total de desempregados en 5.639.500 persoas, cifra inédita ata agora para a economía española. En Galicia, que mantén a súa taxa de desemprego máis de catro puntos por baixo da estatal (esta última é do 24,44%), a comparación co mesmo trimestre do ano anterior mostra que o paro subiu en 39.000 persoas, o que representa un 17,23% máis.

Galicia sitúase como a sétima comunidade na que máis creceu o desemprego en termos relativos no primeiro trimestre, en relación ao anterior, aínda que é a quinta en termos absolutos. En canto á taxa de paro, hai nove comunidades cunha porcentaxe máis avultada que o galego e están por baixo Asturias, Cantabria, Castela e León, Madrid, Navarra, País Vasco e A Rioxa. Entre xaneiro e marzo destruíronse na Comunidade galega 22.400 empregos, de modo que os traballadores ocupados descenderon un 2,09% respecto ao último trimestre de 2011 e situáronse nun total de 1.050.500. Se se compara co primeiro trimestre do ano pasado, o número de postos destruídos é de 30.200 e a caída na ocupación do 2,79%. A taxa de actividade galega sitúase, deste xeito, no 55,51%.

Por sexos, hai máis homes desempregados (138.700) que mulleres (126.900), pero elas teñen unha taxa de paro superior, do 20,55%, fronte ao 19,85% no caso deles. Os datos da EPA mostran que no primeiro trimestre estaban ocupadas 490.300 mulleres, cunha taxa de actividade do 49,83%, por 560.100 homes, cunha taxa de actividade do 61,73%.

Ademais, a publicación do instituto estatístico recolle que entre xaneiro e marzo había en Galicia 2.370.700 persoas maiores de 16 anos, o que representa un 2.600 menos que no trimestre anterior, unha caída do 0,11%. Estaban activos 1.316.000, o que representa un incremento de 2.800 persoas no mesmo período, un 0,21% máis.

Fonte: El País

Código Cero celebra o seu I Foro Tecnolóxico e o seu 10º aniversario

O ano 2012 comezou coa publicación do nº 100 da revista Código Cero, que casualmente coincidiu cos 10 anos da nosa revista nas rúas, o que decidimos celebrar nun evento que tivo lugar hoxe no Auditorio da Biblioteca de Galicia sita na Cidade da Cultura, aproveitando a ocasión para celebrar a primeira edición dunha serie de foros tecnolóxicos que temos previsto celebrar nos vindeiros meses.

Para inaugurar os Foros Tecnolóxicos de Código Cero contamos coa presenza da directora da Axencia de Modernización de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, quen foi presentada aos asistentes polo sempre xenial Xavier Alcalá, un auténtico home do Renacemento que fixo un repaso da figura de Mar Pereira, rematando a súa intervención cunha simpática reivindicación: pediu á directora da AMTEGA que presidise o Partido Regresista Tecnolóxico Galego, que tería como principal obxectivo o regreso do talento tecnolóxico galego espallado polo mundo.

Pereira, pola súa banda, analizou o papel e os retos da Administración pública ante a rápida evolución da sociedade dixital e a importancia e potencial do sector tecnolóxico como elemento tractor no actual contexto económico, repasando as medidas que figuran na Axenda Dixital de Galicia para acadar tales obxectivos.

A responsable da área tecnolóxica da Xunta asegurou que a modernización que están a vivir as Administracións Públicas son consecuencia da crecente demanda dos cidadáns, que buscan minimizar a burocracia, o que precisa de importantes investimentos tanto en tecnoloxía como en capital humano, polo que avanzar neste eido é un reto ambicioso que agardan superar grazas á planificación a longo prazo que definiron dende o Executivo autonómico, apostando tamén pola centralización destes recursos na AMTEGA, o que podería supor un importante aforro económico a distintos niveis.

Pereira tamén lembrou que está a pórse en marcha un novo Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta de Galicia, que permitirá un mellor aproveitamento de recursos, así como facilitará ao sector público o desenvolvemento de proxectos innovadores que contribúan a dinamizar o noso sector TIC.

Tras a intervención de Mar Pereira, quen tamén pecharía o encontro, púxose fin ao Foro Tecnolóxico e pasouse a celebrar o 10º aniversario da nova publicación impresa, polo que o director de Código Cero, Xosé María Fernández Pazos, fixo un repaso da historia da publicación, agradecendo a todos os que fixeron posible que esta aventura puidese durar máis de 10 anos. Logo cedeu a palabra a Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios, que non só transmitiu os seus parabéns polo labor e o éxito de Código Cero, senón que aproveitou a ocasión para lembrar que a CRTVG está “saneada e con bos índices de audiencia”, garantindo a súa función de servizo público, como tiveron a ben recoller no Telexornal Serán da TVG.

Fonte: Codigocero

Antón Reixa vence nas eleccións da SGAE

A candidatura encabezada polo galego Antón Reixa impúxose nas eleccións da Sociedade Xeral de Autores e Editores. Autores Unidos pola refundación obtivo unha maioría simple nas votacións que celebrou onte a entidade, sumando 14 asentos para a xunta directiva, mentres outras dúas formacións reparten os 16 postos restantes. Reixa deberá agora negociar coas outras candidaturas para artellar unha directiva unitaria. O galego conseguiu estes resultados cunha campaña na que chamaba á rexeneración da principal entidade de xestión de dereitos do Estado.

Fonte: AGE

Abre O Garaxe Hermético

O pasado sábado abría as súas portas en Pontevedra O Garaxe Hermético. Co epígrafe de Escola Profesional de Banda Deseñada, o centro, dirixido por Kiko da Silva oferta formación para a aqueles que se queiran dedicar á novena arte. Da man de profesionais do sector como Miguel Porto, Jacobo e Norberto Fernández ou Fernando Iglesias, que se matricule recibirá un ciclo formativo de 3 anos e 700 horas anuais nos que se tratarán cuestións como técnicas de debuxo, entintado e cor, así como nocións sobre narración e guionización e mesmo procesos de impresión, distribución e dereitos de autor.

Canda ao ciclo formativo completo, a escola oferta tamén a opción dun curso de 176 horas anuais que se impartirá unicamente en sábado, e programará ademais clases maxistrais nas que diferentes autores de BD amosarán o seu xeito de traballo aos alumnos. David Rubín iniciará estas xeiras o vindeiro 19 de maio a explicar o seu traballo na obra El héroe.

Os títulos expendidos pola escola carecen de recoñecemento oficial xa que, segundo explicou o director, unha das condicións esixidas pola administración era que os profesores tivesen un título cando menos igual ou superior a aquel que imparten, e non existen títulos sobre BD. Canda a isto, boa parte dos profesionais en activo carecen de licenciaturas. Ademais, as propostas de programa docente realizadas desde Educación non se axeitaban, segundo Da Silva, ás esixencias actuais da industria da banda deseñada. “Para nós o importante é formar profesionais e que acaben publicando os seus traballos, xa que nesta profesión o que realmente conta é o nivel profesional do teu traballo”, explica.

O local da escola acollerá tamén exposicións de orixinais de diferentes autores, ata o vindeiro 31 de maio pode verse o proceso de traballo de Miguelanxo Prado en Trazo de xiz.

Fonte: Culturagalega

Nace ‘Sermos Galiza’, un novo medio multiplataforma, colectivo e en galego

Sermos Galiza bota hoxe a andar, un novo medio dixital de información xeral en galego que a partir do 17 de maio será tamén un semanario en papel. O proxecto nace por iniciativa dun grupo de 14 persoas que inclúe á escritora Teresa Moure ou ao músico Xurxo Souto. O obxectivo do novo medio é converterse nun referente da información en galego, coa lingua como principal trazo definitorio. Para iso, conta co apoio de 900 accionistas que a través da súa achega conseguiron dar forma ao proxecto.

A redacción do dixital está composta por cinco xornalistas que fomentarán a participación activa dos lectores. A implicación cidadá e o traballo de colaboradores de distintos ámbitos serán a base do novo medio, que pretende ofrecer unha visión crítica da realidade galega. Pola súa vocación de proxecto colectivo, Sermos Galiza buscará o apoio das diferentes asociacións existentes no país, que terán no novo portal un altofalante para as súas iniciativas e proxectos.

A información de Galicia centrará os contidos do novo portal, pero tamén haberá espazo para o que ocorra noutros lugares, fundamentalmente os máis próximos. Neste sentido, terán especial importancia os acontecementos que teñan lugar en Portugal e no resto de países lusófonos. Conscientes da difícil situación á que fan fronte os medios de comunicación, os responsables de Sermos Galiza confían en poder asentarse e converterse nun medio sólido. Para iso, ofrecen a posibilidade a todo o que queira de subscribirse ao semanario a través da súa páxina web. O obxectivo que se marcan para poder garantir a súa viabilidade é conseguir o apoio de 3000 cidadáns.

A posta en marcha do diario dixital é o primeiro paso. Á publicación do semanario a partir do próximo mes, esperan poder sumar novos servizos a través de diferentes soportes. A creación dunha radio dixital é o próximo obxectivo no horizonte, un obxectivo que esperan cumprir canto antes.

Fonte: El País

Finou Xaime Isla cofundador da Editorial Galaxia

Xaime Isla Couto, cofundador e Presidente de Honra da Editorial Galaxia finou onte, 25 de abril, en Vigo, segundo comunica a Editorial Galaxia a través da súa web. O ensaísta, avogado, economista, animador cultural e político do galeguismo era tamén director de Honra da revista Grial.

Os fundadores

Editorial Galaxia constituíuse en xullo de 1950 a partir da iniciativa de Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla Couto, que un ano antes botaran a andar o Suplemento Literario do xornal La Noche en Santiago de Compostela. Axiña incorporaríanse ao proxecto Ramón Piñeiro, como director literario, e Ramón Otero Pedrayo, primeiro presidente do Consello de Administración. Mais a iniciativa foi dos anteditos: pulmóns e brazos executivos de Editorial Galaxia durante anos. Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla Couto foron a alma desta empresa, guieiros do seu proxecto estratéxico desde a súa fundación.

Foto: EditorialGalaxia

Fonte: AGE

“Esta lei é unha ferramenta para a privatización de todo o monte do país”

O proxecto de Lei de Montes de Galicia iniciou este martes o seu trámite parlamentario cunha crítica unánime dos dous principais partidos da oposición, e tamén de colectivos sociais, ambientalistas, labregos e das comunidades de montes. “É unha ferramenta de cara á privatización de todo o monte do país”, afirma con rotundidade Charo Sánchez, secretaria de medio ambiente del Sindicato Labrego Galego, que conclúe: “Esta administración quere un monte produtivista ao servizo do capital e lexisla a favor desta visión”.Charo Sánchez, secretaria de medio ambiente del Sindicato Labrego Galego, que conclúe: “Esta administración quere un monte produtivista ao servizo do capital e lexisla a favor desta visión”.

Sánchez conclúe: “A lei bota por terra todo o traballo feito até agora para que o monte seguise estando ao servizo do país e da veciñanza que vivimos nel. Imos perder toda capacidade de xestión e de decisión. A administración ten moitas ganas de botar para atrás as comunidades de montes”. Para o SLG o máis grave desta lei é que “permite o cambio de uso do solo para que haxa unha meirande forestación da terra agraria, cando xa Galicia ten unha proporción de terra agraria por debaixo das demais comunidades autónomas do Estado, menos do 25%”.

Fomento dos cultivos enerxéticos

Ao Sindicato Labrego preocúpalle especialmente o artigo 76 da lei, que fala dos contratos de xestión pública e que provoca que a administración poida ceder espazos a empresas de cultivo de agromasa, principalmente de produción enerxética e pasta de papel. En opinión de Sánchez, “este artigo fai que a maioría de comunidades de montes, que non poderán saldar as débedas que teñen coa administración, se verán obrigadas a entrar nun contrato de xestión pública, que porán o monte e a veciñanza ao servizo dunha empresa privada”.

A Federación Ecoloxista Galega denunciou a Xunta está a preparar “ás caladas” unha orde que permitirá a plantación de até 100 hectácras continuasde especies alóctonas, por exemplo eucaliptos, para queimar nas plantas de biomasa

A este respecto, a Federación Ecoloxista Galega denunciou a Xunta está a preparar “ás caladas” unha orde que permitirá a plantación de até 100 hectácras continuasde especies alóctonas, por exemplo eucaliptos, para queimar nas plantas de biomasa. A FEG denuncia que “nos últimos meses, a Xunta está a acelerar a máquina lexislativa coa modificación, estratexicamente estudada, de multitude de leis relacionadas cos montes, ao que hai que engadir esta orde para regular os cultivos enerxéticos”.

Segundo indica a FEG, os cultivos enerxéticos precisan de grandes cantidades de abonos, auga e pesticidas, contando tamén con densidades moi elevadas. Esta clase de cultivos resulta moi agresiva co medio debido aos ciclos de corta reducidos de 3 ou 4 anos, degradando o solo e eliminando a súa fertilidade. “Por outra banda -conclúe- os cultivos enerxéticos constitúen un paso máis na perda de biodiversidade dos montes e na desaparición das masas forestais autóctonas”.

Posicións enfrontadas no Parlamento

Os socialistas presentaron unha emenda de devolución a este texto que supón o “machadazo final ás políticas de desenvolvemento rural”, “desvaloriza o monte” e “non promove o aproveitamento multifuncional e sustentable do monte galego”. Para o PSdeG-PSOE, “o problema é un rural abandonado, envellecido e despoboado”, fronte a un goberno que “chega tres anos tarde, tres anos de desleixo para co monte e para co medio rural de Galicia”. Advertiu que esta norma “non atende á realidade do monte en Galicia, non potencia o monte como patrimonio esencial e estratéxico para o desenvolvemento sostible e non serve para apostar por un rural vivo e dinámico”.Tareixa Paz pediu unha nova tramitación da lei a través dun texto alternativo apoiado polo sector e considerou que a nova consolida medidas que xa provocaron a perda de 6.600 postos de traballo.

Mentres, Tareixa Paz pediu unha nova tramitación da lei a través dun texto alternativo apoiado polo sector e considerou que a nova consolida medidas que xa provocaron a perda de 6.600 postos de traballo e a diminución  da facturación, en 700 millóns de euros no 2010, no conxunto do sector forestal, polo que reiterou a súa revisión.

Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, salientou que a norma ten “espírito de apertura” e o obxectivo de “dinamizar” o monte galego e de “aproveitar os seus recursos” mediante sociedades de fomento forestal, para loitar contra o abandono e reinvestir os benficios. Quintana asegura que o proxecto é froito dun longo debate coas 20 organizacións presentes no Consello Forestal de Galicia, das que se tomaron en consideración un bo número de modificacións á norma.Verdegaia denuncia que na elaboración do borrador da lei “non se garantiu a participación pública dos axentes sociais representativos nin do público en xeral.

Porén, dende Verdegaia rexeitan con rotundidade esta afirmación e din que na elaboración do borrador da lei “non se garantiu a participación pública dos axentes sociais representativos nin do público en xeral, aspecto fundamental na política forestal e medioambiental da Unión Europea e en teoría da propia Xunta de Galicia”. Estas irregularidades foron denunciadas mediante unha queixa presentada ante o Valedor do Pobo, presentada por varios colectivos e entre eles Verdegaia, Amigos da Terra e Galiza non se vende.

Fonte: Praza.com

II Concerto Día das Letras Galegas organizado polo Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega organizará o seu segundo concerto “Día das Letras Galegas” no Pazo da Cultura de Pontevedra. Será o mércores 16 de maio ás 21 horas, con entrada libre e gratuíta, e contará coa Real Filharmonía de Galicia dirixida por Maximino Zumalave e acompañada pola Coral Polifónica e o Coro do Conservatorio Profesional “Manuel Quiroga” de Pontevedra. Na sesión estrearanse as obras “Cantata das cantigas”, de Roxelio Groba, e “Caderno de bitácora de Valentín Paz Andrade”, de Juan Durán.

Máis de cen cantores

Máis de cen cantores ocuparán o escenario do Pazo da Cultura de Pontevedra nun concerto que homenaxeará a lírica e a música galegas. O programa ofrecerá dúas “Cancións xacobeas” (“Maria Soliña” e “Moi lonxe”) compostas por Antón García Abril sobre poemas de Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912-Vigo, 1979). Seguiralle a “Cantata das cantigas” creada por Roxelio Groba en 2007, partindo de poemas populares do libro “Antífona da cantiga”, de Ramón Cabanillas (Cambados, 1876-1959) e rematará co “Caderno de bitácora de Valentín Paz Andrade. Esta partitura, que inclúe o recitado polo actor Xosé Barato, foi composta, a pedimento do Consello da Cultura Galega, expresamente para este concerto por Juan Durán en homenaxe a Valentín Paz Andrade (Pontevedra, 1898-Vigo, 1987), figura senlleira escollida este ano pola Real Academia Galega para a celebración do Día das Letras Galegas.

Fonte: AGE

Jose María Vilar Varela fala de ‘A arte do bo pescar’ en Actualizad@s

José María Vilar Varela fala da pesca con cana no programa Actualizad@s comentando no mesmo programa que Baía Edicións está a preparar o seu primeiro libro A arte do bo pescar, que sairá á luz no mes de maio.

A pesca con cana non é só unha actividade deportiva, que se debe aprender a practicar e a gozar, é case un modo de vida: combates o estrés diario, gañas tranquilidade e saúde co contacto coa natureza -neste caso, o mar e o seu contorno-, logras unha gran satisfacción coas capturas realizadas e, finalmente co seu tratamento gastronómico. Estes son, sen dúbida, algúns dos seus moitos alicientes.

Esta guía representa, por unha banda, a plasmación dos coñecementos adquiridos polo autor ao longo da súa dilatada experiencia e, por outra, o seu desexo de transmitirllos aos apenas iniciados nesta práctica e a quen aínda non se deixaron atraer por ela.

A guía, na que José María buscou deliberadamente utilizar unha linguaxe absolutamente didáctica e directa para que cumpra o seu principal obxectivo, a divulgación, consta de catro apartados: 1) cebos e engados, 2) artes e técnicas, 3) o mar, os ventos e as mareas, e 4) a pesca das especies máis comúns das nosas costas.

A arte do bo pescar, en definitiva, é unha obra que pon en valor esta actividade que forma parte tamén da cultura das nosas vilas e cidades mariñeiras. A entrevista pode visualizarse a partir do minuto 01:20.

Actualizad@s. Capítulo 59

José María Vilar fala do seu libro A arte do bo pescar no programa de radio Entre Nós (25.05.12)