Artigos

Presentado o Informe de Comercio Interior do Libro de Galicia

O Presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado, e o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo,  presentaron esta mañá na Biblioteca da Cidade da Cultura, o Informe de Comercio Interior do Libro de Galicia. Os datos proceden das enquisas realizadas a unha mostra representativa de empresas do gremio editorial galego e reflicten a situación do sector en función da actividade editorial e da coxuntura  económica do ano  2011.

Manuel Bragado manifestou que malia os datos, o sector resistía e mantiña a súa actividade produtiva e contribución  ao incremento do catálogo editorial galego, coa aportación cultural que iso supón. Amosou a súa preocupación pola redución do emprego, que afecta tanto a traballadores fixos como a colaboradores externos, e tamén pola caída da facturación, que provocou que o número de empresas que facturaban por enriba dos catro millóns de euros, pasaran de cinco a dúas  en dous anos.

Lorenzo subliñou que o sector agremiado representa ao 80% do sector e que polo tanto a mostra recollida no informe e plenamente representativa pois descontando as cifras da edición institucional( 14%), o sector non  agremiado acada o 10%.

Radiografía da situación da edición

O informe foi realizado pola consultora Conecta Research&Consulting, que elabora tamén os mesmos datos para a Federación de Gremios de Editores de España referentes ao conxunto de España. Del despréndese unha radiografía da situación da edición privada en Galicia que, segundo anunciou o secretario xeral de Cultura, “será unha base fundamental das próximas iniciativas que poñamos en marcha no sector editorial”, entre as que destacou o Plan Director do Libro.

O informe reflicte datos xa publicados no Informe do Comerio Interior publicado pola FGEE, confirmando a facturación de  27 millóns de euros,  un 12,3% menos pero a  caída dende o ano 2009 acumula un 20%. O texto non universitario e o libro de infantil e xuvenil facturaron  máis da metade do total.  As empresas privadas da edición publicaron 2156 títulos, dos cales foron en galego 1.587 .

Informe

Fonte: AGE

Foto: Xunta de Galicia