Entradas

Hoxe celebramos o Día Escolar da Non Violencia e a Paz

A educación en e para a tolerancia, a solidariedade, a concordia, o respecto aos Dereitos Humanos, a non-violencia e a paz son motivos para lembrar o 30 de xaneiro. Neste día, os centros educativos comprométense como defensores da paz e entendemento entre persoas de distinta procedencia e modos de pensar.

Nese día celébrase o aniversario da morte do Mahatma Gandhi (India, 1869-1948), líder pacifista que defendeu e promoveu a non violencia e a resistencia pacífica fronte á inxustiza e que foi asasinado por defender estas ideas.

Que podemos aprender do Día da Paz?

Unha educación inspirada nunha cultura de non violencia e paz permite ao noso alumnado adquirir coñecementos, actitudes e competencias que reforcen o seu desenvolvemento como cidadáns globais críticos e comprometidos cos seus dereitos e os doutras persoas.

O Día da Paz, pola súa temática xeral de non violencia, resolución de conflitos e convivencia, pode traballarse en todos os niveis educativos desde Educación Infantil ata Bacharelato.

“Posto que as guerras nacen na mente dos homes, é na mente dos homes onde deben erixirse os baluartes da paz” (Declaración da Constitución da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura)

Avaliar o traballo do profesorado?

Xa tocaba. Periodicamente lánzase ao aire unha proposta ou se toma unha decisión co único fin de axitar a educación española. Por si non houbese pouco coa falta de medios, os plans de estudos e os recortes agora ocórreselles dar outra volta de porca e aceptar a proposta, iso si para o seu estudo, de avaliar o traballo do profesorado porque, a dicir do filósofo Marina , «o bo mestre non pode cobrar o mesmo que o malo», sen decatarse de que cobra o mesmo e incluso máis o deputado que non situou os seus posaderas sobre o escano, que o que presentou centos de emendas.

Pero é certo que hai profesores que non dan pau á auga. Como hai xornalistas e hai mecánicos. E que é necesario pór remedio á situación. Pero o noso é un país onde á educación dáselle a importancia que se lle dá cando se lle entrega a un señor para que a xestione ao mesmo tempo que os touros, o fútbol e os espectáculos de cabaret.

Por iso hai que celebrar calquera mellora. Incluso sería bo que a Administración cubrise as baixas de profesorado que non cobre, que colocase profesores de apoio, que acabase coa masificación das aulas, que aumentase o profesorado e que o licenciado en historia non acabase dando inglés; o de francés, xeografía, e o licenciado en matemáticas impartise física. Mellor aínda sería que a nosa educación non encabezase os países da UE onde máis caeron os orzamentos, que no 2014 sufriron unha rebaixa do 16,7 %, uns 7.300 millóns de euros menos.

E unha vez que arranxemos estes problemas, pois imos co outro. Pero o demais é empezar a casa pola cheminea. Como sempre facemos.

Artigo de Ernesto S. Pombo de La Voz de Galicia.

Desde o Goberno xa non están na etapa dos recortes, senón na do abandono

A Asociación de Nais e Pais Galegas -Anpas- organizaron hai unha semana a terceira dunha serie de xornadas extraordinarias nas que analizan a problemática do ensino no país, onde son moi críticos coa Xunta.

Realizaron en Vigo outra xornada de traballo de Anpas Galegas, dentro dun proceso que os está levando por todo o país.

-A maiores das xuntanzas habituais en Santiago, decidimos, sen unha periodicidade fixa, organizarmos reunións por todo o país, para ter diálogos con pais e nais máis amplos, de todo un día, para coñecer de primeira man a opinión e as problemáticas concretas. Estivemos en Lugo, na Costa da Morte, en Vigo e seguiremos en canto poidamos.

Son moi diferentes as queixas de nais e pais dependendo da zona do país?

-É máis homoxéneo do que parece. Hai matices, obviamente, pero as maiores diferenzas sobre todo atinxen os condicionantes socioeconómicos, non tanto a outros. Por exemplo, non cambia tanto entre un barrio de Vigo e o centro de Carballo, talvez si máis a respecto de bisbarras máis rurais.

Os recortes serán tema central nestas xuntanzas, pódese supoñer. 

-A sensación é de que xa estamos noutra fase, máis avanzada, da destrución do ensino público en Galiza, que desde o Goberno xa non están na etapa dos recortes, senón na do abandono, cunha precariedade que só se vai salvando grazas ao voluntarismo de profesores, direccións ou pais e nais, porque desde a administración, nada.

Teñen os pais e as nais de alumn@s que adoptar un papel máis reivindicativo?

-As Anpas sempre tiveron ese papel reivindicativo, o que ocorre é que neste tempo histórico tan duro pasaron de centrarse case unicamente nos problemas concretos de cada centro a ter unha visión máis xeral, non tan limitada a cada ámbito propio, senón consciente do deterioro de todo o Ensino, e de que a saúde da educación pública é algo que beneficia a todos e todas, non só a quen ten un familiar nun colexio.

Fonte: Sermos Galiza

As axudas ás familias para libros de texto baixan un 8%

A dotación orzamentaria para as axudas ás familias na merca de libros educativos merma un 8%. A Consellería incrementou a vixenza dos libros de texto de catro a seis anos e, deseguida, anunciou as axudas para os materiais escolares coa citada redución.

As axudas da denominada gratuidade solidaria tiñan unha dotación de e 17,6 millóns de euros, repartidos en dous anos, 600.000 euros para o ano 2013 e o resto para o ano 2012. Esa partida orzamentaria non foi suficiente e a administración tivo que ampliala en casi dous millóns de euros. Para o curso 2013-2014 a previsión é dun millón catro centos mil euros menos.

A gratuidade solidaria deixa fóra ao 35% dos estudantes 

Un 35% dos alumnos non recibe axuda algunha para material escolar. A gratuidade solidaria establece axudas para familias con rendas non superiores aos 9.000 euros, sempre que sexan monoparentais, e a familias con ingresos inferiores ou iguais a 5.400 euros. As cuantías para os primeiros non superan os 90 euros e para os segundos, con fillos en cursos da ESO, os 180 euros.

Fonte: Culturagalega

Cultura e Educación reforza a programación infantil na carteleira de decembro da Rede Galega de Teatros e Auditorios

Un total de 72 das 126 actuacións de teatro, danza, música, maxia e novo circo que se celebran durante este mes están especialmente dirixidas aos rapaces.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria intensifica a programación infantil da Rede Galega de Teatros e Auditorios neste mes de decembro, durante o que ofrecerá 72 funcións de teatro, danza, música, maxia e novo circo especialmente dirixidas aos espectadores máis pequenos. A meirande parte delas concéntranse, así mesmo, no período de vacacións escolares.

En total, serán 126 as representacións para público adulto e infantil que se celebrarán durante todo o mes no seo deste circuíto, que se estende por 32 localidades de toda Galicia. A rede, que Cultura e Educación xestiona a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), continúa a apostar de xeito prioritario pola produción galega e en galego, á que corresponde o 92% do total de funcións que porán en escena un total de 50 compañías e grupos.

Cofinanciamento

Cofinanciada ao 50% entre a Agadic e os concellos e entidades públicas que xestionan os espazos nos que se desenvolve o programa, a Rede Galega de Teatros e Auditorios pechará 2012 cun balance de 660 representacións. Esta cifra vén confirmar o destacado papel do circuíto como unha das principais canles de encontro entre os espectadores e as compañías profesionais de Galicia. A variedade nas propostas artísticas ofertadas e a descentralización xeográfica a través dos seus 46 teatros e auditorios asociados continúan a ser os seus principais sinais de identidade co obxectivo de cubrir así un amplo segmento de público potencial.

Neste mes de decembro a programación desenvolverase en 35 destes espazos, correspondentes a 32 concellos: 15 deles na provincia da Coruña (A Coruña, Ames, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Carballo, Cedeira, Cee, Ferrol, Muros, Narón, Noia, Oleiros, Ortigueira e Santiago de Compostela), 9 en Pontevedra (A Estrada, Cambados, Gondomar, Lalín, Pontevedra, Redondela, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa), 4 en Lugo (Foz, Lugo, Ribadeo e Viveiro) e 4 Ourense (A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño e Ourense).

Salas de música e teatro

Á carteleira de decembro na Rede Galega de Teatros e Auditorios hai que sumar, así mesmo, a actividade nos outros dous circuítos promovidos pola Agadic: 58 concertos nas diferentes salas que integran a Rede Galega de Música ao Vivo e 33 funcións escénicas e musicais na Rede Galega de Salas. Neste último caso, a programación dirixida ao público infantil vén cobrando cada ano un maior peso no conxunto do seu catálogo multidisciplinar. Así, en decembro as salas ARTeria Noroeste e Santart en Santiago de Compostela, Teatro Ensalle en Vigo e Teatro del Andamio na Coruña acollerán un total de 22 representacións para os máis pequenos como parte da rede.

A programación completa das tres redes pode consultarse na sección de axenda da web da Agadic: www.agadic.info/axenda

Fonte: Xunta