Entradas

Martes 6 agosto, 18:00 horas Presentación de Fadita fosca! na Feira do Libro da Coruña

Presentación de Fadita Fosca! na Feira do Libro da Coruña, con Miguel Vázquez Freire

Miguel Vázquez Freire e o  ilustrador betanceiro Xosé Tomás, quen  realizará tamén un taller de ilustración dirixido ao público infantil, acompañados da directora editorial de Baía Edicións, Belén López Vázquez, farán un achegamento crítico a esta obra incluída na colección infantil Mar de Letras.

O avoíño de Saleta ten unha teima. Acabar con todas as malditas moscas que enchen a casa cando chega a calor. Saleta decide axudalo. Pero cazar moscas non é cousa doada. E á avoíña o resultado non lle convence nada nadiña. Ai, esa fadita fosca!

Fadita fosca! pecha a triloxía de Miguel Vázquez Freire, comezada con María é maior (Colección Xiz de Cor) e continuada con Xurxiño quere ser… (Colección Mar de Letras), dedicada ás máis pequenas e aos máis pequenos da casa. Nela María, Xurxiño e Sabela, como auténticos protagonistas das historias, mostran a súa visión particular do mundo que os arrodea e dan coa solución máis intelixente aos problemas que se lles presentan a diario.

Presentacións de Fadita Fosca! e A neve e o lume na Feira do Libro da Coruña, martes 6 agosto

O martes 6 de agosto Baía Edicións presentará Fadita Fosca! e A neve e o lume na Feira do Libro da Coruña

Ás 18:00 horas: Fadita fosca!

Miguel Vázquez Freire e o recoñecido ilustrador betanceiro Xosé Tomás, quen  realizará tamén un taller de ilustración dirixido ao público infantil, acompañados da directora editorial de Baía Edicións, Belén López Vázquez, farán un achegamento crítico a esta obra incluída na colección infantil Mar de Letras.

Ás 19:00: A neve e o lume

A escritora coruñesa Chelo Suárez e a tamén escritora e prologuista da obra, Marica Campo, farán unha introdución a esta singular novela dirixida ao público xuvenil e ilustrada moi certeiramente por Calros Silvar.

Contamos con vós!

Xa está dispoñible a versión 3.6 de WordPress en galego

O popular xestor de contidos WordPress vén de estrear a súa versión 3.6, que xa está dispoñible en galego, e que supón unha interesante actualización para esta potente plataforma, que entre as súas novidades incorpora un novo tema predeterminado (Twenty Thirteen, que pon o foto no contido cun deseño colorido e dunha única columna), autogardado e bloqueo de entradas (cada 15 segundos garda as entradas que esteamos a redactar para non perder nada, frecuencia que reducirase ata os 2 minutos se detecta pouca actividade no ordenador), un reprodutor multimedia HTML integrado para poder incrustar audio e vídeo sen depender de servizos externos e un menú de edición máis doado de entender e usar. Tamén mellora a integración con Spotify, Rdio e SoundCloud.
A nova versión de WordPress tamén mellor os formatos de entrada, as revisións, o modo sen distraccións a pantalla completa e o fluxo editorial. É posible descargar WordPress 3.6 dende a súa páxina web, aínda que os usuarios que conten cunha versión anterior de WordPress poderán aplicar a actualización directamente dende o seu panel de control.

Fonte: Código Cero

A catedral de Santiago deteriorouse máis desde os 80 que en oito séculos

 Os informes atribúen o desgaste ás visitas e a intervencións erróneas.

A Catedral de Santiago deteriorouse máis nos últimos trinta anos que no resto dos seus oitocentos de historia. É o que sinalan os informes técnicos resultantes das análises de seguimento realizados para coñecer a saúde do Pórtico da Gloria e dos principais elementos do templo. Así o explicou o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, tras a presentación da exposición Iacobus, que repasa a iconografía xacobea ao longo da historia.

Lorenzo asegurou que todos os estudos e as medicións sinalan que a catedral compostelá sufriu nos «últimos anos unha deterioración que se multiplicou exponencialmente» e que necesitará de «un esforzo investidor e organizativo extraordinario para poder facerlle fronte».

As razóns desta perda acelerada de saúde do monumento débense a varias causas. Unha das principais é o desgaste producido polos millóns de visitantes do templo. Unha deterioración que, segundo o director da Fundación Catedral, «ten que ser controlado porque somete á catedral a unha presión moi grande». Durante estes días, a fundación está a facer probas para o control do acceso de turistas ao Pórtico da Gloria, en parte para evitar desgastes innecesarios e «algunhas actuacións por parte de visitantes que o edificio non pode soportar».

Outra das circunstancias que afectan máis seriamente á saúde do edificio son algunhas das intervencións de conservación realizadas no pasado. Neste sentido, Daniel Lorenzo sinala que o cemento «nas cubertas e as fiestras estancas impediron que a pedra se ventilase de modo natural, o que aumentou a humidade no interior en lugar de rebaixala». No mesmo sentido, apunta que durante algúns anos se utilizou en conservación o método de encerar a pedra, «unha técnica que resultou ser moi nociva».

Apunta tamén a que a catedral se ve afectada por cuestións aparentemente inocuas: «Coa onda de calor, abríronse as portas da catedral e eses cambios bruscos de temperatura afectaron á pedra». A calor tamén afectou ao órgano da catedral. Daniel Lorenzo sinala que desde os anos 80 pódese comprobar a situación «comparando as fotos dos mesmos elementos entón e agora». Pero advirte que se se compara coas imaxes de 1926 «a deterioración dos últimos cen anos é inmenso».

Fonte: La Voz de Galicia, 2o xullo 2013

Un cento de actividades na Feira do Libro da Coruña

Arredor de cen actividades relacionadas coa lectura e case corenta postos de librarías e editoriais son os datos da Feira do Libro da Coruña que abre as súas casetas nos Xardíns de Méndez Núñez o próximo día 1 de agosto.

Será, sen dúbida, como todos os anos, un dos acontecementos culturais do verán coruñés. Do xoves 1 ao domingo 11 de agosto os Xardíns de Méndez Núñez serán unha avenida literaria pola que atravesarán algúns dos máis relevantes autores e no que se darán conta das novidades editoriais da tempada. Presentacións de libros, música, debates e sinaturas de autores son algúns dos apartados do amplo programa que, como en todos os encontros organizados pola Federación de Libreiros de Galicia, ten un amplo espazo adicado á produción cultural e o lecer infantil.

Yolanda Castaño será a encargada do pregón inaugural o día 1 de agosto e, a partir de aí, comezarán  os autores e autoras a pasar pola feira de libros, sen dúbida a máis concorrida de creadores da tempada. Manuel Rivas, un clásico xa na feira da Coruña protagonizará algúns dos, de seguro, actos con máis audiencia, entre eles  o que se presenta o día 5 de agosto como “Máis Luzes para Galicia. Xornalismo e cultura en crise” canda o xornalista Xosé Manuel Pereiro.

Dúcias de nomes

Para todos os gustos e idades está pensada unha programación que pasará da literatura gastronómica á política, da novela á poesía e un sinfín máis de actividades para achegarse á cultura máis nova neste verán coruñés. Bautista Álvarez, Pablo González Mariñas e Franco Grande presentarán os seus novos libros nos que a literatura e a política, de diferentes maneiras, se dean a man.

Luís Rei Núñez, Ramón Nicolás, Miguel Anxo Fernández, Antón Riveiro Coello, Chisco Fernández Naval, Xosé Neira Vilas, Alberte Blanco, Pedro Feijóo,Yolanda Castaño, Miguel Vázquez Freire, Chelo Suárez, Xulio Valcárcel, Ramón Loureiro, Correa Corredoira, José Luis Gómez, Manuel Portas ou Manuel Loureiro serán algúns dos autores que presentarán os seus libros ou protagonizarán unha sesión de sinaturas na Feira da Coruña.

Como acontecera en Vigo, a Editorial Galaxia programa no marco do encontro coruñés, a Semana de música infantil con Uxía, Pablo Díaz ou Mamá Cabra entre outras propostas.

A mesa “Escribir en galego para que nos lean en todo o mundo” con Francisco Castro, Xabier López, Alex Bilbao e  Mercedes Queixas ademais da presentación do libro “Los mejores poemas de amor” con Luz Pozo Garza, Olga Patiño Nogueira, Miguel Anxo Fernán-Vello, Chema Paz gago, Basilio Rodríguez Cañada e Antonino Nieto Rodríguez son dúas das oportunidades de achegarse ao debate literario no programa da Feira. O programa completo cos distintos horarios pode consultarse aquí.

Despois da Coruña, que é a sétima das once Feiras do Libro de Galiza que organiza a Federación de Libreiros, virán aínda Viveiro, Foz e Monforte de Lemos para rematar de 25 a 18 de agosto en Rianxo.  ​

Fonte: Sermos Galiza

Onte, o Día da Patria Galega máis negro

“Facerlle máis palpable a España a inxustiza que connosco comete” escribía Rosalía.

Este ano festexabamos os 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, primeira obra en galego da inmorrente Rosalía de Castro e que quizais, e sen quizais, o motivo principal que tivo a autora foi, levada polo seu gran amor á súa terra, a súa patria “Facerlle máis palpable a España a inxustiza que connosco comete” e a de reivindicar a Galicia da vulgar acusación de groseira e a de probar a beleza da lingua galega e de protestar contra a desconsideración con que se lles trata e de afirmar a súa conciencia colectiva.

Esta valentía en defensa da súa terra é atacada polo escritor falanxista Ernesto Giménez Caballero “debido a su separatismo” como contei hai oito días, citándoa así “Probe Galicia, non debes // chamarte nunca española // que España de ti se olvida // cando eres ¡ai! tan hermosa // (Respectamos a ortografía).

Estrofa do poema, resposta a La Gaita Gallega contestándolle ó poeta Don Ventura Ruíz de Aguilera. – o devandito Giménez Caballero di dela “Y hasta la dulcísima Rosalía de Castro, pensando en su Galicia, deja de ser dulce para dar paso a la ira amarga y a la rebeldía”.

“Pero a miña infeliz patria, tan desventurada nisto como en todo o demais tense que contentar unha vez máis cunhas páxinas frías e insulsas (…) como non fose polo nobre sentimento que as creou (…) penso que o que se esforza por desvanecer os erros que machacan e ofenden inxustamente a súa patria, é acredor a algunha indulxencia”.

Rosalía non foi separatista, foi unha muller valente. A historia é testemuña das aldraxes que sufriron os galegos… que non vén recordar aquí.

Mañá 25 de xullo é o Día da “Patria” Galega que cita moitas veces Rosalía. Mañá tamén é día do Apóstolo. A mellor celebración é a defensa da nosa lingua. A patria dun escritor é a súa lingua.

Agora que parece que aconsellan certas autoridades de educación evitar os topónimos en galego, non esquezamos que a lei di: “Os topónimos terán como única forma oficial a galega”.

Hoxe non debemos deixar de reivindicar máis interese do goberno da Xunta pola nosa lingua que me dá a impresión que vai esmorecendo.

Cómpre poñer un empeño maior, porque se hoxe temos unha dignidade como pobo, debémosllo en gran parte a nosa lingua. Debemos prestixiar o uso do noso idioma. Ningún galego debe avergoñarse da súa lingua. A defensa do galego significa a defensa dun patrimonio cultural do que o idioma será sempre a pedra fundamental. A lei é ben clara “o goberno galego prestará apoio material e económico ós medios de comunicación para un uso do galego de xeito habitual e progresivo”. O destino dunha lingua depende, é certo, da comunidade, dos que a falan e dos que nela pensan. A lingua é a nosa personalidade que medra ou que diminúe.

Unha lingua é sempre tan forte que resiste a todas as opresións e tan fraca que cede ante a pasividade.

Este Día da Patria foi acordado pola Asemblea das Irmandades da Fala, no ano 1919. Reunidos en Santiago de Compostela, acordan celebrar o Día Nacional de Galicia, os 25 de xullo. Festa que en toda España se conmemora co nome de Día do Patrón de España.

Pero despois de tantas celebracións na clandestinidade, perseguida polo réxime ditatorial non se puido celebrar con normalidade democrática. Sendo principalmente un día sinalado polas grandes manifestacións na capital galega, onde os partidos políticos reclaman por unha situación política máis honrada e xusta. Manifestacións reivindicativas que a máis das veces rematan con enfrontamentos coas forzas da orde.

Recordarei a Anxel Fole, cando escribiu en 1970: “Galicia non ten nada que se poida comparar á súa lingua, nin a Catedral de Santiago”.

para rematar, en honra de Rosalía, foi ela a primeira que escribiu en galego Cantares Gallegos, onde se refire á conciencia de inxustiza social que se exercía en Castela contra os galegos.

Rosalía non foi separatista.

Fonte: Plácido Lizancos (La Opinión, 24 xullo 2013)

Imaxe: debuxos sobre o día da Patria d2s nen@s de “dálle un coliño”

Marica Campo e Chelo Suárez falarán de A neve e o lume, na Feira do Libro da Coruña

O martes 6 de agosto, ás 19:00 horas, Marica Campo e Chelo Suárez falaran de A neve e o lume, última novela de Chelo, que nos mergulla nun soño ou nun pesadelo, non se sabe moi ben onde.

Desde The Castle of Otranto, o lugar privilexiado dos medos, e aínda do terror, ten paredes vetustas, ventás á noite, sons estarrecedores. Así a Gran Mansión e o seu soto onde Negraneve (repárese no oxímoro do nome) chega á vida ou ao tempo que, se cadra, nin iso é. Mais os sons, que tamén os hai, adoitan ser outros.

Vén Chelo Suárez guiada por Alejandra Pizarnik cuxos versos son a epígrafede cada capítulo, con ecos do mundo de Erzébet (Elisabeth ou Elizabeth) Báthory, a condesa sanguenta, aquela que fixera do sadismo máis brutal o seu emblema até se converter en paradigma da crueldade sen límites ao servizo do pracer sexual. Mais aquí non hai outra tortura que o alento axeado do misterio, o rostro da morte cando esta é violada, os poderes do Maligno desencadeados como a tormenta perfecta. O perigo axexa, docísimo, tras a porta. Traspasala é chegar ao mundo dos mortos vive ntes, aboiar para sempre entre o ser e o non ser.

Vén, sen pudores nin eufemismos, porén delicada, cunha historia imposíbel, mais verdadeira por coherente, co seu sentido alén da realidade.

Marica Campo

Fadita fosca, de Miguel Vázquez Freire, na Feira do libro da Coruña

O martes 6 de agosto, ás 18:00, Miguel Vázquez Freire presentará Fadita fosca, acompañado de Belén López e o ilustrador Xosé Tomás, que nos ten preparado un taller de ilustración.

Agardamos que Saleta e o seu avoíño non apareza por alí co seu “salacot de cazador de animais salvaxes” como no libro, pois armaríase unha boa. 🙂

Resina de poliéster en Caderno da crítica

Resina de poliéster, de Correa Corredoira

Baía Edicións, A Coruña, 2013, 112 páxinas, x €

Coñecín a Correa Corredoira nunha longuísima e tediosa espera, hai xa algún anos, para gravar unha intervención naquel programa televisivo de saudoso recordo que foi Libro aberto, no que Manolo Romón mantivo despois unha ocorrente entrevista arredor do libro Pintor en Italia. Non lembro ben quen acompañabamos a Correa dando paseos polos recendentes exteriores de San Marcos, talvez Carlos Quiroga e alguén máis, mais si recordo con precisión a capacidade para a transmisión oral que atesouraba o pintor cando relataba o que facía secretamente en Vilar de Locendres para defender a flora autóctona, algo que aquí non debo contar.

Digo todo isto porque o espírito ecoloxista, a fluidez do discurso oral e mais o concepto da indignación está moi presente neste Resina de poliéster, que é o seu segundo libro de poesía publicado. O seu título remite a un material agresivo co que traballa no seu estudio e que resulta operativo como metáfora do tempo que vivimos. O poemario, non se dixo, aparece prologado por Lino Braxe, quen afirma con acerto que Correa é «un pintor que escribe» e mais «un poeta que pinta». E así é porque o volume transita, en esencia, polos eidos do diálogo entre pintura e escrita e, como se dixo antes, percorrendo ao tempo eses camiños onde é de lei  erguer un brado de indignación polo que se ve e polo que se vive: un berro diante do obsceno e do kitsch, diante da pesadume do tempo e da usura, diante da mentira, a dor ou o abuso.

Quen se aproxime ao libro advertirá como os seus poemas abalan entre algúns de xinea minimalista, brevísimos, case ao xeito de aforismos ou haikus, e outros nos que agroma un devezo narrativo máis evidente. Uns e outros unidos polo que se podería definir como a poética da experiencia pois polos versos circulan lecturas, intervencións artísticas, vivencias…, construíndo unha sorte de cartografía persoal, de orde intelectual e mesmo vital.

Un libro plural, ao meu ver,  que xoga ás veces co  recurso ao visionario e outras apela á realidade desde a que se recollen detalles ou instantes máis ou menos fuxidíos, paisaxes ou instantáneas que recolle a retina e conserva a memoria. Nel non falta tampouco, cando cómpre, o lategazo irónico nin esas preguntas retóricas sen aparente resposta. Hai tamén versos fermosos e perdurables neste libro como o que di  »pinta teas onde a lingua / da luz estrebilla sombras retornadas» ou «Osmo o teu rastro no humus orixinario… / A túa lingua revóame pola cara, Rosalía». Eu recomendo a súa lectura.

Nace o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

Promover a creación dun espazo fotográfico en Galicia que complemente o Outono Fotográfico e situar o noso país no panorama internacional de galardóns para esta arte. Con estes obxectivos nace o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, que se presentaba esta mañá no Centro Galego de Arte Contemporánea en Compostela. Nado da man do Outono Fotográfico e coa colaboración económica da Deputación de Lugo e mais da Consellaría de Cultura, o novo galardón conta cun orzamento de 16.000 euros, que se destinarán a producir unha exposición do proxecto gañador e mais a editar un volume que recolla o mesmo.

 O prazo para presentarse ao certame está aberto ata o vindeiro 4 de outubro para calquera proxecto fotográfico que teña sido realizado ao longo dos últimos dez anos sen apoio de bolsas ou premios e que estea cando menos parcialmente inédito.