Entradas

Portugal despede Ramos Rosa, um seu grande escritor

Em Lisboa, aos 88 anos, morreu António Ramos Rosa, um dos grandes escritores das letras portuguesas com uma ampla obra de poesia e ensaio que fecha o livro Em torno do Imponderável do passado ano. Deixou pegada nas letras galegas, em especial no fascínio que por ele sentia o poeta Eusébio Lorenzo Baleirón.

A editora Espiral Maior dirigida pelo poeta Miguel Anxo Fernán Vello publicou em 1994 um livro inédito do poeta intitulado O Navio da Matéria. Ramos Rosa teve relação literária e pessoal com o poeta Eusébio Lourenzo Baleirón que mesmo fizera um estudo sobre a sua obra e visitara o escritor em Lisboa. Outros autores galegos como Miro Villar confessam a presença da obra de Ramos Rosa no seu imaginário poético.

Uma ampla obra poética, além de livros de ensaio de referência arredor do feito poético, compõem a trajetória literária de um dos escritores mais valorados em Portugal que trouxe para a sua língua também grandes nomes da literatura universal e pôs a andar diversas revistas literárias.

No último momento escreveu em papel o verso mais conhecido e emblemático da sua obra: “Estou vivo e escrevo sol”

Ramos Rosa ganhou o Premio Pessoa em 1988, além de outros galardões como o Prémio Associação Portuguesa de Escritores ou o Internacional de Poesia, aliás de dar ele próprio nome a um prémio poético. Autodidata  -deixou os estudos sem rematar a secundária-, mais de grande formação leitora e domínio de diversas línguas que o fizeram um reconhecido tradutor literário. Em 1958 publica o seu primeiro livro, O Grilo Claro, ao que seguiram quase um cento de títulos até Em torno do Imponderável do passado ano. O Ciclo do Cavalo, Figuras solares, Sobre o Rosto da Terra, Volante Verde, Nomes de Ninguém ou As Palavras são alguns dos títulos da sua larga trajectória.

Segundo conta a imprensa portuguesa, o poeta teve fôlegos mesmo no último momento para escrever em papel o que está considerado o verso mais conhecido e emblemático de toda a sua obra: “Estou vivo e escrevo sol”, que marca também o espírito que presidia a sua condição de escritor, claramente social, mais poética em estado puro, numa harmonia que levou à teoria mais à prática.

A morte de Ramos Rosa acontece pouco depois da desaparição de outro grande vulto das letras portuguesas, o narrador Urbano Tavares Rodrigues, dois grandes autores case do mesmo tempo que partilharam também na biografia a condição de se opôr ao regime salazarista.

O corpo de Ramos Rosa será sepultado no Jazigo dos Escritores, no Cemitério dos Prazeres.

Fonte: Sermos Galiza

Berta A. Cáccamo entra no club de ‘Galegos do Ano’

Está considerada como a máxima representante da abstracción conceptual en Galicia.

A súa pintura foi exposta en todo o mundo

Berta Álvarez Cáccamo (Vigo, 1963) leva case trinta anos sorprendendo ao mundo da arte coa súa interpretación da abstracción e o conceptualismo, dentro e fóra de España, cunha obra recoñecida en todo o mundo. O excelente traballo e a promoción que de Galicia realizou a través das súas pinceladas levaron ás redaccións de EL CORREO GALLEGO, Terras de Santiago, Radio Obradoiro, Correo TV e a edición dixital a seleccionala como premio ‘Galegos do Ano’, galardón que outorga o Grupo Correo Gallego.

Berta A. Cáccamo licenciouse en Belas Artes en Barcelona, foi bolsa Manuel Colmeiro da Xunta e de Creación Artística Banesto, e no seu haber tamén conta con numerosos premios e recoñecementos. Na actualidade, ademais de por suposto seguir dedicándose en corpo e alma á pintura, é profesora asociada do Departamento de Pintura da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, da Universidade de Vigo.

Ao longo da súa vida o seu impresionante currículo mostra que realizou vinte exposicións individuais, máis de 120 colectivas, foi galardoada con sete importantes premios e bolsas, e a súa obra figura en 17 museos e coleccións públicas.

Esta pintora traballa no campo da abstracción e segundo ela mesma recoñece, “alguén chamoulle arte conceptual”.

A propia artista asegura a EL CORREO sobre as posibles diferenzas entre a súa obra inicial e a actual que no seu traballo agora dáse unha maior definición na proposta da pintura e un maior distanciamento da carga emocional que toda obra leva implícita. “Son proporcións ou propostas pictóricas nas cales pesa cada vez máis a idea de proceso e non a de obra acabada”, sinala.

Tamén contesta Berta A. Cáccamo que daquela década dos 80 estraña que foron uns anos dun “enorme apoio a toda actividade cultural emerxente. Estraño o respecto que desde as institucións tíñase cara á arte e os artistas, o apoio daquelas e por extensión das persoas cara á cultura”.

Da súa obra actual asegura que o que máis lle gusta é a maior confianza no que fai. Que cara a onde me gustaría evolucionar? “Non o sei -afirma-, pero gustaríame ser capaz de que os traballos fluísen de modo natural, facendo fincapé nos medios propios da pintura como sempre ocorreu no meu traballo, a pincelada, a cor, a mancha. Mostrar a pintura nos seus elementos propios definitorios. Fóra do campo da representación”.

Berta A. Cáccamo non quere, ademais, que a súa persoal concepción da arte termine con ela, por iso tenta inculcar aos seus alumnos que “aquilo que fagan sexa certo para eles, e se é unha impostura, mostrar a impostura como tal”, sentenza.

“A arte ‘boa’ sempre xorde dunha necesidade individual ou colectiva, pero dunha necesidade de comunicar”, finaliza.

Fonte: galiciahoxe

Cando a didáctica se fixo mecánica

A galega Ángela Ruiz patentou un prototipo do hoxe en día coñecido coma o “libro electrónico dos anos cincuenta”. A falta de crenza na súa viabilidade e de recursos económicos fixo que a súa patente non chegase a comercializarse xamais. Sesenta anos despois, o seu libro electrónico exponse no Museo de Tecnoloxía e Ciencia da Coruña. Unha publicación do Ministerio de Economía recolle agora a historia deste dispositivo.

Ata agora considerábase que o inventor do libro electrónico fora o norteamericano Michael Hart en 1971. Porén, en 1949 a mestra dona Angelita, como lle chamaban os seus alumnos, obtivo a patente número 190 698 a favor dun procedemento mecánico, electrónico e mediante presión de aire para a lectura de libros, tamén denominado enciclopedia mecánica. “Os libros nos anos corenta aínda eran en branco e negro e coloreábanse á man. Ángela Ruiz quería engadir colorido aos textos, interactividade e interdiscliplinariedade” comenta Ramón Núñez Centella, director do MUNCYT. O Ministerio de Economía publicou recentemente a monografía Ángela Ruiz Robles y la invención del libro mecánico. Trátase dunha investigación realizada desde diferentes autores sobre a obra desta inventora e recolle documentación ata agora inédita sobre o proceso creativo desta mestra.

Alixeirar as mochilas escolares
Coa idea de alixeirar o peso das carteiras dos nenos, esta inventora ideou un artefacto composto por cintas de texto e ilustracións que ían pasando por varios carretes. Cada un equivalente ás diferentes materias incorporadas dentro dun estoxo. A metodoloxía didáctica que promovía consistía en aprender a través da relación de conceptos e non do estudo en bloques. Nun mesmo espazo podíase ter a mesma materia en varios idiomas, con diferentes tamaños de letra e distintas cores. O seu propósito era acadar a máxima aprendizaxe dos estudantes co menor esforzo. “Portátil, que pese pouco, de uso no fogar e no colexio” sinalaba a autora nunha entrevista a El Correo Gallego no ano 1962. “As bobinas son automáticas e poden desprazarse do estoxo da enciclopedia e estenderse, quedando toda a materia á vista; pode estar sobre unha mesa ou perpendicular, facéndoo máis cómodo para o lector”.

O prototipo da enciclopedia mecánica construíuse nos talleres militares de Ferrol en 1962. O estoxo que recobre o aparato foi engadido despois e, aínda sendo de metal, a inventora xa prevía que podería ser doutros materiais máis lixeiros como o plástico. O MUNCYT recolle nas súas salas a peza facendo un pequeno recoñecemento á súa obra, “non é exactamente un prototipo senón un modelo da idea do libro mecánico que tiña na cabeza. Nas patentes pódese ler a idea de que o aparato fose eléctrico pero nos anos corenta a electricidade non se aplicaba a estes aparellos” segundo Núñez Centella.

Esta inventora foi unha adiantada á súa era. Pero a súa condición como innovadora e a falla de recursos económicos remataron co éxito do seu desenvolvemento comercial e “non había solución técnica por aquela época”.

Unha profesional do ensino
Ángela Ruiz Robles (1895-1975) naceu en Villamarín, un concello da provincia de León. Tras rematar os seus estudos superiores na Escola Normal de Mestras e Mestres de León, impartiu as súas primeiras clases docentes en taquigrafía, mecanografía e contabilidade. Mudouse a Gordón (León), onde foi directora do colexio durante uns meses. Tras obter a súa praza de mestra en Santa Uxía de Mandiá (Ferrol), deixou a súa terra natal e afincouse en Galicia en 1918, onde pasou o resto da súa vida.

Foto: MUNCYT

Fonte: culturagalega.org

A 36 edición dos Premios da Crítica celebrarase en Vigo o 19 de outubro

O Hotel Os Escudos acollerá a entrega da edición número 36 dos Premios da Crítica Galicia, no tanscurso dun xantar.

Estes premios desenvolveránse baixo o lema «Auga limpa en fresca fonte», lembrando así o sequiscentenario da publicación en Vigo de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. O cartel do evento é do pintor Antón Pulido, vicepresidente da Fundación Premios da Crítica Galicia.

A xunta directiva da Fundación Premios da Crítica Galicia nomeou as seguintes persoas como membros dos xurados de cada unha das modalidades:

Creación Literaria: Agustín Fernández Paz (escritor, gañador da edición anterior), Antonio García Teijeiro (escritor, profesor), Marta Neira (profesora da Escola Universitaria de Maxisterio CEU de Vigo), María Xesús Nogueira Pereira (profesora de Literatura Galega da USC, membro Sección Crítica AELG), Chus Pato Díaz (escritora, profesora), Cesáreo Sánchez Iglesias (escritor, presidente da Asociación de Escritoras en Lingua Galega) e María do Cebreiro Rábade Villar (secretaría do xurado, profesora da USC, patroa da Fundación Premios da Crítica Galicia).

Investigación: Patricia Fra López (profesora de Literatura Norteamericana da USC, gañadora da edición anterior 2012), Eulalia Agrelo Costas (docente e investigadora),  Xosé Luís Axeitos (profesor, membro da Real Academia Galega),Francisco Campos Freire (profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC), Francisco Díaz-Fierros Viqueira (científico, catedrático emérito da USC, membro da Real Academia Galega), María Pilar García Negro (escritora, profesora da UDC) e María López Sández (secretaría do xurado, profesora da USC, patroa da Fundación Premios da Crítica Galicia).

Iniciativas Culturais: Margarita Vázquez Corbal (vocal da directiva d’ O Sorriso de Daniel, gañadora da edición anterior), Isabel Mociño González (investigadora do Centro Ramón Piñeiro de Investigación en Humanidades), Xaime Domínguez Toxo (presidente do Ateneo de Pontevedra), Branca Novoneyra (bailarina e poeta), Sergio Lago (xestor cultural), Encarna Lago (xerente da Rede Museística Provincial de Lugo) e Marcos Lorenzo (xestor cultural, patrón da Fundación Premios da Crítica Galicia).

Música: Margarita Viso (presidenta da Asociación Galega de Compositores, gañadora da edición anterior), Felipe González (profesor do conservatorio de Vigo, membro do cuarteto Caramuxo); Lorena López Cobas (historiadora); Marta Fernández Pan (profesora do conservatorio de Santiago); Raquel Gamallo (responsable da web Ghastas Pista); Belén Regueira (xornalista da Radio Galega) e Xavier Senín Fernández (secretaría do xurado, profesor, vicesecretario da Fundación Premios da Crítica Galicia).

Artes Plásticas de Visuais: Carmen Nogueira (artista, gañadora da edición anterior), Antón Castro (crítico de arte, profesor da UDV), Pilar Corredoira López (crítica de arte e xestora cultural),  José Manuel García Iglesias (crítico de arte e catedrático da USC), César Portela (arquitecto), Enrique Velasco (escultor) e Antón Pulido Novoa (secretaría do xurado, pintor, vicepresidente da Fundación Premios da Crítica Galicia).

Artes escénicas e audiovisuais: Nuria Sotelo (bailarina de danza contemporánea), Roberto Pascual Rodríguez (profesor da ESAD, director da Mostra de Teatro de Ribadavia), María Yáñez (investigadora audiovisual, co-editora de EMBED), Camilo Franco (xornalista de La Voz de Galicia), Ramón Rozas (xornalista de Diario de Pontevedra), Sabela Hermida (actriz) e Antón Sobral (secretaría do xurado, artista, patrón da Fundación Premios da Crítica Galicia).

Fonte: Premios da Crítica.

Educación recorre o auto sobre o decreto do galego

A Xunta xa presentou un recurso contra o auto do Tribunal Superior de Galicia no que se esixe a Educación que acate as sentenzas sobre o decreto do plurilingüismo. A alegación da Administración fundaméntase en que xa acatou a sentenza «escrupulosamente» mediante unha instrución remitida aos centros educativos hai unhas semanas. O auto do TSXG, sostén Educación, pode basearse en que non tiveron en conta estas directrices enviadas pola Xunta a todos os colexios e institutos. O Goberno de Feijoo vai máis aló e cuestiona o auto en canto a que só se poden anular actuacións contrarias á sentenza, e enviar aos centros un cuestionario para que respondan as familias do alumnado de infantil «non é contrario á sentenza». O resultado desta enquisa non terá o carácter vinculante que rexeitou o fallo xudicial, senón que servirá para dispor dunha información «obxectivamente necesaria».

Fonte: La voz de Galicia

O Tribunal Superior dá un mes a Educación para cumprir a sentenza do galego

Considera que non se executou totalmente o fallo ao manterse a enquisa en infantil

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia recoñeceu, tras sendas demandas da Mesa pola Normalización e a CIG-Ensino, que a sentenza segue sen executarse totalmente, así que dá un prazo dun mes improrrogable á Xunta para que a execute. Pola contra o órgano xudicial non só poderá adoptar as medidas necesarias para que se cumpra, senón que poderá impor multas coercitivas. Tanto Anxo Louzao da CIG como Carlos Callón da Mesa advertiron que se trata dun decreto que está xa morto, polo que a única opción é derrogalo. O motivo do incumprimento é segundo as dúas entidades que se mantén a enquisa en infantil aos pais para decidir a lingua maioritaria na aula, aínda que Educación suprimiu o seu carácter vinculante tras a sentenza.

Fonte: La voz de Galicia

Lembramos outra noticia so respecto do 30 de novembro de 2012 aparacedida no mesmo xornal:

Outra sentencia xudicial anula a consulta do idioma aos pais

O Tribunal Superior estima parte do recurso da Real Academia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ditou unha nova sentenza sobre o decreto do plurilingüismo practicamente nos mesmos termos que os tres ditames xa coñecidos. A Real Academia Galega é outra das entidades que presentaron recurso contra esta norma aprobada polo PP, e o TSXG estima parte da demanda, anulando os mesmos artigos, o 5.2 e o 12.3. O primeiro deles refírese á consulta vinculante aos pais de nenos en educación infantil sobre a lingua a usar na aula, e o fallo responde cos mesmos argumentos, esgrimindo que trasladar esta potestade aos pais vulnera a configuración do dereito fundamental da educación.

O segundo artigo que anula o TSXG é o 12.3, que permite ao alumno usar a lingua oficial que prefira. Neste caso, o tribunal xa alude ás sentenzas recentes do 21 de novembro para reiterar os mesmos argumentos e invalidar o artigo. Primeiro, porque segundo a Lei de Normalización o galego debe ser con carácter xeral o vehículo de comunicación no ensino non universitario. Se o alumno usa a lingua que queira, e máis aínda o castelán en materias que se imparten en castelán, contradí esta lexislación.

Segundo, porque a lingua non está condicionada á libre elección do interesado; e terceiro, porque resulta contrario ao fomento do uso progresivo do galego no ensino.

 

A RAG estuda o fallo

A Real Academia Galega recibiu na tarde de onte a sentenza e o seu propio presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín, analizábaa tras coñecela. No entanto, explicou o secretario da institución, Xosé Luís Axeitos, farán unha valoración cando a estudaron con detalle, xa que a pesar de que o Tribunal Superior estima parte do recurso e anula dous dos artigos, «hai considerandos que poden ter unha certa importancia», explica Axeitos.

O fallo do TSXG é máis extenso que o que se deu a coñecer fai uns días, xa que a Real Academia incluíu na súa argumentario outras demandas. Unha delas é que esta entidade é un órgano asesor, empregando a expresión «funcións consultivas». Considera con todo o tribunal que estas funcións consultivas non deben entenderse como preceptivas e vinculantes, polo que «non cabe confundir conveniencia con obrigatoriedade en sentido xurídico, en relación co trámite de audiencia», explica.

A Xunta reitera o seu aval

A Consellería de Educación insistiu onte en que a cuarta sentenza sobre o decreto do plurilingüismo constata a legalidade de leste e apoia os principios inspiradores da norma. «Ademais -engaden- o fallo non anula a consulta aos pais, senón que só invalida o seu carácter vinculante».

Respecto dos motivos de impugnación de carácter formal, o tribunal ratifica o proceso que se seguiu para a súa aprobación ao considerar que non fan falta estudos previos. Tamén se desestiman as demandas que afectan aos principios nos que se fundamenta o decreto.

Á espera dunha decisión

Actualmente coñécense catro sentenzas sobre o decreto e as catro foron na mesma dirección. Son as ditadas por mor de denuncias da Real Academia Galega, Queremos Galego, CIG-Ensino e A Mesa pola Normalización. Faltan outras catro, cuxos ditames serán diferentes con bastante probabilidade. Non nos recursos presentados polos sindicatos CC.OO. e STEG, pero si nos de Galicia Bilingüe e a demanda conxunta da Asociación Galega para a Liberdade de Idioma e a Mesa pola Liberdade Lingüística.

Estes dous recursos camiñan noutra dirección, ao demandar que os nenos sexan escolarizados na súa lingua materna en infantil e incluso no primeiro ciclo de primaria, e non na que resulte maioritaria na aula. De feito, Gloria Lago, presidenta de Galicia Bilingüe, preparaba o recurso ante o Supremo ao non confiar no fallo do tribunal galego tras coñecer as sentenzas en contra da consulta vinculante aos pais. A Xunta esperará a ter todas as sentenzas «antes de tomar unha decisión ao respecto satisfactoria para todos os sectores implicados», afirma Educación.

A lingua materna predominante do alumnado será determinada polo centro educativo de acordo co resultado dunha pregunta que se efectuará aos pais, nais, titores/as ou representantes legais do alumno/a antes do comezo do curso escolar acerca da lingua materna do seu fillo ou filla.

En todas as áreas, materias ou módulos, agás nas sinaladas no parágrafo anterior e nas materias de lingua(s) estranxeira(s), o alumnado poderá utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia. Non obstante o anterior, procurarase que o alumnado utilice a lingua en que se imparte a área, materia ou módulo.

Fonte: La Voz de Galicia, 30 novembro 2013

Ollo ao tesouro: Charles Darwin na revista OINK!

Grazas a Baía Edicións lanzamos o primeiro Ollo ao tesouro de OINK!

Fainos chegar a mellor foto dunha das túas viaxes: esa tan divertida que che recorda un intre especial ou unha grande aventura: ti cos teus pais, co teu irmán pequeno argallando algunha trasnada, botando unhas risas cos avós…. o que queiras!!!

As tres imaxes que consigan máis votos dende o día 16 ata o día 27 de setembro gañarán un exemplar de Charles Darwin, na que o grumete do Beagle nos conta, en primeira persoa, as circunstancias e peripecias dunha travesía histórica.

Con tan só 10 anos, James Kincaid é un asistente do naturalista Charles Darwin no Beagle. A vida dun grumete metido a explorador nunca é aburrida, cousa que aprenderá James ao axudar a Darwin na recollida de mostras polo continente suramericano. Entre perigosos mares, terremotos devastadores e volcáns en erupción, o Beagle seguirá navegando, percorrendo baías, calas e illas…

O dirario de James relata a apaixonante viaxe que derivou nunha das obras científicas máis innovadoras da Historia. Nel, un mozo participa dos pensamentos e ideas dun dos maiores científicos do mundo, ademais de relatar emocionantes aventuras de ultramar.

Un capítulo ilustrado de referencias e datos ofrece información adicional sobre os descubrimentos e teorías de Darwin, e sobre o mundo científico do século XIX.

Os científicos reclaman un incremento anual de 636 millóns de euros

Solicitan Unha reunión a todos os partidos do arco parlamentario

Científicos e investigadores do colectivo Carta pola Ciencia solicitaron unha reunión a todos os partidos do arco parlamentario para que nos Orzamentos Xerais de Investigación do 2014 increméntese en 636 millóns de euros a partida destinada a I+D.

Este colectivo está integrado, entre outros, pola Confederación de Sociedades Científicas de España (Cosce), a Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE), CC. OO. e UGT. O seu obxectivo é aproximarse á media europea do 0,6 % do PIB de investimento público en investigación.

Así, calcularon que para iso deberían incrementarse os recursos en 1.909 millóns de euros en tres anos, o que supón un aumento anual de 636 millóns.

Na súa carta explican as propostas que esperan que tanto o Goberno como os partidos políticos poidan incorporar ás súas iniciativas para o próximo debate dos Orzamentos.

Piden tamén a eliminación os actuais límites da taxa de reposición de emprego público no sector de I+D, de modo que poidan incorporarse novos recursos humanos de acordo ás necesidades reais do sistema de I+D+i e á súa converxencia con Europa en científicos por habitante.

A creación da Axencia Estatal de Investigación como unha institución autónoma e independente é outra da súa reivindicacións.

Fonte: La Voz de Galicia

Morre Olimpio Liste aos 81 anos, investigador e fundador de dous museos etnográficos

O etnógrafo e coleccionista Olimpio Liste falecía onte aos 81 anos de idade. Liste era coñecido polas súas importantes coleccións de elementos da cultura tradicional galega, que lle permitiron montar un museo en Oseira e outro en Vigo. O corpo de Liste está a ser velado no Velatorio Virxe do Camiño de Pontevedra, e o funeral celebrarase mañá na Igrexa Virxe do Camiño desta cidade, de onde era orixinario. No pasado ano Museo Liste de Vigo foi noticia ao ter fechar pola retirada de apoio municipal. No entanto, o pasado mes de novembro abría de novo as súas portas logo de asinar un novo convenio co Concello. No entanto, o centro de Oseira fechou en 2011.

«A sociedade non pode investir en alumnos con menos de 6,5»

A secretaria de estado de Educación di que nestes casos non está garantido que «van realizar un esforzo para terminar os seus estudos»

A Secretaria de Estado de Educación, Montserrat Gomendio, asegurou que a sociedade «non pode seguir investindo» en estudantes cunha cualificación por baixo do 6,5 «que non poden garantir que van realizar un esforzo para terminar os estudos».

Gomendio, nunha entrevista en RNE, defendeu o decreto de bolsas aprobado no mes de agosto e insistiu en que «a situación actual é que moitas das bolsas que se dan a estudantes cunha cualificación por baixo do 6,5 teñen moi poucas probabilidades de que se culmine a titulación, faise nun período moi longo de tempo e cun desemprego moi elevado». Para Gomendio, pedir un maior esforzo aos estudantes «en proporción ao esforzo que a sociedade realiza» non é «inequitativo».

Por este motivo mostrouse convencida da conveniencia de indicar aos estudantes «cal é o mellor camiño para chegar a uns mellores niveis de empleabilidad». «Coas bolsas temos que facer política educativa e iso tamén é sinalizar aos estudantes e esa sinalización tense que facer desde o principio», asegurou.

Ante o anuncio de nova mobilizacións contra a aprobación de Lei de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), Gomendio reiterou a necesidade de aprobar a reforma por considerar que «é unha lei fundamental para loitar contra un dos fallos máis lamentables do noso modelo educativo que é a taxa de abandono temperán». Defendeu ademais a vontade de diálogo do executivo en todo o proceso e con todos os sectores afectados.

Aplicación para o curso 2014-2015

A secretaria de Estado mostrouse optimista na posibilidade de que o Congreso aprobe a norma antes de final de ano para que poida comezar a implementarse no curso académico 2014-2015. Insistiu ademais na vontade de diálogo por parte do executivo e lamentou o rexeitamento do PSOE a reformar a lei. «Entenden (o PSOE) que a LOE é súa (…) e o grupo socialista está a propor que as cousas se queden como están e nós non estamos de acordo», subliñou a secretaria de Estado.

En canto ás universidades, Gomendio recoñeceu que se atopan nunha situación orzamentaria complicada« pero incidiu na necesidade» de reconsiderar moitas cousas neste ámbito ao ter crecido moito en campus e ensinos e talvez sexa o momento de introducir un criterio de racionalización». Neste sentido recordou que o Goberno traballa xa nunha reforma universitaria e un mapa de titulacións.

Fonte: La voz de Galicia