Entradas

Atopan o primeiro texto científico realizado polo astrónomo Ramón María Aller, datado en 1907

Paso de Mercurio por delante del disco del Sol el 14 de noviembre de 1907. Observaciones verificadas en Lalín.

Vén de ver a luz un texto inédito manuscrito de 40 páxinas de Ramón María Aller, atopado recentemente nos fondos bibliográficos do Observatorio Astronómico da USC. O documento está publicado en formato facsimilar no último número de Descubrindo. Anuario de estudios e investigación de Deza.

José A. Docobo, director do Observatorio compostelán e prologuista do facsímil, explica que “dado o seu interese e calidade, o documento abrangue todos os requisitos para ser considerado unha publicación científica”, o que ademais convertería a este documento, titulado Paso de Mercurio por delante del disco del Sol el 14 de noviembre de 1907. Observaciones verificadas en Lalín, “na primeira publicación ao tempo que a última do currículo do sabio lalinense”.

José A. Docobo explica que “dado o seu interese e calidade, o documento abrangue todos os requisitos para ser considerado unha publicación científica

Docobo destaca que o propio astrónomo e matemático Ramón María Aller Ulloa fixera constar que a súa primeira publicación científica data de 1912 e correspóndese coas observacións do cometa de Joannesburgo (1910a), incluídas nun traballo do Anuario do Observatorio de Madrid. Non obstante, constaba a súa participación anterior tanto na observación da eclipse de Sol de 1905 como na obtención dos rexistros do tránsito de Mercurio por diante do disco solar en 1907. A existencia destes últimos estaban garantidos por unha carta de contestación de Francisco Iñíguez, daquela director do Observatorio de Madrid, aínda que das observacións en si non se tiñan referencias.

Fonte: Praza pública

Literatura, música e terra na Praza dos Libros de Carballo

Festa das letras en pleno agosto.

Dende este xoves e ata o domingo día 25 o Xardín Municipal de Carballo acolle unha nova edición da Praza dos Libros, a feira da creatividade que pretende achegar a cultura “a pé de rúa” durante catro días. Desta volta a Praza dos Libros “conta con dous autores de maior proxección e recoñecemento da literatura galega” e “coas dúa scantantes máis internacionais e de maior proxección”, explican dende a organización: Manuel Rivas e Xosé Neira Vilas, por unha banda, e Mercedes Peón e Uxía Senlle, pola outra.

A escritora María Canosa será a encargada de pregoar a feira ás 13:00 horas do xoves e dende ese momento botará a andar un programa que presta especial atención ao público infantil, con actividades como contos, a Ciclobiblioteca, teatro con grupos como Migallas ou Fantoches Baj ou o espectáculo Rosalía pequeniña. O público adulto poderá gozar, máis contra o serán, por exemplo, da música da galego-palestina Najla Shami e o seu disco Na lingua que eu falo.

O domingo repetirase a experiencia ‘Un libro, un pan’ e a compra do libro implicará o agasallo dun pan de Carballo

Música e espectáculo convértense así en boa compaña para as verdadeiras protagonistas: as letras. Recitais, presentacións de libros ou sinaturas sucederanse ao longo de toda a feira con autores e autoras como Paco Souto, Rosalía Fernández Rial, Xosé Pumar Gándara ou os devanditos Rivas e Neira Vilas. “Hai que se alimentar coa palabra, mais tamén con patacas, queixo, froita…”, advirten dende Carballo. Por iso, explican, “ao lado dos libros estarán os mellores produtos da zona”, xa que o día 22 e o 25 “a Praza dos Libros convivirá coa Feira Tradicional de Carballo” e “os libros virán cun paz debaixo do brazo”, xa que “durante toda a maña’do domingo repetirase por oitava vez a experiencia Un libro, un pan, e todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas cun pan de Carballo”.

Fonte: Praza Pública

Avelino Pousa Antelo

Avelino Pousa Antelo tiña 98 anos de idade, case un século de vida dedicado a traballar a prol de Galicia e do galeguismo, cun compromiso político activo que o levou a militar nas Mocidades Galeguistas, primeiro, e a participar na efémera refundación do Partido Galeguista en 1978, e unha actividade moi importantes de fomento do cooperativismo agrario e do desenvolvemento e mellora das explotacións agropecuarias en Galicia.

Dicíase que Pousa Antelo era un dos últimos representantes da xeración das Mocidades Galeguistas, os máis novos participantes do movemento galeguista previo á guerra civil. Nos últimos meses asistiu ao pasamento de compañeiros e amigos de vello, como Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla ou Isaac Díaz Pardo, do que mesmo asistiu ao seu funeral. Pousa Antelo gardaba, pois, a memoria viva do galeguismo histórico, do Partido Galeguista na Segunda República e da campaña do referendo estatutario de 1936, no que participou activamente.

De profesión, cooperativista

O legado de Avelino Pousa Antelo é tan amplo, tanxible e intanxiblemente, que parece realmente complicado resaltar unha faceta súa por riba das demais. Porén, xunto co seu denodado espírito docente, a súa intensa produción xornalística e literaria e o seu carácter galeguista, o Lucho do Peto pasará a historia do país pola súa incansable defensa do cooperativismo agrario. Aí quedan Valen ou non as cooperativas de esplotación comunitaria pra o campo galego? e Galicia, tarefa urxente como testemuñas escritas do seu ideario. Aí queda a Granxa-escola de Barreiros (Sarria), como proba palpable da súa fe cega na importancia da educación agraria como semente de futuro.

Corría o final do anos corenta e don Avelino rotaba como mestre por escolas de toda Galicia. Ocupado como interino en Santa Comba, recibiu a proposta por parte do home de negocios Antonio Fernández López de dirixir unha escola rural que proxectaba levantar na parroquia de Ortoá, concello de Sarria. O noso home, cos medos propios de quen se lle é encomendado unha grande responsabilidade, tatexou uns segundos antes de aceptar. O seu soño ía cumprirse.

O 1 de febreiro de 1948 inaugurábase a Escola Agrícola da Granxa de Barreiros con Avelino Pousa Antelo como alma pater

Mais antes de lanzarse a acometer tal empresa, decidiu completar a súa formación. A Misión Biolóxica de Galicia, a Estación Pecuaria Rexional de Lugo, a Estación de Praticultura e Cultivos de Veiga, a Estación de Fitopatoloxía Agrícola e a Estación de Fruticultura de Logroño foron algunhas das paradas previas. Conta Valentín Arias que nesta época don Avelino recibiu, por parte do responsable dunha empresa de produtos lácteos, a oferta dun posto técnico de relevo. Pagáballe ata cinco veces máis do que cobraría dirixindo a escola. O resultado? O 1 de febreiro de 1948 inaugurábase a Escola Agrícola da Granxa de Barreiros con Avelino Pousa Antelo como alma pater.

A Granxa-escola era gratuíta e unisex. Acolleu rapazas e rapaces de entre seis e catorce anos de todas as parroquias da contorna –e incluso adultos que pensaban que nunca é tarde para aprender-. En total, don Avelino daba clase a unhas cen persoas cada día, aplicando fielmente o programa escolar confeccionado por el mesmo. Non estaba só. Axudábano unha mestra recén titulada que se encargaba dos alumnos de primeiro grao, e a súa muller, Nora, que lle ensinaba a coser e a cociñar aos adolescentes da contorna. Porén, o traballo de don Avelino non remataba en horario lectivo. Os sábados acudía ás casas dos pais dos seus alumnos e dáballes clases prácticas de tratamento de cultivos, muxido e hixienización do leite, elaboración de manteiga e queixo, tratamentos contra pragas e, en definitiva, de todo o que fixera falta. Tamén organizaba proxeccións de filmes de temática agrícola e gandeira os domingos pola tarde na escola, sesións de canto, teatro, bailes, etcétera.

En fin, que o desexo do financeiro da escola, don Antonio Fernández, de evitar calquera tipo de propaganda, foi inútil. As novas sobre a Granxa-escola de Barreiros chegaron incluso á emigración galega na América. Don Antonio non tivo máis remedio que implantar o modelo de Ortoá en outras escolas galegas. E Pousa Antelo, “culpable” do éxito, non tivo outra que programar a ensinar en “Cursiños de formación agropecuaria para mestres rurais” cada verán. A resultas desta experiencia, confeccionou o Cuestionario de ciencias físico-químicas, historia natural y agricultura para los maestros nacionales que asistieron a los cursillos agropecuarios, organizados por la Inspección Provincial de Primera Enseñanza de Lugo, publicado en 1949.

Dous anos despois, o propio autor correría cos gastos de edición do seu Temas de Galicia, unha guía práctica que funcionou como resumo de todo o ideario agrícola de Pousa Antelo.

 Mestre e ensaísta

En total, sete anos e medio inzados de satisfaccións e, sobre todo, moito traballo, foron os que don Avelino dedicou a Granxa-escola de Barreiros. Logo, desacordos con Antonio Fernández e, quen sabe, interese propio en tomarse un respiro, decidiu voltar ao Maxisterio Nacional. As Illas Canarias foron o seu destino, e nin aló deixou de lado a docencia agrícola. Botou catro anos nun colexio da Orotava e, ademais, realizou –para o Cabildo, empresas ou veciños- ensaios de selección, obtención e adaptación de variedades de millo, de explotación froiteira, de loita contra enfermidades da pataca, etcétera.

Valen ou non as cooperativas de explotación comunitaria para o campo galego?, celme do seu ideario, figura entre as publicacións máis vendidas da historia da editorial Galaxia.

Xa no 59, decide deixar as Canarias e voltar á terra. É contratado por Semillas Selectas S.A. para a promoción dos seus produtos por toda Galicia. Ademais, non só non deixou de lado a súa faceta ensaística, senón que esta se revitalizou grazas ao contacto cos problemas que percibiu no agro galego en todas estas viaxes. No 61, concédeselle o Premio Ramón Mourente de xornalismo polo seu texto Producción agropecuaria de Galicia: ideas para modificar su estructura e incrementar el nivel de la renta campesina na publicación santiaguesa La Noche e, en 1963, o Premio Luís Sánchez Harguindey. Un ano despois pasa a organizar e dirixir a empresa Agropecuaria Industrial del Valle del Ebro (AIVESA), co que volve deixar atrás Galicia.

En Zaragoza titúlase Xerente de Empresas Cooperativas grazas á tese Cooperativa de explotación comunitaria para unha parroquia rural, publicada na Revista de Economía de Galicia, editada como volume independente en 1968 e ampliada baixo o título Valen ou non as cooperativas de explotación comunitaria para o campo galego? en 1971. Esta obra, celme do seu ideario, figura entre as publicacións máis vendidas da historia da editorial Galaxia.

Pousa Antelo concibe o cooperativismo non só como medio de produción (fronte ao capitalismo) senón case máis como filosofía de vida, pasando pola realización educativa (cooperación contra competición)

Nela, Pousa Antelo sintetiza en apenas 137 páxinas, apoiando con datos da época e cunha prosa sinxela propia da experiencia didáctica, o seu pensamento cooperativista. “As cooperativas son a gran posibilidade pra a Galicia rural: son a única posibilidade, penso que debemos dicir”, afirma don Avelino. Como acerta a sinalar Valentín Arias, Pousa Antelo concibe o cooperativismo non só como medio de produción (fronte ao capitalismo) senón case máis como filosofía de vida, pasando pola realización educativa (cooperación contra competición).

A resultas desta loita de toda unha vida, a Pousa Antelo recoñéceselle como “o mestre de Galicia”. Premios, galardóns, condecoracións, homenaxes sucedéronse e sucédense para honrar a este home que, preto ou lonxe da terra, estudou e traballou a partes iguais co único obxectivo de mellorar a calidade de vida dos galegos.

Fonte: Praza

Teo rende homenaxe á memoria das vítimas represaliadas no 36, representados na figura de Ánxel Casal

O Concello de Teo, como cada 19 de agosto, homenaxeou a figura de Ánxel Casal, o último alcalde republicano de Santiago, que foi asasinado e o seu corpo apareceu morto nunha gavia de Cacheiras. Este ano este acto enmárcase nunhas xornadas da “Memoria e da lembranza”xa que, segundo explicou a edil de Cultura, Carme Hermida, haberá actos de recordo a Avelino Pousa, xusto no primeiro cabodano do seu pasamento.

Todas as intervencións realizadas coincidiron en reivindicar a memoria dos represaliados no ano 36 e lonxe de centrarse en Casal fixéronse referencia ós numerosos actos que se realizan polo País durante estes días lembrando a Bóveda, Díaz Valiño, ós represaliados na illa de San Simón ou illa de Memoria, a Pepiño Areosa… Segundo dixo Xosé Luis Santos Cabanas, no nome da Oliveira, con estas homenaxes “afirmamos a vida e os valores que aqueles defendían”. Nora Pousa, filla de Avelino, e Benxamín Salgado, neto dun represaliado, protagonizaron un dos momentos máis emotivos da tarde cando leron os nomes dos represaliados naturais ou con veciñanza en Teo. Unha ristra de nomes, que como explicou Carme Hermida, pode non estar completa. Nora Pousa rematou esta intervención destacando que aquelas mortes “indicáronnos o camiño a seguir, depende de nós non extraviarnos”. Carme Hermida, a edil de Cultura, explicaba que “aquelas persoas pagaron coa súa vida o seu desexo dunha sociedade máis democrática”. Facíao antes de presentar a Aurora Pérez, concelleira de Servizos Sociais en Arzúa. Aurora reivindicou as raíces arzuanas de Ánxel Casal así como “a xenética de Casal no pobo de Arzúa”. A continuación leu un soneto Xoán Xosé Abella que interviña tamén no nome da Fundación Castelao. O alcalde de Teo pechaba o acto institucional agradecendo a implicación de todas as forzas políticas da corporación. “É un orgullo para min presidir unha corporación que se implique nestes actos de recuperación da memoria histórica” salientou. Explicou que nesta xornada “reivindicamos botando de menos a aqueles que compartían este acto con nós como Pousa ou Díaz Pardo, e botamos de menos aqueles que coa súa morte foron semente para gañar o futuro”. Durante a tarde o grupo Alvariza interpretou varias pezas musicais e unha danza de honra e respeto de Sobrado preparada especialmente para este acto. Tamén tocaron unha muiñeira composta por Nicolás Otero, músico e veciño de Lucí, adicada a Avelino Pousa. A tarde rematou coa ofrenda floral diante do monolito adicado a Ánxel Casal, Pepiño Areosa e todas as vítimas.

Fonte: Concello Teo

Argullol: «A sociedade española vive á marxe do aprecio pola cultura»

Desorientados, sen proxectos utopizantes, desilusionados. Estes son algúns dos cualificativos que hoxe poden asumir moitos dos cidadáns do mundo, algo que para o filósofo e escritor Rafael Argullol se agudiza máis en España «porque a sociedade española vive á marxe do aprecio pola cultura». E é que para Rafael Argullol (Barcelona, 1949), que publicará a primeiros de setembro o seu último libro, Maldita perfección. Escritos sobre o sacrificio e a celebración da beleza, esta situación propicia un momento especialmente curioso. «Ao longo da historia vivíronse situacións moi difíciles, pero esta é completamente nova», explica o autor. «É coma se estivésemos -afirma- camiñando ao fío da navalla e ao carón estivese a promesa dun renacemento e ao outro, a sospeita dunha idade escura. Ante isto ningún de nós atrevémonos a facer un prognóstico de se imos caer ao carón ou a outro», sostén.

Para este viaxeiro do mundo con máis de vinte e cinco obras ás súas costas, que asegura que as ideas hoxe dimitiron de propor proxectos utopizantes e que non hai unha cultura forte do desexo, como na Ilustración ou no Romanticismo, «só existe o desexo do entretemento bobo e a diversión banal», di. En España a situación de decepción agrávase, en opinión de Argullol, porque a sociedade vive completamente á marxe da cultura. «Digamos que aquí se nota moito algo que se disimulou no tardofranquismo e nas décadas dos anos 70, 80 e 90», conclúe. «Parecía que por fin en España ía cambiar -argumenta-, pero foi unha miraxe, unha burbulla, e agora volvemos á síndrome da herdanza: non tivemos Renacemento, nin Ilustración nin Modernidade, e aquilo que parecía que se aceleraba nos primeiros anos da democracia hase visto que foi algo fácil».

Nova Galega de Danza celebra os seus dez anos cunha antoloxía

O espectáculo «Dez» estrearase a finais do mes de setembro na Coruña

Dez anos de danza son os que Nova Galega de Danza quere celebrar cun espectáculo no que repasar unha década e tres producións dunha danza que quería seguir o modelo da música folk: desde o tradicional buscar outros camiños. Dez estrearase o día 27 de setembro no Teatro Rosalía da Coruña.

Para un dos seus integrantes, Jaime Pablo Díaz, facer unha antoloxía «é un xeito de regresar aos mellores momentos da compañía, de escoller o mellor de cada un dos tres traballos e de facer un percorrido por todos eles». Aínda sendo unha antoloxía, a nova produción do grupo no que tamén está Vicente Colomer, terá un fío condutor de xeito que o espectador «encontre un continuo, que o vexa como un todo».

Foi no 2003 cando naceu Nova Galega de Danza, estreando cun primeiro espectáculo para completar nestes dez anos unha progresión que define a estética do grupo. Alento, Engado e Tradicción son as tres montaxes de Nova Galega de Danza que, segundo Jaime Pablo Díaz, responderon a «tres momentos distintos da compañía e aínda mantendo a coherencia entre uns e outros si que se notan os cambios e progresos que fomos facendo».

O coreógrafo define os tres traballos como un camiño no que se foi depurando a danza. «No primeiro, Alento, estábamos obsesionados con dicir moitas cousas, con meter moita información». No segundo, Engado, producido no 2006, «foi más tranquilo, máis repousado, no que apareceron formas de jazz». O terceiro, Tradicción, estreado no 2008, Díaz sinala que foi o espectáculo «no que demos coa nosa identidade como un deseñador que encontra a súa marca».

Nese proceso de tres espectáculos en dez anos cre o bailarín que hai unha constante, «depuramos moito a forma de traballar, case como se tivésemos que ir quitando cousas en lugar de poñelas».

Sen embargo considera que os obxectivos non cambiaron para a compañía. «A nosa intención foi sempre partir desde a danza tradicional para chegar a outro tipo de danza». Engade Díaz que eles non fan tradicional, pero que quere «partir sempre da tradición». Reivindica que, en máis dun sentido, Nova Galega de Danza iniciou un modo de traballar que está sendo utilizado por máis xente, como pode ser o caso de Quique Peón». Entende o coreógrafo que hai aínda moito camiño por percorrer nese sentido porque en Galicia «hai un patrimonio moi rico, tan rico que non temos nada que envexar ao de ninguén».

Sinala que a súa intención é manter os seus sinais mesmo «en tempos complicados como os de agora, que sabemos que son malos para celebrar cousas». Pero tamén apunta que a súa intención é «manter a mesma liña e levar a música en vivo, que é algo que nos parece fundamental para o tipo de danza que facemos». Asegura que a intención de NGD é «investigar máis no contemporáneo e tentar traballar con coreógrafos de fóra porque son necesarias outras olladas que sumen ao que facemos».

Fonte: La Voz de Galicia

Fabulando, a recente colección de Baía Edicións

Sol e fábulas, que máis se pode pedir para pasar un bo verán. Mon Daporta preséntanos a súa particular e divertida visión das coñecidas fábulas de Esopo e La Fontaine a través do galo Ernesto, a chicharra Chicho, o corvo Gundemaro e o sapoconcho Andrés, cos que de seguro pasaredes un bo momento.

   

Biblos completa o círculo cunha libraría en Betanzos

Coa inauguración dunha libraría en Betanzos, o proxecto Biblos completa o proceso arredor do libro cando cumpre dez anos de historia. O proxecto ideado por Carmela González e Tucho Calvo desenvolve liñas de apoio á creación, edición, distribución e agora venda directa coa nova libraría na zona histórica de Betanzos.

O proxecto que naceu con sede en Mandaio hai dez anos conta xa cunha libraría con salón de actos na zona vella de Betanzos. A iniciativa que naceu centrada na distribución da produción editorial galega e portuguesa chega a súa primeira década co desenvolvemento dunha liña de acción máis, a venda directa a través da libraría “Biblos”.

A nova libraría conta cun salón de actos para unhas corenta persoas, espazo que queren converter en referencia cultural non só para a venda de libros, senón pola actividade que se xere arredor deles. Desde obradoiros, cursos, conferencias ou presentacións. Biblos será entón un proxecto completo arredor do libro, con pés na creación, na edición, na distribución, na venda por catálogo e directa, e tamén na promoción pública.

Con arredor de 2000 persoas asociadas que teñen noticia puntual das novidades editoriais, cinematográficas e musicais non só da Galiza. senón tamén de Portugal. Da man de Tucho Calvo e Carmela González naceron tamén os Premios biblos, que teñen vontade de incentivar a nova creación literaria e que contan entre os seus gañadores con Alberto Ramos, Berta Dávila ou Iria López.

Como editorial, Biblos suma arredor de cen libros, a metade da inicial colección Mandaio, algúns deles de inusual éxito, como o infantil Verdedades, de Yolanda Castaño, ou Infiltrados, a recente novela de Afonso Eiré. A liña é dunha editorial xeralista, inaugurada na colección Mandaio, con especial atención á literatura para as crianzas.

Fonte: Sermos Galiza

Lois Patiño premiado no Festival de Locarno pola súa primeira longametraxe Costa da Morte

A carreira de Lois Patiño segue unha liña ascendente a un ritmo vertixinoso. Logo de participar en coñecidos festivais cos seus traballos anteriores, de carácter breve e sempre nun formato experimental, a súa primeira longametraxe, Costa da morte (Zeitun Films), acaba de resultar premiada no prestixioso Festival de Locarno, unha das cita imprescindibles do cinema de autor. No marco da sección Cineastas do presente, un espazo reservado para os máis arriscados e os nomes máis novos, recibiu o premio ao mellor realizador emerxente. A súa primeira longametraxe que ofrece unha visión romántica e monumental da natureza que empequenece a figura do home. Rocas, olas, lums, mar e a paisaxe centran esta obra dixital moi influenciada pola pintura.

 Fonte: Cultura galega.org

Os protagonistas da triloxía de Miguel Vázquez Freire déronse a coñecer na Feira do Libro de Cee

Sorpresa na presentación de Fadita Fosca en Cee!

María (de María é maior), Xurxiño (inspirador de Xurxiño quere ser) e Saleta (coprotagonsita de Fadita Fosca!) presentáronse na feira do libro de Cee co gallo da presentación da última obra da triloxía de Miguel Vázquez Freire e Xosé Tomás, Fadita Fosca! Só faltaba o avó, que está un pouco maior para certas viaxes.

Con estes tres títulos, Miguel Vázquez Freire, coa axuda de Xosé Tomás, recréase en historias do cotiá, do mundo real, fuxindo adrede dos contos fantásticos. Aproveita en todos eles para reinvindicar a importancia dos avós no mundo de nenos e nenas.

Os inspiradores da triloxía aproveitaron para facer comentarios críticos da obra, especialmente co ilustradror, Xosé Tomás, que foi amorosamente reprendido por María, quen non gusta da versión loira que dela fixera Tomás no seu momento. Xurxiño informounos que ten claro xa o que quere ser e María nadab por alí cazando moscas.

Ao final, fixemos a foto do trío con cadanseu libro.