Entradas

Fadita fosca! marcha a Cee, deixo momentos vividos na Coruña

Martes 6 agosto, entre as 6 e 7 da tarde, algunhas imaxes e reflexións.

Miguel Vázquez Freire e Xosé Tomás facendo o tempo antes do comezo da feira e da presentación, estaban moi relaxados e parecía que con poucas ganas de nada.

Mais non foi así e Miguel falou da importancia da relación interxeracional na familia, concretamente entre av@s e net@s e o papel de transmisores de historias, hoxe case perdido, pero de grande importancia no futuro lector. Tamén saiu a conto a “triloxía” de Miguel Vázquez Freire: María é maior, Xurxiño quere ser e Fadita fosca, pequenos relatos do cotiá sempre protagonizados polos nenos e con moita presenza dos avós, mesmo protagonismo. Mentres, Xosé Tomás facía a caricatira do “avoíño”; QUE GUAPO QUEDOU!.

O debate e a presentación posterior deron lugar á nova do día 7, que recomendamos “A importancia da tradición oral nos hábitos lectores”

A continuación, Xosé Tomás empeñouse en facernos traballar e “obligounos” a pensar unha microhistoria cos tres protagonistas da Triloxía para debuxala… pero fixo o que lle deu a gana !!!XD

Finalmente, autor e ilustrador, ilustrador e autor, non sei… asinaron exemplares dos seus libros. Aquí, para as Bibliotecas Municipais da Coruña.

E mañá en Cee, VÉMONOS ALÍ!!!

 

Azucre e libro, non preciso nada máis, di a cara do Antón

Azucre e libro, que máis se pode pedir, di a cara deste neno despois da presentación de O carballo, Calros Silvar

http://www.baiaedicions.gal/galego/o-carballo.html

E non é para menos, pois xa houbera moito, como a adicatoria no libro, as explicacións e debuxos a cerca do carballo, como o resumo das fasas na vida desta árbore tan nosa. Son as marabillas dos libros e a Feiras.

 

 

Rematada a Feira do Libro da Coruña, marchamos coa mosca á de Cee

Fadita ceeToda vez que rematou a Feira do Libro da Coruña, Baía Edicións trasládase á de Cee.

Despois das presentacións da Feira do Libro da Coruña, mañá martes 13, Miguel Vázquez Freire, Xosé Tomás e Belén López levamos a Fadita Fosca! á Feira do Libro de Cee, onde o autor falará na súa terra da mosca. Ás 20:00 horas.

Deixamos aquí un momento da presentación na Coruña, cos autores asinando libros

A Cidade da Cultura volta ser un circo

O vindeiro 24 de agosto a Cidade da Cultura volta a se transformar nun circo. Por terceiro ano consecutivo o festival Cidade Imaxinaria levará ao monte Gaiás, en Compostela, animación de rúa, ilusionismo, malabarismo ou teatro. Serán un total de 19 funcións ao longo de todo o día a cargo en diferentes pases a implicar 100 artistas. Títeres, teatro, zancudos, música e todo tipo de entretementos orientados ao público familiar ocuparán o lugar a partir das once da mañá. Ademais das actuacións haberá obradoiros de cociña, aromaterapia, maquillaxe ou globoflexia para os máis novos e postos de doces e comida.

Fonte: Cultura galega.org

Unha nutrida delegación galega participa no Festival de Lorient

Grupos de música folk actuarán estes días no stand da Xunta instalado no Festival Intercéltico

Por outra parte, o pavillón galego servirá de escenario musical para a promoción da música folk galega a través deste evento. Así, entre os días 2 e 11 de agosto, actuarán os músicos Ismael García e Xesús Rodríguez, gaita e percusión, respectivamente, que participarán no concurso do Trofeo MacCrimmon, organizado polo Festival, e amenizarán estas xornadas de difusión turística e cultura de Galicia.

Ademais, ata o día 6 de agosto acturarán no stand de Galicia os grupos Trimuiños, Trécolas e Tromentelos e entre os días 7 e 11, o grupo Os D`abaixo

A presenza de Galicia neste evento está a ser moi positiva ao longo dos últimos anos, xa que a afluencia de público que se rexistra cada ano no recinto galego se ve incrementada ano tras ano.

O Salón de Outono de París, mellor en agosto e en Sarria

A localidade lucense é o único lugar no que se exhiben as pezas fora do Grand Palais

Este privilexio débese unicamente a que o falecido creador sarrián e referencia artística na capital gala, José Díaz Fuentes , decidiu hai nove anos que a súa vila natal, en pleno Camiño Francés, era o lugar idóneo para unha mostra tan universal.

A mostra pasou de ser anual a converterse en bienal tras a morte de Díaz Fuentes , e a súa viúva, Florence Normier, é agora a encargada de continuar co legado do artista.

O certame cumpre a súa sétima edición e conta con máis de trescentas obras de case douscentos artistas de doce países. Entre os participantes hai unha ampla representación de creadores galegos como Violeta Bernardo, Luis Ospido, Machús ou Xosé Marra.

O presidente do Salón de Outono de París, Noël Coret cualificou esta exposición como a máis completa de todas as que se celebraron ata o momento. «Nestes momentos seguro que Díaz Fuentes ten que sentirse moi feliz e orgulloso de comprobar como o proxecto que comezou hai sete anos alcanza un nivel tan elevado. Podemos dicir que alcanzou o seu soño con fartura nun ano no que a calidade de todos os traballos é impresionante».

A maioría das obras son esculturas ou pinturas, pero este ano a gran novidade é que hai un apartado para a arte audiovisual nunha sala dedicada a esa especialidade no antigo cárcere.

As persoas interesada en visitar esta exposición poderán facelo ata o próximo día 20 no que se pechará ao público. O último día será moi especial, xa que o acto de clausura celebrarase no novo auditorio ao aire libre no parque das Ínsuas, formado por unha composición dunha trintena de grandes figuras de Díaz Fuentes .

O antigo cárcere comarcal de Sarria e os mosteiros da Madalena, en Sarria, e Samos, son os tres únicos lugares nos que os amantes da arte poderán contemplar algunhas obras das que se expoñen habitualmente no Salón de Outono do Grand Palais de París.

Fonte: La Voz de Galicia

Nace ‘Oink!’, a revista do Xabarín Club

Volve o Xabarín. “Nun tempo en que todo o dirixido á rapazada pasa polas factorías das grandes marcas. Cando todo o que se pensa para nenas ten forma de princesa rosa e para nenos forma de superheroe. Agora que os libros, as películas, a roupa e mesmo os iogures están inzados cheos dos mesmos personaxes infantís co único obxectivo de vender, nace algo diferente”. Así se presenta Oink! A revista do Xabarín Club, unha revista mensual pensada para os máis novos e que sairá á rúa o 26 de agosto. Será mensual e presentarase en Viñetas desde o Atlántico o día 10. Na iniciativa colaboran Miguelanxo Prado, Kiko da Silva, Andrés Meixide, Miguel Porto, Fran Bueno, Marilar Aleixandre, Miguel Robledo, Jacobo Fernández, Kohell, Victor Rivas e Pinto & Chinto

Na iniciativa colaboran Miguelanxo Prado, Kiko da Silva, Andrés Meixide, Miguel Porto, Fran Bueno, Marilar Aleixandre, Miguel Robledo, Jacobo Fernández, Kohell, Victor Rivas e Pinto & Chinto. Todos eles e elas alimentarán “unha revista divertida, dinámica e, aínda que non o noten, educativa”. Destacan que “queremos lembrar o que moitas veces esquecemos: os nenos e nenas son capaces de pensar, imaxinar, idear e deseñar cousas incribles. Só fai falla tratalos coma persoas que son e darlles os recursos que precisan para sacar todo ese potencial”. E cunha perspectiva galega: “Dende Galicia ollaremos para todo o planeta, veremos que acontece en lugares moi distantes, pero tamén pescudaremos a nosa terra. Queremos que a mirada local lles demostre que moi preto deles hai cousas incribles que paga a pena descubrir”.

Para todo iso botan man do “revolucionario Xabarín”, do que salientan que “o seu xeito particular de ver as cousas, a súa actitude crítica e o seu devezo por coñecer son aptitudes que teñen moito que lles achegar aos máis novos da casa”

Dende a empresa Agalip, responsable da publicación, fan un chamamento á implicación dos pais e nais e de todos os fans do xabarín: “Queredes que se lles fale de xeito divertido aos máis novos e con respecto ás súas capacidades? Botades en falta aquelas tardes cando o Xabarín vos abriu os ollos a outras realidades posibles e queredes compartir esa sensación? Queredes ser os pais máis molóns da bisbarra ou os familiares máis queridos nas paparotas dos domingos?”

Ademais de banda deseñada haberá outros contidos: “Arte, historia, ciencia, deportes, actualidade… tratados dunha forma diferente e divertida”. Para todo iso botan man do “revolucionario Xabarín”, do que salientan que “o seu xeito particular de ver as cousas, a súa actitude crítica e o seu devezo por coñecer son aptitudes que teñen moito que lles achegar aos máis novos da casa, non credes?”.

Fonte: Praza Pública

Agadic recuperará a Feira dás artes escénicas en outono

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) recuperará a Feira das artes escénicas galegas como unha cita profesional para dar a coñecer as producións da temporada en Galicia. A feira terá tres días de duración e terá lugar en Santiago, na primeira semana de novembro, probablemente entre os días 4 e 6.

Segundo o director da Agadic, Jacobo Sutil, a celebración da feira «é unha petición do sector, que ten que estar orientada a programadores e público profesional e que ten que servir como plataforma para que quen programa teatro en Galicia teña coñecemento directo das obras».

Sutil considera que a celebración desta cita «ten que redundar no coñecemento do que se produce en Galicia, nas posibilidades de contratación e, por extensión, na calidade do que se fai».

Segundo o director da axencia, a duración da feira será de tres días, pero a intención da Agadic é que este evento profesional quede vencellado á programación das redes de teatro galegas. Neste sentido, a intención é que a institución abra o prazo de solicitudes de contratación de espectáculos na rede escénica que promove despois da finalización da feira: «Deste xeito, os programadores poden comezar a facer as súas peticións unha vez vistos os espectáculos».

A feira de teatro abrirá en setembro o prazo para que as compañías se inscriban para participar e desde Agadic pretenden que a celebración da cita «non sexa un bolo para as compañías senón que sirva para unha selección mellor por parte dos programadores». Jacobo Sutil considera que o interese dos distintos sectores escénicos «xustifica que desde a axencia se apoie a celebración da feira», pero explica que é necesaria «unha concepción máis profesional e máis útil da celebración dun evento así».

Sutil sinalou que aínda non hai «un presuposto pechado para a organización da feira», pero indicou que terá que ser necesariamente «modesto en comparación cos orzamentos que se manexaban hai anos, pero o respaldo á feira ten que entenderse como a intención da Agadic de atender ao sector».

Fonte: La Voz de Galicia

OSMO O TEU RASTRO NO HUMUS ORIXINARIO… A túa lingua revóame pola cara, Rosalía

OSMO O TEU RASTRO NO HUMUS ORIXINARIO…

A túa lingua revóame pola cara, Rosalía.

Resina de poliéster, Correa Corredoira

Presentación xoves 8, ás 21:00 horas, na Feira do libro da Coruña

Con Xavier Seoane e Correa Corredoira, que lerá poemas acompañado á guitarra de Pocho Taxes

 

Música e poesía na Feira do Libro da Coruña

Despois do taller de ilustración da natureza, realizado onte por Calros Silvar, onde tivemos a oportunidade de aprender moitas cousas sobre O Carballo, hoxe, ás 21:00 horas, Correa Corredoira lerá  poemas do último libro, Resina de poliéster, acompañado á guitarra de Pocho Taxes. Xavier Seoane fará a interpretación crítica da obra.

QUE DOUS RAPACIÑOS SE BEIXEN É PROBLEMA

pero que saquen feras bocadas no recreo non.

A traballadora preñada é despedida;

e a que non cede ao asedio do xerente.

Non se sabe de ningún futbolista maricas.

Estas cousas acaecen nos nosos estadios,

fábricas, oficinas, escolas, hospitais,

polos pasos soterrados e nas azoteas,

nas tribunas públicas e mais nas latrinas

dun civilizado construír en torno da cova

de Lascaux. Cova onde hai un pozo escuro

e na fondura do pozo, un muro pintado.

Na pintura (primeiro relato no espazo

albo da paisaxe) un cazador coa cabeza

de paxaro, deitado, corpo e pixa tesos,

ante un touro agoniado coa tripada

de fóra, descobre, di Bataille, o pecado:

O negocio da morte coa luxuria enzoufa

o seu espírito voador… E avergoñado,

agacha experiencia no fondo do pozo

da caverna que mana a mancha da historia,

a lóbrega conciencia, a tétrica moral

que ritualiza castigos con forca, azagaias,

paus, cravos, coitelos, machado, guillotina,

fusil, pistola, lume, gas, terra, auga, pedras,

muro, frechas, garrote, cadeira eléctrica,

Que dous rapaciños se beixen é problema…