Entradas

Centos de persoas protestan en toda a comunidade galega contra a reforma educativa de Wert

Centos de persoas concentráronse en Santiago de Compostela e en diferentes localidades da xeografía galega para mostrar o rexeitamento da comunidade escolar ao anteproxecto de Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (Lomce), coincidindo cunha xornada de protestas que se celebran en todo o Estado.

As concentracións estaban pola Plataforma en Defensa do Ensino Público e leváronse a cabo á mesma hora, as 19.00 horas, na Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Burela, Ourense, O Barco de Valdeorras, Verín, Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Ponteareas.

Un dos actos producíase na capital galega, onde decenas de persoas déronse cita ante o centro Rosalía de Castro para rexeitar a reforma educativa do ministro de Educación, José Ignacio Wert, entre asubíos, sirenas e consignas.

Tras unha pancarta na que se lía ‘Coa educación non se xoga’, o secretario xeral de FETE-UXT, Marcelino Brea, esixiu a retirada do borrador da LOMCE xunto coa “dimisión” de Wert, pola súa “incompetencia” e “nula capacidade de negociación” ao impulsar un proxecto que ten á comunidade educativa “enfrontada” e co único apoio das patronais da concertada, a Conferencia Episcopal e o PP.

“Imos facer todo o posible desde a rúa e os medios que temos para tratar de facerlle rectificar ao ministro”, asegurou Brea, quen recoñeceu, no entanto, que a maioría do PP no Congreso pode provocar con esta reforma “o que pasou coa revisión das pensións”.

Na protesta, na que se viron membros de CC.OO, UXT, CSIF, o Sindicato de Estudantes, representantes dos pais e ao portavoz parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda, Xosé Manuel Beiras, escoitáronse cánticos contra a “privatización” do ensino e por un maior investimento en educación. Tamén se viron outras pancartas cos lemas ‘A nosa educación non pagará a vosa débeda’ ou ‘A tecnoloxía é cultura’.

“FAI FALTA UNIDADE”
Un portavoz do Sindicato de Estudantes tomou a palabra para criticar que a LOMCE quere “devolver” o sistema á “educación franquista”, con reválidas e a concepción do alumnado como “carne de canón” para as empresas.

Por iso, advirten de que para botar atrás esta reforma “fai falta unidade” na comunidade educativa, e realizaron un chamamento a sindicatos e ás organizacións do ensino a secundar a folga estudantil convocada para os días 5, 6 e 7 de febreiro.

Así mesmo, un portavoz da Plataforma en Defensa do Ensino Público fixo lectura do seu manifesto, no que critican que a LOMCE expón unha educación “segregadora”, un modelo de avaliación “como carreira de obstáculos” e que consideran “sexista”, ao permitir os concertos a centros que segregan por sexo.

Finalmente, entre outros puntos, advirten de que emprenderán máis mobilizacións no caso de que o ministro Wert decida seguir adiante con este anteproxecto, dado que non van consentir un retroceso de máis de tres décadas nun sistema educativo que custou moito esforzo construír”.

Fonte: El Correo Gallego