Entradas

Edugal consolídase coma a única feira educativa de Galicia

A Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa (Aempe), co principal apoio da Concellería de Promoción Económica e a colaboración doutras institucións, pon en marcha a segunda edición do Edugal. O salón da educación abrirá as súas portas os días 12, 13 e 14 de abril. Trátase da principal cita educativa da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que se celebra este ano nun ambiente de total normalidade e colaboración institucional.

Esta segunda edición aspira a chegar aos 15.000 asistentes, superando así o listón dos 8.500 acadados na súa estrea o ano pasado. Os obxectivos son facilitar a transición do instituto á Universidade, animar aos estudantes a continuar a súa formación de maneira dinámica e divertida, informar e asesorar aos que se incorporan ao mundo laboral, dar a coñecer as novas tecnoloxías e a promoción turística e económica de Pontevedra.

Agárdase a presenza de 40 expositores, dos que 26 xa están confirmados, e que porán a disposición do visitante toda a súa oferta formativa. A novidade chega coa presenza de Portugal como país invitado.

Entre as institucións colaboradoras están a Xunta de Galicia, a Universidade de Vigo, a Escola Xoiería Atlántico, o Politécnico de Bragança, a Universidade de Salamanca, a Universidade de Santiago, a Universidade Europea de Madrid, a UNED, a Escola de Restauración de Galicia, a Escola de Arte Dramático, a Asociación Juan XXIII, Ad Astra Estudios Internacionales, Residencias Universitarias RESA, Education First, Escola de Arte Dramático de Galicia, Escola de Negocios de Novagalicia banco, o Exército de Terra, os IES Príncipe Felipe, Chan do Monte e Frei Martín Sarmiento, OTR e o Centro de Formación Profesional Integrada A Xunqueira.

A feira estará aberta de 10 a 14.30 horas e de 16 a 19 horas. A programación incluirá foros de debate e un amplo programa de actividades alternativas que pode consultarse no sitio www.edugal.es.

Durante a inauguración, á que asistiron todas as autoridades colaboradoras, Carlota Román aludiu aos comezos e destacou que se difícil é nacer, moito máis consolidarse cunha segunda edición á que atribúe mesmo máis mérito que a primeira.

A Concellería de Promoción Económica, ou sexa o Concello de Pontevedra, destacou, estará sempre a carón de Aempe neste proxecto. Román cualificou a esta asociación empresarial como a malla máis residente das que unen aos distintos actores e protagonistas da economía local.

Os eventos feirais, os congresos e reunións de negocios son fontes xeradoras de riqueza na cidade, como quedou de manifesto no Plan Estratéxico elaborado pola Concellería, subliñou. Froito disto é tamén a creación da Oficina de Congresos, ou máis recentemente da Oficina Film Commission.

Por todo elo, desexou importantes éxitos a esta nova edición de Edugal e que sega a consolidarse en anos futuros nun proceso imparable de mellora continua.

Fonte: A peneira