Artigos

Comunicado público da Comisión Rectora da Asociación Monte Pindo Parque Natural

A Asociación Monte Pindo Parque Natural, reunida en Comisión Rectora de urxencia hoxe, día 12/09/13, comparece publicamente ante a sociedade galega para trasladar as seguintes reflexións:

  1. Ás 21:36 horas de onte, 11 de setembro de 2013, declarouse un incendio na Cima de Arca que ao cabo duns minutos as autoridades locais e os medios de extinción xa anticipaban que sería imparábel, e as consecuencias catastróficas. En efecto, á hora de emisión deste comunicado, arderon xa 1.600 hectáreas segundo cifras oficiais, o que supón a práctica totalidade do macizo granítico e parte das marismas de Carnota.
  2. Ademais o incendio ameazou durante horas os domicilios e as vidas de moitos dos nosos veciños e veciñas.
  3. O feito de que se prendera nun sitio de dificil acceso, xusto á hora en que deixan de ser efectivos os medios de extinción aéreos, e aproveitando un vento fortísimo de nordés, aclara non so a intencionalidade do incendio senón que se trata dun atentado ecolóxico co obxectivo claro de destruir por completo o Monte Pindo como finalmente aconteceu.
  4. Este atentado e as súas brutais consecuencias non sería posibel unicamente pola intencionalidade dunha ou varias persoas, senón que foi necesario a existencia doutros dous factores fundamentais: a meteoroloxía adversa e a carencia máis absoluta de medidas de prevención, sendo esta última unha causa totalmente subsanábel.
  5. En setembro de 2010, hai agora exactamente 3 anos, xurdía un movemento social para declarar o Monte Pindo coma Parque Natural, pois é a única figura que obriga legalmente a comprometer un investimento real e anual, crear unha rectora coa participación de todos os interesados e incluso un corpo de vixiancia do monte. Os partidarios desta iniciativa aglutináronse en torno á Asociación Monte Pindo Parque Natural, un colectivo nacido para ese fin por vontade de veciños de Carnota sensibilizados coa problemática específica do Monte Pindo, que rapidamente aglutinou no concello, na comarca, en Galiza e en todo o mundo o apoio de centos de entidades sociais de todo tipo, milleiros de persoas a título individual e ducias de científicos, investigadores e profesores universitarios.
  6. Desde o nacemento de dita plataforma a Xunta de Galicia, e nomeadamente a área de goberno responsábel da declaración de Parque Natural, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, dependente da Consellería de Medio Ambiente dirixida por Agustín Hernández Fernández de Rojas, non atendiu en ningún momento esta demanda alegando que o Monte Pindo xa estaba suficientemente protexido baixo a figura de Rede Natura 2000, e incluso que desde as distintas administracións se tiñan destinando ata 360 mil euros nese período 2010-2013 para actuacións no Monte Pindo, dos cales non coñecemos a que se destinou un só euro se é que se gastou. O que é certo é a falta de base e argumentos desta negativa, que primeiro aludía á pouca superficie do espazo a protexer (a pesar de que sería o 5º parque galego en extensión), para logo argumentar que o custe da declaración sería excesivo, etc.
  7. Nos últimos anos a Xunta vén distribuindo anualmente entre 2 e 2,2 millóns de euros a repartir entre os seis parques naturais existentes en Galiza. Cunha ínfima parte destes podería terse creado e activado a pleno rendemento o Parque Natural do Monte Pindo, e calculamos que coas actuacións que poderían terse levado a cabo en todo este tempo serían máis que suficientes para minimizar agora os efectos dun incendio coma este, e evitar uns custos en extinción que consideramos moito maior que o gasto de crear o espazo natural protexido que viñamos solicitando.
  8. Vivimos varios avisos tanto no ano 2012, cun incendio pequeno no entorno do encoro de Santa Uxía, como hai tan só unha semana na zona de Arcos (Mazaricos), en ambos casos a rápida acción dos contraincendios e as mellores condicións meteorolóxicos fixo posíbel detelos antes de que afectara gravemente ao espazo natural do Monte Pindo. Porén, supuxeron 2 avisos importantes do extremo risco existente, e asi llos transmitimos tanto ás Administracións coma á opinión pública. Nada se fixo ao respecto.
  9. No ano 2005 houbo no Monte Pindo un incendio gravísimo que arrasou aproximadamente 550 hectáreas, a terceira parte do que se leva arrasado a esta hora. Pouco despois, sendo lider da oposición no Parlamento de Galicia Alberto Núñez Feijóo (PP) declarou publicamente o seguinte “Canto do queimado se debe aos pirómanos e canto á imprevisión, indolencia e irrespondabilidade do goberno?”. Tamén dixo que “É probábel que as condicións meteorolóxicas sexan peores, e é certo que non é doado apagar o lume, pero en situacións coma esta é na que se mide a eficacia dos gobernos”.

En vista de todo o anterior, entendemos que o gravisimo alcance da catástrofe vivida onte e hoxe no Concello de Carnota tamén ten as súas causas fondamente enraizadas no factor humano, concretadas no desleixo e falta de preocupación dos nosos representantes políticos nas cuestións do seu ámbito de incumbencia, como asumía o propio Feijóo no ano 2006, e que son as que levaron á destrución total do Monte Pindo.
Polo dito, a Asociación Monte Pindo Parque Natural ESIXE:

  • A declaración inmediata do Monte Pindo como Parque Natural.
  • A declaración do Concello de Carnota coma zona catastrófica.
  • A dimisión de Agustín Hernández Fernández de Rojas, conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, por ser o máximo responsábel da consellería que decide as novas declaracións de parques naturais en Galiza.
  • A dimisión de Rosa Quintana, Conselleira de Medio Rural, por ser a máxima responsábel da consellería da Xunta de Galicia responsábel da xestión de espazos naturais protexidos.

Ademais, a Asociación Monte Pindo Parque Natural COMUNICA:

  • Convocamos un Roteiro reivindicativo de subida ao Monte Pindo o día sábado 28 de setembro de 2013, con saída simultánea ás 11:00 horas desde O Pindo (Carnota), Caldebarcos (Carnota), e o Fieiro (Mazaricos).
  • Chamamos a toda a cidadanía galega e as organizacións sociais a concurrir nunha gran Manifestación Nacional, propoñendo como data o domingo día 6 de outubro de 2013, ás 12:00 horas na Alameda de Santiago de Compostela, con obxecto de esixir un cambio radical na política forestal da Xunta de Galicia e no tratamento das problemáticas dos espazos naturais protexidos.

Agradecemos o esforzo obstinado dos medios contraincendios por minimizar esta catástrofe poñendo incluso en risco as súas vidas para facer todo o posíbel por salvar o espazo natural e os domicilios da nosa veciñanza, e lamentamos todos os danos materiais que esta traxedia ten ocasionado.
Ante a unanimidade dos presentes, asinamos no lugar do Pindo (Carnota) o 12 de setembro de 2013 sendo as 18:00 horas.

Fonte:montepindo.org

Ferramentas para construír outro hábitat

Arquitecturas colecticas amosa o crecente interese pola pola investigación e transformación do territorio no país

Deseñar e investigar de xeito colectivo o noso espazo físico, atendendo á idea do bo vivir. Este é o eixe do encontro Arquitecturas Colectivas, que se celebra desde onte e ata o vindeiro día 14 en Valadares, Vigo. A iniciativa, que fai parte dunha rede internacional, conta con 27 colectivos, moitos deles do país, que están a traballar baixo estas coordenadas. Urbanismo, bioconstrución, hortas urbanas, patrimonio ou sustentabilidade son só algúns do eixes que se dan cita estes días.

Segundo explica Iago Carro, que desde o colectivo Ergosfera participou na coordinación do evento, Arquitecturas Colectivas “é unha rede de colectivos dedicados nun comezo a temas tanxentes coa arquitectura, o urbanismo e o territorio, pero que se foi abrindo a iniciativas de campos como a antropoloxía, a arte ou a socioloxía”, entre outros. Estes campos encóntranse no denominador común do interese polo territorio e polos xeitos e posibilidades de nos relacionar con el. A proposta iniciouse da man de varios grupos de traballo independentes de Sevilla e Madrid hai arredor de seis anos, e foi medrando ata abranguer na actualidade arredor de medio cento de iniciativas, na súa maioría do Estado pero con incorporacións desde Francia, Italia ou Sudamérica. “Trátase de novas estruturas de traballo máis horizontais e colaborativas, a buscar o traballo en rede”. Como parte do desenvolvemento de Arquitectura Colectivas “vimos a necesidade de nos reunir unha vez ao anos para nos coñecer fisicamente e intercambiar proxectos e ideas” e así naceron os encontros que chegan agora a Vigo na súa sexta edición.

Valadares
Nesta xeira o encontro ten a súa sede en Valadares, onde está afincado desde hai xa anos o Alg-a Lab, un espazo que desde a perspectiva artística traballa tamén a relación co territorio e o hábitat e buscando inserir a súa actividade no contexto máis inmediato. “Cada encontro ten unha estrutura variable. En Galicia chegamos á idea de que o mellor era aproveitar o Alg-a Lab, que é unha peza do proceso de arquitecturas colectivas máis antigas”. A iniciativa busca ademais deixar a súa pegada no contorno inmediato. “Faranse mapas de Valadares, plantaranse cousas e traballaremos con técnicas de construción alternativa sobre un hórreo do que só queda a estrutura con vistas a construír un pequeno refuxio que se poida empregar no Alg-a Lab. “Se podemos achegar algunha mínima proposta a este territorio e deixar algunha reflexión sobre o mesmo quedaremos contentos” recoñece Carro.

O que achega Galicia
A propia configuración do noso país é aproveitada desde o encontro como un exemplo para traballar. “Desde Ergosfera e Tecnoloxías Apropiadas imos tentar analizar o territorio rururbano, que é algo moi característico de aquí e a xente de fora lles pode achegar coñecementos novos”. Así, percorrerase Valadares amosando “esta forma particular de organización no que se mesturan polígonos industriais con antigos asentamentos e un hábitat disperso. Trátase dunha mestura moi galega que temos que estudar”. Este espazo comparte características da cidade e do agro desenvolvendo outras propias, preséntanse como específicas do noso país. “Son zonas moi proclives a desenvolver novas formas de vivenda, onde existen formas de propiedade colectiva, como montes en mancomún ou muíños, das que se pode aprender moito”. De xeito semellante, abordarase o fenómeno da estrada como xeito de urbanización habitual na nosa paisaxe.

Os suxeitos
Aínda que resultan descoñecidos para o grande público, existen no noso país múltiplos colectivos que traballan desde as coordenadas do encontro. “A verdade é que Galicia ten un peso bastante grande na rede”, recoñece Carro. O propio evento está a servir para crear un mapa destas iniciativas e para fortalecer as relacións entre as mesmas. “Somos como quince colectivos que levamos xa anos a traballar, e aínda que sabemos un de outros, en moitos casos non temos traballado xuntos, e esta é unha oportunidade estupenda para xerar novas colaboracións”. Así a raíz do encontro xa se están a desenvolver os primeiro traballos conxuntos. “A xente de fóra vai aprender moito, pero a nivel galego vainos vir moi ben neste sentido”, sinala este arquitecto. Falamos de grupos como Ergosfera, Niquelarte, GZImaxinaria, Tankollektif, Hábitat Social, Proxecto Cárcer, Hábitat Social, O monte é noso_Sachando procomún ou O Enxame entre outros.

Técnicas, estudos e creación
Entre os intereses concretos dos colectivos galegos que participan no encontro hai iniciativas centradas na bioconstrución ou no aproveitamento das enerxías renovables, propostas para a investigación e o aproveitamento dos minifundios ou do monte comunal, pasando por visións de xénero ou patrimoniais. Dentro do encontro, para alén da teoría e da investigación, atópanse tamén iniciativas vencelladas á creación. Así por exemplo a acción GoVi, á busca dos restos da balea mecánica propón un traballo colectivo sobre o patrimonio industrial da Ría. Da man de Niquelarte e Tankollectif desenvólvense intervencións artísticas, visitas e debates, buscando se achegar a estes bens mediante murais, baleas de papel ou narracións. Outro exemplo é a proposta Vila. Unha historia en miniatura, que pretende desenvolver mediante obradoiros unha obra escénica considerando as cidades como individuos e construíndo maquetas das mesmas a partir de materiais recuperados.

Para os legos
Aos interesados en se achegar a esta temática que non saiban moi ben por onde comezar, desde a organzación propoñen, por exemplo, participar nas diferentes saídas que se van facer por Valadares. “Serán rutas polo monte que permitirán ver a urbanización de Vigo ou do val o Fragoso, nas que se explicará un pouco como se configura o territorio”. Canda a isto, segundo os intereses específicos de cada un, hai tres grandes bloques temáticos: “Un céntrase nas formas de urbanización local e na análise do territorio. Un segundo traballa máis temas de vivenda alternativa e un terceiro está centrado na reutilización de grandes superficies industriais ou públicas”. A isto súmanse charlas de presentación de diferentes iniciativas do máis variado. “Mesmo se pode optar por un mix, xa que cada día vai haber un pouco de todo”, propón Carro para o potencial visitante.

Construír as ferramentas
Encol do interese que en Galicia se está a dar polas formas de habitar o territorio, este arquitecto sinala que “é un interese xeracional que está a se dar en todas as partes do mundo, tamén vencellado coa crise”. Dentro deste panorama insire tamén “unha tendencia moi clara a voltar a atención para o rural. É algo que está a permear todas as prácticas e colectivos da rede”. A nivel galego, ademais, advirte problemáticas específicas sobre esta cuestión. “Aquí a visión sobre urbano estivo moi cinguida ás sete cidades, considerando que o resto era algo co que os técnicos, os artistas ou os pensadores no tiñan nada que ver. Agora estamos a dar marcha atrás niso, e vese que estamos nun territorio que é todo el urbano e que compre entender espazos como Valadares, igual que calquera outra parte, como unha cidade na que traballar”. Nese sentido destaca a ausencia de teorización académica e de atención institucional a estes ámbito. “Ata o momento considerábanse que neste territorio todo era feísmo ou resultado dunha destrución do medio. Tamén había a visión contraria, a bucólica, a considerar a natureza como algo estanco ou sólido. Hai cuestións coas que temos de dialogar e buscar resposta, cómprenos construír as ferramentas para traballar aquí”.

Fonte: cultura galega.org

Un documentario defende que o monte comunal é o que menos arde e o que dá máis beneficios

Un 25% do noso territorio é monte veciñal que implica a unhas 150.000 persoas recoñecidas como comuneiras. O documentario “En todas as mans” pretende visibilizar os proxectos innovadores e defender o futuro do monte en mans colectivas. O xeógrafo e produtor Alberte Román defende que os montes das comunidades son os que dan máis beneficios e menos arden.

No monte en mancomún atopamos algunhas comunidades con proxectos moi interesantes, que apostan pola diversificación e o aproveitamento, creando emprego. O monte veciñal segue a ter futuro e pode ser unha ferramenta para o desenvolvemento do país”, di Alberte Román, xeógrafo e produtor Executivo de “En todas as mans” o documentario que está a dirixir Diana Toucedo e produce a cooperativa Trespés de Redondela.

Neste mes de xullo gravaron durante vinte días en comunidades de montes como Lira, Covelo ou Teis e a súa idea é desenvolver outra fase na que se comprobarían as mudanzas que se producen nos montes. No proceso de elaboración, a equipa de “En todas as mans” visitou moitas comunidades de montes e fixeron unha selección para mostrar a realidade do monte en man común galego. “Desde as administracións fixeron pouco para contribuír a que os viciños fosen actores na xestión dos montes. Faltou asesoramento e o acompañamento nun proceso no que se está a producir unha transformación nas comunidades”, sinala Román.

 “O monte veciñal segue a ter futuro e pode ser unha ferramenta para o desenvolvemento do país”, di Alberte Román

O monte veciñal ocupa o 25% do noso territorio e implica a 150.000 persoas recoñecidas como comuneiras con dereitos. “Esa magnitude non se atopa noutros contextos europeos e consideramos que é unha ferramenta que temos que potenciar”, sinala Alberte Román despois de visitar comunidades que están a desenvolver proxectos vinculados ao patrimonio histórico -petroglifos e castros fundamentalmente, aproveitamentos turísticos con rutas de sendeirismo ou de produtos como mel ou cogomelos, como se está a facer en comunidades como a de Mondoñedo ou Covelo.

“A invisibilidade co que se está a facer no monte por parte das comunidades é inmensa. Por todo o país hai xente ideando proxectos innovadores que non transcenden. O interesante sería consideralos como unha estratexia de país e confiar no seu potencial. O monte veciñal é precisamente o que non está abandonado, o que menos arde, máis coidado que o de pequenos propietarios”, defende Román, para quen, diante do abandono do privado, o que está en mancomún está a ter sempre algún tipo de aproveitamento, o que demostra, ao seu ver “a súa funcionalidade, non se trata, como algúns din, dunha figura obsoleta, senón de grande interese”.

As cámaras volven ao monte

A través da páxina todasasmans.com recorren ao financiamento colaborativo, buscando achegas colectivas e tamén o apoio dalgunhas entidades. A recompensa pola colaboración económica no proxecto consiste nunha árbore autóctona plantada no monte. Desde a cooperativa Trespés pretenden tratar de visibilizar a realidade dos montes comunais e mostrar esta singular forma de xestión que, ao seu ver, ten futuro non só para a conservación e posta en valor do monte, senón tamén como un recurso de desenvolvemento económico que pode xerar emprego, producir benestar social e repercutir, desta maneira, en toda a comunidade.

As cámaras non volvían ao monte comunal desde que en 1978 o director Llorencs Soler elaborou o seu traballo audiovisual producido pola Coordenadora de Montes Comunais co fin de documentar a historia da loita labrega para recuperar a súa propiedade. Agora, máis de trinta anos despois, o monte comunal volve ser protagonista dun documentario no que se defende o seu futuro e se fan visíbeis todas as posibilidades de futuro. “Do monte só se fala cando arde e nós pretendemos que se fale durante máis tempo, tamén para iso, para que non arda”, din desde a equipa do documentario.

Fonte: Sermos Galiza

Dixitalizar os montes de todos

A iniciativa “O monte é noso, sachando procomún” crea conexións entre entidades locais e software libre para manter vivos os montes comúns.

O monte común é parte do patrimonio cultural galego: unha modalidade ancestral de autoxestión e propiedade colectiva que se vai ver afectada polo anteproxecto de Lei de racionalización e sostibilidade da administración local, coa posible perda de 3700 mancomunidades. “O monte é noso_Sachando Procomún” é un proxecto que nace da unión de varios colectivos de diversa índole cultural e artística coa finalidade de xuntar os conceptos de tecnoloxía (rede) e terras (monte) baixo un mesmo fin: a permanencia dos montes en mancomunidade.

“Unido ao rural e á idea de procomún, o proxecto desenvólvese baixo o lema reivindicativo “O monte é noso” e os seus principais obxectivos son, por un lado, facilitar a visibilidade dos montes comunais a través das novas tecnoloxías aplicadas á cartografía; e, polo outro, crear sinerxías entre as comunidades de montes para a mellora no aproveitamento e sostibilidade das terras. Unha rede de apoio mutuo que lles permita compartir experiencias aos comuneiros e axude a implementar a revalorización dos montes”

A iniciativa xorde dous anos atrás na Summerlab Feira Imaxinaria 012 de Vigo, como relata Álex Fernández, un dos participantes no proxecto: “alí encontrámonos varias xentes interesadas en atopar formas alternativas de gobernanza”. Xorde, entón, a idea de decantarse polos montes en man común, unha realidade social que se xestiona en liberdade de axentes externos. Os colectivos que forman parte do proxecto son Alg-a.org (comunidade de artistas), Rural Contemporánea (colectivo de acción social no medio rural), Asociación Artesáns de Innovación (creatividade aplicada á artesanía), Tecnologías Apropiadas e Constelaciones (medios dixitais).

O procomún dos montes veciñais
A idea de procomún (pro-proveito e común), que na actualidade se desenvolve no Laboratorio de MediaLab Pro en Madrid, rompe a clásica dicotomía público/privado. É dicir, os montes comunais non son xestionados pola Administración pública nin por unha entidade de carácter privado. O colectivo defende o procomún como “a nova maneira de expresar unha idea moi antiga: que algúns bens pertencen a todos; e que forman unha constelación de recursos que herdamos e creamos conxuntamente e que esperamos legar”. A súa principal característica é que son os propios veciños (coñecidos como comuneiros/as), que residen de maneira habitual nese territorio, os copropietarios del e os que deciden o seu uso e xestión. Son capaces de establecer gobernanza a través do consenso e do costume.

O monte é noso_Sachando Procomún quere dar visibilidade non só ao aspecto económico do monte, senón tamén ao seu carácter social e de benestar medioambiental, “o monte é moito máis ca unha terra que explotar”, afirman. Estase producindo desde hai anos unha reapropiación dos montes comunais por parte das institucións baixo a premisa de que estes están inutilizados e en mans de ninguén. Nada máis lonxe da realidade, se antigamente o monte comunal representaba un ben vital (alimento do gando, fertilizante, leña…) para o desenvolvemento das persoas, hoxe é un recurso engadido para as comunidades de montes.

Os montes en mancomún e as entidades locais veranse afectados polo anteproxecto de Lei de racionalización e sostibilidade da administración local se finalmente entra en vixencia. Co obxectivo de que estas entidades se adapten á Lei orgánica de estabilidade presupostaria e sostibilidade financeira, “disolveranse as 3725 entidades locais menores existentes, entre as que están as pedanías ou as parroquias, que pasarán a ser absorbidas polos Concellos dos que dependan” e, polo tanto, a xestión actual dos seus montes, escolas, dereitos de caza, etc. En Galicia hai 9 parroquias que son entidades locais menores. Unha en Ourense, en Berán (Concello de Leiro), e oito en Pontevedra (Gondomar), Pazos de Reis (Tui) e Queimadelos e Vilasobroso (Mondariz). Faranno aquelas mancomunidades “cuxa sostibilidade financeira non estea asegurada e as súas competencias pasarán a ser exercidas polas deputacións provinciais, que se reforzan”.

Na actualidade, existen arredor de 640 000 hectáreas de montes comunais e aproximadamente 150 000 comuneiros/as. Concéntranse sobre todo na provincia de Ourense, onde acadan case o 40% dese territorio. Pódese establecer que máis de 500 000 persoas están directamente relacionadas cos montes comunais, representando aproximadamente 1/6 do total da poboación galega. De feito, entre un 20 e un 30% da poboación das provincias de Ourense, Lugo e Pontevedra son partícipes nos montes en man común, mentres que na provincia da Coruña esta porcentaxe descende ao 5% segundo Francisco Quiroga, investigador do proxecto. Na actualidade, en Galicia o 51,6% da superficie veciñal está xestionada pola Administración, o 44,3% polas propias comunidades e o 4% da superficie está abandonada.

Cartografía estendida
Unha das iniciativas que está levando a cabo o proxecto O monte é noso_Sachando Procomún é a creación dun mapa en liña interactivo que xeolocaliza e delimita todos os montes en mancomún que existen en Galicia. “Trátase dunha forma de facer visibles os montes e que os comuneiros compartan experiencias e formas de xestionar o monte” afirma Fernández. Pretenden tecer, desta maneira, unha gran rede de comunicación eficiente para o intercambio de prácticas e experiencias entre as comunidades de montes. A idea é que de forma intuitiva calquera poida navegar no mapa e editar contidos (subir fotos, vídeos, audios, textos…), contribuíndo á construción dun coñecemento base arredor dos montes en man común. A información organízase en diferentes capas/niveis distinguindo o plano material (recursos do monte), fronte ao inmaterial (actividades socioculturais que dinamicen as comunidades).

Lar comunal
Outra proposta deste grupo de colectivos é a xénese dun grupo de investigación coñecido como Lar comunal e cuxa función é indagar sobre a xestión do chan dos montes comunais, tanto en Galicia coma noutros lugares con realidades semellantes (norte de Portugal, Alemaña ou Polonia), ter claro cal é a lexislación que o regula e ver que posibilidades e usos, ademais de gobernanza e aproveitamento, poden ofrecer as comunidades de montes: “crear un laboratorio aberto para a investigación dos montes comunais e a súa xestión baseándose no procomún que xere un lugar para a documentación e arquivo”.

Intervencións artísticas
O monte é noso_Sachando Procomún pretendeu tamén o lanzamento dunha convocatoria aberta de residencia coa finalidade de desenvolver intervencións nos montes comunais. Comezan cunha proposta específica no monte de Valadares (Vigo) e vai dirixida a arquitectos, permacultores, enxeñeiros, biólogos, sociólogos, músicos… Xunto aos propios comuneiros e tras rematar a convocatoria, “elixiremos os proxectos que sexan máis adecuados ao que pretendemos no monte”. Ao mesmo tempo, desenvólvense outro tipo de accións paralelas coma obradoiros (sobre redes sociais, xestión de subvencións, música para os nenos), exposicións, libros, etc.

Fonte: culturaggalega.org

O incendio de Oia puido danar o meirande petróglifo de círculos concéntricos de Europa

O incendio que nos últimos días queimou máis de dúas mil hectáreas no Baixo Miño puido causar un gran dano, medioambiental e patrimonial, que aínda de ser avaliado.

O Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) amosou nos últimos días a súa preocupación polo estado dos petróglifos do Monte Tetón. Valminor.info informa este venres sobre os prexuízos que puideron sufrir estes valiosos elementos patrimoniais, en especial o das Portaxes, que garda o gravado rupestre de círculos concéntricos máis grande de Europa.

O chan da zona segue ardendo polo subsolo, e as brigadas e o helicóptero traballan para enfríar o chan e impedir novos rebrotes pola acción do vento

Nin os responsables do IEM nin os xornalistas de Gondomar TV puideron aínda acceder á zona do ecoparque arqueolóxico do Monte Tetón, en Tomiño, para comprobar o seu estado. Xilberte Manso, do IEM, sinalou o pasado mércores que estes petróglifos atopábanse cubertos de maleza nos días previos ao incendio e denunciaba que “esta falla de conservación do patrimonio fai que sexan máis vulnerables aos efectos do lume, polo efecto directo do lume que produce a fragmentación das capas superficiais das rochas (termoclastia), e a posible desaparición parcial ou total dos mesmos, como xa sucedera no ano 2006”. Como lembra Valminor.info, o chan da zona segue ardendo polo subsolo, e as brigadas e o helicóptero traballan para enfríar o chan e impedir novos rebrotes pola acción do vento.

As lapas tamén ameazaron os muíños do Folón; ningunha das 67 construcións, algunha datada nos século XVII e XVIII, foi destruída, pero o lume rodeou a zona durante horas e si queimou completamente o camiño de acceso e toda a vexetación da contorna. O guía deste emblemático espazo, que cada ano é visitado por máis de 20 mil persoas, laiábase en Faro de Vigo de que a destrución do entorno e a falta de vexetación provoca que o lugar non sexa “o que era”. As lapas afectaron tamén valiosos ecosistemas, fauna e flora da Serra da Groba.

O BNG do Rosal solicita que a Xunta e o Goberno central implementen “de maneira urxente” as medidas necesarias dirixidas a paliar os danos causados e a recuperación do monte afectado pola vaga de incendios e revise de xeito inmediato o dispositivo de defensa contra incendios forestais. O voceiro local do BNG, Alonso Pereira, critica que “cinco días despois do maior incendio sufrido no noso concello”, o alcalde do Rosal “aínda non suspendera as súas vacacións e se puxera ao fronte destas demandas”. Pereira indica que “todo o mundo ten dereito a vacacións, o alcalde tamén, pero ante a gravidade do ocorrido, o normal sería que o máximo mandatario do concello exercera as súas responsabilidades”.

Nese senso denuncia que o pasado martes de madrugada, despois de que algunhas familias foran desaloxadas das súas casas polo perigo que corrían de que foran pasto das lapas, non houbo un dispositivo para realoxalas e tiveron que “buscar a vida” por elas mesmas en casas de veciños ou familiares.
“Afortunadamente”, conclúe Alonso Pereira, “a cooperación e solidariedade veciñal estivo a altura das circunstancias”, cousa que “bota en falla” por parte do alcalde.

Efectos dos incendios forestais. A fauna edáfica

Existe un mundo fascinante baixo os nosos pés do que case nunca somos conscientes, trátase da fauna edáfica, formada por animais que viven nos primeiros 5 cms do solo, zona afectada directamente polo lume nos incendios forestais.

Trátase de ecosistemas en miniatura, nos que se producen nacementos e defuncións, hai especies que se alimentan de vexetais, outras son detritívoras, é dicir, consomen materia orgánica en descomposición, e tamén existen feroces cazadores que consomen ás súas presas con afán.
Esta fauna está constituída por distintos grupos de animais: lombrigas, nematodos, larvas de insectos, formigas, termites, cempés, caracois, larvas de moscas e bolborteas, ácaros,  etc. Fauna de vital importancia para a calidade do solo, polas diversas funcións que realizan: actúan como descompoñedores incrementando  a materia orgánica, melloran a textura e estrutura do solo, favorecendo o seu mantemento. Detacamos os efectos benéficos das formigas no chan, pois reducen e dispersan sementes, descompáctano e favorencen  o enriquecemento en nutrientes e a maior retención da auga.

O proceso de formación dos solos é un fenómeno que está a producirse de seguido, polo que nunca chega a completarse. Lembremos que nese proceso é vital, entre outros elementos, a fauna edáfica, tan atacada de comúns cos pesticidas e que  sofre moito cos incendios.

Todas estas especies deberían ser conservadas e aproveitadas nos sistemas agrícolas.

A voltas cos incendios

En Galicia quéimase ano tras ano, aproximadamente o 50% da superficie total que arde en todo o Estado español e rexistra o 40% dos incendios.

Galicia encabeza as estatísticas da última década, en canto a superficie afectada e número de incendios, salvo os anos 2003 e 2005 que coincidiron con dous grandes incendios forestais nas comunidades autónomas de Estremadura e Andalucía. En Galicia quéimase ano tras ano, aproximadamente o 50% da superficie total que arde en todo o Estado español e rexistra o 40% dos incendios.

“Tras décadas de xestión forestal insustentable, os montes galegos, abarrotados de plantacións de especies pirófitas e pechados de maleza, atópanse nunhas condicións óptimas para a rápida expansión do lume”

Indicamos o vínculo para ver un magnífico video divulgativo sobre a importancia do solo: “Let’s talk about soil”- Spanish.

Mapa de índice de risco diario de incendio forestal de 26-08- 13 (Xunta Galicia)

Establece, para cada unha das épocas de perigo, o risco diario de ocorrencia de incendio forestal, cuxos niveis son baixo (1azul), moderado (2verde), alto (3amarelo), moi alto (4 laranxa) e extremo (5 vermello).

Mapa cos índices de risco diario de incendio forestal 

Historicamente Galicia é das Comunidades Autónomas cunha maior porcentaxe de incendios con causa descoñecida, concretamente en 2004 un 40% dos incendios ocorridos foron provocados por causas descoñecidas. Os incendios forestais requiren e demandan unha análise máis detallada e certeiro, que nos axude a desenmascarar os elementos e motivacións que conducen inexorablemente a Galicia a encabezar ano tras ano as estatísticas de incendios forestais. Só así se logrará unha solución definitiva do problema.

Ademais dunha intencionalidade premeditada para obter beneficios concretos co lume, danse outras situacións onde a orixe hai que situalo en malas prácticas e uso do lume inadecuadas e de alto risco, como as arraigadas queimas agrícolas e para obtención de pastos, o uso de lume en áreas de descanso, zonas de acampada e recreativas, etc.

Precisamente en Galicia permítense aínda actividades xa prohibidas noutras comunidades autónomas. A Xunta de Galicia permite o uso de lume nas áreas recreativas, zonas de acampada e áreas de descanso da rede de estradas. Non existe normativa que regule a eliminación de residuos ao aire libre a diferenza da maioría das Comunidades Autónomas.

Tamén se permite a circulación en vehículo a motor polas pistas e camiños forestais en época de máximo perigo de incendio forestal. Ademais tolérase a utilización de maquinaria forestal e agrícola nas áreas forestais e próximas a estas, mesmo no período máis crítico (maio-novembro). Ao mesmo tempo, permítese a utilización de artefactos pirotécnicos nas festas populares. A suma destas situacións de risco supuxo no 2005, case o 21% dos incendios forestais que arrasaron España.

 

Lembramos hoxe o libro de Fina Casalderrey, Un cabalo de lume (na colección Mar de letras)

Un cabalo de lume é un lamento que supón tamén un chamamento, o lamento polo deixado nos incendios e un chamamento á conservación do medio ambiente.

Ao avó Paco chéiralle a fume. “Uf, apesta!, exclama. Un grande incendio quéimao todo: as casas, as árbores, os animais… “Os homes non puideron facer iso, verdade?”, pregunta o bisneto. O señor Paco garda silencio.

Fina Casalderrey e Valentí Gubianas elaboraron unha historia conmovedora que nos anima a respectar a natureza.

Na colección Mar de letras, xogos e recreacións do cotiá.

A humanidade esgotou en 8 meses o orzamento ecolóxico anual

No día 20 de agosto chegamos ao Overshoot Day, o Día da Sobrecarga da Terra ou Día da Débeda Ecolóxica.

A data que marca o día en que a humanidade excede o consumo sustentábel de recursos renovábeis e a capacidade de absorción de dióxido de carbono (CO2) adiantouse dous días en comparación co ano pasado. Durante o resto do ano cubriremos o déficit ecolóxico esgotando reservas de recursos e aumentando a concentración de CO2 na atmosfera e, en consecuencia, agravando o quentamento global. A translimitación ecolóxica teríase producido moito antes se a humanidade vivise como a media da poboación galega.

O Día da Sobrecarga da Terra é un concepto ideado polo instituto británico New Economics Foundation que nos axuda a entender a diferenza entre a demanda humana por recursos e servizos ambientais e a oferta que o planeta pode sustentar. A rede de investigación  Global Footprint Network mide esa diferenza e estima en qué día o conxunto da humanidade pasa a vivir por riba das posibilidades ecolóxicas do planeta dentro dun ano. É unha estimación, non unha data exacta.

Hoxe vivimos como se dispuxésemos de 1,5 Terras e, de seguirmos así, atinxirase unha demanda de recursos equivalentes a dous planetas antes da metade do século

A mediados dos anos 70, a humanidade ultrapasou un limiar crítico: o consumo humano excedeu o que o planeta é capaz de producir. Hoxe vivimos como se dispuxésemos de 1,5 Terras e, de seguirmos así, atinxirase unha demanda de recursos equivalentes a dous planetas antes da metade do século. A Global Footprint Network sinala que o gasto excesivo de capital natural tórnase evidente co avanzo da mudanza climática, a extinción de especies ou o aumento no prezo de materias primas. “As crises ambientais e económicas que estamos vivindo son síntomas dunha catástrofe inminente.” Por causa sobre todo do sobreconsumo dos países e clases sociais máis favorecidos, a humanidade no seu conxunto está utilizando mais do que o planeta pode fornecer.

O déficit ecolóxico de Galicia: tan importante como ignorado

Galicia está entre o grupo de países que máis adebedan en termos ecolóxicos, pois o valor da súa pegada ecolóxica (6,64 hectáreas/persoa) é un 150% superior ao da biocapacidade do seu territorio (4,4), segundo o dato máis recente dispoñíbel (1). Se toda a Humanidade vivise como a media da poboación galega tería entrado en déficit ecolóxico xa o 26 de abril pasado. E se Galicia só dispuxese do orzamento ecolóxico propio para vivir esgotaríao o vindeiro 30 de agosto. Sostemos o noso modelo de produción e consumo á custa doutros países e das xeracións futuras. Algo que non só pon de manifesto a pegada ecolóxica senón tamén outros indicadores de sustentabilidade como a pegada climática, a pegada hídrica ou o consumo de materiais.

Malia á súa relevancia, o déficit ecolóxico é sistematicamente ignorado no noso país e nin sequera temos unha estimación actualizada da súa contía

A economía de Galicia, como a de moitos outros países do mundo de renda alta, presenta unha forte dependencia ecolóxica do exterior e xera unha deterioración ambiental externa tan ou máis importante que a interna. Galicia é máis grande do que moitas veces se cre, e non só no sentido en que o afirmaba Vicente Risco. Tamén porque ocupa un espazo ambiental superior ao seu territorio físico. Isto colócanos nunha posición insolidaria e vulnerábel. Somos exportadores netos de insustentabilidade ecolóxica e importadores netos de recursos (enerxía primaria, minerais, alimentos,…) que tenden a ser cada vez máis caros e escasos.

Malia a súa relevancia, o déficit ecolóxico é sistematicamente ignorado no noso país e nin sequera temos unha estimación actualizada da súa contía. A última, bastante aproximada, corresponde ao ano 2005, antes do inicio dunha crise económica que diminuiu o consumo. Hai dous anos, Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, entrevistouse en Santiago con Mathis Wackernagel, presidente da Global Footprint Network, aproveitando a súa visita á nosa terra por outro motivo. A Xunta “interesouse” daquela pola pegada ecolóxica e a actualización do seu cálculo para Galicia, mais semella que todo quedou en nada.

Fonte:n’Un claro no bosque, blog de Xosé Veiras en Praza Pública

O carballo, símbolo de vitalilade e forza!

Nas culturas tradicionais, os carballos eran algo máis cunha árbore, simbolizaban a vitalidade e forza (de ahí ser forte como un carballo) e a eles se atribuían poderes máxicos.

A palabra latina Quercus, deriva das celtas Kaer, que significa “fermoso” e Quez, “árbore”. Para os celtas, o caballo era Kaerquez,  “Árbore fermosa” e considerábase unha árbore sagrada e as carballeiras tiñan un significado especial: nelas celebrábanse os ritos relixiosos. Estes bosques sagrados chamábanse Lubre, palabra celta que se conserva intacta na toponimia galega e tamén na francesa: Louvre.

Foi tal a veneración dos galos a algúns carballos que se consideraban tótems (protector e representante) do Clan.

Desas e doutras moitas cousas fálase en O carballo, de Carlos Silvar