Entradas

A PIRÁMIDE DA CODICIA EN CORCOESTO. 2

Como sinalamos o pasado día 20, cando se trata de megaproxectos, como o de minería de ouro que Edgewater Exploration Ltd quere poñer en marcha en Corcoesto, é moi dificil para a meirande parte da xente facerse tan siquera unha idea aproximada das magnitudes de que se fala e comprender o que realmente significan.

Porque, cales serían as consecuencias para Galicia de que Edgewater Exploration Ltd se leve para Canadá as 34 toneladas de ouro que quere extraer en Corcoesto?

Nada mellor para explicalo que un gráfico que vale máis que mil palabras en www.sghn.org.

Ademais, con palabras sinxelas e explicacións claras ponse ao alcance de todo o mundo comprender o proxecto de Edgewater e cales serían as súas consecuencias, agrupándoas en tres apartados:

– O que é certo para o café tamén o é para as rochas.

– Onte foi Nadal, velaquí o regalo envelenado do “Papa Nöel” Edgewater Exploration Ltd para os galegos.

– Queren levarse o ouro e deixar os velenos. A Xunta quere subvencionalos.

Toda a información en www.sghn.org

Foto: Diário Liberdade

CORCOESTO: un pouco de ouro e MOITO, MOITO ARSÉNICO

Coincidindo case coa Declaración de Impacto Ambiental positiva que a Consellería de Medio Ambiente (rapidísima neste caso e lentísima en calquera iniciativa de defensa ambiental) acaba de outorgar á explotación mineira de ouro pola compañía canadiana Edgewater Corporation, SGHN ven de ter acceso a un artigo de investigadores do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) e a Universidade de Vigo sobre os niveis de arsénico na bacía do río Anllóns que aínda non estaba publicado na data das alegacións presentadas por SGHN ao dito proxecto mineiro.

Debido a presenza de zonas de arsenopirita semimasiva na área mineira de Corcoesto as concentracións de arsénico en rochas chegan a superar en 50.000 veces a media da corteza terrestre e nos solos superficiais poden superar ata 400 veces os niveis de solos non contaminados.

Pola súa banda, nas augas do Anllóns as concentracións de arsénico duplícanse ao atravesar a zona de Corcoesto ata chegar xa á metade do límite aceptable en augas para consumo humán, e na metade dos puntos de mostraxe no esteiro do Anllóns os niveis de arsénico nos sedimentos superan amplamente os límites para consideralos contaminados.

Segundo palabras textuais extraidas do artigo dos investigadores galegos publicado nunha moi prestixiosa revista científica internacional dita contaminación dos sedimentos “debe ser consecuencia de rápidos picos de fluxo do río Anllóns que poden transportar sedimentos de maior tamaño de partícula procedentes da zona mineira”.

Se esas son as consecuencias actuais da antiga mineiría a pequena escala en Corcoesto, as repercusións futuras poderían ser tan enormes como o propio proxecto mineiro de Edgewater Corporation: 774 ha de mina a ceo aberto, 20 millóns de metros cúbicos de estériles de mina, 100.000 toneladas anuais de estériles de mina tratados con cianuro-sosa cáustica-ácido clorhídrico que, ademais do ouro, solubilizarán tamén o arsénico das rochas.

Polo devandito, SGHN ven de solicitar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que en aplicación do principio de cautela se anule a Declaración de Impacto Ambiental positiva para o proxecto mineiro.

Fonte: SGHN

Foto: Panageos

FEIRA DA SUSTENTABILIDADE NA UDC

Aproveitando a chegada do Nadal, o 12 de decembro de 11:00 a 19:00h celebrarase na Facultade de económicas da UDC a III Feira da Sustentabilidade, coa fin de achegar á universidade unha mensaxe sobre o consumo responsábel.

Nesta feira teremos a ocasión de mercar os agasallos de Nadal dun xeito diferente. Dando prioridade ao comercio local, comercio xusto e ao traballo dos artesáns. Do mesmo xeito teremos a oportunidade de coñecer diferentes entidades e asociacións ambientalistas.

Ao longo da xornada poderemos participar en diferentes obradoiros como elaboración de cosméticos naturais, elaboración de obxectos a partir de papel reutilizado con técnicas de cestería e coñecer os xogos tradicionais.

Un membro do Proxecto Fiare nos explicará en que consiste o proxecto da banca ética nunha charla-debate.

E por último, poderemos trocar os obxectos que xa non precisamos nun mercadiño de troco.

Programa da Feira:

– 11.00 h Apertura da III Feira de Nadal
– 11:15 h Inauguración da III Feira de Nada
– 11.30 h Charla- debate: Fiare, Banca ética (a cargo de Raúl Asegurado, presidente da asociación Fiare Galiza) Aula O.5
– 12.30 h Obradoiro: Cestería con papel. FEITO CON XEITO. 1º Andar
– 17:00 h Obradoiro: Cosméticos naturais. ADEGA. 1º Andar

Ademais, en horario continuado levaranse a cabo:

– Exposición de xogos tradicionais. A casa dos xogos. 1º Andar
– Mercadiño de Troco. 1º Andar

19:00 h Peche da Feira

Loita contra o cambio climático: A Xunta, entre a inacción e a propaganda

Entre o 26 de novembro e o 7 de decembro celébrase en Doha (Catar) a XVIII conferenza das partes (COP18) para establecer (ou non) os compromisos do vindeiro periodo do protocolo de Quioto que comeza en 2013. Poucos días antes do inicio da conferenza, a Xunta facía pública a súa intención de “conxelar” mesmo denantes de apresentalo, o seu Plano de Acción contra o Cambio Climático 2011-2020 e sometelo a revisión, coa excusa da crise. Iso sí, a Xunta aproveitou a ocasión para apresentar un “informe” sobre o cambio climático en Galiza, un corta-apega de datos e conclusións de investigacións xa coñecidas, adubado coa correspondente propaganda en formato ristra de actuacións do máis heteroxéneo. Exemplo: Un estudo (9440€) para coñecer o impacto do cambio climático… nos vellos e vellas das residencias! Iso sí, de facer algo por reducir as emisións das térmicas galegas, verdadeiras fábricas de cambio climático e que supoñen o gordo das emisións… CERO.

Neste I Informe sobre o Cambio Climático en Galiza, amáis de facer inventario dos datos de emisóns durante os últimos anos dos sectores regulados por Quioto (industrias) e dos difusos (transporte e domicilios), por certo con informacións maioritariamente achegadas polo Ministerio aos que calquera pode acceder na rede, chama a atencción algún sonado esquecemento. Por exemplo, a ausenza de datos de 2011, ano no que voltaron a aumentar as emisións en Galiza, fundamentalmente debido ás térmicas e ao transporte. Este esquecemento vén moi ben á Xunta para “vender” a redución nun 6,74% das emisións en 2010 con respeito a 1990 como se fora froito das súas políticas e non da crise. Aliás, a información sobre as emisións de GEIs (gases de efeito invernadoiro) de Galiza neste periodo preséntanse por sector e non desagregadas por complexo, como sí acontece coas asignacións. Deste xeito, podemos coñecer o límite máximo de GEIs que podía emitir cada industria, con nomes e apelidos, pero non verificar si o cumpríu ou non! Casualidade?

E polo que atinxe ás actuacións, a terceira parte do “informe” debruza unha ristra de actuacións do máis variopinto levadas a cabo  pola administración para supostamente combater o cambio climático, acompañadas do correspondente investimento (35,1 millóns de € en 2011). Deste xeito e sen ter planificado nada específicamente destinado a combater o cambio climático, xa que o documento marco -Plano de Acción- está paralisado pola Xunta, a administración “vende” unha serie de medidas heteroxéneas froito doutras planificacións (conservación, infraestruturas, administración…) que asegura “orientadas” a loitar contra o cambio climático.

Analisando estas 84 “medidas” por un importe conxunto de 35,1 millóns de € e peneirando aquelas que non teñen relación directa coa loita contra o cambio climático, suprimindo os investimentos non executados, e deducindo aqueles cartos achegados pola UE, temos que o montante total adicado á loita contra o cambio climático pola Xunta son apenas 13 millóns de €, maioritariamente achegados polo INEGA para promover o aforro e a eficiencia a nível doméstico (placas solares, caldeiras de biomasa, illamento, plano “Renove” de electrodomésticos, etc). A conclusión: para a Xunta, a loita contra o cambio climático é responsabilidade da cidadanía. De actuar contra as emisións das térmicas, as responsábeis de que sigamos tento as taxas máis altas de emisión de gases por habitante de Europa… Nada. CERO euros.

Fonte: ADEGA

A desvergoña da Xunta cos residuos non ten límites: se non se recicla máis, é porque a Xunta incinera e enterra o lixo en troques de reciclar!

A campaña que SOGAMA está a desenvolver en cidades e vilas galegas para promover a reutilización e o reciclado, debido aos ridículos índices que amosa a xestión dos refugallos en Galiza, é un exercicio de esquizofrenia e desvergoña sen límites. Se é precisamente debido ao modelo SOGAMA (incineración + verdido) que a reciclaxe acada os níveis máis baixos do estado e de Europa! Por outra banda, a Xunta gábase de que a xeración de refugallos diiminuíu un 6,4% dende a aprobación en 2010 do Plano de Resiuduos (PXRUG)… Non será máis ben que ao igual que caeu a actividade económica e o consumo, a xeración de residuos diminuíu sobre todo pola crise? Así o recoñece no documento de modificación do PXRUG 2010-2020que está a tramitar, cualificando a crise como un “avance” na redución da produción de lixo. En definitiva: outra campaña-trampa de SOGAMA deseñada para vender como virtudes as súas vergoñas, mostra da incompetencia e o cinismo sen límites da Xunta.

Analisemos algunhas das “pérolas” que conteñen os materiais desta campaña:

SOGAMA pona en marcha coa fin de “captar o interese dos transeúntes e orientalos sobre mellores prácticas ambientais”: Non sería millor que primeiro se orientaran eles? A incineración e o vertido que praxctica SOGAMA non son os millores xeitos de tratar os refugallos, nin os que a lexislación fixa como prioritarios (redución, reciclaxe e compostaxe). SOGAMA só recicla o 8% do total dos refugallos recibidos fronte ao 32% que conxuntamente amosan Nostián e O Barbanza. Ademais disto, as plantas de compostaxe reciclan moita máis cantidade de residuos que SOGAMA en TODAS as demáis fraccións da recollida selectiva: Vidro, 9 puntos máis; Papel/Cartón, 4 puntos máis; e Envases, 31 puntos máis, tanto nas áreas de alta xeración de residuos (A Coruña-zona urbana), como en áreas máis rurais cunha máis baixa xeración de residuos (comarca do Barbanza). Informe sobre a recollida selectiva.

SOGAMA di que pretende “aplicar con efectividade o principio dos 3Rs”. Nós preguntámonos que fan para aplicar o 1º e 2º “R”, isto é, Reducir e Reutilizar? E sobre todo, que fan para aplicar o 3ºR, isto é Reciclar, particularmente a materia orgánica que supón o 50% do lixo que xeramos a diario? Resposta: Nada. SOGAMA recicla o 0% da materia orgánica: Como pretenden acadar o nível do 50% que fixa a Lei 2272011 de Residuos e a Directiva 2008/98/CE?

SOGAMA di que pretende acadar a “xestión sostible dos nosos refugallos, velando por que esta sexa respetuosa co medioambiete e a saúde”. A “xestión sostible” dos nosos refugallos pasa por reciclar a material orgánica. Queimala ou eliminala no vertedoiro como fai SOGAMA non é respectuoso nin co medio ambiente, nin coa saude, nin respecta a lexislación e resulta moito máis caro. Precisamente a respeito dos cartos, e no que vai de ano, SOGAMA soterou no vertedoiro de Cerceda nada menos que 42 millóns de €.

Resulta chamativo tamén atopar no libelo de SOGAMA a seguinte frase: “A confusion en torno á separación de residuos en orixe está moi extendida”. Dende ADEGA estamos dacordo: Son precisamente eles quenes a fomentan! Vexan senón o seguinte gráfico aparecido nos materiais desta campaña e que “informa” que ao contentor verde debe ir a materia orgánica e outros refugallos… que non se poden reciclar!

Á vista destes datos, recomendamos á poboación estar alerta fronte á propaganda tóxica da Xunta sobre os residuos: Con SOGAMA e a incineración, que non che conten contos!

Fonte: ADEGA

O Grupo Naturalista Hábitat colabora con Baía Edicións no espazo ‘Encontro coa Natureza’ informándonos das súas actividades e problemáticas

O Grupo Naturalista Hábitat é unha asociación de carácter público, sen ánimo de lucro e politicamente independente.

Dende a súa fundación na Coruña en 1979, foi fiel a unha consigna básica: traballar polo estudo e a conservación dos espazos naturais e da biodiversidade de Galicia, cun enfoque naturalista e baixo criterios científicos.

O ámbito de actuación da asociación é o territorio galego, se ben co maior incidencia na provincia da Coruña.

Os seus principios de funcionamento son:
•     Conservación dos valores naturais.
•     Estudo dos ecosistemas.
•     Divulgación científica.
•     Fomento da sustentabilidade.
•     Participación democrática.

Obxectivos

•    Estudar os elementos básicos que conforman o medio natural galego (fauna, flora, xeomorfoloxía, paisaxes, hidroloxía, ecoloxía…) e as relacións entre eles.
•    Protección dos ecosistemas galegos co obxectivo da súa conservación.
•    Divulgación da riqueza biolóxica do noso medio natural.
•    Participación en debates, congresos e foros de discusión sobre cuestións relacionadas co medio natural, en xeral, e co galego, en particular.
•    Formar parte de grupos consultivos ou órganos de decisión de organismos públicos e privados relacionados co medio natural.
•    Favorecer e alentar unha conduta acorde cos principios básicos do desenvolvemento sustentable.
•    Colaborar coas administracións e institucións públicas ou privadas na protección do medio natural galego.

Actividades

•    Censos, mostraxes, inventarios e informes científicos.
•    Organización de xornadas formativas, excursións, charlas, conferencias e cursos.
•    Edición de publicacións de carácter científico e divulgativo.
•    Presentación de alegacións e elaboración de denuncias por delitos contra o medio natural.
•    Participación nos movementos sociais que teñan como unha das súas finalidades a protección e conservación do medio natural.
•    Colaboración con outras entidades ambientalistas.

Publicacións

A Mobella: Revista de divulgación para o público en xeral, onde se publican observacións, artigos didácticos e documentos, as actividades do grupo, novidades e opinións.

Chioglossa: Revista científica aberta a naturalistas e investigadores, tanto profesionais como afeccionados serios, interesados na flora e fauna da Península Ibérica, preferentemente en temas relativos á rexión eurosiberiana, e, particularmente, ao noroeste ibérico.

Na páxina web gnhabitat.org/chioglossa pódense consultar as normas de publicación, así como os artigos publicados, de forma gratuíta e indefinida, facilitando así a difusión do coñecemento.

Podes participar co Grupo Naturalista Hábitat puntual ou regularmente. Se desexas recibir información das nosas actividades, envía unha mensaxe a gnhabitat@yahoo.es. Agradecemos a túa colaboración!

Grupo Naturalista Hábitat

Rúa Camariñas, 8 – Baixo. 15002 A Coruña.

Teléfono: (+34) 981 135 014

Correo electrónico: habitat@gnhabitat.org

Páxina web: www.gnhabitat.org

SGHN colabora con Baía Edicións no espazo ‘Encontro coa Natureza’ informándonos das súas actividades e problemáticas

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) é unha entidade ambientalista sen ánimo de lucro e independente, fundada en 1973 baixo o nome de Grupo Ornitolóxico Galego (GOG) que, a pesar do que o seu nome indica, non restrinxía o ámbito de actuación á ornitoloxía e, por iso, en 1976 xestionou a súa conversión na actual SGHN (1977).

GOG – SGHN é a máis veterana das organizacións de defensa ambiental galegas e unha das máis antigas de España. Cando se crean o Ministerio de Medio Ambiente e a Consellería homónimas, en 1996 e 1997 respectivamente, a SGHN levaba case un cuarto de século estudando e defendendo o patrimonio natural galego.

A SGHN ten representación no Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e pertence á Federación Galega de Mergullo; participa no programa anual Coast Watch de avaliación ambiental da beiramar e nas campañas Clean the World.

Participa na custodia do territorio a través da Fundación Fragas do Mandeo e fundou e xestiona o Museo da Natureza, situado en Ferrol, sede da colección de mamíferos mariños máis importante do Estado.

Dende 1973 realiza anualmente o Censo Invernal de Aves Acuáticas e en 1995 publicou o Primeiro Atlas de Vertebrados de Galicia.

Coordinou o Programa de Conservación do Arao Ibérico da Unión Europea.

Participa nos trámites de información pública e Avaliación de Impacto Ambiental dos proxectos públicos ou privados e presenta denuncias por delitos contra o medio natural.

Dende 1978 publica a revista Brañas, o voceiro Paspallás e monografías e boletíns divulgativos. Á par desenvolveu unha intensa actividade loitando contra a caza das baleas, a ameaza nuclear, as mareas negras, os incendios forestais, a persecución do lobo, a protección de espazos naturais, a depuración das augas, as minicentrais, as especies invasoras e tantas outras ameazas que penden sobre medio natural galego.

A SGHN organiza Xornadas, Congresos e actividades de educación e divulgación ambiental a través da súa sede central en Santiago de Compostela, das delegacións territoriais (Ferrol, As Mariñas, Ourense, Pontevedra) e seccións (Antela, Astronomía e contaminación lumínica, Entomoloxía, Herpetoloxía, Ornitoloxía e Vertebrados mariños).

Podes obter máis información e contactar coa SGHN a través da súa páxina web: www.sghn.org

DOUS ANOS DE FRAGAS DO MANDEO

A Sociedade Galega de Historia Natural e a Fundación Fragas do Mandeo ofreceremos unha conferencia en Santiago sobre a custodia do territorio titulada “Fragas do Mandeo: O fondo de conservación da natureza de As Mariñas”, que impartirá o Presidente da Fundación, Fernando Bandín, o mércores 28 de novembro ás 7 da tarde na sala da Galería Sargadelos.

A custodia do territorio é unha fórmula de conservación da natureza que busca preservala biodiversidade mediante acordos cos propietarios de fincas. A Fundación Fragas do Mandeo – constituida por Sociedade Galega de Historia Natural, Grupo Naturalista Hábitat e a asociación cultural O Rabo do Galo – é unha entidade non lucrativa declarada de interese galego que practica a custodia do territorio na comarca coruñesa de As Mariñas.

Na conferencia vaise falar das características da custodia do territorio, da súa eficacia como fórmula para protexe-la natureza, da súa implantación no estranxeiro e no conxunto do Estado, das fórmulas legais para aplicala (compra-venda, doazón, legado testamentario, cesión, etc.) e das actividades de Fragas do Mandeo nos seus dous primeiros anos de vida.

ADEGA participará en Terractiva coa exposición ‘Rir por non chorar’ e cunha charla sobre a evolución do proxecto ‘Eira da Xoana’

A vindeira fin de semana, días 17 e 18 de novembro, ADEGA participará na feira ecolóxica máis importante do país coa mostra de humor gráfico “Rir, por non chorar” que se enmarca dentro da campaña “Ponte no medio. Móvete polo territorio”. O obxectivo deste proxecto é concienciar sobre as ameazas e as agresións que se cernen sobre o noso patrimonio natural e cultural. Por outra banda, intenta buscar solucións e propostas realmente sostibles e equilibradas de respecto ao noso entorno.

“Rir, por non chorar” amosará 36 obras elaboradas para tal fin por preto dunha vintena humoristas gráficos e ilustradores de toda Galiza, tales como Pinto & Chinto, Leandro, Guitián, Calros Silvar, Alberto Okidoki, Almudena, Dávida, Idoia de Luxán, Mª Carmen Ferrín, Rooster, Sergio Covelo, Marcos Beltrán, Quico, Zamudio, Miguel Fernández, Jorge Alba, Alfredo López “Tokio”.

O acceso á exposición, que estará situada no recinto feira de Arzúa, será libre e permanecerá en Terractiva os dous días.

Por outra banda, ADEGA levará a Terractiva o seu habitual posto de divulgación sobre as actividades que está a desenvolver a organización, as súas publicacións, guías e manuais, camisetas reivindicativas, no que tamén se recollerán sinaturas para a Iniciativa Lexislativa Popular a prol da redución, reutilización e reciclaxe, no canto da incineración.

O domingo 18 pola tarde tamén ofrecerá unha charla sobre a evolución do centro de recuperación dos saberes tradicionais de ADEGA que está situado na parroquia de Ramil (Agolada), na comarca do Alto Ulla e que leva por nome A Eira da Xoana. Este proxecto, logo de 5 anos de actividade estase a consolidar como un dos centros de referencia de Galiza do ecoloxismo, da cultura tradicional e das boas prácticas ambientais. Recentemente, tivo lugar alí a II Feira de produtos naturais e artesáns que conseguiu xuntar na Eira da Xoana unhas mil persoas.

Para máis información:

Anxo Manoel Lamelo (coordinador): 667096124, 982240299 ou no correo electrónico; culturaeterritorio@adega.info

ADEGA colabora con Baía Edicións no espazo ‘Encontro coa Natureza’ informándonos das súas actividades e problemáticas

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) é unha asociación ecoloxista democrática, independente e sen ánimo de lucro, que traballa en defensa do medio ambiente galego e o global, do que depende a nosa calidade de vida.

ADEGA avoga por un modelo de desenvolvemento ecoloxicamente sustentábel e socialmente xusto, un modelo sen destrución ambiental que reduza as desigualdades dentro de cada país e entre os diferentes países.

ADEGA é unha das máis veteranas entidades ecoloxistas galegas, fundada en 1976, e posiblemente a máis implantada no territorio galego.

Centra o seu traballo en Galiza sen por iso deixar de ter unha visión global da problemática ambiental e de exercer a solidariedade coas loitas ambientalistas doutros pobos.

ADEGA entende que a diversidade biolóxica ten o seu reflexo na diversidade cultural e que ambas as dúas deben ser preservadas. Isto supón asumir un compromiso coa defensa da cultura e a lingua propias de Galiza.

ADEGA forma parte da Federación Ecoloxista Galega (FEG) que agrupa á maioría das asociacións ecoloxistas galegas, da Oficina Europea do Ambiente (OEA), a federación constituída polas organizacións de defensa do ambiente máis importantes da Unión Europea, tamén da Federación de Transporte e Medio Ambiente Europea, da Plataforma Nunca Máis, da Coordenadora para a Defensa dos Ríos (COGADER) e da Coordenadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA).

Podedes informarvos polo miúdo ou contactar con ADEGA nos seguintes enderezos:

Web ADEGA

Correo electrónico: adega@adega.info

Travesa dos Basquiños, nº 9 baixo

Tlf. 981 570 099

adegalugo@adega.info

R/ Fontiñas nº 180 Ent. Lugo.

Tlf. 982 240 299