Entradas

Coñecemos un pouco máis a Xosé Tomás

Xosé Tomás (Betanzos – A Coruña, 1971), é ilustrador, humorista gráfico e profesor de inglés de ensino secundario no IES Melide (A Coruña, España). O seu campo de traballo diversifícase en diferentes campos: o groso da súa obra sitúase na ilustración infantil e xuvenil, con títulos como O caderno azul (Xerais, Vigo), El niño que teníamiedo de los robots / El robot que teníamiedo de los niños (Edebé, Barcelona) María é Maior (Baía, A Coruña), O pirata Metepata (Baía, A Coruña), Sabeliña e os ratos (Galaxia, Vigo), Contos de reis e de nadal (Xerais, Vigo), O afundimento do Tiránic (Baía, A Coruña), Misterio en Guernica (Baía, A Coruña), O soñador (Baía, A Coruña), Un fantasma en el colegio (Edebé, Barcelona), O monstro dos Ancares (Galaxia, Vigo), Orballo da mañá (Baía, A Coruña),Un marciano neste mundo (Baía, A Coruña), O lume dos soños (Baía, A Coruña), O tempo ao revés (Baía, A Coruña), Boasorte (Baía, A Coruña), Carolina e os caracois (Baía, A Coruña), Flis-fli-ris-flas (Galaxia, Vigo), Cando eu saiba ler (Galaxia, Vigo), O arco da vella (Xerais, Vigo), El gran libro de relatos de Piratas y corsarios (Parramón, Barcelona), Rodribico e a noite (Baía, A Coruña), Rodribico aprende a voar(Baía, A Coruña), Rodribico e o mar(Baía, A Coruña), Rodribico vai ao circo (Baía, A Coruña), Rodribico visita a cidade (Baía, A Coruña), Antón, si tal! (Baía, A Coruña), Chispo, o esquío que venceu ao frío (Galaxia, Vigo), O souto escuro e perigoso (Xerais, Vigo), Os amigos de Santi(Galaxia, Vigo), Vou ter un irmán (Galaxia, Vigo), Jo de majorvull ser… (Bromera, Valencia), Lluvia de ranas (Planeta, Barcelona), e outros. Actualmente, xunto con Miguel Vázquez Freire crea a escola de ilustración “O neno amarelo” que, xunto co apoio de Baía Edicións e o Colexio San Narciso de Marín, promoven un espazo de formación no que a ilustración e a técnica se dana man coa palabra, a teoría e a literatura co álbum ilustrado como referente. Máis información

  • Bos días Xosé Tomás, cóntanos… cando empezaches a ilustrar?

Profesionalmente, aló polo ano 98, aínda que era algo que facía dende pequeno, supoño que coma todos os que se adican a isto.

  • Tiveches algún referente ou estilo que che gustase en particular?

Eu creo que sempre me atraeron estilos variados, porque cada un pode expresar cousas dunha maneira diferente. Encántame o debuxo expresionista cando a historia o pide, pero igualmente me fascina a cor impresionista, mesmo naturalista. Sempre me chamou a atención o feito de non cinxirse a unha tendencia ou estilo, de non encorsetarse.

  • Cales son as túas ilustradoras e/ou ilustradores favoritas/os?

Puf, moitos, e por moitos motivos. Ás veces compro un libro de Shaun Tan pola súa poética visual, polos seus mundos dentro doutros; admiro fondamente (como non!) a Miguelanxo Prado porque a cor das súas imaxes é tan estimulante que convida a deterse tempo e tempo en cada viñeta;  a Asun Balzola pola fraxilidade intencionada; ao noso Xaquín Marín pola contundencia da liña; a tantos e tantas!

  • Que é o máis che gusta do teu traballo?

Bueno, dende o punto de vista persoal, é unha auténtica catarse: creas mundos, espantas medos, e baléiraste de enerxía sobrante. Dende o punto de vista artístico é sempre un reto, sobre todo porque non é un traballo solitario: colaboras con escritores/as, e eu sempre procuro que ese traballo en equipo sexa real. En cada libro aprendo moitísimo do autor ou autora do texto, e trato de dar un pasiño máis en cada nova obra.

  • Algo que sempre me interesou foi o tema da inspiración: como fas? Acodes a algún dos teus referentes?

Cando cae nas miñas mans un texto (se hai texto, porque pode non habelo), primeiro léoo, degústoo, e cando o remato, péchoo e digo: “Agora comeza outra obra”. Cada libro pide algo diferente, unha especie de ADN exclusivo. Non me gusta repetirme, entón trato de buscar en cada nova aventura unha inspiración nova tamén: unha identidade cromática propia, unha metalinguaxe engadida, un desbordamento de historias novas, unha represión nos recursos,… E resulta curioso: mentres debuxo un libro, escoito obsesivamente unha música diferente, ata que o remato. De maneira case hipnótica axúdame a concentrarme, a afondar máis e máis nesa identidade, a meterme a fondo nel. E hoxe podería facer unha lista das músicas que asocio a cada libro: Van Morrison, Mozart, Madredeus, Swingle Singers,…

  • E, en cuestión, de tempos… canto che leva facer un debuxo?

Depende moito. Non tanto da complicación do mesmo (que tamén) como de que teña claro o que vou facer. Boto máis tempo dándolle voltas ao estilo e a esa concepción previa da nova obra case que realizándoa. Unha vez que chego á idea desexada, lánzome rápido a ela.

  • Normalmente, cres que a ilustración e o texto deben ir da man?

Creo que deben dialogar, enriquecerse mutuamente, pero sen escravitudes. O formato álbum ilustrado permite á ilustración ter vida propia, mesmo voar sobre o texto e recrear novas historias que non están nel, pero que tampouco o desdín.

  • Cando creas ou ilustras un libro, utilizas as túas vivencias e as dos teus achegados?

Moitas veces. Eu sempre penso que non podes facer unha ilustración emotiva se non che pasa a emoción polo corpo. E como iso todo. Ter fillos pequenos sen dúbida axuda para comprender e empatizar co lector infantil.

  • A cal das personaxes que creaches lle tes máis cariño?

Vexo, por exemplo, en Rodribico, a ese personaxe curioso, cos ollos abertos, que aprende de todo, e síntome feliz de terlle dado forma. Tamén unha burra, que sairá publicada en breve, Ramona, pola súa machacona forza de vontade. Pero tamén personaxes de banda deseñada, como a nena Nawal, de “Nómades”, símbolo da esperanza ante a dor do desarraigo.

  • Con Baía, realizaches un lote de libros? Con cal te quedarías?

Ademais de Rodribico, quero moito ao Pirata Metepata, porque non deixa de ser un torpe simpático. Ao final dáse conta de que ten que cambiar de táctica, e rectificar non está nada mal. Tamén, da triloxía escrita por Vázquez Freire, me sinto identificado con Xurxiño, que quere ser pintor, e loita e loita por poder ser quen realmente é.

  • Tiveches problemas con algunha autora/autor para crear as ilustracións dos libros?

A verdade é que non. Sempre tiven unha relación moi enriquecedora con eles e elas, e por iso sempre procuro discutir o proxecto, saber que pensan, que senten, especialmente cando se trata dunha obra moi ilustrada.

  • Neste momento, se alguén quere debuxar, que bases ten que ter para dedicarse profesionalmente?

Eu son autodidacta. Son un filólogo que ilustra textos. E co tempo deime conta de que o fundamental, como pasa na música, por enriba da técnica, está na paixón comunicadora. Todo o demais é posible, asequible, mellorable. Pero a esencia dun ilustrador está en chegar ao lector, en emocionar, en perturbar, en “tocar” a que le a túa imaxe.

  • Consideras que faltan espazos de formación para as ilustradoras e ilustradores?

Existen centros públicos e privados para formarse en ilustración. Pero se te adicas ao mundo específico da ilustración de libros, e aínda máis específico de libros para nenos, entón hai que ir máis aló. Porque un neno é un ser nunha etapa evolutiva concreta, que hai que ter en conta, a todos os niveis. E a propia sintaxe do libro ilustrado, os formatos, a relación coa literatura. Creo que falta algo de especialización nese campo moi concreto. Pero iso pasa en todo: eu cando rematei Filoloxía cría saber un pouco de todo, pero non moito de nada.

  • Agora mesmo estás de cheo nun novo proxecto, non? O proxecto de O Neno Amarelo? Como nace ese proxecto?

Nace da reflexión a pé de rúa (bueno, a pé de centros de ensino) con Miguel Vázquez Freire. El e mais eu, que xa levamos uns seis libros xuntos, temos reflexionado moito sobre as carencias do noso sistema educativo de cara á expresión visual, á creatividade,… E comprobámolo en multitude de obradoiros, encontros, debates, etc. que temos organizado xuntos. Chegamos á conclusión de que para ilustrar un libro primeiro hai que facer algo de filosofía. E despois debuxar.

  • Por que ese nome? O Neno amarelo…

É unha homenaxe a “Yellow Kid”, o primeiro personaxe de banda deseñada, nado a finais do s. XIX nos Estados Unidos.

  • Vedes futuro neste novo proxecto? Como se está recibindo a formación por parte do alumnado?

Bueno, estamos seguindo un programa moi denso, e tratamos de abordalo con paixón e moita entrega. Non queremos defraudar ás persoas que acoden a formarse, a buscar maneiras de entrar neste mundo. Agora estamos iniciando cun curso intensivo de tres meses, con proxecto final, e a posibilidade de que un dos alumnos ilustre un libro, precisamente, con Baía Edicións. Pero queremos ir máis alá: dar máis oportunidades aos demais, abrirlles portas no mercado editorial, darlles visibilidade. Volveremos ofertar este mesmo curso nunha segunda quenda para o 2014, e queremos tamén abrir o abano a outros temas, en formato monográfico.

  • Como ves o papel da ilustración galega neste momento?

En efervescencia. A pesar do pau da crise ao mundo editorial, a creatividade non merma, e cada vez hai máis profesionais, que se asocian, por exemplo á AGPI.

  • Como ves hoxe en día a situación no mercado editorial?

Moi, moi tocado. Pero supoño que tamén reinventándose, o cal pode ser algo moi bo para todos. Novos formatos, diversidade de medios, fusión do libro coa música e o teatro e a performance, … Un momento difícil pero moi apaixoante.

  • Se queres comentarnos algo máis sobre ti ou sobre as túas obras deixamos este oco….

É un pracer que deades voz aos que normalmente só damos imaxes. Graciñas.

Grazas a ti, Xosé Tomás! O pracer é noso!