Entradas

O recorte na CRTVG abre a porta a un ERE

A CRTVG denunciará o actual convenio laboral polo que se fixan as condicións de traballo do seu, aproximadamente, milleiro de asalariados directos. Así llo comunicou xa a dirección de Recursos Humanos do ente público aos representantes sindicais.

Ademais, a CRTVG indicou que para o próximo ano reducirá o seu orzamento en cinco millóns de euros. Esta cantidade supera o 5 por cento de redución orzamentaria respecto ao ano anterior, que é o límite que establece a lei tras a reforma laboral para que os organismos públicos poidan aplicar Expedientes de Regulación de Emprego.

O nerviosismo nas oficinas de San Marcos, que xa é importante ante os previsíbeis cambios nalgúns postos da dirección, aumentou tras este anuncio. Con todo, os responsábeis da CRTVG desbotaron que estean barallando a posibilidade dun ERE, cando menos nestes intres.

O que parece seguro a curto prazo é que a caída no orzamento será o argumento da dirección da CRTVG para tentar recortar o salario dos seus traballadores en conceptos, por exemplo,  os complementos.

Os asalariados da televisión e da da radio públicas galegas xa sufriron este ano unha importante perda de poder adquisitivo. E é que ademais dos recortes comúns a todos os traballadores públicos, perderon algunhas axudas como, por exemplo, a de comedor.

“Éxito” da folga

Por outra banda, CC.OO., un dos sindicatos do Comité Interempresas, cualificou de éxito o seguimento do paro na CRTVG. Os servizos mínimos, pactados por vez primeira coa administración, cumpríronse este xoves.

“O éxito desta folga foi unha labor de todas e todos, das persoas que exerceron o seu dereito constitucional e daquelas que, non podendo exercelo polo desempeño dos servizos mínimos, se limitaron estritamente ao seu cumprimento, non permitindo o desenvolvemento da programación fora do pactado coa representación sindical”, argumenta Comisións.

Fonte: Galicia Confidencial

Foto: Manifestación en Santiago en defensa da CRTVG/CIG