Entradas

Propostas da AELG para o Día Rosalía de Castro 2015

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) promove desde 2010 a conmemoración o 24 de febreiro, aniversario do nacemento da autora, do Día de Rosalía de Castro, data na que esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor.

Nos últimos anos foron varias as accións promovidas desde a AELG que contaron con grande aceptación e impulso por parte da sociedade e, moi especialmente, polo sector educativo, tal e como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da  web da AELG.

Neste 2015 a AELG propón celebralo baixo o lema “Eu son Rosalía” e convidamos os centros escolares, institucións, movemento asociativo, persoeiros da cultura galega e a todos os particulares que se quixeren sumar, a realizaren actividades encamiñadas a afondar na diversidade temática da obra rosaliana, de modo que cada persoa descubra con cal das múltiples sensibilidades da autora se sente máis identificada, e así poder comunicárnolo gravando en vídeo unha frase que comezaría por “Eu son Rosalía porque/cando/para…”

A idea é que os lugares nos que se filme esa breve declaración, de contido libre e persoal, sexan escenarios da vida cotiá, de ser posíbel, especialmente os ámbitos laborais, en conexión con boa parte da poesía rosaliana, vinculada ao traballo e á vida diaria.

En calquera caso, serán moi benvidas todas aquelas propostas orixinais que se nos fagan chegar para difundir desde a web da AELG, que poidan experimentar coa combinación dos formatos audiovisual e musical.

A AELG pon a disposición da cidadanía os seus medios dixitais de comunicación e difusión nas redes sociais para recompilar todas aquelas ligazóns que aloxen os contidos das actividades de celebración desta data, para amplificar así a súa visibilidade. O enderezo electrónico ao que enviar as ligazóns é oficina@aelg.org.

Por outra banda, desde 2011 a AELG vén solicitando aos concellos que declaren o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro, e así o fixeron nun número de 33, sumándose tamén as Deputación da Coruña e Lugo. A AELG seguirá a facer chegar aos plenos unha moción neste sentido solicitándolles que recollan esta celebración nas súas programacións culturais.

AELG está elaborando o seu manifesto anual para esta celebración, que se lerá o domingo 22 de febreiro no acto central no Panteón de Galegos Ilustres; e para o 24 de febreiro promoverá, a través da súa base asociativa, outros en diversas cidades e vilas do país, alén de propoñer unha franxa horaria e un cancelo (#) para compartir nas redes sociais as particulares homenaxes á insigne poeta galega Rosalía de Castro, voz para todo o presente porque “Todas somos Rosalía!

Fonte: Axenda Cultural AELG

A Asociación de Escritores premia o teatro do país

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) galardoará á compañía Sarabela, dirixida por Ánxeles Cuña, que recibirá o premio como agrupación porfesional, mentres que Achádego, de Lugo, será recoñecida polo seu traballo no teatro amador. A Asociaciónd e Actores e Actrices de Galicia tamén será recoñecida. Tamén serán recoñecidas iniciativas institucionais, coma o proxecto Buxiganga da Vicepresidencia da Deputación de lugo e a área de cultura da Deputación da Coruña polo premio Rafael Dieste. O escritor Xabier P. Docampo será este ano o homenaxeado coa letra “E” no programa “O escritor na súa terra”. Bernardo Atxaga será nomeado Escritor Galego Universal.

Fonte: Culturagalega

Miguelanxo Prado e David Rubín, candidatos aos premios do XXXI Saló del Còmic de Barcelona

Só dous nomes galegos están entre os candidatos do XXXI Saló del Còmic de Barcelona. Miguelanxo Prado, con Ardalén e David Rubín, con segundo volume de El héroe, compiten con outras oito obras por obter o galardón á Mellor obra de autor español publicada en España en 2012. Non houbo candidatos galegos nas categorías de mellor fanzine nin de autor revelación. Logo das votacións dos profesionais do sector das que partiu esta selección, comeza agora a selección polo xurado. En paralelo, o vindeiro 5 de marzo abre o prazo para as votacións populares, polas que se escollerá a mellor obra publicada en España no pasado ano.

Fonte: Culturagalega

Foto

A Asociación Internacional de Estudos Galegos non recollerá o Premio da Cultura en apoio ás protestas do teatro

Por “compromiso coa cultura galega e coas persoas que no día a día traballan por ela”. Este é o argumento da AIEG para explicar a súa decisión de non recoller o premio anual concedido pola Consellaría de Cultura e que se entregarán mañá xoves no Gaiás, edificio que esta semana foi “ocupado” pola Plataforma de Artes Escénicas en protesta pola paralización da política cultural e a grave situación pola que atravesan.

A Xunta Directiva da AIEG, presidida por Débora Campos, emitiu un comunicado no que informa da decisión de non asistir ao acto de entrega do Premio de Promoción Cultural na edición deste ano dos Premios da Cultura Galega. Con 200 socios e socias nos cinco continentes, na AIEG desenvolveuse desde o momento da concesión un debate entre membros destacados da conveniencia ou non de recoller o galardón, que o ano pasado fora rexeitado polo escritor Agustín Fernández Paz. Finalmente, en apoio ás manifestacións que están a protagonizar a xente da cultura e en protesta pola política cultural da Xunta, a entidade presidida por Débora Campos decidiu non aceptar o galardón da Xunta. Segundo a nota enviada, “os recentes acontecementos que están a ter lugar estes días na Cidade da Cultura presentan unha nova conxuntura” diante da que a directiva da AIEG “tomou a decisión de non acudir ao acto de entrega dos premios”.

Mostra, de igual maneira, o seu apoio firme “ao colectivo de persoas que se manifestan por un traballo digno para elas, polo futuro da cultura galega e por un futuro digno para todos e todas”.

Fonte: SermosGaliza