A Feira do Libro de Lugo estará aberta ata o domingo
O escritor Antonio Reigosa é o encargado de inaugurar o próximo martes, día 15, a Feira do Libro de Lugo. Serán cinco días de festa ao redor do libro nos que Paz Andrade terá, como non podía ser doutro xeito, un protagonismo moi especial; a feira celébrase na semana das Letras, unha das máis importantes do ano para o sector do libro en Galicia.
Ouvirmos organiza obradoiros de cociña para rapaciños, unha actividade directamente relacionada coa colección de cociña para nenos que a editorial luguesa promociona con éxito por diferentes lugares de Galicia. Tamén se vai presentar en Lugo Os fillos do mar, de Pedro Feijóo, editado por Xerais, un éxito editorial da primavera, e unha biografía escrita por Xosé Díaz Díaz e Belén Fernández Guzmán, O misterioso Doutor Saa.
Figuran no programa as presentación de Hotel Cidade Sur, de Xerardo Quintiá; Medievalario, de Fran Zabaleta, autor que participará xunto con Xosé Miranda nun coloquio sobre novela histórica; e A comer, de Cristina F., que inclúe un obradoiro de letras galegas con masa de pan, para nenos de tres a dez anos de idade.
Na véspera do Día das letras galegas haberá unha lectura de textos do autor homenaxeado por parte de Marina Cillero, a escritora e profesora universitaria Carmen Blanco, a directora do Museo Provincial, Aurelia Balseiro, e a xornalista radiofónica Tonina Gay.
Fonte: AGE