Entradas

Acto de presentación D’OS COGOMELOS NA COCIÑA E OUTRAS COUSAS en Santiago de Compostela

O acto de presentación terá lugar mañá mércores día 28 de novembro, ás 19:30 horas, no Restaurante Pedro Roca (Rúa Domingo García Sabell, 1 – Baixo, semiesquina coa Rúa Galeras. Teléfono: 981 585 776), d’Os cogomelos na cociña e outras cousas, da autoría do escritor, profesor e presidente da Asociación Micolóxica Viriato, Xosé Manuel Fernández Costas e de Pedro Roca, recoñecido cociñeiro de fama internacional e actualmente xerente do Restaurante Pedro Roca.

Breve comentario sobre a obra:

Os cogomelos na cociña e outras cousas é unha singular achega á literatura gastronómica. Atopamos pratos que podemos encadrar na ‘nova cociña’ e outros que adaptan receitas tradicionais, convertendo os cogomelos no ingrediente principal ou no substituto dos produtos empregados habitualmente, tratándose tanto unhas como outras de composicións innovadoras.

Valorando a importancia do coñecemento do que a natureza pon nas nosas mans, a súa utilización para fins gastronómicos e o papel da conservación, a obra está concibida en tres partes:

Na primeira, Na cociña cos cogomelos, preséntase un pequeno mostrario dos cogomelos máis apreciados na cociña e unhas notas sobre conservación e precaucións básicas a ter en conta cando estes se recollen para comer.

Na segunda, Receitas, propóñense diversas preparacións do cociñeiro Pedro Roca, un dos maiores e mellores divulgadores da excelencia dos cogomelos na cociña, Paco Bernabeu, Manolo Costas, Quico Fraguela, José Andrés Moure e Andrés Roca.

Na terceira, Da nosa Asociación, faise un repaso das actividades da Asociación Micolóxica Viriato nos seus trinta anos de andaina.

Baía Edicións presenta na Feira da Coruña ‘Os cogomelos na cociña’

Baía Edicións presenta na Feira do libro da Coruña Os cogomelos na cociña e outras cousas, de Xosé Manuel Fernández Costas, Pedro Roca e outros, que terá lugar na Carpa da Feira do Libro (Xardíns de Méndez Núñez) o luns día 6 de agosto, ás 19:00 horas, no que intervirán os autores Xosé Manuel Fernández Costas (coordinador), Paco Bernabeu e Pedro Roca e Belén López Vázquez (Directora Editorial de Baía Edicións).