Artigos

Todos os concertos de San Froilán serán gratuítos

O tenente de alcalde e concelleiro de Cultura e Turismo de Lugo, Antón Bao, anunciou hoxe que todos os concertos incluídos no programa das patronais de San Froilán serán “gratuítos”, e dixo que o goberno local actuará con calma, “cautela e prudencia” para facer as mellores contratacións e ao menor prezo posible.

Bao respondía así, no transcurso dunha rolda de prensa, ao grupo municipal do Partido Popular, que esta semana se queixaba de que a só dous meses para o inicio das patronais lucenses, unhas festas declaradas de Interese Turístico Nacional, o goberno local non pechase aínda nin unha soa actuación.

O portavoz nacionalista recoñeceu que ao coincidir os dous festivos das patronais -os días 5 e 12 de outubro- en venres, o programa das festas concentrarase en dous fins de semana longos, polo que se reducirá o número de concertos”, que serán “todos gratuítos”.

En todo caso, Bao afirmou que “convén ter paciencia para negociar as mellores actuacións”, dado que coa actual situación económica o goberno local está disposto a controlar o gasto “céntimo a céntimo”.

“Non podemos lanzarnos a unha piscina sen auga”, dixo Bao, quen tamén asegurou que no programa das patronais volverán ter moita presenza os grupos lucenses e as actuacións de animación rueira que distinguen a estas festas e fanas diferentes.

Fonte: Galiciaé