Entradas

Xa podemos descargar Firefox 17 en galego

O navegador web de Mozilla actualízase hoxe, de xeito que xa podemos descargar o Firefox 17 en galego nas súas versións para Windows, OS X e Linux, que entre as súas principais novidades conta coa primeira revisión da Social API e soporte para Facebook Messenger, así como unha importante mellora de seguridade/estabilidade que acada mediante o bloqueo preventivo complementos que non estean debidamente actualizados, de xeito que só entrarán en funcionamento coa participación activa do usuario, o que consideran que é un xeito máis amigable de advertir da obsolescencia dos complementos que teñamos instalados.

A barra de dirección tamén conta con iconas máis grandes, o soporte de HTML5 inclúe o atributo Sandbox para iframes (o que supón un incremento da seguridade), corrixe numerosos fallos detectados e tamén di adeus aos usuarios de Mac OS X 10.5 Leopard, de xeito que os equipos de Apple que consideran obsoletos deixarán de contar oficialmente con novas versións de Firefox. O abandono de Leopard decidiuse en función do reducido número de usuarios de tal plataforma que data xa de hai 5 anos, de xeito que os recursos liberados aproveitaranse para desenvolver algunhas das últimas funcionalidades de OS X, como o modo de pantalla completa e as ferramentas de accesibilidade.

Fonte: Código cero

Xa é posible descargar o Firefox 16 en galego

Unha vez máis, antes do seu anuncio oficial chega aos servidores de Mozilla a nova versión en galego do seu navegador web Firefox, que xa podemos descargar de balde para Windows, OS X e Linux. Entre as novidades do Firefox 16 temos soporte de VoiceOver para OS X (que vén agora activado de xeito predeterminado, soporte inicial de aplicacións web en Windows, Mac e Linux e incorporación dunha nova lingua (o acholi, propia de Uganda).

A nova versión de Firefox tamén mellorou a recolección de lixo incremental para Javascript, incorporou unha nova barra de ferramentas para desenvolvedores (que tamén agradecerán novas funcionalidades CSS3) e corrixiu erros detectados en versións anteriores á oficial.

Fonte: Codigocero

Xa podemos descargar o Firefox 13 en galego

Continuando co lanzamento de novas iteracións no navegador web Firefox xa tempos dispoñible para a súa descarga para Windows, Mac OS X e Linux a versión en galego do Firefox 13, que incorpora numerosas melloras de rendemento que serán moi ben recibidas polos usuarios, á vez que incorpora un par de novidades importantes: a páxina de inicio por defecto inclúe accesos rápidos ás Descargas, Marcadores, Historial, Complementos e distintas opcións de configuración; e ao abrir unha nova lapela aparecerán as páxinas máis visitadas para axilizar o noso uso do navegador.

Firefox 13 tamén incorpora o protocolo SPDY para cargar máis rápido as páxinas web que soporten tal tecnoloxía, fai que as lapelas en segundo plano non se carguen inicialmente para axilizar o inicio da aplicación e conta coa opción de desprazamento suave activada de xeito predeterminado.

Como vén a ser costume, a nova versión de Firefox tamén incorpora moitas melloras para os desenvolvedores, como a implementación de novas funcionalidades CSS ou unha importante renovación das ferramentas para desenvolvedores (para a inspección de páxinas, o editor de estilos e outros apartados).

Fonte: Codigocero

Dispoñible para a súa descarga o Firefox 12 en galego

Co ritmo frenético ao que xa nos teñen afeitos dende Mozilla, xa están dispoñibles para a súa descarga as versións en galego do navegador web Firefox 12 para Windows, Mac OS X e LInux, que incorpora novidades como unha actualización máis doada na súa versión para Windows (fai unha pregunta menos), a visualización de código fonte das páxinas web amosa agora o número de liña, permítese o salto de liña no atributo de título, mellórase a función de busca dentro das páxinas, os enderezos web pegados no xestor de descargas iniciarán a súa descarga de xeito automático, solucionáronse problemas de rendemento de WebGL na versión de Mac OS X e incluíronse varias novidades de cara aos desenvolvedores.

Fonte: Codigocero