Entradas

Baía Edicións presenta ‘O falar das fadas. Lingua, música e toponimia da Galiza’ na libraría Brañas

Baía Edicións convidan ao lanzamento do libro O falar das fadas Lingua, música e toponimia da Galiza, de Xosé Manuel Sánchez Rei, que terá lugar na Libraría Brañas (Rúa Doctor Fleming, 43 – Carballo) na próxima terceira feira, 7 de marzo ás 20:00 horas.

Intervirán, para alén do autor, Xosé Cotelo, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Belén López Vázquez.

A Asociación Veciñal da Agra do Orzán e Baía Edicións presenta ‘O falar das fadas. Lingua, música e toponimia da Galiza’

A Asociación Veciñal da Agra do Orzán e Baía Edicións convidan ao lanzamento do libro O falar das fadas Lingua, música e toponimia da Galiza, de Xosé Manuel Sánchez Rei, que terá lugar nos locais da Asociación (Rúa Entrepenas, 38 soto, A Coruña) na próxima quinta feira, 26 de febreiro ás 20:00 horas.

Intervirán, para alén do autor, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Belén López Vázquez.

Ao remate do acto, actuación musical de Ricardo, Noa e Sonia Seixo.

‘A poesía oculta de Filgueira Valverde’ na A.C. Alexandre Bóveda

O próximo 1 de outubro presentaremos a obra de Xose Ramón Freixeiro, onde amosa os resultados da súa investigación sobre a obra do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas e desvela a autoría de 2 poemas en A poesía oculta de Filgueira Valverde.

De seguro dará para o debate, estades todas e todos convidadas; será ás 20:00 h. na Asociación Cultural Alexandre Bóveda. Contaremos coa presenza de Xosé Manuel Sánchez Rei e Xosé Ramón Freixeiro Mato.

PRESENTACIÓN dos libros MODELOS DE LINGUA E COMPROMISO e A POESÍA OCULTA DE FILGUEIRA VALVERDE

Baía Edicións presenta os libros, Modelos de lingua e compromiso, de Xosé Manuel Sánchez Rei (editor) e A poesía oculta de Filgueira Valverde, de Xosé Ramón Freixeiro Mato, na Carpa de Presentación da Feira do Libro de Santiago, o martes día 5 de maio ás 19:00 horas, en que intervirán, ademais de Xosé Ramón Freixeiro Mato, membros do Grupo de Investigación da UDC.

MODELOS DE LINGUA E COMPROMISO é unha reflexión sobre a necesaria vinculación entre calidade do noso idioma e a súa recuperación.

A publicación, coordinada por Xosé Manuel Sánchez Rei, dá acubillo a traballos realizados polas profesoras e polos profesores da Facultade de Filoloxía da UDC  Goretti Sanmartín Rei, Laura Tato Fontaíña, Manuel Ferreiro, Xosé Ramón Freixeiro Mato e o propio Xosé Manuel Sánchez Rei, integrantes, asemade, do Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega da UDC (http://www.illa.udc.es).

O estudo participa no debate vixente sobre o modelo lingüístico que se debe promover ou sobre se realmente ten sentido falarmos dunha «lingua de calidade», profundando na necesaria confluencia entre o compromiso real co idioma desde as institucións públicas coa proxección dunha referencia exemplar digna de calidade para o galego.

Por iso, o propio título deste volume colectivo, Modelos de lingua e compromiso, sintetiza con acerto unha das ideas xerais contidas e matizadas en cada un dos traballos desde prismas diferentes, cal é o estreito vínculo entre a implicación coa normalización do galego en todos os ámbitos de uso e a predilección por un modelo lingüístico capaz de o estilizar e de o dignificar; dificilmente se pode pensar nunha restauración social da lingua cando o que se pretende restaurar está fortemente erosionado polo español, cando se confunde autenticidade idiomática soamente con variedades coloquiais ou cando se parece tolerar con certa normalidade, mesmo en ámbitos académicos, inquietantes doses de hibridación con aquela lingua.

Para desenvolver estes puntos de partida, preséntase unha organización das cinco contribucións que avanza do máis xenérico a cuestións máis concretas:

  • “Lingua oral, calidade da lingua e futuro do galego”, de Xosé Ramón Freixeiro Mato.
  • “A preocupación por unha lingua oral de calidade: aproximación histórica ao caso do galego nos anos finais do século XIX e nos inicios do XX”, de Xosé Manuel Sánchez Rei.
  • “Arredor da calidade da lingua no teatro da primeira metade do século XX”, de  Laura Tato Fontaíña.
  • “Eduardo Pondal á procura do verbo sublimado. Arredor das re-escrituras pondalianas”, de Manuel Ferreiro.
  • “A estética da seguranza. Lingua e transcendencia en Rosalía”, de Goretti Sanmartín Rei.

Venta do libro electrónico AQUÍ.

A POESÍA OCULTA DE FILGUEIRA VALVERDE

As páxinas do libro deben ser vistas como un contributo ao mellor coñecemento da nosa historia cultural, literaria e mesmo lingüística, ben como unha tentativa de esclarecer un problema autorial a respecto duns textos concretos, e de ningún modo como un ataque a ninguén nin como un posicionamento persoal a respecto de que autora ou autor é máis merecente do recoñecemento social. Loxicamente, non podo obviar que estamos no ano en que Filgueira Valverde é a figura a quen a Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas e que arredor deste feito se ten xerado algunha polémica na sociedade. Por iso mesmo, a responsabilidade das persoas dedicadas á investigación é tentarmos esclarecer a verdade relativa á vida e á obra das autoras e autores a quen se consagra ese día, para que a sociedade poida ter elementos suficientes para as mellor coñecer e valorizar.

Venda do libro electrónico AQUÍ.