Artigos

GalegoLab celebra o 17 de maio con concursos en liña e mensaxes na nosa lingua para o mundo

GalegoLab, a plataforma para o deseño e lanzamento colectivo de iniciativas de promoción do galego onde por desgraza xa non se le nin se escoita falar, rebule estes días de actividade arredor dunha festa que lle toca de cheo: o Día das Letras Galegas. Quen queira achegarse a galegolab.org verá, polo tanto, un bo número de propostas que lle poderán acaer mellor ou peor, pero que teñen en común a promoción da lingua e dun xeito máis específico a da 50ª convocatoria da festividade. Por exemplo: a posta en marcha dun concurso organizado en colaboración coa rede social latri.ca para fortalecer dúas cousas fundamentais: o uso do galego nas redes 2.0 e o coñecemento arredor dos nosos autores homenaxeados.

O certame en liña mantense activo até o día 17, incluído, e require que publiquemos no noso perfil de latri.ca unha cita de autores e autoras conmemorados/as. A primeira persoa que acerte a quen pertence cada cita levará como premio un libro de Rinoceronte Editora. Para participar, como dixemos, só temos que rexistrarnos en latri.ca/signup.

Asemade, están e marcha o proxecto Lectura global en YouTube, aberto á comunidade internauta galega por enteiro. Consiste na achega dunha peza audiovisual de gravación propia na que recitaremos un poema, o extracto dunha obra dalgún dos nosos escritores festexados nas Letras Galegas. Por certo que na canle de GalegoLab en YouTube xa se poden ir vendo algunhas das pezas presentadas.

A maiores, GalegoLab quere celebrar a festa do 17 retomando unha proposta que xa nos chamou a atención o ano pasado: Agasallo sincronizado para o mundo. Do que se trata é de darlle unha reviravolta á iniciativa logo do éxito da primeira xeira, a de 2011, sendo a idea básica a de facer cada quen unha versión musical do tema Ti es dos meus. Todas as achegas persoais recibidas penduraranse na canle de YouTube do proxecto Agasallo para o mundo. O obxectivo: que o día das Letras Galegas felicitemos a nosa lingua coa versión que máis nos guste, facendo así que se escoite galego no meirande número de recantos do mundo.

Fonte: Codigocero