Artigos

A principal galería de Galicia bota o peche por problemas económicos

A crise económica comeza a cobrarse as súas primeiras vítimas no mundo da arte. A galería compostelá SCQ, cunha traxectoria de 15 anos na que se converteu nunha referencia imprescindible para poder ver en Galicia a obra de destacados artistas internacionais, vese abocada ao peche por problemas para financiarse. O seu responsable, Adolfo Sobrino, confirma que tiveron que suspender a programación prevista de aquí a fin de ano e que “salvo un milagre” terán que botar o peche definitivo a principios de 2013.

“Tiñamos que afrontar pagos por valor de 200.000 euros para poder estar presentes en distintas feiras de arte o ano próximo e non estamos en condicións de facelo. Ademais, tivemos que renunciar a traer a algún artista importante. Nestas condicións é imposible seguir”, explica Sobrino.

A galería abriu as súas portas en 1997. Durante seis anos ata contou con outra sede en Vigo aínda que este espazo pechouse en 2005. Tras a apertura da súa nova sede no Ensanche de Santiago fai uns anos acentuou a súa aposta internacional. Entre os artistas aos que representa SCQ atópanse os portugueses José Pedro Croft e Rui Chafes, o brasileiro Irán do Espírito Santo, e os galegos Manuel Eirís e Jorge Barbi. Ademais, dous dos nosos artistas máis destacados, Antón Lamazares e Francisco Leiro, tamén expuñan ocasionalmente en SCQ.

Sobrino sinala que nos últimos tempos apenas puideron realizar vendas e que cada vez se atopan con máis dificultades para obter ingresos, dadas as dificultades económicas que tamén afectan a moitos coleccionistas de arte, tanto particulares como empresas. Por exemplo, a galería contaba entre os seus clientes a varias entidades financeiras que deixaron de comprarlles nos últimos tempos. SCQ está intentando organizar unha exposición con obras dos seus artistas para as próximas semanas que, probablemente, será a última.

A desaparición de axudas públicas, como as que mantiña o Igape para apoiar ás galerías que acudían ás feiras de arte, tampouco axudou a facilitar a continuidade do proxecto de SCQ. A galería adoitaba participar en diversas feiras que se celebran dentro e fóra de España. O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), que contribúe a financiar ás galerías a través da compra de obras, non lles comprou pezas nos últimos tempos.

O crítico e comisario David Barro considera que o peche de SCQ é a “peor noticia” para a arte galega xa que era un proxecto que conseguira significarse como proposta de calidade incluso fora de España. “A súa programación última superou ás dos principais museos e institucións. Me entristece o peche de calquera galería pero neste caso perdemos moito máis: a sensación de que as cousas ben feitas non atopan suficiente apoio no noso contexto. Como case sempre, a utopía de deixar de ser periferia se desmorona”, indica Barro, quen considera que o momento é “especialmente fráxil” para a arte e poden chegar máis peches.

Inés Ramiro, responsable da galería viguesa Ad hoc, lamenta “profundamente” o peche e advirte que a situación económica está levando a outras galerías a desprazarse a Madrid. “O peche dunha galería afecta a moita xente que traballa ao redor”, concluíu.

Fonte: El País