Entradas

Mounqup gaña o premio Fran Pérez Narf

MounQup, o proxecto da cantante francesa Camille Hédouin con bases electrónicas e voces, resultou gañador do IX Certame Musical Fran Pérez “Narf”. A banda Igmig levou o segundo premio, Pardo o terceiro, Cintaadhesiva o cuarto e Samarúas o quinto premio.

Despois dos concertos ao vivo dos cinco grupos finalistas na Sala Malatesta de Santiago de Compostela, un xurado composto por MJ Pérez, Uxía, Aída Saco, Sergio Tannus e Ánxela Baltar -do grupo Bala, gañador da anterior edición- e presidido pola vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, decidiu conceder o primeiro premio do IX Certame Musical Fran Pérez Narf ao proxecto MounQup da cantante francesa Camille Hédouin, domiciliada nunha aldea de Ourense dende 2011. Despois de proxectos musicais moi diversos de folk, jazz, metal, lírico, electrónico, MounQup xurdiu en 2012 como “unha necesidade na soidade do bosque”. Coas influencias de The Knife, Animal Collective, Björk, ou CocoRosie, MounQup ofrece un universo musical onde as bases electrónicas mistúranse sutilmente con multitudes de voces, a veces anxélicas, a veces contundentes e potentes. O seu primeiro disco “Proba de Son” naceu co selo ourensán Molho.

Fonte: Deputación da Coruña

A Facultade de Ciencias da Coruña estrea o seu Muíño da Lingua

A praza situada no medio da Facultade de Ciencias e as escolas de (UDC) Aparelladores y Arquitectura da Universidade da Coruña acaba de estrear o seu Muíño da Lingua, unha iniciativa que pretende fomentar a promoción da lingua galega e cuxa idea foi a gañadora do premio Luísa Villalta que organiza o Servizo de Normalización Lingüística da UDC.

Camilo Blanco, estudante de Arquitectura e autor da proposta, explicou que «neste mundo actual no que todo ocurre a través de Internet, quería reter un espazo físico que formara parte do mobiliario urbano para a comunicación e o intercambio de ideas entre alumnos, membros da comunidade universitaria e mesmo entre veciños».

O Muíño da Lingua é unha estrutura redonda dotada de oito pequenas caixas nas que todo aquel que queira pode intercambiar libros, discos, ideas, suxestións e todo o que lle ocorra para fomentar o uso da lingua galega.

Segundo explicou Goretti Sanmartín, directora do Servizo de Normalización Lingüística, a intención da UDC é trasladar este proxecto a outros campus, aínda que primeiro analizarán como funciona este, que se instalou precisamente na Zapateira porque é un campus eminentemente de ciencias, «e onde se usa pouco o galego».

Fonte: La Voz de Galicia