Entradas

En abril preséntase ‘As aventuras de Gale’, espectáculo de monicreques baseado no libro HISTORIA DA LINGUA GALEGA

A compañía de Títeres A Xanela do Maxín presenta o próximo 8 de abril o seu espectáculo de monicreques AS AVENTURAS DE GALE, baseada na Historia da Lingua Galega. Do latín ao acento de Burgos, de Pepe Carreiro. Presentación o día 8 de abril en dúas sesións: 12:30h. e 18:30h.

Gale conducirá ás nenas e nenos a través da súa historia e traeraos ao presente mostrándolles a situación na que se atopa e a maneira na que poden axudarlle a repartir ese gran tesouro que protexe con tanto con mimo: palabras, expresións, dicires e unha maneira única de ser e de descubrir o mundo.

Unha historia chea de aventuras e desventuras que nos axudarán a comprender as circunstancias que rodean a Gale no día de hoxe, pero tamén a gran riqueza que supón contar con música, poemas, libros e canta cultura se creou e creará en galego.

Nalgúns momentos Gale estivo moi enfermiña, case apagada, como pode ser nos Séculos Escuros, mentres que noutras etapas reluciu de esplendor. Actualmente non está no seu mellor momento e por iso mesmo precisa da nosa axuda.

Dirección, actriz e titiriteira: Celtia Figueiras

Guitarra e violín: Carlos G. Fandiño

Acordeón, frautas e voz: Sonsoles Penadique

Iluminación: Fernando Martínez de Vega

Espazo sonoro: Luis Vallecillo

Texto: Pepe Carreiro, Celtia Figueiras e Séchu Sende

Baseada en: Historia da Lingua Galega. Do latín ao acento de Burgos