Entradas

A principal galería de Galicia bota o peche por problemas económicos

A crise económica comeza a cobrarse as súas primeiras vítimas no mundo da arte. A galería compostelá SCQ, cunha traxectoria de 15 anos na que se converteu nunha referencia imprescindible para poder ver en Galicia a obra de destacados artistas internacionais, vese abocada ao peche por problemas para financiarse. O seu responsable, Adolfo Sobrino, confirma que tiveron que suspender a programación prevista de aquí a fin de ano e que “salvo un milagre” terán que botar o peche definitivo a principios de 2013.

“Tiñamos que afrontar pagos por valor de 200.000 euros para poder estar presentes en distintas feiras de arte o ano próximo e non estamos en condicións de facelo. Ademais, tivemos que renunciar a traer a algún artista importante. Nestas condicións é imposible seguir”, explica Sobrino.

A galería abriu as súas portas en 1997. Durante seis anos ata contou con outra sede en Vigo aínda que este espazo pechouse en 2005. Tras a apertura da súa nova sede no Ensanche de Santiago fai uns anos acentuou a súa aposta internacional. Entre os artistas aos que representa SCQ atópanse os portugueses José Pedro Croft e Rui Chafes, o brasileiro Irán do Espírito Santo, e os galegos Manuel Eirís e Jorge Barbi. Ademais, dous dos nosos artistas máis destacados, Antón Lamazares e Francisco Leiro, tamén expuñan ocasionalmente en SCQ.

Sobrino sinala que nos últimos tempos apenas puideron realizar vendas e que cada vez se atopan con máis dificultades para obter ingresos, dadas as dificultades económicas que tamén afectan a moitos coleccionistas de arte, tanto particulares como empresas. Por exemplo, a galería contaba entre os seus clientes a varias entidades financeiras que deixaron de comprarlles nos últimos tempos. SCQ está intentando organizar unha exposición con obras dos seus artistas para as próximas semanas que, probablemente, será a última.

A desaparición de axudas públicas, como as que mantiña o Igape para apoiar ás galerías que acudían ás feiras de arte, tampouco axudou a facilitar a continuidade do proxecto de SCQ. A galería adoitaba participar en diversas feiras que se celebran dentro e fóra de España. O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), que contribúe a financiar ás galerías a través da compra de obras, non lles comprou pezas nos últimos tempos.

O crítico e comisario David Barro considera que o peche de SCQ é a “peor noticia” para a arte galega xa que era un proxecto que conseguira significarse como proposta de calidade incluso fora de España. “A súa programación última superou ás dos principais museos e institucións. Me entristece o peche de calquera galería pero neste caso perdemos moito máis: a sensación de que as cousas ben feitas non atopan suficiente apoio no noso contexto. Como case sempre, a utopía de deixar de ser periferia se desmorona”, indica Barro, quen considera que o momento é “especialmente fráxil” para a arte e poden chegar máis peches.

Inés Ramiro, responsable da galería viguesa Ad hoc, lamenta “profundamente” o peche e advirte que a situación económica está levando a outras galerías a desprazarse a Madrid. “O peche dunha galería afecta a moita xente que traballa ao redor”, concluíu.

Fonte: El País

A paixón de María Soliña proxectarase en Sundance

Dous filmes galegos achéganse estes días a festivais foráneos. Por unha banda, a produción A paixón de María Soliña proxectarase entres os filmes preseleccionados para o prestixioso festival estadounidense de Sundance. Ademais, poderá verse no de Miami noutra ducia de certames en Europa e América, mentres prepara a súa estrea oficial en Lalía para o vindeiro 28 de setembro. Pola súa banda, o filme Arraianos, de Eloy Enciso, verá a luz no Festival de Sevilla, que se celebra entre o 2 e o 10 de outubro. A seguir, está prevista a súa presenza en eventos de Portugal, Austria, Arxentina e Alemaña, así como en Canadá, a participar nos festivais de Vancouver e Montreal.

Fonte: Culturagalega

Se queres saber máis sobre María Soliña, recomendamos: Tres mulleres galegas de armas tomar. Este libro é unha escolma das tres marías, máis antigas, precedentes de tantas e tantas mulleres loitadoras: María Castaña, María Soliña e María Balteira.

Prolingua pídelles aos partidos “repoñer o consenso e o marco legal” do galego tras o 21-O

“Recuperar os consensos sociais e políticos básicos” e “repoñer os marcos legais que se foron destruíndo nestes anos”. Son dúas das peticións que Prolingua lles lanza ás formacións políticas que se presentan ás eleccións do 21 de outubro. Os “azares do calendario” fixeron que a asemblea xeral deste colectivo en defensa do galego cadrase coa “elaboración dos programas electorais” das diferentes formacións. “Sabemos que neles van ter que reflexionar sobre as políticas públicas orientadas á defensa e promoción da lingua e da cultura de noso”. Por iso Prolingua decidiu remitirlles unha carta pública ás organizacións que se presentan a uns comicios que chegan tras unha lexislatura na que “vimos como se estragaban e deturpaban moitos dos avances que se foran acadando en anos anteriores”.

Para Prolingua o primeiro é tentar restituír “consensos básicos forxados arredor da lingua propia” que “o Goberno do presidente Núñez Feijóo esfarelou con teimosía”, din. “Asistimos ao baleirado de contido” da Lei de Normalización Lingüística” é á “utilización espuria de termos como liberdade ou imposición”, todo para “opoñerse e desprestixiar as políticas de igualdade que sinala o Estatuto” e a propia lei. As “mentiras” e “agresións continuadas contradín os datos da realidade” e nestes anos, lamentan, dende a Xunta creouse “unha situación social que favoreceu o retroceso e desprestixio da lingua”.

Así e todo non todo foi negativo nestes anos, na súa opinión. “Asistimos neste tempo ás máis grandes mobilizacións populares en defensa da lingua propia” e, tamén neste contexto electoral, coidan que “ignoralas indicaría unha actitude de desprezo cara ao pobo galego, que mostrou con claridade a súa vontade de rexeitar con contundencia as agresións que a lingua galega estaba a recibir”. Así as cousas Prolingua considera “imprescindible un cambio de políticas políticas a respecto da lingua”, cuns “contidos mínimos” que a asemblea xeral do colectivo sintetiza nun decálogo.

O deber dos cargos públicos de utilizar o galego “no exercicio do seu cargo” e facelo cun mínimo de corrección, substituír o denominado decreto do plurilingüismo por “outra normativa que dea reaposta ao mandato básico” da Lei de Normalización, que as axudas aos medios de comunicación estean “condicionadas a un incremento significativo no emprego da lingua propia” ou potenciar o uso do galego na industria e obrigue a que respecte a toponimia oficial son algúns dos puntos das reclamacións aprobadas.

Nova Cerna e constitución en asociación

Ademais da carta pública cara ao 21-O a asemblea de Prolingua, celebrada en Teo, serviu tamén para aprobar por unanimidade o informe económico e a candidatura da nova Cerna -directiva-, á que lle corresponderá, ademais de desenvolver as actividades ata a vindeira cita asemblear, en 2015, desenvolver os traballos para que o colectivo se constitúa en asociación. Manter o carácter apartidario de Prolingua e a unidade de acción con outros colectivos en defensa da lingua son algúns dos propósitos que saíron dunha asemblea na que tamén se apostou por adoptar unha estrutura comarcal ou lanzar unha liña de acción de promoción da lingua entre a xente moza.

Fonte: Praza