Entradas

Martes 6 agosto, 18:00 horas Presentación de Fadita fosca! na Feira do Libro da Coruña

Presentación de Fadita Fosca! na Feira do Libro da Coruña, con Miguel Vázquez Freire

Miguel Vázquez Freire e o  ilustrador betanceiro Xosé Tomás, quen  realizará tamén un taller de ilustración dirixido ao público infantil, acompañados da directora editorial de Baía Edicións, Belén López Vázquez, farán un achegamento crítico a esta obra incluída na colección infantil Mar de Letras.

O avoíño de Saleta ten unha teima. Acabar con todas as malditas moscas que enchen a casa cando chega a calor. Saleta decide axudalo. Pero cazar moscas non é cousa doada. E á avoíña o resultado non lle convence nada nadiña. Ai, esa fadita fosca!

Fadita fosca! pecha a triloxía de Miguel Vázquez Freire, comezada con María é maior (Colección Xiz de Cor) e continuada con Xurxiño quere ser… (Colección Mar de Letras), dedicada ás máis pequenas e aos máis pequenos da casa. Nela María, Xurxiño e Sabela, como auténticos protagonistas das historias, mostran a súa visión particular do mundo que os arrodea e dan coa solución máis intelixente aos problemas que se lles presentan a diario.

Os últimos comics do galego David Rubín asaltarán este ano o mercado italiano e francés

O último proxecto de cómic asinado por David Rubín, O Heroe 1 e O Heroe 2 están a piques de publicarse en varios países europeos. O tomo un editarase en Italia e Francia en setembro; mentres que o segundo volume tamén se lerá en italiano “nuns meses”, mentres continúan as negociacións para a súa venda a outros países máis.

A súa visión postmoderna, futurista, dos traballos de Hércules -Heracles- serviulle o pasado ano para converterse nun dos dez mellores comics españois do ano, atendendo ao listado ele xurado do Salón do Cómic de Barcelona, a cita de viñetas máis importante do Estado. O premio á mellor obra en español de 2011, con todo, recaeu nun amigo de Rubín, o galego José Domingo, que triunfou cosa súas rocambolescas Aventuras dun oficinista xaponés.

No entanto, o seu traballo, imaxinación e tesón para O Heroe 2 fixeron que o xurado nuevamente elixa esta segunda entrega para figurar no listado das dez mellores obras de viñetas españolas do ano 2012. “Recibo con moita ilusión esta nominación despois do traballo que me custou sacalo. É un recoñecemento figurar entre os mellores comics do ano”, aseguraba o autor.

A mediados de abril, coñecerá se o premio é para el ou para outro contrincante. O tamén galego Miguelanxo Prado concorre como finalista con Ardalén. Rubín sinala que a nominación de Prado “non me dá máis medo que a obra Vapor de Max. Poder competir con esta xente é un reto”.

Engade o mozo que creceu “moito como autor” co Heroe tras catro anos de traballo e 600 páxinas. “Nunca imaxinei que chegaría a sorprenderme a min mesmo como autor”, apunta mentres pensa no seu novo proxecto, Beowulf, unha novela gráfica de 180 páxinas onde debuxa e colorea o guion de Santiago García. A novela publicarase por Astiberri en Nadal, baseada nunha lenda nórdica.

Fonte: Faro de Vigo

Foto

Miguelanxo Prado e David Rubín, candidatos aos premios do XXXI Saló del Còmic de Barcelona

Só dous nomes galegos están entre os candidatos do XXXI Saló del Còmic de Barcelona. Miguelanxo Prado, con Ardalén e David Rubín, con segundo volume de El héroe, compiten con outras oito obras por obter o galardón á Mellor obra de autor español publicada en España en 2012. Non houbo candidatos galegos nas categorías de mellor fanzine nin de autor revelación. Logo das votacións dos profesionais do sector das que partiu esta selección, comeza agora a selección polo xurado. En paralelo, o vindeiro 5 de marzo abre o prazo para as votacións populares, polas que se escollerá a mellor obra publicada en España no pasado ano.

Fonte: Culturagalega

Foto

Calros Silvar realizará un obradoiro de debuxo da natureza sobre O CARBALLO na Galería Sargadelos

A Galería Sargadelos e Baía Edicións convidan a todo o público a participar no obradoiro de debuxo da natureza para público infantil, impartido por Calros Silvar, que nos presentará o libro O carballo. A aventura de vivir na Galería Sargadelos Ferrol (Rúa Rubalcava 30-32, esquina rúa María) o sábado día 22 de decembro, ás 12:00 horas.

Con esta obra, Baía Edicións pon en marcha unha nova colección (en formato grande e encadernación en capa dura) de divulgación de elementos singulares do noso medio natural, dirixida, fundamentalmente, a nenas e nenos de ensino primario, baixo o lema xenérico de A aventura de vivir.

Nesta primeira entrega, Calros Silvar, cun texto moi sinxelo e de fácil comprensión para as lectoras e os lectores aos que vai dirixido e mesmo cunha presentación do protagonista, humanizado ao modo dos contos clásicos e tradicionais dos animais falantes, como guía do seu ecosistema para os visitantes que acoden a coñecelo. Asemade, vai explicando quen son as árbores e, concretamente, os Quercus e as  diferenzas máis singulares entre as distintas especies,  como nacen, se desenvolven e como evolucionan durante o seu longo período de vida. Alerta tamén dos perigos que o axexan no presente e fai unha chamada para procurar a súa defensa como un piar básico da conservación da natureza. Finalmente, achegándose ao terreo cultural, explica os usos que as persoas fixeron deles e a importancia que en determinados aspectos tiveron para a evolución de moitos pobos e a súa pegada na cultura popular.

Convén salientar tamén e de forma moi especial o magnífico traballo de ilustración do seu autor, poñendo en evidencia o alto nivel da ilustración da natureza no noso país, onde Calros Silvar destaca por méritos propios.

O ilustrador Xosé Tomás fala da ilustración galega no congreso do IBBY de Londres

O ilustrador Xosé Tomás participa no congreso que o International Boards on Books for Young People (IBBY) celebra desde o xoves ata onte en Londres. O IBBY é un organismo que se ocupa da literatura infantil e xuvenil e que conta con seccións por países e linguas; a galega chámase Gálix.

Xosé Tomás representa nesta edición a Gálix como poñente, co patrocinio de Política Lingüística, e falará do proceso de trasvase que se da do texto á ilustración nos álbums infantís, ademais do feito de transportar unha cultura como a galega a través das imaxes para estes volumes. Xosé Tomás tamén amosará o panorama da ilustración infantil en Galicia, cos seus códigos e particularidades, xunto con reflexións sobre o poder de transmisión da imaxe. O autor participou nunha mesa redonda que estivo moderada pola tamén escritora galega Marilar Aleixandre.

Fonte: La Voz de Galicia

Calros Silvar imparte en Oleiros un obradoiro de Técnicas básicas de debuxo da natureza

Os días 14, 15 e 16 de xuño, Calros Silvar impartirá un Obradoiro de Técnicas básicas de debuxo da natureza no Castelo de Santa Cruz, Liáns, Oleiros. O 14 e 15 de xuño o horario será de 19.00 a 21.00 horas e o sábado 16 se realizán as prácticas de campo en horario de 10.00 a 14.00. As prazas son limitadas.

Os obxectivos que se pretenden son os seguintes:

  • Coñecer as técnicas básicas específicas do bosquexo de campo.
  • Capacitar aos asistentes para realizar apontamentos do natural.

 

Cartaz do Obradoiro Técnicas básicas de debuxo da natureza