Entradas

Inditex volve dispararar beneficios grazas ao mercado asiático

Inditex obtivo un beneficio neto de 944 millóns de euros no primeiro semestre do seu exercicio fiscal (dende o 1 de febreiro ata o 31 de xullo), o que supón un aumento do 32% respecto ao mesmo período do ano anterior, informou o grupo a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

A cifra de negocio do grupo galego situouse en 7.239 millóns de euros, o que supón un incremento do 17%, se ben esta porcentaxe se sitúa no 15% a tipos de cambio constantes. As vendas en superficie comparable do grupo rexistraron un aumento do 7%.

A área con maior crecemento foi Asia, que representa un 20% das vendas totais fronte ao 17% de hai un ano, ao tempo que América achegou o 14% das vendas, dous puntos máis que hai un ano.

España, pola súa banda, reduciu peso nas vendas do grupo, ao contribuír cun 22%, catro puntos menos que hai un ano, mentres que Europa (sen España) representou o 44% da facturación, fronte ao 45% dun ano antes.

O beneficio bruto de explotación (Ebitda) alcanzou os 1.621 millóns de euros, un 29% máis, mentres que o beneficio neto de explotación (Ebit) se situou en 1.238 millóns, un 35% superior ao dun ano antes. A marxe bruta incrementouse un 19%, ata 4.313 millóns de euros, o que supón o 59,6% sobre vendas.

Durante os seis primeiros meses do exercicio, Inditex abriu 166 tendas en 39 países, ata alcanzar os 5.693 establecementos en 85 mercados, repartidos polos cinco continentes. O grupo asegurou que continúa vendo oportunidades globais de crecemento en todas as áreas geofráficas onde desenvolve a súa actividade comercial.

INVESTIMENTO DE 450 MILLÓNS EN ESPAÑA

O grupo segue apostando pola inversión en España, con 450 millóns de euros destinados a actividades comerciais e loxísticas, base do crecemento internacional, e unha capacidade de xeración de 1.400 novos empregos directos.

Neste sentido, o presidente de Inditex, Pablo Isla, destacou ante a última xunta xeral de accionistas a “forte aposta investidora” do grupo, tanto de infraestruturas, que sustentan a proxección global das oito cadeas dende España, coma de crecemento xunto aos máis de 5.500 provedores no mercado español.

Esta política de investimentos en España concretouse en tres feitos concretos: a ampliación da sede central de Inditex en Arteixo, que incrementará en 70.000 metros cadrados a capacidade da área comercial de Zara e Zara Home, a construción do novo centro loxístico de Massimo Dutti en Tordera, e a adquisición dunha parcela de 300.000 metros cadrados en Guadalajara para a construción dun novo centro loxístico internacional.

Segundo a compañía galega, esta política de investimentos permitirá engadir máis de 200.000 metros cadrados de superficie comercial e loxística destinados a sustentar o crecemento internacional dende España.

O investimento ordinario este ano estímase, segundo o grupo, entorno a 1.000 millóns de euros. Adicionalmente, a adquisición dunha situación emblemática en 333 Oxford Stree/89 New Bond Street en Londres supuxo unha inversión extraordinaria de 192 millóns de euros no primeiro semestre do exercicio.

Por outro lado, a tenda en Internet de Zara comezou a súa actividade o 5 de setembro en China, as operacións da cal se suman así ás que xa leva a cabo en 18 países europeos, en Xapón e en Estados Unidos.

Así mesmo, Zara Home e Massimo Dutti comezarán a súa actividade de comercio electrónico en Estados Unidos a partir do próximo mes de outubro.

INICIO DO TERCEIRO TRIMESTRE

Respecto ao inicio do terceiro semestre, a compañía destacou que as vendas a tipos de cambio constante aumentaron un 17% no período dende o 1 de agosto ata o 17 de setembro.

Así mesmo, Inditex procedeu ao pagamento de 561 millóns de euros, 0,90 euros por acción, o pasado 2 de maio en concepto de dividendo ordinario a conta do exercicio 2011 e distribuirá 0,90 euros por título o 2 de novembro como dividendo ordinario complementario e extraordinario.

Os gastos operativos mantivéronse baixo “estrito control” durante o período, para finalizar crecendo un 14%, principalmente como resultado da nova superficie comercial aberta e os gastos variables vinculados ao crecemento de venda.

Por último, o grupo xerou 9.267 postos de traballo con respecto ao mesmo período do ano anterior, ata pechar o primeiro semestre de 2012 cun equipo de 112.468 empregados.

Fonte: Galicia Hoxe