Entradas

Celebramos hoxe o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

O 2 de abril celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, coincidindo coa data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, autor de historias tan populares como O soldado de chumbo, O Patito feo ou A sereíña.

O obxectivo desta data é promover bos libros infantís e xuvenís para nenas e mozas así como a súa lectura.

Con motivo do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil realízanse actividades de animación á lectura en bibliotecas públicas e escolas. Pero todas as familias nos nosos fogares podemos fomentar o hábito de ler en nenos, gozar dunha historia coas máis pequenas e incluso dar exemplo, non só este día, senón todos os días, facendo ver aos nosos fillos o pracer dunha boa lectura.

En Baía Edicións atoparás o que precisas! Libros sobre natureza, de investigación, emocións, clásicos, a nosa historia, animais, igualdade…   PREME AQUÍ

Antonio García Teijeiro, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2017

Antonio García Teijeiro obtivo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil na súa edición 2017 pola súa obra «Poemar ou mar».

O Xurado decidiu premiar ao autor e a súa obra «por ser un libro cargado de emoción, cunha brillante elección léxica, onde o mar é o gran protagonista, poboado de criaturas que transitan por orixinais e suxerentes composicións poéticas».

O galardón concédeo o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para distinguir unha obra de autor español, escrita en calquera das linguas oficiais do Estado e editada en España durante o pasado ano 2016. A dotación económica do premio é de 20.000 euros.

Fonte: ABC

Héctor Cajaraville recibirá no Culturgal o Premio Meiga Moira 2016

Baía Edicións fará entrega do 7.º PREMIO MEIGA MOIRA de literatura infantil e xuvenil o próximo día 3 de decembro ás 11:30 h. na Culturgal Feira das Industrias Culturais. O premio será entregado a HÉCTOR CAJARAVILLE pola súa obra DENÉBOLA, A ROXA. Contaremos coa presenza de Andrea Maceiras, en representación do Xurado, e Belén López, Directora Editorial de Baía Edicións.

O Xurado, formado polas escritoras Andrea Maceiras (gañadora dos 4.º Premio (2010) e 6.º Premio (2014) coa obras Violeta tamurana e Miña querida Sherezade, respectivamente) e Conchi Regueiro, María Dores Fernández López,  profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galega na Coruña, a tamén escritora Marica Campo, que actuou de Presidenta, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria, reunido o martes  día 11 de outubro de 2016 resolveu conceder por unanimidade o 7.º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil á obra presentada baixo o lema “Briolanxa”.

Abertas as plicas, a mesma resultou corresponder a presentada polo escritor compostelán Héctor Cajaraville Araujo, que leva como título Denébola a Roxa e proposta para lectoras e lectores a partir de 12 anos.

O Xurado manifestou, entre outros aspectos, o seguinte:

«Denébola a Roxa é unha novela de aventuras de estrutura áxil e dinámica, ambientada no século XVII que relata o desafío dunha muller afouta nun mundo de homes.

A protagonista, Denébola, que comparte nome coa estrela máis brillante da constelación de Leo, loitará pola procura dun destino máis luminoso que o que seu pai elixiu para ela.

Marcada desde o nacemento pola superstición asociada á súa cabeleira roxa, tentará rexerse polos seus propios principios e tomar as rédeas da súa propia vida».

A obra será publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira antes de finalizar o ano e a autora recibirá 2.500 euros, cantidade coa que está dotado o Premio.

Noutra orde de cousas, o Xurado valorou a alta calidade das obras presentadas, das que catorce alcanzaron a selección final, o que evidencia máis unha vez o extraordinario momento que vive a literatura en galego dirixida ao público infantil e o importante xermolo de escritoras e escritores que está dando o país para seguir facendo avanzar o galego como idioma literario e de uso vehicular entre as nosas nenas e nenos.

Comentario do libro:

O 15 de marzo de 1600, o mesmo día en que fai quince anos, Denébola recibe a noticia de que o seu pai decidiu enviala como noviza a un convento de clausura. Pero a moza, que comparte nome cunha das estrelas máis brillantes da constelación de Leo, loitará por un futuro máis luminoso ca este que o seu pai, o poderoso señor de Mourentán, elixiu para ela.

Marcada pola superstición asociada á súa cabeleira roxa, buscará o modo de rexerse polos seus propios principios e tomar as rédeas do seu destino. Na súa viaxe á procura da liberdade acabará chegando a América, un Novo Mundo no que todo está por facer e onde é posible converter en realidade o soño de trazar o seu camiño na vida.

Denébola a Roxa é unha novela de aventuras de estrutura áxil e dinámica, que relata o desafío dunha muller brava nun mundo de homes. Un exemplo de como a afouteza e a perseveranza conseguen derrubar todas as barreiras.

PuntoGAL, Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra e Festival de Cans optan ao Premio do Público Culturgal

Culturgal bota a andar nesta nova edición un premio que se outorgará a unha iniciativa novidosa que se escollerá por votación popular entre tres candidaturas que a organización escolle. A Asociación PuntoGAl, o Festival de Cine de Cans e o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra son, nesta primeira edición as tres candidaturas propostas pola organización para optar á primeira edición do Premio do Público Culturgal.

A votación comezou o venres día 25 de outubro e prolongarase até o 15 de novembro, periodo no que se poderá optar entre estas tres iniciativas seleccionadas pola Asociación Culturgal de entre as propostas polos diferentes gremios de industrias culturais que toman parte na súa directiva. A votación está aberta na páxina de Culturgal e a única limitación é que só admitirá un voto por IP. O premio entregarase nun acto público na propia feira o domingo día 1 de decembro.

Para a escolla das distintas iniciativas, a directiva optou por valorar o carácter novidoso e a súa proxección de futuro, a condición transversal e que fomenten a implicación social. Os votos recibidos na páxina de Culturgal serán os que decidan a iniciativa gañadora desta primeira edición do premio.

Desde a organización de Culturgal destacan da Asociación PuntoGal o seu traballo de cara a “consecución dun dominio propio” que recibiu a aceptación do ICANN no pasado mes de xuño. En canto ao Festival de Cans, que chegará no 2014 a súa décima edición, valoran o se tratar dun festival transversal “que apoia o asociacionismo a través da implicación de todos e que logra cada ano reunir milleiros de persoas combinando cine, concertos, desfiles de chimpíns, pasarrúas, coloquios e moita festa”. Con respecto ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil promovido polo Concello de Pontevedra, que se celebra no Pazo da Cultura, o mesmo recinto que o Culturgal desde o 1999, destacan que “mantén unha identidade vinculada ao libro. En todos os formatos, sen límite á imaxinación, pero sempre o libro.”

Fonte: Sermos Galiza